domingo, 17 de julio de 2011

EGAS MONIZ: uma biografía. Joâo Lobo Antunes. Gradiva. 2010.


                                   Os vicios dos homes quedan gravados en bronce;
                                    as súas virtudes, escríbense na auga
                                                         Enrique VIII.
                                                    W. Shakespeare

        
En 1950 o embaixador de Suecia entrega en Lisboa o Nobel de medicina do ano 1949 a Egas Moniz que non puido viaxar até Estocolmo pola súa precaria saúde. Egas fixera dúas contribucións ás neurociencias do seu tempo: a arteriografía e a leucotomía, dous métodos, diagnóstico o primeiro, “terapéutico” o segundo, que correrían no porvir sortes moi diferentes.
            Joâo Lobo Antunes, neurocirurxián, irmán do psiquiatra e escritor Antonio Lobo Antunes e escritor el mesmo (foi Premio Pessoa en 1996), escribe esta biografía para levar as cousas ao rego: Egas não era um santo: a sua ambição era avassaladora e a sua vaidade, que en vao procurou ocultar atrás de uma falsa modêstia, quase pueril, era inmensa... Lobo Antunes admira e moito a Egas, mais como biógrafo non fuxe de algunhas das facianas obscuras da súa vida. En 1911, por exemplo, un  decreto de Julio de Matos[1]  permite a calquera persoa pedir o internamento de outra nun manicomio para o que era preciso un informe de dous médicos e un parecer do propio Matos. Egas e Sobral Cid[2] foron os responsables do parecer infame que declarou Maria Adelaide Coelho da Cunha, filha do fundador do Diario de Noticias que fugira com o motorista da casa, ·degenerada hereditaria o que a desposuía do dereito a gobernar a súa propia vida e a dispoñer dos seus bens, Os tres, di Antunes, foron ben pagados pelo marido Alfredo da Cunha[3].
  Son eivas como estas as que “humanizan” a Moniz mais non rebaixan para Antunes a súa grandeza científica. Egas Moniz, di, mereceu dois premios Novel, un pola arteriografía; outro, o que levou realmente, pola leucotomía, aínda que foi esta unha técnica que dende a súa invención foi, e aínda é, atacada dende moi diversos frontes: uma heresía filosófica de grande significado para o nosso problema, escribía Barahona Fernandes en 1964[4]. Para Antunes  eses ataques foron e son inxustos:

É muito fácil criticarem-se tantas coisas até porque é uma característica do discurso ético contemporâneo perder-se completamente a perspectiva histórica. Estar a criticar a Egas Moniz pelo que fez há cincuenta anos baseado em conceitos e em códigos que foran incorporados no raciocinio ético contemporâneo, é um disparate... [5].

Ninguén mellor situado que João Lobo Antunes para escribir esta biografía. O seu tío avó, Almeida Lima foi a man dereita de Egas e o neurocirurxián que fixo todas as intervencións e espallou o método polo mundo adiante aínda que non tivese o recoñecemento que sen dúbida mereceu. O seu pai foi axudante de Egas e conservou un feixe de cartas que foron de moito proveito para o traballo biográfico. Fernando Gil, un filósofo amigo que faleceu hai poucos anos, inxusta e insolitamente case descoñecido en España, (i en Galicia o que é máis grave)[6] retouno a que escribira un libro “enteiro” e non como fixera até entón, ensaios escollidos de temas diversos[7]. Esta biografía é ese libro que “esixía” Fernando Gil.        
       A vida de Antonio Caetano de Abreu Freire Egas Moniz (1874-1955) nacido en Avanca, concello de Estarreja, perto de Aveiro, ten moitos capítulos e non moi acaídos coas biografías tradicionais ou máis ou menos tradicionais dos investigadores científicos. Naceu na “Casa do Marinheiro” nunha familia fidalga rural que tiña como devanceiro ilustre ao Egas Moniz que loitou en tempos afastados a prol de Afonso Henriques (1109-1185) e contra a súa nai Tereixa e os condes galegos que a apoiaban, nas guerras que levaron á independencia de Portugal[8]. Egas foi “cedido” ao seu tío Caetano, un crego da parroquia veciña de Pardilhó, que se fixo cargo dos seus estudos nos que Egas sempre foi un alumno brillante tanto no colexio dos xesuítas de san Fiel como nos estudos preparatorios e os de medicina e doutorado que fixo despois na Universidade de  Coimbra . A nenez non foi feliz, escribe Antunes. As relacións co seu pai tampouco foron moi achegadas, pai que ademais abandonou a familia e marchou para Mozambique deixando a casa nas mans dos prestamistas aínda que foi recuperada polo seu tío e titor e moitos anos despois, restaurada por Egas. Hoxe acolle o museo e o arquivo Egas Moniz.
 Ninguén dos parentes próximos viveu para assitir aos seus triunfos na profissâo, na academia ou na política. A súa irmá morreu de nova atinxida pola tuberculose; o seu irmán no mato de Mozambique cando cazaba leóns e alí foi soterrado; o seu pai, nai e o tío titor, faleceron denantes de ver a Egas nos seus días de maior gloria e tampouco tivo fillos coa súa muller, Elvira de Macedo coa que casa en 1901. Por se non abondara, desde os 24 anos padeceu reiterados ataques dunha forma de gota grave que o foi incapacitando, polos tofos que abranguían mans, pes e orellas, para o traballo cirúrxico.
   En Coimbra non todo foi estudo para Egas. Pasa as noites en guitarradas e xogos de cartas das que sempre gustou chegando a publicar un libro sobre a materia.  Mesmo chega a visitar Santiago de Compostela coa Tuna Académica de Coimbra da que era presidente onde se namora dunha rapariga e onde di Antunes,  os estudantes de Compostela compuseran un folheto em galego curiosíssimo. Non sei cal é o folleto ao que se refire Antunes mais a lectura do xornal  O Eco de Santiago dos días 18-24 de febreiro de 1898 está cheo de noticias da Tuna de Coimbra, de poemas, de discursos, de visitas, de homenaxes. Aquela non foi unha viaxe máis. Os tunos que chegan no tren “ascendente” dende Pontevedra son agardados en Cornes e traslados a Santiago, recibidos polas autoridades do Concello, polo Liceo Mercantil, percorren as rúas coas xanelas cheas de cintas e bandeiras de España e Portugal, os xornais dan os nomes do Presidente (Egas) dos pandereteiros, violistas, pianista, violinistas, óboe etc. que veñen coa Tuna. Egas pronuncia varios discursos, lembra a Inés de Castro, o destino común dos dous pobos, a Cajal, cita a Gutemberg, Van Dick, hai bailes e teatro, sen que os de Coimbra teñan tempo para facer un pouso entre agasallos e aplausos. Alfredo Brañas publica un poema en castelán A la Tuna de Coímbra e Galo Salinas outro reintegracionista (en galego) no que pide que o Portugal se veña aos nosos eidos / ou vaia aos vosos a exemplar Galiza. Non sei se será este poema ou folleto o que abraiou a Antunes pero xa daquela para algúns galegos e portugueses a unión de Galiza e Portugal non era unha idea estraña como se pode ler en Os Maias de Eça de Queiroz na rifa entre Ega e Alencar[9]. A Tuna de Coimbra fora fundada en 1888 despois dunha visita a Coimbra da Estudiantina de Santiago de Compostela polo que a visita dos de Coimbra a Compostela era obrigada [10]. En 1906 a Tuna de Compostela devolverá de novo a visita e entre os estudantes que alá foron, está un Castelao novo, caricato e primeira corda da Tuna[11], que no terceiro libro de  Sempre en Galiza contará o que foi para el ese descubrimento de Portugal. Non hai datos de que Castelao coñecera Egas nesta viaxe aínda que todo puido ser.
En 1900 Egas é xa médico; en 1901 Doutor en Medicina cunha tese arriscada para a época: A Vida Sexual I: Fisioloxía; un ano máis tarde oposita a “lente” (profesor) da Faculdade de Medicina de Coimbra escollendo como tese A Vida Sexual II: Patoloxía. Non acada máis co grao de substituto, ferida que non esquecerá e que o afastará de Coimbra. Publica as dúas teses nun libro e de xeito non agardado ve como se espalla a súa sona de sexólogo e como o libro vende 29.000 exemplares e chega as 15 edicións. No limiar da 10ª edición, Egas fai unha ampla referencia a Freud e a Psicanálise.  Egas vai pouco pola Faculdade. Viaxa a Francia de xeito case continuo onde aprende e traballa con Babinsky, co que fai unha boa amizade e co que partilla intereses non neurolóxicos como a gastronomía ou a parapsicoloxía, con Dejerine , con Régis, con Pierre Marie... Son  tempos tamén de intensa actividade política como deputado liberal, como conspirador contra a Monarquía, e eses tempos políticos de  Egas non foron calmos. No mes de febreiro do ano 1908, son asasinados na Praça do Comercio o rei Carlos e o seu fillo e herdeiro Luis Felipe[12].O infante Manuel foi entón coroado rei mais o seu reinado foi efémero e foi derrocado pola revolución do 1910 que trouxo a 1ª República. O rei marchou para o exilio en Inglaterra e non volveu a Portugal. A 1ª República con Teófilo Braga como primeiro presidente, expulsa os xesuítas, lexisla sobre o divorcio, crea as universidades de Lisboa e Porto, cambia as cores da bandeira, pero non é quen de estabilizar o país. Nos anos que durou a República, de 1910-1926, se suceden nove presidentes e 46 gobernos, revoltas, conspiracións, o asasinato de presidente Sidonio Pais, a participación na 1ª Guerra Mundial, até que en 1926 golpe militar impón unha  ditadura que vai dar paso ao Estado Novo baixo os gobernos de Oliveira Salazar. O que ven despois e historia coñecida. Nos vinte anos que participou en política, foi deputado liberal en varias lexislaturas, conspirador contra a Monarquía, embaixador de Portugal en Madrid nos anos 1917-18, delegado de Portugal, (que participara na 1ª Guerra Mundial contra Alemaña), nas negociacións do Tratado de Versalles. En Versalles Egas lembra os máis de 35.000 soldados portugueses mortos na guerra, os 60.000 enviados a Europa, os 40.000 que defenderon Mozambique e Angola e procura unha xusta reparación de guerra para o seu país[13].
Egas foi deputado xa dende os tempos de estudante en Coimbra sen que se saiba moi ben como chegou a ese posto e por cousas e leas políticas tivo algúns “duelos” por honor a espada francesa e participou como testemuña noutros, o derradeiro aínda nos anos 20 do século XX. Foi unha longa actividade política a que tivo e da que nunca se arrepentiu pero que demorou a súa entrada na investigación médica que comeza cando xa ten 51 anos. Antunes salienta o papel sobranceiro dos médicos na política portuguesa de onte e de hoxe. Se nos tempos da monarquía eran os avogados os máis representados no goberno e no parlamento, a Primeira República semellaba unha república dirixida por médicos na que os psiquiatras tiñan un papel sobranceiro costume ou tradición que seica  non estiñou[14]. Aínda hoxe eran  médicos dous dos candidatos a Presidencia da República nas últimas eleccións ganadas por Cavaco Silva e o mesmo Joâo Lobo Antunes ocupa un alto cargo no Conselho Nacional. Tampouco foron poucos os médicos que nesta beira do río foron importantes na política e na cultura galega: García Sabell, Rof Carballo, Luis Pimentel, Castelao, Leiras Pulpeiro no galeguismo, e moitos máis no republicanismo que David Simón foi recollendo no seu excelente libro sobre os médicos represaliados na guerra civil e posguerra[15].    
Nos vinte anos dedicados á política non deixa nunca Egas o estudo e a clínica e mesmo ten entre os seus doentes a Pessoa (en 1907), interesado daquela pola psicopatoloxía a quen lle aconsella exercicios ximnásticos suecos. En 1933 escribirá Pessoa que cando seguiu a recomendaçâo de Egas, para cadáver só me faltaba morrer... Non todo foron loanzas de Pessoa para Egas xa que cando sae do prelo o primeiro número da revista Orpheu en 1915, un psiquiatra, que Pessoa pensou que era Moniz, afirmou que eses poetas do Orpheu terían que estar internados cos doentes psiquiátricos. A réplica de Pessoa foi dura. Alporízase non porque  esse parvo da ciencia tenha essas opiniôes..(senón) que gozen no nosso meio de idiotas de prestigio suficiente para que a essas opiniôes se ligue importancia...
            En 1911 Egas vai para Lisboa como catedrático de neuroloxía: consideraba a Coimbra demasiado acanhada para a sua ambição...Daquela a neuroloxía non tiña apenas medios diagnósticos que non fosen os da semioloxía a carón do doente e moito menos, medios terapéuticos. Nas consultas abondaban os casos “funcionais”, as histerias, e Egas desas doenzas tiña boa formación e información. En 1915 cando o ensino de neuroloxía se volve obrigatorio, Egas da a conferencia de apertura: As bases da psicanálise, tópico revolucionario para o tempo, lembra Antunes, que supón de feito a primeira vez que alguén fala de Freud en Portugal. En 1917 publica un libro sobre a Neuroloxía da Guerra onde intenta tirar proveito das moitas lesións traumáticas cerebrais que a guerra producira para lograr unha maior precisión nas localizacións cerebrais. En 1919 afástase para sempre da política e até 1925 cando comeza os seus traballos sobre a anxiografía publica 34 traballos, case todos eles en revistas estranxeiras sobre todo francesas e publica tamén traballos literarios sobre o novelista Julio Dinis, o padre Faria, o Papa portugués Xohan XXI [16], ou escribe pequenas pezas para nenos como o Lobishome.   
Egas confiaba na neurocirurxía como método para abordar moitas das patoloxías que diagnosticaba mais había un problema: localizar de xeito preciso o “inimigo” dentro da caixa craneana e para iso cumpría algún método que permitise visualizar o interior do cranio opaco aos raios X. Os erros de localización eran habituais e os neurocirurxiáns atopábanse moitas veces que os tumores non estaban onde eles pensaban que estaban. Egas pretendía visualizar os vasos cerebrais polo que precisaba un medio de contraste. Probou varios, dende bromuro de litio, de estroncio, de amonio, de sodio, potasio e comeza a súa colaboración con Almeida Lima. Proban a toxicidade e a utilidade dos seus preparados en coellos e cans e despois de moitas probas escolle o bromuro de estroncio que proban por vía intravenosa en doentes de epilepsia e párkinson. Escribe Egas:
Parece à primeira vista que estávamos fazendo no homen experiências  injustificadas e por isso criticáveis. Se tal doutrina fosse aceite nâo havería nunca progressos na ciência médica. Devemos ter sempre na maior conta a vida humana e, se esta perigase, as experiências feitas não terían sido realizadas...

            Coñecidos os secundarismos pasan a seguinte fase. Inxectar na carótide dos cans a solución de estroncio, técnica que sen o saber Egas, xa se tiña empregado para inxectar neosalvarsán no tratamento da parálise xeral sifilítica. Foi co 15º can que conseguiron por vez primeira visualizar a rede arterial do cerebro. O can que sobreviviu levouno Egas para A Casa do Marinheiro onde pasou o resto da súa vida. Dos cans, Egas e Almeida pasaron aos cadáveres onde conseguiron definir unha anatomía vascular normal, e propoñer algunha  denominación anatómica como o “sifón carotídeo” que aínda hoxe segue a se chamar así dende que Egas a bautizou. Os resultados foron publicados en 1927 nunha revista médica francesa. O paso seguinte era a “fase humana”. Xa coñecían as doses e a toxicidade e a árbore arterial normal. Non había daquela lexislado ningún código ético mais Egas e Almeida informaban aos pacientes de que ían facer por vez primeira unha nova técnica inxectando a arteria que leva sangue ao cerebro e procuraban a súa aceptación. Dos seis pacientes escollidos, tres eran posibles tumores, dous parkinsonismos postencefalíticos e un, unha parálise xeral, No derradeiro o consentimento foi dado pola familia. Os primeiros casos debidos a técnica do inxectado ou as dilucións non deron resultados. Mesmo faleceu un paciente horas despois sen que se saiba se foi pola patoloxía previa ou pola inxección do contraste. A análises dos resultados levounos a concluír que tiñan que empregar outro medio e pasaron ao ioduro de sodio. Foi ao cabo, no paciente número 10 que conseguiron visualizar a circulación intracraneana e mostrar o desvío das arterias polo tumor. Anuncia á Societé de Neurologie de París que faría unha comunicación dando provas de uma suprendente e destemida convicção dada a escassa experiencia da que dispunha. A presentación en París e un intento nun paciente, non tivo moito éxito mais Egas presentou tamén uns días despois unha radiografía que tirara Almeida dun falecido en Lisboa por un tumor cerebral onde se apreciaba con claridade a desviación producida polo tumor e iso si foi convincente.
A moderna neurocirurxía foi obra de Harvey Cushing (1869-1939) que codificou a técnica e conseguira en pouco tempo reducir a mortalidade dun 50 a un 6%, mais cumpría ter un método de localizar as lesións de maneira fiable. A proposta de Egas era máis fiable que a desenvolvida por Dandy que inxectaba ar nos ventrículos cerebrais (ventriculografía). Foi Pedro Almeida Lima quen fixo todas as intervencións que as ideas de Egas esixían e para iso tivo que percorrer un longo camiño que comezou traballando con Cairns en Inglaterra, onde espallou a arteriografía e visitando a maioría dos centros europeos nos que se practicaba a neurocirurxía sempre baixo a tutela de Egas. O seu papel nos éxitos de Egas non se axusta á frase feita de a cabeça de Egas e as maôs de Almeida. Almeida foi moito máis que as maôs de Egas e para Celestino da Costa, o nome de Almeida debería figurar na capa dos libros de Egas se este non fose en palabras de da Costa, un egófilo[17] que apenas recoñeceu a Almeida como un valioso colaborador a quem se deve gran parte da obra inicial máis ao que nunca asociou a ningunha das súas monografía que firmou el só. Sexa como for, a neurocirurxía portuguesa comeza con Almeida que nunca se queixou do seu papel “secundario” e mantivo sempre a fidelidade a Egas aínda que nos seus anos finais, segundo Antunes, pechouse nun retiro do que a penas saía, volveuse túzaro socialmente e negou ter discípulos, só amigos compañeiros e colaboradores.
Quince anos despois da descoberta o desinteresse perduraba mais ao cabo a técnica de inxectar ao través da pel e un novo medio de contraste con menos secundarismos, o diodrast, que veu substituír ao torotraste máis tóxico, fixo que a arteriografía se espallase e fose utilizada de xeito masivo nos hospitais de todo o mundo. Egas escribe neses anos 123 artigos sobre a anxiografía en francés, español, alemán italiano e inglés.
Coa arteriografía recoñecida Moniz vai encetar os seus traballos sobre o que despois chamará leucotomía. Egas non foi un arroutado irresponsable. Coñecía moi ben a neuroloxía, a obra de Cajal, tiña publicacións científicas de abondo en revistas internacionais e a súa teoría de que existían circuítos “pechados” responsables dos síntomas que se poderían cortar desconectando dese xeito os circuítos patolóxicos, era simple pero conforme aos coñecementos do tempo e esencialmente correcta. A psicocirurxía tivo algúns devanceiros. Na súa Anatomía da Melancolía, Burton menciona que as feridas de espada que penetraban no cranio curaban a insanidade mais foi Gottlieb Burckhardt quen nos anos 80 do século XIX dirixía un centro de alienados en Neuchatel o primeiro que fixo ese tipo de intervencións. A teoría de partida era moi pouco axeitada. Pensaba que as alucinacións e delirios deberían estar localizadas nas áreas da linguaxe que Broca e Wernicke descubriran anos antes, polo que se fosen eliminadas desaparecería tamén o ouvir voces alucinadas. Os resultados con seis doentes non espertaron interese e Burckhardt abandonou a técnica. Outros devanceiros foron Betcherev e Pausepp que operaron tres doentes en San Petersburgo con desconexión lateral entre os lóbulos parietal e frontal tamén con pouco éxito. O que non coñecía Egas era o caso de Phineas Gage  publicado nos anos 60 do século XIX que o seu compatriota e colega Antonio Damasio faría popular moitos anos máis tarde e que ocupou boa parte do seu libro O Erro de Descartes. Porén, si coñecía os casos de dous doentes nos que o lóbulo frontal fora removido para extirpar un tumor nos que os doentes mudaran a súa personalidade que se fixera máis infantil aínda que o doente é essencialmente o mesmo que era antes da operação...
A teoría de Egas tiña alicerces máis firmes que as dos seus precursores aínda que el mesmo clasificaba como ousada e mesmo temeraria a súa pretensión. Partía da teoría da neurona de Cajal. Os contactos entre as neuronas serían a base do pensamento. Cando estas sinapses se fixan por adesividade anormal, as células  os influxos seguem entâo sempre o mesmo caminho exteriorizando cosntantemente as mesmas manifestaçôes psíquicas...os obsesivos e os melancólicos tinham a vida moral circunscrita a um limitado ciclo de ideias que, dominando todo... voltejavan constantemente no seu cerebro enfermo.  
            Parar rachar ese círculo vicioso Egas propuña a interrupción cirúrxica do circuíto e escolleu a rexión  prefrontal xa que o seu desenvolvemento, moito maior nos humanos, sería indicio de que alí residían as funcións superiores de categoría diferente ás das especies animais. Hai un certo desacordo entre os analistas da obra de Egas sobre se Egas coñecía os experimentos de Fulton e Jacobsen con monos. Estes dous neurofisiólogos traballaban na conduta dos primates e estaban moi interesados no papel do lóbulo frontal. Operaron aos dous chimpancés máis famosos da historia da ciencia, Becky e Lucy extirpándolles o lóbulo frontal: os animais parecían desprovidos de qualquer expressão emocional e, se se enganavan como que encolhian os ombros e partían para outra actividade... Segundo Fulton, cando presentou estes achádegos en Londres en 1935, Egas que estaba presente, preguntou se non sería posible polo mesmo procedemento eliminar os estados de ansiedade en humanos. Fulton escribiría máis tarde, que se sentía responsable en parte, dun procedemento que foi adoptado largamente en humanos antes de que os mecanismos fisiolóxicos terem sido elucidados de forma adequada.... Antunes pensa que no esencial as ideas de Egas eran correctas o mesmo que o seu colega Antonio Damasio: Não existian ainda dados que permitissen sustentar tal hipótese embora estudos recentes sobre a actividade da região orbital em doentes obsessivos e depresivos sugiram que Moniz talvez estivesse correcto, pelo menos en parte mesmo onde os pormenores pudessen estar errados... Damasio escribe que  a leucotomía prefrontal de Egas, unha intervención mínima na que:

 Deve salientar-se que os doentes recibiran algum beneficio (xa que) unha maior deficencia en termos de tomada de decissão talvez fosse máis facil de suportar que a ansiedade descontrolada, ... não há no entanto qualquer necesidade de reservas quanto a versão muito mais destrutiva da intervenção de Moniz conhecida como lobotomía frontal. A operação concebida por Moniz provocaba lessôes cerebrais limitadas. Em contraste, a lobotomía frontal era un trabalho de talhante que provocaba lessôes extensas. Esta intervernção tornouse mundialmente infame..[18].

Antunes non comparte, ou semella que non comparte totalmente a necesidade de reservas quanto á lobotomía pois considera que a personalidade contraversa de Walter Freeman foi injustamente tratada e aínda hoxe é considerado xunto ao Dr Menguele, como os dous médicos máis desprezados do século XX, por algúns dos seus críticos como Jack El-Hai que lle dedicou unha monografía, O Lobotomista.

O primeiro artigo de Egas sobre a leucotomía é de 1936 (L`Encephale). No ano seguinte publica en Masson unha monografía de 250 páxinas, Tentatives opératoires dans le traitement de certains psychoses, onde discute os riscos e vantaxes do método sublinhando que fora conduzido con todas as cautelas e seguranza que punha cuando estava em causa a vida humana... Egas só cortaba as fibras, a substancia branca, (leuco, é branco) non as neuronas. Empregaba unha pequena cánula de 2 milímetros de diámetro que deixaba saír pola punta, unha vez introducida no cerebro, un pequeno rodicio que facía xirar a tres niveis diferentes introducindo tamén unha pequena cantidade de contraste para visualizar as zonas de corte. Na publicación, da conta de 20 casos cos seguintes resultados: sete casos curación clínica; sete casos melloría importante sobre todo da axitación psicomotora; mesmo estado, seis casos. Informa tamén dos secundarismos postoperatorios: tendencia á cleptomanía, mutismo, bulimia, pero en calquera caso, conservación integra da memoria e intelixencia. Os informes clínicos dos pacientes antes e despois da intervención, son moi pouco precisos polo que non e doado saber a que chamaba Egas “curación clínica” ou “melloría” nin a evolución a corto e longo prazo.Tampouco a Neuropsicoloxía estaba daquela á disposición de Egas para facer un diagnóstico polo miúdo dos efectos das intervencións sobre a personalidade e as funcións cognitivas. Entre os psiquiatras a acollida da nova técnica foi desigual: Sobral Cid, (dous apelidos moi galegos por certo), foi crítico case dende os primeiros tempos aínda que aportou a Egas algúns pacientes. Interpretaba os resultados de Egas como consecuencia da apatía cinética provocada pola lesión frontal e pensaba, (de certo con moito optimismo) que non había dereito a facer unha mutilación central nun doente para liberalo dunha síndrome psicósica curable por natureza e que remitiría de xeito espontáneo en poucos meses. Barahona e Polonio con outros especialistas, fixeron un estudio sobre 100 casos nos que concluían que os doentes leucotomizados podían apaixoar-se e adquirir novas ideias políticas e espirituais aínda que a integraçâo da personalidade disminuia e o comportamento tornava-se muito mais reactivo e dependente de estímulos exteriores... Barahona na biografía que escribiu de Egas, partillaba algunhas destas ideas de Sobral Cid que lle parecían xustas e anticipaban as futuras críticas. De xeito curioso, di Antunes, ao contrario que a arteriografía que foi espallándose devagar, a leucotomía inzou por todo o mundo case de socato grazas ao fervor dun apóstolo, o médico americano, Walter Jackson Freeman, que levou a lobotomía máis alá. “A expansão da psicocirugia-o amigo americano, titula Antunes o capítulo que dedica a Freeman O fervor de Freeman tiña que ver como sinalaron todos os autores que se achegaron a esta historia, coa ausencia de terapéuticas e a enorme masificación manicomial. En 1937 había nos Estados Unidos máis de 400.000 doentes vivindo en psiquiátricos (o 50% do total das camas) o que supuña un enorme custo financeiro e a impotencia terapéutica dos psiquiatras. Os médicos dos psiquiátricos traballaban afastados dos seus colegas médicos, illados nas súas institucións e publicando mais que traballos científicos, notas sobre agricultura, gandería, xardinería e cousas semellantes. En 1894 Weir Mitchell no seu discurso á Asociación Médico-Psicolóxica dicía:

A vida enclaustrada que vostedes levan, da lugar, penso eu, a certas peculiaridades. Unha delas, é a superstición, (diso se trata),  de que o efecto do Asilo é en si mesmo curativo. Escoitamos o laio en cada informe de que os doentes non son remitidos axiña ao Asilo como si vostedes tiveran algún xeito de curalos que nós non temos...eu penso que a vida asilar é mortal para os doentes...

Pasarían moitos anos denantes que Goffman escribira o seu libro Asylums onde estudaba os efectos desa vida asilar sobre doentes e coidadores.
Freeman e o neurocirurxián Watts, modificaron axiña a técnica de Egas. En vez do leucotomo inventado polos portugueses que producía lesións mínimas, empregaron unha espátula que introducía lateralmente no lóbulo frontal e producía lesións moito máis amplas abranguendo non só substancia branca senón tamén neuronas. Ademais, Freeman modificou tamén a vía de aceso facendo lobotomías transorbitarias furando a parede superior da cunca da órbita e as facía “en serie” empregando como “anestesia” un electroshock previo e un picaxeos como ferramenta cirúrxica. Freman chamou a este procedemento lobotomía e foi esta lobotomía, máis que a leucotomía, a que acadou a sona infame que aínda hoxe conserva. Entre 1942 e 1954 foron operados en Inglaterra e Gales 11.000 doentes e até 1951 máis de 18.000 nos Estados Unidos onde a  poboación internada baixou un 25%.  (....) .
Houbo críticas dende moi cedo. O libro máis radical nas súas críticas é o do psicólogo Elliot S. Valenstein, Great and desperate cures que publica en 1986[19]. Foi o resultado dunha longa investigación na que viaxou moito. En Portugal entrevistou a Almeida Lima, a Barahona, a Polonio, a Lobo Antunes (non sei a cal dos irmáns) e tivo toda a colaboración que precisaba pois até o mesmo director da Fundación Egas Moniz, Pereira Melo, fixo un pouso nas súas vacacións para abrir o museo para Valenstein. O libro de Valenstein é sen dúbida moi crítico mais non sataniza a Egas e advirte que a psicocirurxía non foi unha aberración médica debida á ignorancia, senón que  formou parte das correntes principais da medicina do seu tempo e os factores que abeiraron o seu desenvolvemento, segundo Valenstein, (en 1986), aínda persisten hoxe, polo que cómpre entender a historia da psicocirurxía como un aviso. A lobotomía para Valenstein hai que entendela nun contexto no que no eido das neurociencias había teorías opostas sobre o xeito de entender as doenzas mentais, entre neurólogos e psiquiatras, entre necesidades desesperadas e as terapias precisas mais inexistentes para enfrontalas. Os límites entre neuroloxía e psiquiatría non estaban daquela moi claros (nin o deberían estar hoxe, polo menos na behavioral neurology) e a maioría dos especialistas eran de “facto” neuropsiquiatras, algúns organicistas, outros funcionalistas, e algún como Adolf Meyer as dúas cousas pois chegou a ser presidente da Asociación de Psiquiatras e da Asociación de Neurólogos. Na idea de Antunes o libro de Valenstein foi talvez a argumentação mais violenta... Não me vou alongar  sobre o chorilho de falsidades e aleivosías que o livro contém... E non o fai. Só cita entre as muitas que Egas tería cometido, (segundo Valenstein) a noticia de que Egas tería começado a angiografía porque Sicard, um neurologista francés o encorajara e sabendo que outros grupos andaban no mesmo rego comezou a traballar cunha velocidade incrible. O libro de Valenstein mereceu unha reseña agasalleira de MacDonald Critchley que era de feito segundo Antunes, un ataque a Egas, miserável. Seica MacDonald Critchley pensaba que Egas fora toda a súa vida un xogador o que implicaba unha temeridade inata. É unha mágoa que Antunes non dedique máis espazo  a refutar o que Valenstein conta no seu libro, moi documentado, pois non é doado saber onde Valenstein está a falsear ou onde di verdade. Valenstein publicou no ano 2000 outro libro, Blaming the Brain, no que as críticas ían dirixidas desta volta contra os psicofármacos, as multinacionais farmacéuticas e as teorías que propostas para explicar o seu modo de funcionamento. Valenstein enceta o libro dicindo: A psiquiatría americana pasou de culpar á nai a culpar ao cerebro. É como aquela viñeta do New Yorker onde na porta dun Centro de Saúde Mental había un cartel informativo que dicía: Primeira Planta: culpa da nai; Segunda Planta: culpa do pai; Terceira Planta: culpa da sociedade.  Lendo os seus libros, ben escritos e documentados, había algo que non cadraba. Non eran tanto os datos ou as críticas como un punto de vista xeral que agromaba de xeito bretemoso neles. Ao cabo atopei a frase que explicaba este incerto desacougo: Eu non trato pacientes...[20]. Valenstein fala da “guerra” dende a retagarda. Xamais tivo que se enfrontar coa realidade clínica cotiá que teimosa esixe “facer algo” cos doentes que acoden ou son traídos na procura de axuda. Afirma, con fundamento, que as hipóteses de como os psicofármacos actúan non teñen consistencia, pero ninguén agardou a saber como aliviaba a morfina para empregala e como a morfina tantos fármacos de uso clínico cotiá. O seu traballo foi a investigación de laboratorio en biopsicoloxía onde os procedementos científicos poden ser controlados cousa que non acontece na clínica e as súas críticas van máis dirixidas ás teorías (da dopamina, da serotonina etc.) que intentan explicar como funcionan os psicofármacos que a súa efectividade na clínica cotiá controlada pola resposta clínica de xeito empírico. O exemplo da insulina e da diabetes que poñen moitos psiquiatras cando explican aos familiares ou aos pacientes a necesidade de tratamento, é para Valenstein inaxeitado xa que se sabe como funciona a insulina, hai tests diagnósticos para coñecer os niveis de glucosa e axeitar o tratamento cousa que non acontece en psiquiatría onde ningún especialista pode pedir unhas probas semellantes. Sen dúbida iso é certo pero na clínica, estean ou non as hipóteses erradas, os psicofármacos funcionan en moitos casos e nos que non funcionan se procuran investigacións para saber porqué non o fan. De xeito curioso, hai anos, alporizado polo que estaba a escoitar nun curso de verán na Coruña, onde falaba nin mais nin menos que Thomas Szasz, de quen eu lera todos os seus libros que sempre me pareceron libros de ética e socioloxía máis que de clínica, pregunteille a un dos poñentes, creo que o Dr Cohen, que por qué satanizaba os neurolépticos e que pacientes atendía el pois non eran moi acaídos cos que eu tiña que tratar. A resposta foi a de Valenstein: eu non trato pacientes .O Dr Cohen que traballa como profesor na Escola de Traballo Social de Florida, colabora tamén con Peter Bregin, autor do libro Toxic Psychiatry de contido doado de imaxinar que mereceu unha longa reseña no número 34 do Siso, Nadal do 2000. Sen esaxerar moito, aínda que sen dúbida esaxerando, poderíamos dicir que a receita curativa de Bregin, ademais da supresión dos venenos (neurolépticos, antidepresivos, litio, electroshock etc,) é o “amor”. As súas críticas á industria farmacéutica son case sempre acertadas pero o seu “calvinismo psicofarmacolóxico” é inaceptable para calquera clínico que non traballe nunha clínica privada con pacientes voluntarios escolleitos  senón nos servizos xenerais públicos [21] 
Os pacientes de Egas eran outros.  Egas tivo máis sorte que o seu colega Miguel Bombarda, director do Hospital de Rilhafoles, liberal e republicano como Egas que foi asasinado por un paciente en 1910 e máis sorte tamén, que o seu mestre de Coimbra, Sousa Refoios, morto por un estudante de medicina na baixa de Coimbra en 1905 e que rematou nun manicomio. O paciente que disparou varios tiros contra Egas en 1939 no seu consultorio, Gabriel Coedegal Oliveira Santos, non era como se dixo entón e aínda hoxe, un paciente vítima” da leucotomía que tomara por iso cumprida vinganza, senón un delirante persecutorio que reclamaba un informe clínico onde non constase “doenza mental”.
            Joâo Lobo Antunes é un dos entrevistados no documental sobre Egas Moniz Monos como Becky que Joaquín Jordá filma en 1999. O documental, que mestura imaxes, documentos e entrevistas sobre a vida de Egas coa obra que representan uns pacientes do Centro de Crise de Malgrat sobre o mesmo asunto, non menciona  no seu libro este documental a pesar de que aínda que crítico, mesmo moi crítico, non se pode dicir que sexa unha condena radical de Egas. Pode que as palabras do filósofo Jorge Larrosa no filme dean unha idea axeitada do que alí se conta. Despois de lembrar que os gregos diferenciaban entre zoe, vida de especie, e bios, vida persoal, biográfica, di: (As técnicas psiquiátricas agresivas)...a veces matan la vida para salvar la vida, es decir, matan una vida con sentido aunque duela y aunque dure poco, para crear una vida como supervivencia en donde está ausente el dolor pero donde está ausente también el sentido, donde la vida es vida genérica, vida de especie...yo creo que es un callejón sin salida que hace imposible cualquier opinión sobre esto... que vida vale la pena vivir y hasta que punto se puede matar la vida para salvar la vida...
Como é hoje considerada a obra de Egas? Pregúntase Antunes no epílogo do libro e segue:
Disse um filósofo que o único poder que os deuses nâo possuen é o dea pagar o passado. Nâo admira pois que os mortais o nâo consigan também, mas no juízo que dele fazem só raramente conseguem libertar-se das amarras da contemporaneidade em que firmam as suas raízes.Assim todo olhar para trás é inevitavelmente deformado pelo óculo do tempo em que vive...
            Despois do Nobel, devagar foron aparecendo críticas que ás veces eran non só falsas senón verdadeiros aldraxes. A psicocirurxía, dicíase daquela, servía para controlar o comportamento de prisioneiros, socialistas e delincuentes; un xornal de Nova York proclamaba que a mellor maneira de liberarse dos comunistas, era lobotomizalos. Non hai ningún dato que permita comprobar estas afirmacións aínda que Antunes non nega que eses abusos se puideran producir como en calquera outro procedemento cirúrxico. As críticas continuaron e dende a historia tráxica de Rosemary Kenedy ou a irmá de Tenesse Williams, a filmes como Alguén voou sobre o niño do cuco ou Frances, un filme sobre  a vida da artista Francis Farmer que se sabe que non foi nunca lobotomizada[22], “tudo serve como arma”. Outros filmes tamén participaron nesta lea de xeito máis indirecto como é o caso de  O Planeta dos simios.
Ninguén propuxo retirarlle o premio Nobel de 1927 a Wagner von Jauregg, lembra Antunes, como se pretende con Egas Moniz aínda que a súa técnica consistía en provocar febre inxectando nos pacientes o parasito do paludismo e aínda houbo quen como o francés Maurice Dacosté inxectaba nos anos 30 o sangue de pacientes con malaria directamente dentro dos lóbulos frontais facendo uns buratos no cranio non só nos pacientes con parálise xeral senón en esquizofrénicos e doentes maníacos con resultados alentadores[23] e non era o único que facía cousas como estas .
          O derradeiro capítulo do libro de Antunes revisa todas estas críticas e aldraxes a eito que a psicocirurxía foi recibindo dende eidos diversos nos últimos anos sen agachar ningunha, mais salienta tamén a rehabilitación da nova psicocirurxía alicerzada nas técnicas de imaxe, no mellor coñecemento da circuitería cerebral ou na implantación de electrodos que inducen estimulación reversible de certos circuítos neuronais. En Marzo do 2010, nun artigo en Science que firmaban entre outros tres Nobel (mesmo Eric Kandel) afirmaba que doenzas como a esquizofrenia o TOC o autismo “seríam provavelmente resultantes de disrupçôes dos circuitos neuronais, o que non deixa de ser a teoría adiada coa que Egas xustificaba as súas intervencións. No seu libro The Brain Book, saído do prelo en 2009, Rita Carter dedica un apartado á leucotomía dentro dos fitos relevantes da historia da neurociencia. Recoñece que se abusou da técnica que chegou a se converter en algo noxento pero cita un estudio británico (do que é unha mágoa que non dea a referencia), no que o 41 % dos pacientes “were recovered” ou “greatly improved” 28% minimamente mellorados, 25 % sen cambios, 2% foron a peor e 4% faleceron[24].
A “defensa” de Egas de Antunes, ademais dos seus evidentes logros, ten unha teima recorrente: o jolgamento retroactivo. Non pasaran máis de 50 anos dende a abolición da escravitude en USA, dez anos despois das carnicerías da Gran Guerra, do xenocidio armenio, co colonialismo sobre as razas inferiores no  cumio...Os tempos de Egas non foron calmos e o espírito do tempo non esixía como agora códigos éticos formalizados.
En Portugal segundo Antunes, só dúas personalidades públicas foran sometidas á leucotomía: a muller de Marcelo Caetano e Raúl Proença autor da Guía de Portugal, atinxido dun grave delirio persecutorio que mellorou coa intervención aínda que o delirio reapareceu meses despois . Hai hoxe en Portugal, máis de sesenta rúas, prazas, largos ou avenidas que levan o nome de Egas.
En Internet i en moitas publicacións e libros do oficio psiquiátrico, hai  páxinas críticas de abondo , moitas veces aldraxantes, contra esta técnica cirúrxica. O libro de Lobo Antunes ten a virtude de permitir que calquera que a el se achegue, teña máis informacións para xulgar por si mesmo o que Egas Moniz tivo de anxo e de demo.



[1] Psiquiatra portugués (Rio de Janeiro 1856-Lisboa 1922). O Hospital Psiquiátrico Julio  de Matos de Lisboa leva o seu nome.
[2] José de Matos Sobral Cid (Cambres, Lamego, 29 de Junho de 1877  Lisboa, 28 de Abril de 1941),. Profesor de Psiquiatría da Universidade de Coimbra. Gobernador civil do Distrito de Coimbra (1903-1904) e  Ministro da Instrução Pública en dous dos gobernos da Primeira República Portuguesa (1914). Creou a escola portuguesa de psicoloxía clínica,e psicopatoloxía.O hospital psiquiátrico de Coimbra leva o seu nome.
[3] O caso, escribe Antunes, inspirou o romance de Agustina Bessa-Luis, Doidos e Amantes. Bessa-Luis naceu en Amarante, un fermoso pobo por onde pasa o río Támega que ven de Verín, que cos seus pouco máis de 9.000 hbs, (60.000 no concello) foi tamén a patria de Teixeira de Pascoaes e de Amadeo de Souza-Cardoso, un dos pintores portugueses máis recoñecidos con Paula Rego, Vieira da Silva e porque non, Almada Negreiros.
[4] Barahona Fernándes. Filosofía e Psiquiatría. Atlántida.1964.
[5] Entrevista en Noticias Sábado (NS) nº 261, 8 de Janeiro 2011
[6] O “descoñecemento” non ten que ver con que teña varios libros traducidos ao español publicados en España senón na cativeza das citas. Para se facer unha idea da súa obra  vid. por exemplo, Impasses seguido de coisas vistas, coisas ouvidas con Paulo Tunhas e Daniele Cohn, o libro de comunicacións do Congreso celebrado no ano 2004 na Fundación Calouste Gulbenkian, O processo da crenza, Gradiva, 2004, onde se recolle tamén un texto de Joâo Lobo Antunes, “Ciencia e fé, un velho duelo” ou Modos de Evidencia., Imprenssa Nacional 1986. A Fernando Gil tamén o cita Antonio Damasio, Premio Pessoa como Joâo Lobo Antunes, nos seus libros (Spinoza avait raison e The feeling of what happens) o que pode dar unha idea do seu papel achegado ás neurociencias e ás letras.
[7] Serían ensaios escollidos pero non foron poucos:  Um modo de ser, O eco silencioso, Livro sobre a mâo, Numa cidade feliz, Inquietaçâo interminabél, Memoria de Nova Iorque...
[8] Os portugueses remataron a súa “reconquista” moito antes que Castela. En 1249 conquistaron o Algarve case 250 anos antes que fose tomada Granada. Un dato curioso: Afonso Henriques que afastou Galiza de Portugal, até entón un mesmo territorio de etnia e lingua, naceu un 25 de Xullo, hoxe, Día da Patria Galega.O nacionalismo galego ten a súa festa o mesmo día en que naceu o rei que afastou Galiza de Portugal.
[9] Debo estas informacións da visita de Egas a Santiago  coa Tuna de Coímbra, a María García Caballero que as recolle na súa tese  La vida musical en Santiago de Compostela a finales del siglo XIX. Alvarellos. 2009.
[10] Esta Tuna que aínda hoxe existe e ten grupos de fados, de música antiga e mesmo unha Big Band, tivo entre os seus membros, ademais de Egas, a José Afonso ou Antonio Nobre (“Só”) entre outros.
[11] Vid: J.A.Durán. El primer Castelao .Siglo XXI. 1972.
[12] No día do asasinato Egas estaba preso por conspirador antimonárquico e foi liberado despois do rexicidio. Sempre negou a súa participación neses feitos.
[13] Alemaña tiña nese tempo dúas colonias: Tanganika (Tanzania) e Africa do Sudoeste (Namibia) con fronteiras con Kenia (Gran Bretaña), Mozanbique e Angola. O Xeneral von Luttow non puido ser derrotado en Tanganika polos británicos. Alemaña perdeu as dúas colonias despois da derrota na 1ª Guerra Mundial.
[14] Miguel Bombarda, Julio de Matos, José Sobral Cid e o propio Egas.
[15] Simón.D. Médicos represaliados en la guerra civil y en la posguerra. Concello e Deputación de Ourense. Fundación 10 de Marzo.2010.
[16] Petrus Lusitanus ou Petrus Hispanicus, chamado o Papa médico. Naceu en Lisboa en 1211, fillo de Julian Rebelo, médico, e de Teresa Gil. Estudou medicina en Montpellier e foi profesor en Siena onde exerceu como médico varios anos. Foi médico de varios cardenais da curia romana e nomeado Papa en 1276 morrendo un ano despois esmagado polas trabes e pedras da catedral de Viterbo daquela en construción.
[17] A “egofilia” atinxía tamén a súa presenza física. Egas por exemplo, usaba peluquín para agachar a súa calvicie temperán.
[18] Damasio.A. O erro de Descartes. Europa América.1995.
[19] Valenstein.E.S. Great and desperate cures: the rise and decline of Psychosurgery and other radical treatments for mental illness.. Basis Books. 1986.
[20] En Blaming the brain. The Free Press. 1998
[21] Vid Siso-Saude nº 21, 1993: ¡Szasz, Szasz y ya está! Y La calaña del tío Tom..
[22] Non só non foi lobotomizada e reducida a unha vida vexetal como se afirmou, senón que despois de estar varias veces ingresada en institucións mentais por unha posible PMD e alcoholismo, volveu traballar en series de TV e películas até a súa morte por cáncer esofágico en 1970.
[23] Citado en Valestein, Op.Cit, pax 118.
[24] Carter.R. The brain book.DK.2009.

martes, 5 de julio de 2011

ARMAS DE “DISTRACCIÓN” MASIVA[1]: LIXO AUDIOVISUAL


                The heroe was  a the great man; the celebrtiy is a great name
                                D.Boorstin. The Image. Vintage Books. 1961.

 Cando Neil Postman escribe en 1985 o seu libro sobre a televisión non dubida en chamalo Divertirse até morrer. Postman lembra dous vellos textos de ficción futurista, Mundo feliz de Huxley e 1984 de Orwel. No libro de Orwell, o grande irmán agochaba a verdade, impedía a información, prohibía os libros e controlaba á xente provocando sufrementos. No Mundo Feliz de Huxley, a xente adoraba a súa opresión e as tecnoloxías que anulaban a súa capacidade de pensar, os libros non serían prohibidos pois ninguén tería interese ningún en lelos e a información sería tan excesiva e tan chea, do que despois Volli chamaría "factoides", é dicir, sucedáneos de feitos, laretadas, etcétera, que a información relevante sería asolagada por un mar de irrelevancia. Os factoides para  Sartori[2], son informacións irrelevantes que teñen que ser excitantes a calquera prezo e recorren para iso a dúas estratexias: a excentricidade e a agresividade. A visibilidade está garantida para as posicións extremas, as extravagancias, as esaxeracións, vestimentarias e para unha lingua que hai anos se apoñía a verduleiras e carreteiros. A inexistencia de calquera gromo de pensamento merecente de atención é a norma nos protagonistas destes factoides que agora teñen o seu lugar sobranceiro nas emisoras televisivas
 Un cuarto de século despois parece obvio que agás algunhas ditaduras marxinais como a coreana ou a cubana, foi o agoiro de Huxley o que triunfou. Tamén ía polo camiño equivocado Ray Bradbury cando en Farenheit 451 agoirou un mundo no que os bombeiros queimaban os libros e a xente fuxía ás fragas afastadas para memorizar as obras universais da literatura. Agora calquera pode ler unha destas obras nas pantallas de Internet pero a nugalla lectora campa alí onde pousemos a ollada abafada como está polas   armas de distracción masiva que agora son audiovisuais, (mesmo algunhas antigas como os deportes), e non deixan espazo ningún, ou case ningún, para a lectura silenciosa e demorada mesmo entre aqueles que sempre consideraron a lectura algo tan esencial como a comida. É como si un andazo de hiperactividade percorrera as casas e bibliotecas turrando de nós para que deixemos a lectura e nos acheguemos ao ordenador para ler o correo, ver as novas, ler ou escribir un blog, recibir ou envíar SMS, ou atender á televisión se somos da xeración anterior aínda non internautica pois as armas de distracción masiva teñen niveis axeitados para cada capa de poboación.
No ano 1975, alguén pouco coñecedor da vida dos filósofos, bautizou co nome de Síndrome de Dióxenes a xentes que vivían en casas ateigadas de lixo e cousas desbotadas que recollían polas rúas ou das que non se desprendían. Dende entón, de cando en vez, os xornais traen a nova de que os bombeiros tiveron que entrar na casa dun vello atinxido por este mal e baleirar a casa de todo o lixo que a enchía. Dióxenes foi todo o contrario dun ateigador e non deixa de seren unha inxustiza que leve o seu nome esa conduta. Nin sequera recorreu a unha cunca para beber cando viu como un neno bebía coas mans e non se pechaba na casa senón que vivía na rúa onde retaba coa súa vida enxoita á sociedade do seu tempo.
        Hoxe hai unha nova variante desta síndrome de nome errado que é moi acaída co agoiro que Huxley facía en Mundo Feliz: a síndrome de Dióxenes audiovisual. Milleiros, se cadra millóns de xentes, andan hoxe pola vida coa cabeza ateigada de lixo audiovisual “recollido” nos “terminais” televisivos entre os que a cadea de Telecinco e a raíña indiscutible. Velaí atoparemos “periodistas” lerchas e pendangas esbardallando sobre as intimidades do famoseo; poderemos asistir ás 24 horas da vida dun fato de xentes pechadas nunha casa ou nunha illa, intercambiando conversas espidas de calquera gromo de intelixencia ou cultura, que berran, choran, e se queixan para que unha audiencia que gorenta do asexo complete o exhibicionismo dos alí pechados. Escoitaremos a xentes que venden as súas intimidades de modo obsceno, a “xornalistas” empoleirados que as interrogan sobre “ti dixeches que el ou ela dixo que..” como se fosen expertos en física cuántica enleados nun debate no que se xoga o porvir da humanidade e invocan ao amigo do pai do neto da muller de non sei quen, para alicerzar o resultados das súas investigacións sobre cornos, cartos, amantes, engadindo así un anaco máis á vida chairiña de non sei que outro ou outra.  Ao cabo, algúns  políticos, e non só políticos, descubriron cal era o seu verdadeiro lugar e acudiron sen vergoña aparente a estes programas  na procura da súa audiencia que no seu caso se chama votos. Esquecen, ou mellor descoñecen, que hai certos programas nos que a única alternativa digna é non participar ou facelo só cando sexa posible a negociación de tempo, tema e participantes, e teñamos a certeza de que sabemos algo do que alí se vai tratar, do contrario, como di Pierre Bourdie, ao aceptar participar sen preocuparse por saber si se poderá dicir algunha cousa, ponse claramente de manifesto que non se está aí para dicir algo, senón por razóns completamente distintas, particularmente para deixarse ver e seren visto. 
Alá polos anos sesenta, Daniel Boorstin no seu libro The Image xa dera recado de que os grandes homes, os great man, estaban desaparecendo substituidos polas celebrity que definía como, alguén que era famoso-a porque era famoso. Hoxe case medio século despois, o “famoseo” ateiga os medios onde son a brigada acorazada das armas de distracción masiva. Do outro inimigo do libro en papel, Internet, non é doado prescindir. O público do Telelixo non é, penso, moi lector. Moitos usuarios de Internet si. O libro en papel ten hoxe moitos inimigos. Nos Estados Unidos o ano pasado baixaron as ventas case un 10% e Amazon ven de informar que este ano vendeu máis e-book que libros en papel. Hai algo máis importante escribe Johann Hari[3]: o espazo mental que cómpre para a lectura está sendo luído por milleiros desas armas de distracción masiva que nos envolven, queirámolo ou non. Ler libros, engade Hoari, empeza a ser algo duro e hai críticos acostumados a vivir entre libros dende nenos que recoñecen que agora moitas veces non son quen de atopar o acougo preciso para ler, abafados pola “chamada” do ordenador que pide comprobar unha e outra vez o correo, ou Twitter, ou Facebook ou as novas. Ler co ordenador prendido nun recanto do cuarto é, di Hari, como ler nunha xuntanza onde todos os amigos e coñecidos están berrando. Para ler cómpre silencio e iso é algo que cada vez é máis dificil de atopar. Hari, propón unha dieta dixital que pensa que máis ou menos cedo, será algo moi espallado porque o libro de papel é hoxe máis necesario que onte pois é o único xeito de lectura verdadeira, solitaria e silenciosa, que permite chegar ao fondo das cousas e hai moita xente que non rexeita os “bocadillos” dixitais pero gorenta tamén da verdadeira “comida”, e dicir, dos libros en papel.
As posibilidades de que o lixo audiovisual esmoreza e moito menos que desapareza, son poucas e aquí non hai moitos voluntarios para se apuntar a unha dieta dixital. A censura, proposta ás veces, ten os seu perigos que sen dúbida nas mans de políticos aproveitados espallaríase máis alá do pretendido para calar voces discrepantes. Con sorte, pode que moitos destes usuarios do telelixo cheguen algún día a se comportar como  Groucho Marx na réplica ao seu irmán Zeppo nunha obra de teatro 
- Zeppo: Chegou o home do lixo...
 - Groucho: Dille que hoxe non queremos.
      Pois iso...

[1] Non sei quen é o inventor deste concepto. Hai unha película con ese nome pero non coñezo o argumento. Sexa quen for, é unha idea que da moito de sí.
[2] Giovanni Sartori. Homo Videns. Taurus.1998.
[3] O artigo de Johann Hari pódese ler nunha excelente páxina web de visita obrigada para todos os que lean inglés: http://www.aldaily.com/

viernes, 17 de junio de 2011

CUANDO LAS DERROTAS OTORGAN LA VICTORIA. Batallas perdidas de un capitán de la Unión Militar Democrática. Xosé Fortes. Destino. 2011



Hai neste libro de Xosé Fortes, hoxe coronel de infantería rehabilitado en excedencia, algo revelador: non hai rancor, cando as razóns para que o houbera foron moitas, e hai humor, cando non hai na historia que aquí se conta, moitos motivos para acoller esa forma sentimental, máis acaída con outros avatares da vida. O que nos salvou individualmente e como grupo, escribe Fortes,  foi o sentido do humor, a mellor e máis eficaz arma secreta contras as provocacións da xerarquía militar..
Fortes naceu en Caroi, Cotobade en 1934, dous anos antes do ano tráxico que deixou refugallos serodios que aínda hoxe non están esquecidos. Medrou na aldea pero foi dende cativo, un deses nenos enleados coa lectura que debullaba todo canto chegaba ás súas mans. Tebeos nos anos da nenez, os libros “roxos” da Casa del Pueblo que atopou agochados polo seu avó nunha parede da casa familiar e que foron queimados por medo pola súa nai e a súa tía, e leu “de todo” cando marchou a Pontevedra para facer o bachalerato. O catálogo das súas lecturas no instituto, hoxe desalentaría aos profesores de ensino medio: Goethe, Voltaire, Schiller, Zweig, Maurois, Shakespeare, Rousseau, Byron....É certo que daquela aínda non había televisión e había asignaturas como Literatura Universal, pero aínda así... Esa teima lectora nunca pousou e segundo os tempos e as oportunidades, foi devagar debullando canto libro chegaba ás súas mans aínda que sempre se mantivo fiel aos clásicos gregos e latinos. Nese rego clásico,  fíxose un experto latinista, que foi quen de aprobar na convocatoria de xuño en Compostela o latín de primeiro e o de segundo, (tamén os gregos) nin mais nin menos que con don Abelardo Moralejo,  e iso que era un alumno que cursaba por libre a carreira de filosofía e letras que rematou entre destino e destino militar. Este soldado de letras, non sei  se por xenética ou por crianza, non imos aquí a enlearnos coa liorta nature-nurture, pasou aos seus fillos a vocación polas letras. Susana, Alberto e Belén, novelistas e ensaístas, seguiron con éxito o ronsel literario paterno e tamén materno, porque Maricarmen, a muller, tamén rematou xa de casada, a carreira de Historia na especialidade de Historia da Arte.  
            Orfo de guerra e sen recursos económicos, ingresa na Academia Militar de Zaragoza con 18 anos en 1953. Aos dous anos, xa de alférez,  vai a Toledo á Academia de Infantería. Se en Zaragoza facía de gaiteiro afeccionado entre os estudos a equitación e as formacións, en Toledo ademais da formación militar, dedícase á pintura. Fai retratos e copias do Greco que vende por prezos xenerosos e lee, e non só el, a Unamuno, Ortega, Marañón, Machado, Juan Ramón, Salinas, Neruda, ...¿Que clase de militares eran estes que lían o que moitos non lían nas universidades?. Non eran todos os cadetes por suposto, nin tampouco os mandos, era un círculo de amigos pero no relato de Fortes, aquilo asemellábase máis a unha facultade de artes e letras que a un cuartel ....Licenciado como tenente, casa con Maricarmen e sucédense os destinos militares: Pontevedra, Tui, Parga, a Policía Nacional en Pontevedra, Parga outra vez, Recuperación, Figueirido... Cada destino ten o seu espazo no libro, compoñendo todo un tratado de socioloxía cuartelaria, que nos informa de como era aquel exército cheo de oficiais provisionais que viñan da guerra civil e que impoñían normas, ideoloxías  e faceres. Remata  a carreira de filosofía por libre que comezara cando estaba de tenente da policía nacional en Pontevedra, algo que  decidira despois dunhas caídas do cabalo e a lesión  do calcáneo que o meteu catro meses no hospital e que case lle custa a baixa do exército. Nun incerto momento da súa vida militar, co latín presente, hai un alea iacta est, (que tampouco sería un mal título para este libro tratándose dun latinista), que o leva a idea de que cómpre facer algo e ese algo que cumpría  facer tiña nome: democracia, un exército moderno baixo mando civil, e tiña, ía ter,  unha organización: UMD. Fortes recibe en Pontevedra poucos meses despois da revoluçâo de Abril en Portugal, agosto de 1974, a visita de dous compañeiros que leran o seu estudo sobre o poder militar en España publicado pouco antes. Despois das reticencias dos primeiros contactos recoñécense entre si e deciden organizarse. Fortes propón UMD  nome que será aceptado nas xuntanzas de estado que seguen a eses primeiros contactos.      
A historia da UMD, dos seus programas, do proceso e das cárceres nas que estiveron, abonda en nomes, datas, acontecementos, personaxes, avogados, viaxes a eito, xuntanzas onde se podía, manifestos, mandos castrenses, anécdotas, momentos calmos, desacougos, incertezas, relacións cos portugueses, con Otelo, con Rosa Coutinho,  análise das diferenzas entre os exércitos francés ou portugués e o español, cheo este último de provisionais e xurdido dunha guerra e polo tanto non un exército nacional senón político,  razóns que levaron aos da UMD a pensar que non era posible en España un golpe á portuguesa nin era imaxinable en España unha escena como a que María de Medeiros filmou en Capitâes de Abril, na que Salgueiro Maia, que en paz descanse, se enfronta ao brigadeiro que mandaba unha acoirazada na Baixa de Lisboa e arranxa a situación sen disparar un tiro. Aquí, pensaban os da UMD, habería sangue. De certo, aínda que amolecida e esvaecida, a situación facía lembrar a frase de Churchill na Segunda Guerra Mundial: Toda Europa está ocupada polo exército alemán, agás España, que se encontra ocupada polo seu propio exército.  
 A Fortes detivérono ás cinco da mañá do 29 xullo de 1975  na súa casa. Non era o leiteiro, aínda que en Galicia de ser, sería “a leiteira”, senón un comandante e un capitán na compaña dalgúns guardias civís. Fortes aplica o “protocolo inglés”. Dille á Maricarmen, a súa muller que prepare un almorzo de fartura e devagar, despois de facer un convite de cortesía, van debullando as tostadas o café e as laranxas. Ao rematar algo cambiara. As caras de ferreiro dos civís esvaeceran, volvía  ser capitán es os guardias civís presentes se cadran cando deixa a mesa. De alí levárono a Madrid onde xa estaban os oito compañeiros da UMD tamén detidos e aí empeza outra historia que ninguén mellor ca el para contar que seguirá na cadea de El Hacho en Ceuta, en Hoyo de Manzanares, historia chea de desacougos, de interrogatorios, incomunicacións, algunha folga de fame, de momentos incertos, tamén de valor e de humor. Despois do xuízo, sentenciado a catro anos e expulsado do exército.vai para o Castelo da Palma en Ferrol onde pasará un ano ata a súa liberación. Como esquecer ao comandante Sardina que os acolle no castelo dicíndolles;  aquí esta o regulamento e aquí a caixa forte. Se me dades a vosa palabra de honor de que non vades facer declaracións á prensa meto o regulamento na caixa forte e podedes vivir ao voso xeito. Se non, aplico o regulamento. Este comandante levounos un día a xantar a Vilalba e a pasear polas rúas de Mugardos estando presos. Cumprida a condena, rebaixada pola amnistía, volve a Pontevedra. Fóra xa do exército, dirixe Vagalume, da clases en  colexios, consigue a praza de PNN no instituto de Pontevedra, milita no PSOE moi pouco tempo, é concelleiro independente en Pontevedra por Unidade Galega, dirixe o Instituto da Xunqueira, despois faise cargo da subdirección da Universidade de Verán, escribe libros sobre a Ría de Pontevedra, sobre a cidade, sobre Caroi, sobre Galicia e o mar, sobre o exército, sobre a UMD, sobre o noso instituto...
  Nas súas desventuras tivo sorte. Atopou onde non o agardaba, xentes alleas a súa maneira de pensar que coma el, tiñan principios e sabían recoñecer as inxustizas onde se producían. O policía que ao se cruzar con el na rúa, sen nin sequera volver a cara que avisa: Fortes ten coidado...estás vixiado... Os obreiros que lle facían a casa, que renuncian a cobrar mentres non saíra da cadea; o director do Instituto de Pontevedra, Marcelino Jiménez, que foi tamén profesor meu, falanxista confeso de camisa azul nas clases, que o aceptou como PNN e defendeuno fronte ao Gobernador Civil cando este quixo que o votasen; a compañeira PNN que renuncia á praza pois Fortes a necesita máis que ela; a monxa teresiana que dirixiu a súa tese e coñecía o seu agnosticismo e as súas ideas que se ofreceu para o que fose preciso, os amigos que como César Portela ofreceron  diñeiro do seu peto, os mandos que o respectaron...E que dicir dese vello policía nacional que estivera baixo as súas ordes en Pontevedra, que cando xa de civil  foi pasar a censura da revista Vagalume na delegación do goberno,  onde agora traballaba o ex-policía de bedel, foi correndo ao banco, tirou un feixe de billetes de mil pesetas e sen dicir palabra entregoullos ao Fortes clandestinamente...Fortes non os aceptou pero o detalle,  conta e moito...   
             Tamén houbo decepcións, e ás veces viñeron de onde menos as agardaba. Fortes escribe:
Lo que no fui capaz de comprender fue la ausencia entre las visitas solidarias que recibió mi mujer de algunos compañeros de armas con los que mantenía una buena amistad...ninguno de los oficiales de mi unidad, con los que me unían viejos lazos de amistad se había atrevido a visitarla...falta de agallas....
Para moitos destes compañeiros foron os da UMD “invisibles” durante moitos anos, aínda hoxe o son. Mesmo houbo tamén algunhas arroutadas que só os que coñeceron a vida militar daqueles tempos poden comprender. Un capitán leva a compañía ata o edificio de La Voz de Galicia. Déixaos formados no exterior , entra e dille ao director que se volve a publicar outra noticia insidiosa sobre o exército volve cos soldados e queima o xornal.
Todas esas historias non poden ser resumidas. O índice onomástico do libro acolle máis de 700 nomes onde non falta case ninguén,  así  que calquera resume que se intente é imposible. Hai que ler o libro e hai que o ler de vagar tanto nas páxinas dedicadas á UMD, ao xuízo, ao exército, ao seu papel como asesores de Suárez, que tivo que recorrer a eles xa fóra do exército, para saber o que pasaba nos cuarteis, ao papel de Narcís Serra, como as dedicadas a vida civil  e podo asegurar que será unha lectura tan amena como de  proveito, aínda que espero que Pepe poida resumir aquí, el si pode, e para todos nós, algo desta historia, desta importante historia que lle tocou vivir
Nos tempos da UMD de Fortes a militancia democrática era algo no que había moito que perder, (os militares moito máis que os demais) e nada que ganar, xusto ao contrario do que hoxe acontece onde na política hai moito que ganar e pouco que perder. Había pois unha sorte de peneira ética pola que non pasaron todos aqueles que despois en tempos máis calmos e menos perigosos, fixéronse antifranquistas retrospectivos. Non foi o caso de Fortes e os seus compañeiros. Con eles a xustiza foi serodia e se cadra cativa aínda que polo que eu sei, eles non se queixaron. Sempre souberon o que se xogaban. O país, coido eu ten unha deuda con estes militares que foi pagada serodiamente e sen os intereses que lles correspondían. Ben estivo a súa rehabilitación, a medalla ao mérito militar que recibiron el os seus compañeiros hai dous anos no Parlamento español. Ao cabo, sen a fachenda de Xulio César, e de derrota en derrota ata a victoria final,  os da UMD puideron dicir: Veni, vidi, vici.   

viernes, 6 de mayo de 2011

HISTORIAS DO FRÍO

Curzio Malaparte (Kurt Erich Suckert, 1898-1957)
1.- En 1812 o exército de Napoleón[1], famento, canso, e derreado, intentaba volver a Francia dende Moscova aterecido por unha friaxe glacial. Para manter o corpo quente en temperaturas tan baixas cómpre que as calorías inxeridas sexan dúas ou tres veces as necesarias en climas máis mornos e os rusos queimaran as colleitas e mataran ou levaran os animais domésticos con eles sen deixar cousa ningunha que comer. Os soldados para amatar a fame, intentaron utilizar como despensas vivas os cabalos que pensaban ir matando segundo fose preciso pero axiña descubriron que tiñan as mans tan xeadas que non eran quen de se poñer a escartexar un cabalo morto e xeado que tiña a consistencia do ferro. Os soldados aprenderon moi cedo as propiedades anestésicas do frío. Esgazaban cun coitelo un anaco de carne das ancas do animal vivo sen que este o sentira nin se desangrara xa que o sangue xeaba de socato. Os cabalos así descarnados, seguían en pe e camiñaban días e días con enormes feridas que ían medrando cos sucesivos anacos de carne que lle arrincaban até que caían mortos sobre o chan xeado. Con cabalos ou sen eles, moitos destes soldados da Grand Armé morreron de frío durante a longa retirada como lle pasaría tempo despois aos alemás na Segunda Guerra Mundial que, en dous meses do inverno de 1941, tiveron que facer 15.000 amputacións entre os soldados da fronte rusa que padeceron temperaturas de -30 sen a roupa axeitada. Os xenerais franceses ou alemáns descoñecían ou non lembraban o pasado militar do que poderían tirar o saber que gardaba sobre o frío como inimigo. Aníbal perdera polo frío a metade dos 90.000 soldados de infantería, a metade dos 12.000 de cabalería e tamén a metade dos elefantes de guerra cando atravesou os Alpes camiño de Italia no ano 218 d.C . Se cadra a historia sería outra sen as perdas de Aníbal, de Bonaparte e dos alemáns provocadas polo frío.
3.- De cabalos, homes e frío, fala tamén Curzio Malaparte, ese curioso personaxe fillo de alemán e italiana,  diplomático, fascista encarcelado por Mussolini, despois comunista cando rematou a guerra e que estivo como correspondente de guerra en case todas as frontes nas que loitaba o exército alemán que o mandou para Italia debido ás súas crónicas nada favorables para os nazis. Na súa novela Kaputt, que mereceu coa novela posterior A Pel, as loanzas e o estudo de Milán Kundera[2], hai algunhas escenas terribles nas que o frío e a crueldade van en compaña. Malaparte estivo en Finlandia cando esta nación entrou en guerra coa URSS (1939-40) (1941-44) que quería invadila e tivo que se aliar cos alemáns para frear o avance soviético xa que daquela a URSS era aliada de ingleses e americanos. Visitando cun oficial alemán a fronte de Leningrado, Malaparte conta como nas encrucilladas das estradas había medio enterrados na neve soldados rusos mortos e xeados cun tiro nas tempas que tiñan un brazo ergueito sinalando a dirección da fronte. No lago Ladoga, xeado, debruzábanse as cabezas de ducias de cabalos que fuxindo do lume provocado polas tropas finesas meteranse nas augas pouco fondas do lago onde os sorprendeu de socato o vento sieiro que viña do ártico que xeou as augas deixando os cabalos apertados polo xeo. Durante meses os soldados viñan sentarse enriba destas cabezas que agromaban do xeo como se fosen cabaliños dun carrusel ofrecendo unha imaxe nada doada de enxergar. Moitos anos despois, don Álvaro Cunqueiro evocará nun dos seus artigos estes cabalos "malapartianos"para dar conta dos 300 cabalos galegos da serra do Xistral que afundidos ata o peito na abondosa neve dese inverno morreron xeados, ou comidos polos lobos ao non poder fuxir como sempre fixeran cando este inimigo tradicional se achegaba.
Se esta imaxe arrepía, que dicir da que Malaparte conta en A Pel. Desta volta tratase de homes queimados polas bombas de fósforo que os aliados deixaron caer en riba dos habitantes de Hamburgo o 25 de xullo de 1943. O fósforo pégase á pel e só arde cando hai osíxeno. Os atinxidos polo fósforo votábanse ás canles das que non podía saír xa que o fósforo volvía prender de novo cando o facían. Durante días permaneceron nas augas ou tapados coa terra coa que veciños e familiares os cubrían deixando a penas agromar as cabezas en medio de laios de dor. Os familiares atendíanos, traían algo de comer e ensaiaban remedios que non procuraban alivio ningún. Una semana máis tarde as autoridades impediron o paso dos familiares e procederon, aquí Malaparte é discreto, a rematar a estes homes e mulleres que levaban días de sofremento.
3.- Tampouco foi o soldado Ernst Jünger alleo a estas relacións entre a guerra e o frío e non son poucos os que atopan un certo parecida entre Malaparte e Jünger. Os dous foron tamén homes "fríos", que describen escenas terribles  como observadores lúcidos, sen pegada ningunha de sentimentalismo na súa ollada  aínda que no caso de Malaparte, non sempre é doado saber onde remata a descripción e comeza a "invención". Bruce Chatwin no seu artigo "Entre ls ruinas" escribe: Na illa de Capri vivían tres narcisistas e cada un deles levantou unha casa na beira dun cantil.Eran Axel Munthe, o barón  Adelswärd-Fersen e Curzio Malaparte. Chatwin non gorentaba das novelas de Malaparte. Kaputt por exeplo,  nunha primeira lectura, é falsa e dalle noxo. Mesmo o acusa de inventar por autobombo,  entre outras a escena na que Ante Pavelic, daquela gobernador militar de Croacia, ofrécelle un queipo cheo con coarenta libras de ollos humanos, regalo dos seus ustachis.
        A friaxe da prosa de Júnger nunca chega a ese case "surrealismo" que Chatwin atopaba na prosa de Malaparte. Jünger nunca deixa quecer a súa prosa.   Durante a súa estancia na fronte rusa- escrine nos seus Diarios de Guerra- un pelotón de soldados baixo o seu mando refugou un ataque dos guerrilleiros soviéticos. Entre os mortos había unha fermosa rapaza de 17 anos. Sen que ninguén soubera como, no amencer do día seguinte o seu cadáver apareceu espido sobre a neve. Durante moitos meses ese cadáver mantido pola neve e as xeadas, permaneceu no lugar onde atopara a morte e os soldados presentábanse voluntarios para saír de patrulla co gallo de poder achegarse a velo. Esta fermosa rapaza coa súa beleza conservada polo xeo, e tal vez o destino ideal metafórico que moitos homes medoños coas mulleres, quixeran para a súa parella amorosa.
4.- Se o frío matou en Rusia non matou menos e de xeito dramático aos mariñeiros que durante anos foron na procura do Paso do Noroeste. A riola de exploradores que custou esa exploración e longa demais para resumila aquí. Vai dende o Franklin a Amundsen, que foi o primeiro que navegou nunha única singradura o Paso do Noroeste. Os relatos que Javier Reverte recolle no seu libro En mares salvajes, un viaje al Ártico, dan unha idea achegada non só destes exploradores infortunados senón de como é hoxe a vida nos territorios do noroeste do Canadá onde aínda viven rancorosos os inuit que o goberno canadiano levou obrigados a ocupar as terras árticas nos anos 50 co gallo da guerra fría e o medo as reclamacións soviéticas deses territorios. Hoxe esa exploración mítica pódese facer a bordo dun barco turístico ruso. No libro alguén fai unha pregunta “curiosa”: no Ártico hai osos polares pero non pingüíns; na Antártida hai pingüíns pero non osos polares..¿?
3.- Algúns datos metereolóxicos e botánicos: a temperatura mínima endexamais rexistrada na terra foron os 89º baixo cero que a estación científica rusa puido medir na Antártida en 1983. Temperaturas de 60º baixo cero son comúns no inverno siberiano e no cumio do Everest, os -40º non son infrecuentes. Por cada 100 metros que se suban a temperatura baixa 1º. De xeito curioso e abraiante, algunhas plantas como o Arum Maculatun, coñecida en Galicia como Cala, pode producir moita calor. As Calas teñen unha espádice de forma fálica no seu interior onde está o polen, que se pode quentar a si mesma sen secarse ata os 45º provocando que se fundan certas substancias que espallan polo ar un arrecendo que atrae ás moscas e outros insectos que fertilizan a planta. Outra planta alpina, a Sacadella Montana, produce tanto calor que funde a neve que está o seu carón impedindo dese xeito a súa conxelación.



[1] Frances Ashcroft. Life at the extremes.The science of survival. Flamingo.2000. Dos 500.000 soldados que avanzaron sobre Rusia só volveron 20.000 despois que a fame e o frío, (-40º), acabaran con eles.



[2] En El Encuentro, Tusquets. Malaparte conta en Kapuut, publicada en 1944 na Italia liberada, as atrocidades cometidas polos nazis cos xudeus nun tempo en que “non se coñecían” estes feitos aínda que hai dúbidas sobre a verdadeira data da escritura.