viernes, 30 de abril de 2010

A PINTURA DE XOSÉ LUIS DE DIOS


Na pintura de Xosé Luis de Dios, todo está cheo, de pintura e literatura. Dominan nela os nomes e adxectivos da mutación e da metamorfose: o serpeante, o formigueante, os refugallos e ciscos, o inzar aborbollante que atinxe formas e cores. Non é doado atopar un espazo amplo no lenzo no que a cor non mute, ou as cousas estean caladas e inmóviles. As veces este inzar sen pouso aparece pechado por xeometrías que procuran impoñer un certo orden nesta amazonia formal e cromática. O vexetal, o mineral, o artificial, teñen vida. É, como se estiveramos perante unha inversión: o humano reducido a cousa; os obxectos, vivos. O humano nestes cadros semella morto. Nos cadros en branco e negro dos 70, as figuras humanas esfiañábanse en cintas. Nos de hoxe, caras e figuras semellan esculturas antigas ou se representan envolveitas por vendas como se fosen momias ou xentes queimadas.
Os últimos cadros parecen encamiñarse cara a entropía. As formas e cores denantes do borbullear e do formiguear, inzantes, pero de límites precisos, esvaecen nun neboeiro indiferenciado no que xa non e doado recoñecer formas e cores e onde xa non hai case pegada ningunha do humano. Ás veces, temos a sensación de que hai nestes cadros unha narrativa pregada agardando pola ollada do espectador para se desenvolver.
Moita da pintura de Xosé Luis de Dios semella achegarse nalgúns cadros ás técnicas dos comics; ás veces hai un relembro de Kokoschka; outras semellan cadros de colección, naturezas mortas. Son como bodegóns” do noso tempo, pero hai unha diferenza importante que os arreda dos seus devanceiros. Un cadro como Os tesouros de Paston, un anónimo holandés de 1665, mostra unha escena acugulada de obxectos na que hai tamén, como na pintura de de Dios, cabezas e bustos escultóricos. Pero se trata aquí dun cadro de colección onde o pintor recolle por encargo, os tesouros do propietario co gallo de expoñelos sen risco ás olladas dos visitantes. Nos bodegóns de de Dios, atopamos o mesmo amoreamento de cousas estradas ao chou, pintadas sen perspectiva, pero non son tesouros.Son cousas desbotadas da vida cotián. Hai nesta pintura, unha longa e demorada reflexión sobre unha humanidade sen alma e consumista que vive rodeada polos refugallos e lixos do seu vivir.
Unha das mais importantes funciones da arte é, a anticipación do futuro. As artes soñan no que virá dicía Yeats. Este pintor vedoiro e “divino”, anticipou un futuro. Dende hai algún tempo, viven entre nós, case sempre agochadas e silandeiras, algunhas xentes que a medicina moderna considera novos Dióxenes. Enchen as súas casas cos residuos que producen as cidades e viven rodeados por eles. Cazadores-recolectores, formigas excesivas, son eles mesmos un refugallo, unha mostra obscena dun porvir que xa está aquí no que unha gran parte da humanidade será reducida a un refugallo, a unha cousa superflua que xa non será necesaria nin sequera para ser explotada. Ninguén sabe que facer con eles. Non teñen abeiro no mundo de hoxe. Zygmunt Bauman fala de "vidas desperdiciadas", da industria de producción de residuos humanos. Os bodegóns de Xosé Luis de Dios, son imaxes anticipadas dese escenario no que homes e mulleres, espidos porque nada teñen, e estatuarios, porque xa non teñen subxetividade nin gobernan a súa vida, viven mesturados cos refugallos dun mundo que os trata tamén a eles, como cousas desbotadas.
O que distingue as civilizacións é a grandeza das súas ruínas. As nosas velaí están.

PD: O 2 de agosto do 2010, faleceu en Tui Xosé Luis de Dios

jueves, 29 de abril de 2010

CATRO CITAS PARA UXÍO NOVONEYRA




Leo a Novoneyra dende hai moitos anos. Sei moitos versos de memoria. Se tivera que citar un poeta galego, un único poeta galego, eu diría Novoneyra. Non é que sexa un experto na poesía galega, pero leo o que vai saíndo, e moitas veces o que leo, teño que confesalo, non esperta moito interese en min. Teño a impresión de que algunha, senón moita, desta poesía de hoxe, non só galega, pertence a ese xénero musical de significantes na procura de harmonía mais sen significado, que Alfonso Reyes chamou jitanjáforas e Juan Ramón Jiménez arremedaba dicindo: lata,lata,lata, hojalata..... Se cadra, é unha eiva miña de lector conservador mais nesta altura un xa ten a idade precisa para non ter que dar explicacións nin xustificar os seus gustos. Novoneyra é outra cousa, resiste, e este é un criterio definitivo, a relectura, e coma el, hai tamén na poesía galega nomes de abondo que non seguen o rego das jitanjáforas. Ou sexa: que son un lector hedónico de Novoneyra que nunca andou pescudando os trazos e as esencias que definían esa poesía porque nin sabía facelo nin o precisaba. Que houbese  influencias do haikú, de Pondal, dos cancioneiros ou de Valente, que a carón da súa poesía telúrica fose tamén un poeta experimental, social ou político, e cousa que cómpre estudar e que me interesa pero non é o que a min me achega como lector a este poeta, a este para min, inmenso poeta.
Hai catro citas afastadas entre si en tempo e espazo, nas que eu pensei descubrir unha certa veciñanza de espírito con Novoneyra .
1.- Alá polos anos 20 do século pasado publicou Borges nunha revista arxentina para “modistillas” unha reseña de Mark Twain. Nela dicía Borges:
Mark Twain compuso “Huckleberry Finn en colaboración con el Mississippi, río americano y borroso... Pensaba en Novoneyra?...Sen dúbida non, pero hoxe podemos escribir algo semellante e con igual certeza:
Uxío Novoneyra compuso “Os Eidos” en colaboración coa Serra do Courel, “SERRA aberta, inmensa antiga herencia”... ou, Uxío Novoneira compuxo a Letanía de Galicia en colaboración coas Galicias mariñeira, labrega,obreira, irmandiña, viva...
2.- Nos anos 50 do século XX, unha profesora inglesa de xeoloxía, Jacquetta Hawkes, deu ao prelo un libro que sen deixar de ser de xeoloxía era moito máis. A Land, Unha Terra, falaba de pregamentos, de estratos, de costas e penedías, de vales, outeiros e cavorcos, mais era o seu xeito de enxergaren a terra o que facía o seu libro único: eu vexo unha terra, dicía, tan modelada polas creacións dos seus poetas e pintores como polos cambios de clima e vexetación... Pensaba en Novoneyra?.. En Octubre de 1967 os pintores Xaime Quessada e Virxilio foron visitar a Novoneyra ao Courel. Pasaron alí unha semana na pousada das tías de Uxío. Polo serán, de a cabalo, viña visitalos Uxío e alí quedaban latricando do que fose, amigo ou inimigo, ata que a noite ía ben adiantada. Aquela xuntanza naqueles afastados cumios chamou a atención da Garda Civil e mesmo do Gobernador que alí se presentou para identificar aquel fato de presuntos roxos nunha data na que chegou a nova da morte do Che. Uxío, de socato, compuxo o seu Pranto polo Che que mandou a un xornal cun debuxo de Quessada.
O da Garda Civil foi unha anécdota resolta sen maiores problemas, pero neses días, Quessada e Virixilio, pintaron o Courel, pintaron durante unha semana e pintaron moito, óleos e pasteis sobre papel. A terra que Jacquetta Hawkes vía modelada polas forzas telúricas e por poetas e pintores, estaba alí enteira tal coma ela a vía, pero enteira xa non está. Temos os poemas pero non os cadros. Algúns dos cadros de Virxilio penduraban até non hai moito nas oficinas de Caixa Ourense, despois Caixagalicia, hoxe, nin se sabe. Os do Quessada, ninguén sabe onde están.Coñecendo a pintura destes dous artistas....Que fermosa exposición podería facerse hoxe cos poemas de Os Eidos e os cadros de Virxilio e Quessada. Non puido ser. Un novo Voltaire (Bar Tucho), outro xa foi.
3.- Paul Shepard é un descoñecido entre nós. Non ten que eu saiba, ningún libro traducido ao español e tampouco ao galego. Teño a certeza de que Novoneyra gorentaría do seu libro Man and Landscape, unha visión histórica da estética de natureza, porque do que nel se fala, tiraríase moito proveito para achegarse á poesía de Novoneyra... A lingua rompe a natureza en palabras e as reconstrúe como frases... un entorno sen nomes de lugar, pon medo. Velaí as razóns de que cando botaron os Masai das súas terras levaron con eles os vellos nomes e con eles bautizaron as novas terras. Velaí porqué os irlandeses teñen un xénero especial de poesía, as Dinnseanchas, para contar a vida e historia dos topónimos do seu país. Son dalgún xeito, romances da terra e a ese xénero poético non é alleo Novoneyra que pensa que nomear, dicir os nomes da terra é como un esconxuro, pois eses nomes están cargados de todo o que neses sitios se deu ou se soñou. Non sei cal e o porvir que nos agarda agora que o rural galego vai quedando ermo e baleiro, con moitos lugares onde apenas queda alguén pra aguantar dos nomes, nin Novoneyras para invocalos.
4.- De tudo o que fomos restan apenas dúas coisas, a paisagem e a lingua, o châo e o verbo, escribe en algures no seu inmenso Diario Miguel Torga. Pensaba en Novoneyra?... Non sei se sabía del, mais ninguén como Novoneyra foi quen de recoller estes “restos”, chao e verbo, lingua e paisaxe, e facelos revivir. Residimos tanto na terra como na lingua dicía Novoneyra e que mellor lugar que os topónimos, espazos onde lingua e terra, chan e verbo se xuntan e invocan a memoria dos devanceiros como el dicía. Novoneyra conservou a lingua, único sitio onde seguen vivos os antepasados. Mais que conservala, estaba dentro da lingua como el dicía, e cómpre que alguén conserve o chan, e para iso, aínda non temos Novoneyras.
                             Di Novoneyra en Os soños teimosos, que o poeta descobre, garda e doa...Pois iso...

martes, 27 de abril de 2010

xuizos a mortos


No ano 897, o papa Esteban VI, que sucedera a Bonifacio II, en complicidade coa familia Espoleto , mandou desenterrar o Papa Formoso que fora o predecesor de Bonifacio e estivera enleado con asuntos políticos e dinásticos que prexudicaran á familia Espoleto nas súas reivindicacións dinásticas. O cadáver, que levaba un ano soterrado, foi vestido coas roupas papais, interrogado polo papa Esteban e condenado, xa que non contestou nin se defendeu das acusacións do seu interrogador. Aplicáronlle a damnatio memoriae, polo que foron borrados ou declarados nulos todos os seus decretos e actas, e eliminada calquera pegada que puidera quedar da súa biografía nos rexistros civís e da igrexa. Por se non abondara, o seu cadáver foi arrastrado polas rúas de Roma e guindado ao Tiber. Hai un cadro de Jean Paul Laurens (1838-1921), no que se pode imaxinar o que puido ser aquel xuízo. O corpo de Formoso foi recollido do Tiber por un eremita que o enterrou cristianamente, e anos despois, cando as leas dinásticas apousaron, foi enterrado no Vaticano onde repousan os seus restos dende entón.


Oito séculos despois, no 1658, Oliver Cromwell, que mandara decapitar ao rei Carlos I para sucedelo no goberno “republicano”do Reino como Lord Protector, morre de malaria e foi soterrado na Abadía de Westminster. En 1661, Carlos II, fillo de Carlos I, foi reposto no trono polo Parlamento poñendo fin ao breve período republicano de Cromwell. Como Leónidas, Ricardo III ou Rasputín, por orde do rei, o seu cadáver foi sometido a unha execución póstuma. Desenterrado da súa tumba na Abadía de Westminster, encadeado, xulgado, decapitado e queimado, a súa cabeza estivo pendurada dunha pica exposta ao público varios anos e andou logo sen paría por varios sitios até que foi soterrada en Cambrigde, aínda nos anos sesenta do pasado século. Foron xuízos póstumos de cadáver presente.
Co paso do tempo os costumes fóronse facendo mais civilizados e quedou para a historia o traballo de xulgar os mortos e poñelos no lugar que lles podería corresponder. Con Cromwell nin sequera hoxe hai acordo: hai quen pensa que foi un rexicida ambicioso e quen pensa que foi un loitador pola liberdade.


Hai que agardar que os que hoxe non están satisfeitos co xuízo da historia e queren convocar a un morto diante dun tribunal para que responda polos crimes cometidos non faga desenterrar o seu cadáver para sentalo na sella dos acusados pois o morto, como é de supoñer, non contestará o que de certo, non o vai librar como ao Papa Formoso, da damnatio memoriae polo que se procederá e facer desaparecer toda pegada dos seus tempos de goberno, cousa de certo nada doada como o caso de Eróstrato confirma, xa que coa única finalidade de ser lembrado polas xentes de porvir, meteulle lume ao templo de Artemisa en Efeso. O decreto de prohibir rexistrar o seu nome para que non aparecen xamais na historia foi inútil como se pode comprender.


Non é o mesmo historia que memoria. A historia analiza, interpreta, é, ou procura ser, obxectiva. A memoria é subxectiva, persoal, sentimental. A quen lle asasinaron o pai ou un fillo non se lle pode pedir obxectividade nin ten porque tela. Á historia si. Entre nós semella que a memoria se meteu onde debía estar a historia. Hoxe a historia da Segunda Guerra Mundial di Tony Judt, estase a retirar dende a praza pública ás aulas e os libros de historia. A Guerra Civil española semella estar volvendo á praza e aos tribunais para xulgar mortos que deberían ser xulgados pola historia e os historiadores. Os que así proceden semella que teñen boa memoria e pouca historia, e iso é sempre perigoso.


Formoso, Cromwell... Haberá que se velar...

viernes, 5 de marzo de 2010

Neuroteoloxía, xenes e blasfemias

1.-Dende hai anos unha nova disciplina científica, a Neuroteoloxía, anda na procura dos alicerces cerebrais da relixiosidade, que cómpre diferenciar da relixión do mesmo xeito que diferenciamos o linguaxe que é unha cousa, da lingua que é outra.
A relixiosidade, ou si se quere, a espiritualidade, é un feixe de supostos implícitos ou explícitos entre os que se poden salientar os seguintes: A crenza na existencia de axentes e poderes sobrenaturais invisibles que gobernan o universo, que teñen poder sobre os seres humanos e aos que se pode recorrer para que interveñan no mundo cotiá; a crenza de que hai un espírito inmaterial e invisible distinto do corpo que é e inmorredoiro e que sobrevive despois da morte dunha maneira non física; a crenza de que hai algunhas persoas que poden ter experiencias subxectivas de tipo místico nas que albiscan ou se comunican con ese mundo sobrenatural; a crenza de que a realización de certos ritos pode modificar o mundo natural.
Estes seres invisibles e inmateriais violan tres tipos de coñecemento intuitivo: o biolóxico, (xa que non nacen, medran, envellecen e morren); o físico, (xa que poden atravesar corpos sólidos como os fantasmas ou ser invisibles); o psicolóxico, (pois teñen capacidades mentais non humanas). Ao mesmo tempo, na maioría das relixións, son seres que teñen tamén semellanzas cos seres humáns. Poden ter desexos, e sentimentos como calquera ou enganar ou ser vingativos. O exemplo occidental mais coñecido son os deuses do panteón grego mais o fenómeno está espallado pola maioría das relixións coñecidas[1].
Cando Jünger escrebe que ser relixioso é estar baixo o fascinio do mundo e afirma que a causa deste fascinio non é a relixión senón a súa consecuencia, fala de relixiosidade non de relixión. Os supostos non abranguen todos os fenómenos que chamamos relixiosos. O budismo poñamos por caso, non ten demos nin deuses, nin ceos nin infernos. Sería mais unha técnica espiritual que unha relixión do mesmo xeito que o confucianismo é mais unha ética que unha relixión[2]. As relixión son múltiples e abranguen as moitas maneiras de organizar este feixe de supostos da relixiosidade.
       A relixión é un problema para a evolución. Algo moi custoso, que vai contra os feitos observables e contra a intuición e que obriga a facer cousas inuteis en termos evolutivos, non debería ter sobrevivido: anos e vidas dedicadas a construír estruturas enormes que ninguén usa (pirámides); sacrificios de animais ( ovellas, vacas, porcos..); queimar as viúvas cos seus homes mortos; dedicar un día enteiro a non facer nada (venres, sábado ou domingo) [4]. Mais velaí está, e os evolucionistas afirman que se esta aí a pesar do traballo e aparente inutilidade que implica, é que debe ter algunha vantaxe en termos evolutivos pois de non seren así tería desaparecido hai moito tempo. Esa suposta vantaxe non ten porque acreditar a existencia de seres divinos senón que pode se tratar dun “efecto colateral”: se un cree na vida despois da morte pode loitar sen medo ou con menos medo; se pensa que os seres invisibles castigan certos comportamentos estes poderían ser evitados dentro do grupo que sairía reforzado o que nas grupos nómades de cazadores-recolectores é algo vital.
Dean Hamer, autor de The God Gene, diferencia a relixión da expiritualidade e pensa que existe un xen responsable da espiritualidade, o VMAT2, escribe:
A relixión a diferenza da espiritualidade é transmitida pimariamente non por xenes, senón por memes, unidades de cultura autoreplicantes , ideas que pasan dun a outro individuo ao través da escritura, da fala, do ritual e da imitación[3]...
Para Hamer a espiritualidade si tería unha base xenética que el relaciona máis ou menos co xen VMAT2. As críticas de The God Gene foron numerosas e retranqueiras. Carl Zimmer por exemplo, afirmou que se temos en conta o escaso rigor metodolóxico e as abastadas inferencias que Hamer tira da súa hipótese do xene VMAT2, sería mais axeitado que Hamer cambiara o título do seu libro polo mais longo e acaído cos feitos de:
Un xene que explica menos do 1% da varianza atopada nas puntuacións das Escalas Psicolóxicas deseñadas para medir un factor chamado Auto-transcendencia que pode significar calquera cousa, dende a pertenza a un partido verde á crenza na percepción extrasensorial, de acordo cun estudo aínda non publicado nin replicado[5].
2.- O 9 de abril de 1950 catro homes na mocidade entraron na catedral de Notre Dame cando se estaba a celebrar a misa de Pascua. Un deles, Michel Mourre, disfrazado de frade dominico, subiu ao púlpito, fixo un pouso e dixo: Deus non existe. Había milleiros de persoas que escoitaron abraiadas aquela arroutada verbal sen saber moi ben o que estaba acontecendo.O rebumbio que se formou, di Greil Marcus[6], foi mais alá de que se podería imaxinar.A Garda Suiza ripou os sables e foi polos provocadores chegando a ferir a un deles, un rapaz de vintecinco anos. Detidos, salvados mais ben, pola policía, a lea foi seguida doutra lea, desta volta nos xornais de todo o mundo. Non é doado hoxe entender o que daquela foi un acto semellante que nin sequera os surrealistas puideron imaxinar e moito menos realizar. A historia de Mourre, que estivera de verdade nun mosteiro dominico e anos despois publicou un libro de arrepentido, Malgré le blaspheme, que mereceu a aprobación dos bispos franceses, merece unha pequena navegación informativa polas páxinas de Internet.
Mourre era un situacionista “avant la lettre” pero non facía nada novo. Moitos anos antes en 1918, o comisario para asuntos culturais dos bolxeviques, Anatoli Lunacharsky, argallou un xuízo contra Deus por ter de cometer crimes contra a humanidade. No banco dos acusados, unha Biblia representaba a Deus. Os avogados defensores, de oficio hai que supoñer, nomeados polo temperán estado soviético, fixeron o seu traballo mais os fiscais fixeron tamén o seu. Despois de cinco horas de testemuñas e alegacións os avogados pediron a absolución de Deus por tolemia. O tribunal non tomou en consideración a petición pola gravidade dos crimes cometidos e condenou a Deus a ser fusilado. Na mañá do día seguinte, 17 de xaneiro de 1918, un pelotón disparou varias refagas de metralladora contra o ceo para cumprir a sentencia.
Seica esta é unha teima que non cesa. Hai uns anos, un senador afroamericano polo estado de Nebraska volveu pedir que Deus fose xulgado xa que o facía responsable dos asolagamentos, tremores, furacáns, fames, secas guerras e andazos que inzaban polo mundo adiante. O senador, Eric Chambers, segundo informa o xornal El País, tiña invocado a Deus varias veces para que se presentara diante súa para responder dos feitos criminais que lle apoñía. O curioso é que, a xuíza que tramitou a súa denuncia tivo logo que arquivala por enderezo descoñecido do denunciado.




[1] Citados en The prehistory of the mind. Steven Mithen. Phoenix.1988.
[2] Dennett.D. Breaking the spell. Religion as natural phenomenon.Penguin Books. 2006.
[3] Hamer.D.The God Gene.Anchor Books. 2004.
[4] Atran.Scott. In gods we trust. Oxford University Press. 2002.
[5] A Gene That Accounts for Less Than One Percent of the Variance Found in Scores on Psychological Questionnaires Designed to Measure a Factor Called Self-Transcendence, Which Can Signify Everything from Belonging to the Green Party to Believing in ESP, According to One Unpublished, Unreplicated Study. http://carlzimmer.com/articles/2004.php?subaction=showfull&id=1177190905&archive=&start_from=&ucat=7&
[6] Marcus.Greil. Rastros de carmín. Anagrama.1993.

miércoles, 24 de febrero de 2010

APARECIDOS e DESAPARECIDOS


Hai anos, se cadra moitos anos, en Galicia as benditas ánimas e os aparecidos non eran cousa que estrañara a ninguén. Era cousa sabida que calquera que camiñase de noite por unha corredoira ou volvese de mocear de a cabalo pola fraga, podía atoparse con algún destes viaxeiros do alén na procura de alguén a quen lle dar recado da súa derradeira e esquecida vontade ou albiscar unha estadea silandeira cumprindo o seu peregrinaxe.
Xa non hai aparecidos e ninguén sabe que foi deles. Agora o que acolle a Galicia rural, son desaparecidos. Cada poucos días, un home ou unha muller atinxidos por ese mal que rouba a memoria, ou por razóns mais incertas, desaparece da súa casa. Veciños, policías, cans de rastrexo, ás veces helicópteros, comezan unha busca sen pouso que non sempre remata ben. Algunhas veces atopan o desaparecido xa morto e cousa curiosa, case sempre preto da súa casa nun lugar por onde din que xa pasara a xente que o buscaba. Outras veces, non aparece nunca ou algún cazador atopa os seus restos anos despois nun recanto afastado dunha bouza. Hoxe é cousa doada desaparecer nunha campía na que inzan toxos, xestas é unha matogueira mesta onde se agocha o porco bravo. Xa ninguén vai rozar o toxo, apañar piñas para o lume, decotar os carballos, traballar as leiras, levar o gando a pacer... En tempos pasados había sempre xente nos campos ou no monte, e eran eses ollos os que vixiaban o incerto camiñar dos vellos desnortados. Agora os campos están ermos e baleiros. Abonda con afastarse algúns metros da casa, para mergullarse nun mato no que xa non hai referentes coñecidos. Aí desaparecen e con eles, van desaparecendo as aldeas que devagar, tamén son devoltas ao reino da natureza virxe... É como se estes desaparecidos, nun derradeiro pulo, quixeran fundirse coa terra na que viviron como aquel gran xefe indio, Cabalo Tolo, que acoitelado por un sentinela, non quixo agonizar no leito senón deitado sobre a terra a que pertencía e sobre a que escoaba o seu sangue.
Nas cidades os desaparecidos teñen outro feitío. Só no mes de xaneiro, en Ourense, foron atopadas mortas nas súas casas seis persoas de idade avanzada que vivían soas. Algún veciño, algún familiar, avisou de que desapareceran dos acostumados ritmos da vida diaria. Hai dous ou tres anos, en Francia, un home que vivía só, foi atopado dous anos despois da súa morte, sentado nun sofá ollando un televisor aínda prendido. Casos como este, fan lembrar o verso ermo e de soidade absoluta de Paul Celan: en ningures preguntan por ti.
PD: No ano 2009 houbo en Galicia 400 denuncias por desaparicións.Houbo semanas nas que veciños, protección civil e policías, buscaban en Galicia a tres desaparecidos ao mesmo tempo. Moitos volveron ás súas casas. Outros moitos, non.En España viven solas 2.500.000 persoas, delas, 1.250.000 teñen mais de 65 anos.

jueves, 24 de septiembre de 2009

Evanxelistas

Nun capítulo do seu libro, Héroes, escribe Bruce Meyer que, os catro evanxeos recoñecidos como textos esenciais no Concilio de Nicea do ano 325, contan a vida de Xesús pero dende catro puntos de vista.
Mateo, di Meyer, é un novelista e o seu relato achégase a vida de Cristo dun xeito épico polo que a súa xinea é a dun heroe clásico. O estilo de Mateo é sen dúbida literario, cheo de aforismos, de frases memorables e de citas axeitadas  : non só de pan vive o home,  que a túa man esquerda non saiba o que fai a dereita, e moitas outras como estas, son de Mateo.
Marcos, é un periodista cun estilo enxoito, directo, pouco literario, case lacónico e sen metáforas que podería ser o de Hemingway se este relatase a pasión de Cristo. Hoxe pensaríamos que estabamos diante dun corresponsal de guerra como se os feitos foran o único verdadeiramente importante.
Lucas era médico de profesión e se cadra por iso, o seu evanxeo ten un estilo máis analítico, clínico, poderíase dicir. O seu traballo foi o da defensa do cristianismo nacente fronte a filosofía grega e o escepticismo semita, ao tempo que é a ponte que leva a san Paulo.
Xoán é o poeta e o filósofo. O seu texto no se cingue estreitamente aos feitos. Vai mais alá da realidade para converter os feitos en ideas puras. Para Xoán, a realidade non é tan importante como as ideas.
A vida e pasión de Cristo ten deste xeito catro narrativas que abranguen varios xéneros: o novelístico, o periodístico, o ensaístico e o filosófico-poético.
Con este material, é unha mágoa escoitar o que hoxe se escoita nas igrexas.

Héroes. Bruce Meyer. El ojo de nuestro tiempo. Siruela. 2007