viernes, 6 de enero de 2012

A PROPÓSITO DE "HOW SHAKESPEARE CHANGED EVERYTHING" de Stephen Marche.Harper and Collins. 2011.


Stephen Marche afirma rotundo, e se cadra excesivo, neste curioso libro que, Shakespeare foi a persoa máis influinte que nunca viviu [1]. Deu forma ao noso mundo máis que calquera líder político ou relixioso, máis que calquera explorador ou inxeniero. Os efectos das súas palabras no mundo foron sublimes e vertixinosas nas súas consecuencias. Os celos, a cobiza, os males do poder, a ambición, a vinganza, entre outros moitos sentimentos e acontecementos da vida, son aínda hoxe vividos segundo as formas que Shakespeare codificou nas súas obras. Si se coñece ben a obra de Shakespeare, di Marche, as súas  escenas e personaxes atópanse en calquera sitio e seguen exercendo as súas influencias no Hollywood americano como no  Bollywood hindú e por se non abondara, tamén foi quen de inventar 1.700 novas palabras e frases,”roubadas” de outras linguas ou dos tempos antigos do inglés que son hoxe de uso común, e mesmo de alterar a fauna dun país. En 1890, conta Marche, Eugene Schiefflin, un boticario de Nova York, ceibou no Central Park neoyorkino 60 estorniños traídos de Inglaterra. Pretendía introducir en América todas as especies de paxaros que aparecían nas obras de Shakespeare. Schiefflin xa trouxera antes dos estorniños, pardaos, reiseñores e lavercas que tamén ceibou por parques e campos, mais non sobreviviran agás os pardaos. Os estorniños aparecen na primeira parte de Enrique IV, cando o rei ordena a Hotspur que non mencione xamais o nome do seu cuñado Mortimer diante súa, e Hotspur pensa en mercar un estorniño e aprendelo para que repita sen pouso o nome de Mortimer na presenza do rei. Hoxe, eses 60 estorniños que o boticario Schiefflin ceibou no Central Park en homenaxe a Shakespeare, convertéronse en douscentos millóns que estragan edificios, xardíns e colleitas sen que ninguén poida atopar un medio de arranxar as desfeitas. No ano 2009, un granxeiro, farto dos estragos que os estorniños facían no penso do seu gando e aconsellado polas autoridades agrícolas, puxo veleno no penso e provocou unha chuvia de estorniños mortos que caeron sobre as rúas da cidade de Griggestown onde tiñan os seus niños e onde os estorniños quixeron ir morrer. Esa chuvia tivo un precedente na loita apocalíptica no ceo á que asistiron en 1621 os cidadáns da vila irlandesa de Cork, cando dúas enormes bandadas de estorniños que derramaban as súas colleitas, enfrontáronse por causas descoñecidas nun batalla aérea que fixo que caeran os paxaros mortos a milleiros  sobre as rúas até que case ningún deles quedou vivo. O f ilme de Hitchcock, Os Paxaros, inspirado na novela de Daphne du Maurier, tivo neste suceso a súa orixe [2].      
   Shakespeare é obvio que coñecía que os estorniños son un dos poucos paxaros que son quen de pronunciar palabras. Era un costume moi espallado dende os tempos da Roma imperial manter estorniños engaiolados nas casas. O emperador Claudio (41-54 a.C) o seu fillo Britanicus e Nerón, tiñan estorniños que dicían palabras en grego e latín. Ese costume mantívose ata tempos moi serodios. Mozart tiña un estorniño que mercou nunha tenda cando escoitou como o paxaro cantaba unha melodía moi semellante á do seu concerto para piano K 453 e outra das súas obras, pensan hoxe os estudosos, o K 522, unha peza ás veces discordante, é un intento de Mozart por reproducir o canto do seu estorniño que pasou con el tres anos e a quen lle dedicou un poema e soterrou cun funeral cando morreu en 1787. Schiefflin non foi o único que levou estorniños onde non os había. Por ese mesmo tempo, “alguén” fixo o mesmo en Nova Zelandia, Australia e Sud-África de tal xeito que hoxe só Ámerica do Sur non ten (aínda) estorniños. De todos os xeitos, lle apoñer a Schiefflin levar una praga aos Estados Unidos en nome de Shakespeare, pode que non sexa xusto. Os estorniños son os maiores devoradores de lagostas que existen e doutros moitos insectos. Hai cálculos que indican que 1.500 parellas de estorniños poden comer cada día tres toneladas de lagostas, razón entre outras, polas que foron considerados paxaros divinos cando facían iso e paxaros do demo cando non había lagostas e comían entón cereais, froitas, uvas ou penso para o gando[1].



[1] Cocker.M; Tipling.D. Birds and People. Jonathan Cape. 2013.
   Hai algunas referencias máis a paxaros nas obras de Shakespeare que Schiefflin non trouxo aos Estados Unidos, pode que porque xa había alí algunha especie ou porque non tivo tempo. O cuco, os pardaus e as andoriñas,  aparecen en O rapto de Lucrecia: Why should worm intrude bud? / Or hateful cuckous hatch in sparrow´s nest?...O galo en Hamlet; en Enrique VIII, lavercas; en O rei Lear, o pelicano,  o martíño peixeiro e as lavandeiras; en Otelo, a pita de Guinea e en MacBeth, (acto 1º, escena 6ª), Banquo, no castelo, falando con Duncan, di:  Ese hóspede do verán, o vencello, familiar dos templos, proba polos seus adorados albergues que o hálito dos ceos embalsama aquí o ambente. Non hai cornixa, friso, arbotante nin recanto aconchegado onde esta pequena ave non teña pendurado o seu leito e procreante berce…

        
Marche non foi o único nin o primeiro en facer afirmacións semellantes sobre a influencia de Shakespeare. O seu amigo e rival, Ben Jonson, no limiar do Primeiro Folio onde se recolleron algunhas das obras de Shakespeare, dicía: He was not of an age, but for all time... Harol Bloom, no seu libro sobre Shakespeare, apoñíalle a este a invención da natureza humana tal como hoxe a comprendemos, afirmación que hai que comprender de xeito non literal pois o que Shakespeare inventou foi un modo novo de representar o humano que exerceu a súa influencia sobre as audiencias e os lectores de tal xeito que, hoxe, a humanidade imita as imitacións que Shakespeare fixo da humanidade. É, neste senso, di Colin MacGinn, que Shakespeare creou a natureza humana tal como agora existe, polo menos, en boa medida e non hai que lle dar ao termo crear o mesmo sentido que ten cando dicimos que Watt creou ou inventou a máquina de vapor [3]. 
              Shakespeare foi un sobrevivinte da peste  que con avalos e debalos, arroutadas e pousos o acompañou ao longo da súa vida. Cando naceu en 1564, as entradas do libro da Holy Trinity Church de Stratford tiñan un sinxelo código ao seu carón; C para bautizado, (christened), M para voda (married), e B para difunto (buried). Nos seis meses que precederon ao nacemento de Shakespeare non hai máis que vinte mortes rexistradas. Nos seis meses seguintes, máis de duascentas o que para unha vila de 1.500 veciños era unha cifra arrepiante. As viaxes entre Londres e Stratford, os tempos de silencio, os retiros, teñen moito que ver cos andazos da peste. Cando naceu había pouco que as imaxes de santos e escenas bíblicas que levaban  moitas delas 300 anos nas paredes da igrexa (The Gild of the Holy Cross), foran cobertas baixo unha capa de cal e os vellos costumes relixiosos prohibidos. A Reforma protestante non admitía o Purgatorio polo que rezar polos defuntos como sempre se fixera, non tiña xa sentido ningún e as imaxes eran agora consideradas  idolatría, pero por debaixo das novas prácticas, seguían vivos os vellos costumes e ritos, agochados ou non. Este vivir entre dous mundos, di Jonathan Bate, foi unha constante na vida de Shakespeare: foi pai de xemelgos, as súas obras eran unha mestura de traxedia e comedia, de vidas baixas e altas, de prosa e verso. Foi un home do rural que traballaba na cidade, un narrador de contos populares que coñecía as mitoloxías da antiga Grecia e Roma, que arrandeou entre o catolicismo e o protestantismo, entre o feudalismo agónico e os burgueses nacentes, entre o pensamento racional e o instinto visceral, entre a fe e o escepticismo...


            Tolstoy non aturaba as obras de Shakespeare e Chejov que si gorentaba delas, tivo que sufrir a impertinencia do aristócrata Tolstoy cando nas costas do mar negro en 1901, tiveron unha xuntanza nunha residencia de verán que lle cedera a Tolstoy a condesa Panina. Alí, Tolstoy, despois de gabar os relatos de Chejov, mostrou o seu desprezo polas obras de Shakespeare e engadiu: Shakespeare escribía mal e vostede (nas obras teatrais), aínda peor. O efecto desta observación do vello Tosltoy no máis novo Chejov, é doada de imaxinar. A teima de Tolstoy en contra das obras de  Shakespeare era algo persoal. Non se lle podía apoñer un certo desleixo nas lecturas pois aseguraba que as lera varias veces en  ruso e alemán. Un día sentou na súa mesa de traballo e non parou até rematar o seu libro Tolstoy on Shakespeare. As súas críticas eran diversas. Ían dende a mala técnica e  a puerilidade dos argumentos, até a carencia de relixión, a linguaxe excesiva, a amoralidade ou os argumentos anacrónicos. De todas as obras era O rei Lear a que máis alporizaba a Tolstoy até o punto de preferir a  antiga e moi inferior crónica de O rei Leir, na que se baseou Shakespeare, á obra deste. A razón, segundo Marche, era que O rei Leir tiña un remate feliz e O rei Lear, non. Tolstoy pensaba que as cousas e a vida, deberían ser xustas e podían ser completamente comprendidas. Shakespeare pensaba que a vida nunca podería ser completamente comprendida e que o “it depende” era a resposta máis axeitada á maioría das preguntas que nos facemos.               
Tolstoy, porén, tiña algo de razón cando criticaba os anacronismos de Shakespeare que son coñecidos de antigo  En Xulio César por exemplo, soan as campás dun reloxo e outro reloxo aparece en MacBeth (século XI) onde tamén hai artillería. O rei Lear usaba lentes que daquela aínda non se inventaran. En A Tempestade, un barco zarpa de Milán (que non ten mar) e o mesmo acontecía en Conto de inverno, onde un barco atraca na Bohemia checa. Hamlet é un personaxe do século X, pero na obra se menciona a Universidade de Wittemberg que se fundou no XVI onde Lutero cravou na  porta da súa capela as súas teses. Tampouco  hai outeiros no Elsinor de Hamlet (é unha chaira). Antífolo de Siracusa, n´A Comedia das equivocacións, pregunta por América e as Indias séculos antes de que fosen descubertas polos europeos. O Rei Xoán sitia Angers con canóns  en 1211. Cleopatra xoga ao billar que non se inventou  ata o século XVI.  En Tito Andrónico, que se desenvolve na antiga Roma, hai un neno que chora nas ruinas dun "antigo mosteiro" e Aarón fala de ideas "papistas"...Tanto ten. Shakespeare atura erros, anacronismos e mesmo os atentados de moitos directores de escena que, teimosos, procuran modernizar a alguén que non o precisa pois os seus personaxes, non só seguen sendo modernos, senón que fundaron en boa medida a modernidade tal como hoxe a coñecemos e mesmo alguén de sona nos estudos sobre Shakespeare como Jonathan Bate, (Soul of the Age.2011), afirma que os anacronismos de Shakespeare foron intencionados de tal xeito que, o pasado iluminaba o presente e viceversa. Velaí, di Bate, que en Tito Andrónico, nun chiscar de ollos, imos dende a antiga Roma á moderna igrexa católica e dende unha imaxinaria Italia á paisaxe da Inglaterra do tempo de Shakespeare.  
Con anacronismos ou sen eles, a lingua e as figuras de Shakespeare seguen mantendo o seu poder sobre a vida cotiá. Un día, hai  años, vin nunha cafetería, como unha muller, se cadra unha actríz,  detiña os intentos de ligue dun prosma que loaba a súa beleza cos acostumados adxectivos do ligón de barra, cunha réplica de Traballos de Amor Perdidos: A miña beleza...non precisa dos floreos afectados das vosas loanzas. Descoñezo quen era aquela muller, cousa que lamento, e aínda hoxe, segue viva a miña  curiosidade por saber o que ía pensando daquela culta  muller o prosma ligón mentres se retiraba pampo e vencido. Resulta que a lingua de Shakespeare ten efectos mesmo sobre os pailáns máis rudos como o tiña o latín en boca do sancristán en Divinas Palabras de Valle-Inclán, (a quen Shakesperae non lle resultaba alleo), capaz de deter coa súa aura sagrada a uns campesiños rebuldeiros que querían acantazar a Mari Gaila: qui sine peccato est vestrum, primus in illan lapidem mittat.
           Non é o mesmo dicir que alguén está dominado pola súa muller (ou unha muller polo seu home) que dicir de Marco Antonio o que Shakespeare escribía en Antonio y Cleopatra: Perdeu  todo o seu tempero e sirve agora de fol e abano para arrefriar a unha exipcia fogosa… Se cadra,  a Bush puideron irlle mellor as cousas si lle dixera a Sadam o que lle dicía ao seu inimigo o Enrique VI  de Shakespeare: Se rexeitades a paz que vos ofrezo…provocaredes o furor dos tres servidores que me acompañan…a fame descarnada, o aceiro tallante e o lume devorador... Ou a Rajoy replicando á parella  Zapatero-Rubalcaba con O Rei Lear: É calamidade dos tempos cando os cegos guían aos tolos. Os paradoxos da relación amor-odio entre amantes están en  Romeo y Julieta: O meu único amor brotou do meu único odio. O poder corrosivo da culpa en  Troilo y Cresida:   As feridas que os homes se fan a si mesmos curan mal. Os matrimonios por interese e as súas consecuencias no lixo audiovisual, en Cimbelino:  Confesou que non vos amou nunca, que o que aloumiñaba non erades vos, senón a grandeza conferida por vos, que casou coa vosa monarquía, era a esposa do voso trono, pero dáballe noxo a vosa persoa... En MacBeth os sociólogos atoparán o que máis adiante se coñeceu como a profecía autocumpridora, e os psiquiatras teñen toda unha teoría da alucinación e do poder da culpa, e tamén un agoiro do que a psicofarmacoloxía pode facer ou non pode facer coas doenzas da mente. Shakespeare sabía catro séculos antes da neuroquímica que hai cousas que non se arranxan cun medicamento. Lady McBeth, que, ensoñada ergue do seu leito todas as noites e camiña sonámbula polos corredores do castelo,  confesa no lusco-fusco da súa conciencia o asasinato do rei Duncan,  espertando o medo e a culpa do seu home e cómplice,  MacBeth, que chama a un médico para afogar o mal:

MacBeth: Non podes acalmar o seu espírito doente, arrincar da súa memoria os arraigados pesares, borrar as angustias gravadas no seu cerebro e cun doce antídoto que a faga esquecer, guindar do seu seo apreixado as perigosas materias que pesan sobre o seu corazón?...
Médico: Neste caso o doente debe ser médico de si mesmo

Shakespeare deu forma tamén aos guións dos asasinatos de líderes políticos, democráticos ou non. En Tito Andrónico por poñer un exemplo entre outros moitos, córtanlle as mans e a lingua a Lavinia, filla do xeneral romano Tito Andrónico, para que non poida revelar quen a violou e lle cortou as mans, cousa que como Filomena, consegue ao cabo; en vinganza, Andrónico mata os fillos de Tamora, fai con eles un pastel que serve na mesa para que os coma Tamora; Tito Andrónico amputa a súa man para salvar os seus dos fillos pero devólvenlle a súa man amputada coas cabezas degoladas dos dous fillos; a escena final é unha matanza onde todos acaban acoitelados, matanza precedida na obra por outras moitas. Shakespeare é en moitas das súas obras, un devanceiro das chacinas dos filmes gore aínda que a crítica moderna revelou que Tito Andrónico e outras obras de Shakespeare como Timón de Atenas ou Enrique VIII,  foron escritas por Shakespeare en colaboración con outros autores como Peele ou Middleson polo que non hai que lle apoñer toda a chacina de Tito Andrónico a Shakespeare como afirma James Saphiro no seu derradeiro libro, Shakespeare (Gredos. 2012)..  Sexa como for, levar esta obra a un escenario  ten os seus atrancos. En 1951 cando se representou a obra de xeito realista en Londres, o teatro tivo que contratar un servizo de ambulancias pois dúas persoas de media caían ao chan sen sentido en cada representación cousa que seica non acontecía nos tempos de Shakespeare, máis afeitos á violencia, a pesar de que os “efectos especiais” do tempo incluían de abondo sangue de ovella ou de porco e mans e brazos de atrezo amputados, estrados polo chan do escenario. Shakespeare non esaxeraba moito. Non chegou a vivir no tempo de María I, filla de Enrique VIII,  esposa de Felipe II de España, que cando chegou ao trono despois da morte do seu medio irmán Eduardo, repuxo o catolicismo pola forza asasinando a 300 cregos disidentes o que lle valeu o alcume co que pasou a historia e a coctelería, de Bloody Mary. A súa media irmá que a sucedeu, Elisabeth I, volveu de novo ao protestantismo polo que no camiño tivo que escartexar  e destripar a 120 cregos, desta volta, católicos. Foi no longo reinado de Elisabeth no que Shakespeare escribiu as súas grandes obras. Que tiveran sangue a esgalla, non era cousa de estrañar. Eran os tempos. 
Outras veces é unha prosa “imperial” a que xustifica os crimes. Os discursos que Bruto e Marco Antonio pronuncian en Xulio Cesar despois do asasinato de César, son unha mostra inmorredoira de como se pode manipular ao populacho nesas situacións. Bruto que ven de acoitelar a César enfronta ao populacho que ateiga o foro:

E si entón ese amigo me preguntara porqué Bruto se alzou contra César, esta é a miña resposta. Non porque amase a César menos senón porque amaba a Roma máis. Prefiririais que César vivise e morrer todos escravos a que estea César morto e vivir todos libres?...Porque César me apreciaba o choro; porque foi afortunado o celebro; como valente o honro pero por ambicioso o matei; bágoas hai para o seu afecto, xúbilo para a súa fortuna, honra para o seu valor, morte para a súa ambición...
 
Acalmado o populacho fala Marco Antonio cun discurso que é o exemplo académico clásico para mostrar o que é a ironía e como facer que un populacho vertolán mude axiña de opinión e volva  pedir o castigo dos asasinos:

O nobre Bruto dixo que César era ambicioso; se o foi, a súa era unha falta grave e pagouna gravemente... pero Bruto é un home honrado; (César) era o meu amigo leal e sincero pero Bruto di que era ambicioso e Bruto é un home honrado; infinitos cautivos trouxo a Roma que encheron o tesouro público... é isto ambición?...sempre que os pobres deixaban oír os seus laios César choraba...tres veces ofrecinlle a coroa real e as tres veces rexeitouna....era iso ambición ?...

A medida que Antonio prosegue o seu discurso os ánimos dos romanos que ateigan o Foro van mudando de novo. Cando Antonio le o testamento, inzan os berros polo “nobre César” e os cidadáns marchan polas rúas na procura de vinganza. Na escena que segue aos discursos de Bruto e Marco Antonio, co populacho xa percorrendo as rúas  na procura dalgún traidor ao que matar, dalgunha casa que queimar, ou dalgunha muller cómplice que violar, Cina, o poeta, que tivera un agoiro do que podía acontecer, sae á rúa. Axiña o paran uns cidadáns:
¿O voso nome señor?... O meu nome é Cina...(o mesmo nome que o dun conspirador contra César)... !Esgazádeo en anacos...! É un conspirador...! Son Cina o poeta, son Cina o poeta... ! Esgazádeo polos seus malos versos!... !Non son Cina o conspirador!... Tanto ten; o seu nome é Cina...arrincarlle somentes o seu nome do corazón... O asasinato de Gadaffi a mans dun populacho alporizado coa sodomización cun pao incluída, segue o guión de Tito Andrónico máis que o de Xulio César, pero é Shakespeare.
Os irmáns Booth eran actores no tempo da guerra civil americana. Fillos dun actor de sona, Junius Brutus Booth, tiñan repartido o territorio para as súas representacións e tiñan ideas políticas afastadas. Edwin era unionista; John Wilkes sudista e escravista. Os dous, e tamén o seu irmán, Junius Brutus Jr., representaban obras de Shakespeare polos Estados Unidos e Inglaterra e algunha vez representaron os tres xuntos o  Xulio César. O venres santo de 1865, John Wilkes foi ao teatro Ford e asasinou dun tiro na cabeza a Abraham Lincoln. Perseguido, foi acurralado nunha granxa á que os perseguidores puxeron lume e morreu queimado. Se prenderan a John Wilkes e o xulgaran, de certo que na súa defensa recitaría o discurso de Bruto perante o tribunal de xustiza porque foron as palabras de Bruto no Xulio César de Shakespeare as que o levaron ao teatro ese día para cambiar a historia como fixera Bruto dous mil anos antes e non foi o único caso. O coronel alemán Claus von Stauffenberg, que intentou asasinar a Hitler cunha bomba e foi fusilado por este, representou na mocidade o papel de Bruto en Xulio César. Despois da súa morte, atoparon na mesa do seu despacho o Xulio César aberto polas páxinas onde Bruto reflexiona sobre o  asasinato de César.


Para Stephen MarcheShakespeare tamén fixo mudar coa súa franqueza a sexualidade moito máis que Freud. Era, ou podía ser, obsceno mesmo nas obras máis románticas. En Romeo e Xulieta poño por caso, Mentucio aconsella a Romeo, a quen imaxina ao pé dunha nespereira matinando no seu amor por Xulieta , recorrer ao open-arse, literalmente, cú-aberto,(e tamén níspero) e dicir, á sodomización, cousa que Astrana Marín que fixo a traducción das obras completas de Shakespeare alá polos anos 30 do pasado século, cambia por un etcétera, despois de advertir nunha nota a pé de páxina que Shakespeare emprega estes xogos de palabras obscenas ao longo da obra. Astrana porén, no acto III, escena segunda, de Hamlet, non fai referencia ningunha a “brincadeira” de xogos de palabras entre o sentido literal e o agochado da conversa entre Ofelia e Hamlet. Ramón Gutiérrez Izquierdo, na súa “titánica” tradución ao galego e ao español, dos sonetos de Shakespeare, desvela o significado oculto que de certo non debeu pasar desapercibido aos espectadores do tempo de Shakespeare:

Hamlet a Ophelia: Lady, shall I lie in your lap?. (Señora, ¿podo deitarme no seu colo?).
Ophelia: No, my lord - (Non, meu señor).
Hamlet: I mean my head upon your lap? - (Refírome a apoiar a cabeza no teu colo.
Ophelia: Ay, my lord- (Ah, si meu señor).
Hamlet: Do you think I meant country matters? -(¿Pensaches que me refería a follaxe?)-  (¿Pensaches que quería tocarche a cona?)
Ophelia: I thing nothing my lord - (Eu nada pensei meu señor)- (Eu na cona pensei meu  señor).
Hamlet: That´s a fair thought to lie betwen maids´legs - (É unha boa idea deitarse entre as  pernas dunha doncela).
Ophelia: What is, my lord?- ( ¿De que fala meu señor).
Hamlet: No thing -(De nada)- (Da cona).

      No tempo de Shakespeare, di Gutiérrez Izquierdo, nothing designaba o sexo da muller e country matters xoga coa fonética de cunt ( a cona) e try tentar, probar, que no argot da época designaba o coito[4].
Os poemas de amor á maneira de Petrarca que idealizaban á muller inalcanzable non son os de Shakespeare que nalgúns sonetos medita sobre porqué ten sono despois do orgasmo (soneto 129) pero non era Shakespeare, como afirma Marche, o único poeta do tempo que carnalizaba os poemas amorosos. Para Marche, se hoxe a xente disfroita do sexo ten que llelo agradecer a Freud e a Shakespeare, mais, Shakespeare non foi un sexólogo predicador da liberación sexual á maneira dun Havelock Ellis, un médico que na opinión de Theodrore Dalrymple, logrou que as súas ideas sobre unha sexualidade liberada de calquera restricción social, moral ou legal fosen aceptadas como o único xeito de chegar a unha unión mística. Dalrymple, con certa xenreira, lembra que, se cadra, eran as súas eivas nese eido as que producían esas ideas pois Ellis nunca coñeceu o espertar do sexo ata que a súa segunda muller mexou enriba del cando xa era un home de certa idade. Nas ideas de Ellis, estaba implícito segundo Dalrymple (5), que a felicidade só podía acadarse polo sexo sen límites e se non acontecía así, o que cumpría era máis sexo aínda. Que a unión entre un home e unha muller puidese ter outros fines era algo moi secundario na súa idea pero  hoxe, esas ideas, forman parte dos modos de vivir de polo menos moitos británicos de clase baixa. Abonda, di Dalrymple, comparar os escritos dos revolucionarios sexuais cun sinxelo soneto de Shakesperare para decatármonos de que Shakespeare podía carnalizar o amor pero sabía o que estaba en xogo nesa relación. O soneto 138, traducido ao galego por Ramón Gutierrez, que é o que menciona Dalrymple no seu exemplo, é unha boa mostra das moitas que Shakespeare ofrece nos seus sonetos[6]:

Cando a miña amada xura que di a verdade
Así o creo mesmo sabendo que ela mente,
Para que imaxine que son mozo ignorante
E acerca dos enganos do mundo, inocente.

Así, pensando oufano que me toma por novo,
Cando sabe que hai tempo pasei a flor da idade,
A falsa lingua dela inxenuamente aprobo,
E ambos prescindimos da máis simple verdade.

¿Por que non fala  ela e di que é deshonesta?
¿Por que eu non confeso que xa vou indo vello?
No amor é bo costume finxir total franqueza,
E andar dicindo os anos no amor é mal consello.

Así ambos mentimos, e cando nos deitamos
Desas carencias nosas os dous nos aliviamos

As fontes de Shakespeare non só eran literarias ou históricas. Ás veces tiraba os seus modelos do que podía ollar na rúa. No mes de agosto de 1600, chegou a Londres unha embaixada do que por entón era coñecido como o reino de Barbaria, o Marruecos de hoxe, con algúns engadidos. Muley Hamet, o rei, mandou a Abdel-el-Oahed á fronte dun séquito de 16 negociadores co gallo de acordar coa raíña Elisabeth unha campaña militar conxunta entre a armada inglesa e tropas de terra de Barbaria para atacar España e recuperar as terras das que foran expulsados en 1492. A embaixada permeneceu seis meses en Londres, tempo na que se fixeron moi coñecidos nas rúas polo seu xeito de vestir e polos seus costumes de non dar esmola aos pobres do país ou rezar ou matar os animais para a súa mantenza, cara á Meca. As negociacións non chegaron á ramo pero non son poucos os críticos que afirman que puideron asistir a algunha representación dalgunha obra de Shakespeare e que este aproveitou o modelo de Abdel-el- Oahed para convertelo no seu Otelo poucos anos despois: un embaixador en Londres transformado nun xeneral en Venecia, di Jonathan Bate.  
Ás veces resulta dificil recoñecer a popularidade que tiña Shakespeare en ámbitos tan improbables como o salvaxe oeste no século XIX. Conta Stephen Marche que, nos tempos da febre do ouro, Shakespeare era moi popular nas pequenas vilas ao longo da fronteira onde as súas obras convivían coas putas, o alcohol e os xogos de cartas como fontes de pracer e diversión. En 1851, en Nevada City, os mineiros entusiasmados polas obras de Shakespeare que representaban os esposos Chapman, botaban pequenos sacos de pó de ouro sobre o escenario e cando pecharon as representacións escoltaron os actores deica veciña vila de Sonora. Moitos actores fixéronse ricos representando obras de Shakespeare no Oeste. John Ford, sen dúbida coñecía esta sona de Shakespeare no Oeste. En My darling Clementine, (Pasión de los fuertes, 1946), onde se conta o duelo de Ok.Corral en Dodge City, hai unha fantástica escena na que un actor, obrigado polos irmáns  Clanton, recita enriba dunha mesa o monólogo de Hamlet no momento no que entran no saloon o sheriff, Wyatt Earp, (Henry Fonda) e Doc Holliday (Victor Mature). O actor non lembra o texto e pídelle a Doc Holliday que o continúe cousa que este fai sen dubidar. En Dawson, no Klondike canadiano dos tempos da febre do ouro, representábanse obras de Shakespeare e había un grupo local shakesperiano.
  Cando os nazis chegaron ao poder reivindicaron a Shakespeare como escritor xermánico e representaron as súas obras a eito agás unha: o Mercader de Venecia onde o xudeu Shylock tiña polo menos dous problemas a pesar de que a obra de Shakespeare non mostra simpatía ningunha polos xudeus. Un, o parlamento no que Shylock replica a Salarino defendendo a súa humanidade:

Son un xudeu. É que un xudeu non ten ollos?...non ten mans, órganos, proporcións, sentidos, afectos paixóns?...é que non está nutrido polos mesmos  alimentos, ferido polas mesmas armas, suxeito ás mesmas doenzas, curado polos mesmos medios, quentado e enfreado polo mesmo verán e o mesmo inverno que un cristián ?... se nos facedes cóxegas, non rimos? Se nos envelenades non morremos?...se nos parecemos en todo o demais, non nos pareceremos tamén niso?(na vinganza)...

O segundo problema era a filla de Shylock, Jessica, que casa cun non xudeu o que daquela estaba prohibido en Alemaña. A obra ao cabo, foi tamén representada con algunhas variantes. Jessica pasou a ser unha filla adoptada e Goebbels mandaba ao teatro en cada representación, uns cantos espectadores que asubiaban cada vez que Shylock entraba en escena. 
Tamén foi moi popular Shakespeare na Unión Soviética staliniana onde no tempo de Stalin chegáronse a facer máis de cinco millóns de copias das que foi desbotada Hamlet porque Stalin non gorentaba das teimas do personaxe principal que atopaba moi indeciso. Shakespeare non o fai a un bo nin malo, di Marche. Todos poden atopar nel algo acaído co seu particular credo político pero non é un compañeiro de confianza pois Shakespeare sempre insiste na humanidade dos seus personaxes por moi arquetípicos que sexan. O Shylock de O Mercader de Venecia por exemplo, era para os nazis un xudeu humano demais que non acaía coa ideoloxía que reducía aos xudeus a parasitos que cumpría eliminar.


Shylock non quería asimilarse e Shakespeare soubo precisar onde establecía as fronteiras para que iso non acontecera:

Paréceme ben comprar con vos, vender con vos, falar con vos, pasear con vos…pero non quero comer con vos, beber con vos i orar con vos…



O que rexeitaba Shylock era a oración e a comensalidade (comer e beber) que é un dos ritos de vinculación máis comúns e poderosos en todas as culturas. Un corolario, di Steve Pinker[7], é que os tabús da comida protexen as fronteiras do grupo porque impiden que os seus membros compartan a comida cos grupos veciños.
      Paul Robeson, (1898-1976), foi un afroamericano de vida atafegada. Avogado, cantante, xogador profesional de fútbol americano, políglota, (falaba máis de vinte idiomas, moitos deles africanos), devanceiro da loita polos dereitos civís dos negros, brigadista  na Guerra Civil española na brigada Lincoln, foi amigo de moitos persoeiros como Sergei Eisenstein ou Nehru, gabado por Neruda, por Joyce, por Hemingway, Premio Lenin de la Paz, foi tamén actor e con Otelo pasou a historia. Marche pregúntase  como unha obra "racista" (Otelo) supuxo para Robeson, segundo as súas propias palabras, a liberación de todos os seus prexuízos e fixo del un home libre. Ver nun escenario un home negro casado cunha muller branca e ademais nunha escena de alcoba, era algo intolerable para o público e os críticos do XIX coma Cooleridge,  ou para o mesmo Castelao moitos anos despois[8]. Robeson foi máis alá e levou a obra á vida cotiá e tivo relacións sexuais con mulleres brancas como Uta Hage como faría despois outro actor negro Ira Aldrigdge que casou cunha sueca e moitos anos máis tarde faría tamén Sammy Davis jr. Hoxe non é doado decatarse do que debeu supoñer naqueles tempos non só ver un negro trunfar cunha obra de Shakespeare nun escenario neoyorkino senón velo casado cunha muller branca. Ira  foi un dos  actores negros que representaron tamén outras obras de Shakespeare coa faciana maquillada de branco e abriron unha fenda nos prexuízos raciais e segundo Marche, anticiparon e alentaron a chegada de Obama. De feito Otelo foi un desafío constante para os racistas americanos. Fíxose de Otelo un árabe para rebaixar a cor aínda que o texto de Shakespeare é claro: o moor é un black man. Foi por razóns como estas, unha obra representada moitas veces con Otelos de negritude amolecida,(Otelo de bronce dicíase) e nos estados do Sur, poucos anos antes da guerra civil americana, cada ano a faciana do Otelo ía branqueando cada vez máis a súa cor. Pero hai críticos que pensan que Otelo non é unha obra racista senón unha obra sobre a vileza de Iago que emprega o racismo como coartada para conseguir os seus propósitos. Hai outros “mouros” na obra de Shakespeare é un deles, o Aarón de Tito Andrónico, que leva un nome xudeu, podería ser o representante do mal absoluto. Ningún asasino en serie moderno se achega ao que este mouro malvado afirma:

Lucio: ¿Non sentes remorsos por feitos tan atroces?
Aarón: !Si, de non ter feito mil veces máis...maldigo o día en que non fixera algún gran mal, como asasinar un home...violar unha doncela, imaxinar o medio de acusar un inocente...sementar un odio mortal entre dous amigos...prender lume nas granxas e nos palleiros pola noite e dicir aos propietarios que apaguen o lume coas súas bágoas...exhumei aos mortos das súas tumbas e puxen os cadáveres na porta dos seus mellores amigos cando case esqueceran a súa dor, e sobre a súa pel, como sobre a cortiza dunha árbore, co meu coitelo gravei en letras romanas: “Que a vosa dor non morra aínda que eu estea defunto”... fixen mil cousas terribles coa indiferenza que outros poñen en matar unha mosca e nada me causou dor agás o sentimento de non poder cometer outros dez mil máis.  

No seu libro Our Culture, What´s Left of It, Theodore Dalrymple (5), despois de analizar de xeito maxistral como ten por costume, as dúas distopías máis importantes do século XX, 1984 de Georges Orwell  e Un mundo feliz de Aldous Huxeley, lembra que para os dous escritores había un home nas súas historias que simbolizaba a resistencia á desconexión e deshumanización dos homes do seu pasado: Shakespeare. Para os dous  novelistas, Shakespeare era o cumio da auto-comprensión e sen el, a vida humana perde a súa fondura e a súa posibilidade de transcendencia. En Un mundo feliz, a posesión dun vello exemplar conservado misteriosamente protexe a un home dos efectos amolecedores dunha vida hedonista na que todos os desexos son satisfeitos de xeito inmediato. En 1984, cando Winston Smith acorda dun soño no que imaxinaba estar vivindo nun pasado anterior á revolución, onde as persoas aínda eran humanas, sente que unha palabra ven aos seus beizos por razóns que non comprende: !Shakespeare!.   
Shakespeare, sen dúbida, cambiou todo ou case todo co seu xenio mais non é alleo a posibilidade de ironías mesmo de xentes de letras que non son cativos nas súas loanzas. Cunqueiro, bo lector de Shakespeare, a quen lle dedicou varios ensaios[9], aponlle ao inglés no seu libro, Vida y fugas de Fanto Fantini della Gherardesca, ter plaxiado o discurso de Lionfante[10], (o cabalo con don de linguas de Fanto), perante o Senado de Venecia e poñelo en boca do seu Otelo o que se proba, segundo Cunqueiro, porque cando se le o discurso do Moro, (acto I, escena III de Otelo), sorprenden certas pausas que poden corresponder aos relinchos cos que o cabalo Lionfante puxo énfasis no seu. Cunqueiro propón que se faga unha proba lendo dende Most potent grave and reverend signiors…ata I won his daughter, intercalando un relincho entre frase e frase, cousa que o idioma inglés, (segue a leria de Cunqueiro), polo seu especial feitío, permite sen que sexa preciso forzar a pronunciación, tanto a que estaba en boga no Teatro do Globe nos días isabelinos, como a oxfordiana de hoxe ou a dos americanos do norte. 



A bibliografía sobre Shakespeare vai máis alá do imaxinable pero este libro de Marche, que non é un dos grandes especialistas en Shakespeare, ten moitas virtudes. Escrito con humor e fondura, unha combinación non moi frecuente, con teses arriscadas pero no atoladas, e datos pouco coñecidos ten tamén como non podía ser doutro xeito tratándose de Shakespeare, críticos de abondo  ás veces benevolentes e outras, alporizadas como a da autora do blog, Jenny Books, que considera que Marche é un xornalista que non domina a materia sobre a que escribe e tira inferencias desaxeitadas de obras que leu mal sen que por outra parte a súa crítica alporizada aporte na súa crítica algo máis que o seu propio alporizamento.    
Sexa como for, Shakespeare é un tesouro para os psiquiatras e psicólogos que queiran ir alén dos estreitos manuais diagnósticos e saber algo máis dos motivos e inquedanzas que moven aos humanos.
            



[1] Marche.S. How Shakespeare changed everything.Harper Collins. 2011.
[2] Cit. por Claudio Magris en Alfabetos. Anagrama.2010.
[3] MacGinn.C. The Shakespeare´s philosophy.Harper Perennial.2006.
[4] Gutiérrez Izquierdo.R. Sonetos de Shakespeare. Impresos por vez primeira en galego. Xerais. 2011. O significado latente vai despois do literal.
[5] Dalrymple.TH. Our culture, what´s left of it: the mandarins and the masses. Ivan.R.Dee. 2005.
(6) Gutiérrez Izquierdo.R. Op.Cit.
(7] Pinker.S. El mundo de las palabras. Paidós. 2007.
[8]Recoñezo que me sinto alonxado da raza negra por reparos incoercibles  da natureza. Cando en París vexo  a unha loira cun negro xa sei que se trata dun caso de perversión sexual e o caso da mistura da cor paréceme sempre anormal, pero esto non me impide considerar aos negros como compoñentes  da miña especie e sempre capaces de merecer a miña amistade fraternal…. Caderno A. Sempre en Galiza. Edición crítica. Universidade de Santiago e Parlamento de Galicia. 2000.
[9] “As mil caras de Shakespeare”;” Catrocentos anos de Shakespeare”;” Valentinas en Shakespeare e Donne”, son tres dos recollidos en: Álvaro Cunqueiro, obra en galego completa, Ensaios, Tomo IV. Galaxia1991.
[10] Segundo Cunqueiro, as novas do discurso de Lionfante, puideronlle chegar a Shakespeare ao través dos mariñeiros venecianos cos que este falo unas tabernas londinenses ás que adoitaba acudir.
Bibliografía mínima:
Bate. Jonathan. The genius of Shakespeare. Picador. 2005.
Bate.J. Soul of the age. The life, mind and wordl de W.Shakespeare.Penguin Books. 2008.
Bryson.B. Shakespeare. RBA.2009.
Saphiro.J.Shakespeare: una vida y una obra controvertidas. Gredos.2012.
Saphiro.J. 1599. Faber and Faber. 2005.
As citas de Shakespeare en inglés tiradas de The complete works of William Shakespe.Collins.2006.


sábado, 15 de octubre de 2011

AS ILLAS DESCOÑECIDAS 2ª PARTE

          Nas Azores de Brandão non había delitos e non era porque non se puidera fuxir. Son homes sans e case todos saben ler. As mulleres son tratadas con respecto e non se ven as escenas do Portugal continental nas que unha muller descalza vai camiñando pola estrada mentres o seu home vai de a cabalo. Para Brandão este respecto pola  muller veu de América onde case todos, eles e elas , estiveron emigrados.
En Graciosa exportan millo e traballan as vides que dan froito abondoso. Son xentes que non se deixaron asoballar e cando os terratenentes quixeron subir os alugueres non os pagaron resistindo aos soldados que foron á illa. Alí  pasou un tempo Almeida Garret nunha pequena casa e Chateaubriand fala dela nas súas memorias. 

Angra do Heroísmo. Terceira

Terceira non parece espertar en Brandão moitas emocións. Apenas a percorreu cando baixou do barco cando este fondea na illa camiño de Corvo e foi pasear polas rúas e quintas. Describe como el sabe, plantas, flores, árbores e cores do xardín dun amigo. Fala, case de paso, da súa capital, Angra do Heroísmo e pouco máis:  É Braga, escribe, Braga com mais regularidade nas ruas,mais cai nas paredes…na rua andam mulheres de capote negro, apertado na cinta e formando concha sobre a cabeça, e raparigas do povo com o lenço atado só com um nó e deixando ver as madeixas: – são as solteiras; as casadas escondem todo o cabelo e atam duas vezes o lenço no pescoço. Foi aqui que vi as mais lindas figuras de mulheres dos Açores...


Sâo Jorge

San Jorge é a illa tráxica, “fúnebre”, da que Brandão ía avisado da existencia de pastores túzaros, de avós-pais envoltos nos seus capotes vivindo en promiscuidade e de xente cunha fala propia que semella vir de tempos antigos e cerimoniais. Atopou un deses pastores, o home máis desgraciado das Azores, di, que pasa o día muxindo as vacas para levar despois o leite á fabrica de manteiga sen apenas tirar rendas do traballo que vai parar case todo ao dono da terra.
Vossa senhoria, di o pastor,  como vai e mais a sua obrigação? E dicir, a familia. O pastor é para Brandão, uma figura desamparada, isolada e triste naquele ermo triste. Toda a ilha, desde que o vi, me pareceu funesta... (o pastor) é um bruto, mas foram os outros que o reduziram à condição de bruto. As coisas mais duras di-las com a mesma cara de estanho... Desde o encontro co pastor toda a illa parece tinguida de melancolía  e mesmo refuga visitar o norte “pintoresco” abafado pola “voz de escravo” do pastor e só quere fuxir : O que tenho é vontade de fugir, medo que isto se pegue

As sete cidades.Sâo Miguel

O 30 de xulio entra en Ponta Delgada, capital do archipiélago e da illa de São Miguel, case toda ela montañosa con cumios de máis de mil metros. Terra bendita que produce de todo, dende ananás, café, té, cacahuetes, fruta, millo, remolacha, camelios... Alí hai dúas cousas maravillosas, as Furnas e as Sete Cidades: Case tenho medo falar dunha paisagem que hoje me parece irreal...Pela primeira vez na minha vida, não sei descrever o que vejo e o que sinto. Conheço os lagos voluptuosos de Itália e os lagos adormecidos da Escócia: o lago das Sete Cidades não se parece com nenhum que tenha visto. Existe ou sonhei esta água parada, esta grande cova selvática empoada de roxo, com aquela serenidade a ferros lá no fundo? Esta beleza estranha que não nos larga e nos contempla ao mesmo passo que a contemplamos?. Non hai unha lembranza para Antero de Quental nin para o seu suicidio nun premonitorio 11 de septembro de 1891 na mesma Ponta Delgada na que nacera.
Para alguén como Brandão, a prosa portuguesa máis dotada para a descrición dunha paisaxe, o que alí atopou debeu ser cousa nunca vista mais as cores fuxidías que cambian nun momento espertan nel as saudades do vello muro da súa leira de Portugal onde até as pedras cubertas por líquenes maduran como as vides.
           En marzo de 1970 é Miguel Torga quen embarca para as Azores, un sonho velho sempre adiado. A prosa de Torga é enxoita, analítica, lonxe do fervor e do colorismo de Brandão que chega a matices cromáticos que son propios dos sinestésicos, matices dos que Torga non gorentaba moito pois en 1954 escribe: Raul Brandão, que reagia tan agudamente à cor das coisas e das paixões... fatia-se e fatiga-nos cuando insiste...
 O que Torga atopa nas illas é un paraíso no que os excessos da natureza apenas subliman o que já era deslumbrador. As xentes que habitan este paraíso agasalleiras e pacíficas, parecen formar parte dunha humanidade sem pecado orginal pero Torga non esquece,  e van cincuenta anos dende a viaxe de Brandão, que detrás do bucolismo e a beatitude dos habitantes,  falta a instrução, a técnica, a planificação, a confianza e o gosto polo traballo. Marcado polo medio como ningún outro mortal, o ilhéu é o que a súa ilha é... Recoñece que foi o fascinio de Brandâo, "as pinceladas de caneta" o que o levara a ver a acuarela das Sete Cidades  mais sabe que hai "trechos da natureza que por mais poderosa que seja a mào do escritor, nunca poderâo transforma-se en trechos de literatura". Túzaro, como sempre foi para a vida de sociedade, en Angra do Heroísmo, na illa Terceira, base naval no tempo das “descubertas”, baluarte das liberdades patrias, tombo de nomes gloriosos, Vasco da Gama, Vieira e Almeida Garret, agárdano no peirao unha ducia de rapaces para entrevistalo: neguei a entrevista, claro, escribe como se fose o máis natural, pero invítaos a un pequeno xantar e intenta convencelos de que a "nsularidade é uma situaçâo nâo uma condenaçâo". Torga non fala de baleas e baleeiros aínda que no tempo da súa visita seguíanse cazando pero si que fala dunha  tradición que ten tamén Allaríz, a do boi que aquí chaman touradas de corda. Torga era feliz na súa aldea de Tras-os-Montes, lonxe do balbordo da cidade. Brandão tamén. Nas súas memorias escribe:  Considero os meses mais felizes da minha vida aqueles em que eu e minha mulher fomos viver para uma aldeia remota.

Tabucchi foi outro dos escritores que foi ás Azores mais cousa curiosa, cita o libro dos Bullar mais  non menciona o libro de Brandão o que non deixa de ser raro  para un profesor de literatura portuguesa[1]. En A Dama de Porto Pim un libro un tanto caótico, escribe unha pequena biografía de Antero de Quental, conta algunha historia local e sobre todo, fala das baleas, reproduce o regulamenta da súa caza e mesmo vai cazar a balea cuns mariñeiros de Azores. Tabucchi foi ás Azores na pocura de naufraxios. Pensaba que nunhas illas onde houbo tantos naufraxios reais tiña tamén que haber naufraxios existenciais, velaí Antero de Quental. De todos os escritores que nun tempo ou noutro escribiron das Azores, ningún mostrou a ignorancia de Mark Twain que en 1868 fai una escala nas illas de camiño a Europa co gallo de escribir o que despois sería a súa Guía para viaxeiros inocentes: A comunidade (de Azores) é a na súa maioría portuguesa, e dicir, pousona, pobre, preguizosa,..Aquí ninguen ven nin ninguén marcha. Os muleiros a quen lle alugan as bestas, visten con farrapos e son uns ladróns. As xentes dormen e comen todos xuntos nunha mesma habitación cos animais. Son porcos, están cheos de bichos, case non veneran os seus mortos  e iso si, son moi felices. Os camiños empedrados si merecen a loanza de Twain por fermosos e coidados, como non os hai nin sequera en Nova York. Twain recoñece que ningún dos viaxeiros sabe nada das Azores nin menciona a caza das baleas a pesar de que Melville xa publicara en 1851 Moby Dick onde se falaba dos baleeiros azorianos e das illas. Non é o relato da pobreza azoriana o que alporiza no texto de Twain senón a súa ignorancia e o seu desprecio polas  xentes das Azores.
De volta á Lisboa, o barco fai escala en Madeira. Como Vicente Risco, Brandão non gorenta do turismo nin dos turistas, tampouco da xente que os acolle e que vive deles pagando un prezo moi alto. O seu informe sobre Madeira, pois é un informe, é desolador e aínda que as citas son longas paga a pena reproducilas:
:
Agora conheço melhor a Madeira. Passado o primeiro entusiasmo, vejo tudo a frio.Esta ilha é um cenário e pouco mais – cenário deslumbrante com pretensões a vida sem realidade e desprezo absoluto por tudo que lhe não cheira a inglês. Letreiros em inglês, tabuletas em inglês e tudo preparado e maquinado para o inglês ver e abrir a bolsa...Eles saem dos paquetes – e logo o Funchal se arma como um teatro

 Sen chegar á xenreira de Brandão nin á de Risco, e con algúns erros, (el cante hondo) escribía Ortega y Gasset ideas semellantes sobre Sevilla en 1942 (Teoría de Andalucía):

 No hay probabilidad de que nos vuelva a conmover el cante hondo, ni el contrabandista ni la presunta alegría del andaluz. Toda esa quincalla meridional nos enoja y fastidia.  Lo admirable, lo misterioso, lo profundo de Andalucía está más allá de esa farsa multicolor que sus habitantes ponen ante los ojos de los turistas. Porque es de advertir, que el andaluz, a diferencia del castellano o del vasco, se complace en darse como espectáculo a los extraños, hasta el punto de que en una ciudad tan importante como Sevilla, tiene el viajero la sospecha de que los vecinos han aceptado el papel de comparsas y colaboran en la representación de un magnífico ballet anunciado en los carteles con el título “Sevilla”

Quincalla meridional di Ortega...Se vivira hoxe non sei que pensaría como tampouco sei o que diría Brandão que adoraba a antiga España que se resistía á exploración, e a recibir aos extranxeiros cun sorriso falso. Brandão insiste teimoso no seu noxo pola Madeira vendida ao turismo:


Sentado à porta do Golden Gate, ouço o apito do vapor, e já sei o que se vai passar: muda a armação como um cenário de mágica. Surgem homens com grandes chapéus de palha para vender bordados, colares falsos de coral, cestos de fruta; luminam de repente as lojas, e segue o desfile de tipos – pretas de Cabo Verde com foulards vermelhos na cabeça, mulheres planturosas, alemães maciços, portugueses esverdeados e febris que regressam das colónias, velhas inglesas horríveis que vêm não sei donde e partem não sei para onde, desaparecendo para sempre no mistério insondável do mar; criaturas inverosímeis que rodam a toda a força nos automóveis num frenesi que dura momentos e se passa na única rua onde há um café que transborda de luz. Mas as máquinas de bordo dão o sinal e uma hora depois esta vida fictícia desapareceu e tudo reentra no isolamento e no silêncio. Apagam-se as luzes, correm-se os taipais e os vendedores mergulham na pacatez da vida quotidiana. O quadro está sempre a repetir-se com a chegada e a partida dos grandes transatlânticos.

Brandão sabe que a Madeira do inverno ten outro feitío máis acolledor. É unha illa case tropical a dous días de barco das néboas e o frío de Londres con hoteis magníficos e un clima gorentoso. Pero tampouco se deixa enganar:

Vejamos, porém, o cenário pelo lado de trás... Turismo, álcool e açúcar têm degradado o povo e enriquecido alguns felizes da terra. O homem do Funchal, em contacto com o progresso, transformou-se em hoteleiro, engraxador e chauffeur. E o povo?... os homens degenerados e raquíticos que todo o dia desfilam na rua diante de mim?... Ponho em confronto o homem da Madeira com o dos Açores, o corvino, por exemplo, isolado do mundo e vivendo como há três séculos, e pergunto a mim mesmo o que lucrou com a civilização o habitante da cidade e o vilão. Lucraram os negociantes e os hoteleiros, afundam-se todos os outros numa abjeção que tem aumentado sempre.. Bebem nacionais e estrangeiros. No Funchal por toda a parte se vêem tabernas. Há-as no fundo das camisarias, com inglesas a beberricar. Os ourives são ao mesmo tempo ourives e taberneiros, as modistas têm balcão e copinhos... Há, logo à entrada do porto, uma de cada lado, com os barris já preparados para o consumo.. Estou muito longe daquela gente simples, daqueles homens sãos de quem me apartei com saudade...
Ora, entre o turismo que tem dado semelhante resultado e a hospitalidade, não hesito em dizer que detesto o turismo, e adoro a hospitalidade. Adoro a antiga Espanha,durante muito tempo rebelde à exploração, recusando a adaptar-se à vontade alheia, e a satisfazer os estrangeiros com um sorriso falso, até ao ponto de mudar usos e costumes para lhes ser agradável. O estrangeiro entra sempre num país de turismo como num hotel – como quem paga. Ora uma nação não deve ser um hotel – e Deus nos livre que o seja!
 Que dicir destes avisos de Brandão que ninguén leu en España e que aínda que fose lido ninguén tomaría recado deles. Agora España é un inmenso hotel cheo de escenarios para lecer de turistas e Galicia adiante inzan as bodas celtas. as festas de mouros, de castrexos, medievais, os desembarcos vikingos,ou as festas gastronómicas onde se montan os escenarios como antroidos efímeros que se desfán cando a festa remata, os turistas marchan e a vila volve aos seus tristeiros atafegos cotiás.

martes, 4 de octubre de 2011

AS ILLAS DESCOÑECIDAS DE RAUL BRANDÃO 1 ª Parte

AS  ILLAS  DESCOÑECIDAS de Raul Brandão (Oporto1867-Lisboa 1930)[1]

No mes de san Xoán do ano do señor de 1924,  Raul Brandão embarca en Lisboa no vapor San Miguel rumbo ás illas Azores, as terras portuguesas máis afastadas do continente e non só xeograficamente. Durante case tres meses percorrerá as illas anotando as súas impresións nun pequeno caderno que publicará ao ano seguinte como libro: As ilhas desconhecidas. Malia ao título, non era unha viaxe cara ao descoñecido como a que fixera o seu mítico devanceiro irlandés do mesmo nome, san Brandán, na procura da illa dos benditos, e non deixa de ser curioso que, un dos seus mestres máis apreciado a quen cita no texto, se chamara como outro monxe irlandés tamén viaxeiro: Columbano. Se cadra foron os ecos deses nomes o que o levaron a esas illas afastadas ou pode que fose algunha incerta inquedanza. Brandão non era o primeiro que escribía sobre as Azores. En 1867 un nativo das illas que vivía en Boston, como tantos outros azorianos, M.Borges de F. Henriques, volveu aos eidos nativos (illa de Flores)  e escribiu Trip to Azores. Anos antes, en 1841, dous británicos, os irmáns Bullar, pasaron un inverno nas illas e deron ao prelo A winter in the Azores e cun título semellante, pero noutra estación do ano, Charlotte Alice Baker publicou, A summer in the Azores en 1882. Brandão non cita a estes devanceiros viaxeiros no seu libro, non sei se por descoñecelos ou por non contaminar a súa ollada cos relatos dos viaxeiros que o precederon.
 Anos antes, en 1907,  Synge escribira un libro sobre unhas illas un pouco menos remotas: as illas Aran, na badía de Galway, no occidente irlandés. Tanto Synge como Brandão morrerán pouco despois da publicación dos seus libros, que quedarán como as derradeiras testemuñas de vidas dedicadas á escritura. Son libros fondos, que Vicente Risco, sempre atento ao que se publica sobre Portugal e Irlanda, lembrará en Pelerinaxes  (1929) cando escribe sobre San Andrés de Teixido:
  
Mais o misterio de Teixido ficara sen esparexer, e pra ben dalo á xente, cumpría un libro como o que o irlandés Synge adicou ás illas Aran ou o que o portugués Raul Brandâo adicou ás illas Azores...

Non temos aínda ese libro agoirado por Risco e Teixido segue agardando polo seu cronista aínda que Federico Maciñeira en 1921 publicou un estudo de moito interese sobre Teixido, hai que supoñer que non era o libro máis literario que agardaba Risco.  
A 1.200 millas da costa portuguesa e a dúas mil da americana, as Azores son como as Canarias, illas de berces volcánicos no medio do Atlántico: Santa María, San Miguel, Terceira, Graciosa, Pico, São Jorge, Faial, Flores e Corvo. Cada unha delas ten o seu propio feitío, a súa historia. Todas teñen algo en común.Tres das illas están sobre a placa euroasiática, tres sobre a africana e as demais sobre a americana. As illas máis occidentais vanse achegando aos poucos a América. A máis antiga, a illa de Pico, ten 250.000 anos.
A ruta do barco que leva a Brandão vai saltando de illa a illa. Primeiro Madeira, onde Brandão non desembarca. Despois dunha noite na mar, esperta no amencer polo arrecendo a xestas que lle chega ao camarote: é Santa María, a primeira das Azores segundo se ven do continente, illa de oleiros mais un ermo onde ás veces hai que traer auga en barcos da illa veciña de São Miguel, cousa que  a Brandão non o desacouga pois confesa que sempre lembrará o púcaro de barro poroso que torna a água fresquíssima, e o cheiro a xesta que a embalsama. Despois, São Miguel e Terceira, Graciosa, Faial e Pico, apenas albiscadas mentres o barco segue o seu rumbo polos canais que as afastan.
En Corvo, primeira illa na que desembarca “de verdade”, a máis pequena, pobre e afastada das nove illas Azores, xorden os interrogantes durmidos e os laios retóricos espertados por unha illa tan descarnada e batida polos ventos fortes que no inverno  o sino tange sozinho... Sinto-me como nunca me senti, isolado no mundo:  ¿Que vim eu aqui fazer?.¿ Foi esta pedra isolada no mar com alguns seres agarrados às leiras que me levou à viagem?. ¿Foi este resto de vulcão, sem paisagem nem beleza, que me trouxe?...  .Da illa de Corvo, xa esvaecida a primeira impresión, escribe Brandão:

Non hai portas... não há ricos nem há pobres, e neste mundo isolado tanto faz ser rico como pobre... o homem mais rico do Corvo anda descalço como os outros e lavra a terra com os filhos. O pedreiro, é pedreiro e lavrador, o ferreiro é ferreiro e lavrador, e morre à fome quem não fabrica os currais por suas próprias mãos. Ninguém se sujeita a servir – mas todos os vizinhos se ajudam: quando toca o sino a rebate, o povo acode a destelhar a casa, a construir a corte ou a levantar o socalco.





Illa do Corvo

Nunca houbo un asasinato en Corvo, segue Brandão, e até hai pouco non se usaba o diñeiro, todo se cambiaba. Xabón, tabaco e lenzo azul, chegaban traidos polos rapaces novos embarcados nos buques que ían ás baleas. Os da illa daban cebolas, patacas e leite. As vacas en Corvo son pequenas, acaídas coa illa, e são mungidas nos pastos, e produzem este leite perfumado, que não me canso de beber e que sabe a todas as ervas rasteiras que cobrem o chão como um tapete. As xentes de Corvo pasaban meses sen saber do mundo e comunicábanse coa veciña illa de Flores prendendo fogueiras nos cumios que se ven dende as 15 millas do perigoso estreito que as separa. Foi Corvo a illa que espertou en Brandão preguntas, desacougos e remuíños de ideas filosóficas e relixiosas. Cando segue a viaxe pólas outras illas o seu relato xa está espido desas ideas e desacougos. É un relato máis de viaxeiro e turista que de “antropólogo”. En Corvo atopou unha maneira de vivir primixenia, a rentes da natureza. Nas outras illas, aínda na súa pobreza daqueles anos, síntese no xa coñecido, na civilización, cos seus acertos e as súas eivas. Pouco que ver coas xentes de Corvo onde os homens são estátuas por concluir, as frases rudimentares...duas dúzias de velhos descalços, figuras de outro século, falando uma língua desenterrada. Esa metáfora, “língua desenterrada” como outras moitas do texto, mostra a fondura da prosa de Brandão.

         O estreito entre Corvo e Flores nos tempos de Brandão, era para mariñeiros afoutos. A viaxe a vela, podía levar de tres a once horas segundo os ventos e non sempre remataba ben. Os naufraxios foron moitos neses anos e aínda que había unha pequena estación telegráfica en Corvo, non funcionaba porque non tiña unha batería que a alimentase. Hoxe, Corvo, como as demais illas, ten un pequeno aeroporto pero os case trescentos quilómetros que a separan de Faial e Pico, seguen facendo da illa un lugar afastado do mundo[.2]. Un exemplo: non foi até o ano 1986 que se puído ver a televisión en Flores e Corvo 
En Flores, o cambio, escribe Brandão, é notable. Entre Corvo e Flores hai 15 millas pero a distancia que as afasta vai moito máis alá da xeografía. En Flores hai administración, servizos públicos, estradas e moitos prados e vacas.  Nin os escribanos nin os servizos públicos convencen a Brandão que ve esta illa ateigada de preguiceiros e onde tanto ten estar vivo como morto e onde as xentes aínda agardan por don Sebastião que virá cando na illa haxa tres invernos e un verán[3].                                     
                   A vida non me interesa chega a dicir nunha frase arroutada, e por vida, hai que entender as xentes de Flores que se non están como as de Corvo a rentes da natureza  non merecen a súa atención. Non pasa o mesmo coa fauna, coa flora que describe polo miúdo con coñecementos de botánico, de ornitólogo e a paisaxe coas súas cores cambiantes que describe como o probable sinestésico que foi. Aquí todo son loanzas: loa as hortensias, os camelios, os paxaros terrestres e mariños, os muíños dos flamengos, as lagoas, todo, menos as xentes.                           
                                                                                                            




Illa de Flores

           Para Brandão, Flores é a illa do leite, das vacas e dos mortos vivos. Toda a illa é un inmenso pasteiro onde dan leite os montes e os vales e mesmo dan leite os cráteres dos pacíficos volcáns que ás veces acollen unha aldea no seu colo.Todo ese leite transfórmase en manteiga que vai para o mundo. Brandão escribe que entende Corvo, pero non os intereses mesquiños dunha vila lonxe do mundo como Flores, onde tanto ten estar morto como vivo. Mesmo parece inmune a evidente fermosura da illa cos seus tres cráteres extintos. O Borges  de Trip to Azores, como nativo de Flores, fai un relato moito máis agasalleiro da illa aínda que tamén informa de erupcións, terremotos e mesmo tsunamis. No verán de 1847, conta Borges, un anaco de terra da illa de Flores dunha milla de longo e trescentos metros de altura quebrou e caeu ao mar provocando un tsunami que afogou a varios mariñeiros, dous en Corvo, sete en Flores,  nunha sorte de agoiro do gran tsunami que se agarda que aconteza na illa canaria de A Palma cando media illa se afunda no mar ao se abrir a falla que a esgaza. Non era a primeira vez que pasaba tal cousa nas Azores e non será de certo a derradeira
Faial
 

 O que as illas teñen de máis fermoso e o que as completa, di Brandão, é a illa que teñen enfrente. A illa de Pico hai que vela dende Faial ; a de Faial dende Pico. Faial, a illa azul, polas hortensias que medran por toda a illa abeirando estradas e camiños, até o punto de que Brandão despois de percorrer  illa e recollerse na pousada, confesa que: a noite não posso durmir; estou encharcado de azul. 
Os 2.300 metros de altura do volcán que lle da nome a illa de Pico fascinaron a Brandão. O estreito que a separa de Faial ten pouco máis de sete quilómetros a distancia precisa para que a montaña máis alta de Portugal, como o Teide en España, pareza un milagre no medio do océano. Se eu vivise aquí, di Brandão, gustaríame unha casa e unha cama  dende as que só se vise o pico...  E o Pico, enchería a miña vida. O home de Faial é máis labrego que gandeiro e colleita algo de trigo, millo, viño, laranxas, piñas, patacas e plátanos. No percorrido pola illa atopa os muíños holandeses ergueitos polos flamencos que colonizaron a illa no século XVI e deixaron en Faial e a veciña Pico, pegadas importantes na toponimia, na arquitectura, nos muíños, e nos costumes. Faial ten temén o  malpocado mérito de ter arrequecido a terra portuguesa. O volcán dos Capelinhos  fixo medrar dous quilómetros a illa pero 4.000 habitantes tiveron que emigrar, case todos eles, aos Estados Unidos. Na fotografía pódese ver o  faro que antes da erupción do volcán que durou 13 meses (1957-58) estaba a pé do mar.   

           Nos tempos da viaxe de Brandão, as mulleres de Faial levaban o "monstruoso" capote, unha especie de capa feita de pano groso que as cubría dos pés á cabeza e que pasaba de nais a fillas. Os ollos afeitos dos homes da illa sabían se a muller que pasaba era moza ou vella, guapa ou fea polos pés e medias que levaban o que xa é moito adiviñar.





Illa de Pico

O capote era para Brandão un trazo de carácter de Faial; o outro, era a vista da illa de Pico.Cada illa para Brandão ten unha unha cor e unha nube propia. Se Faial é a illa azul,  Pico é a illa negra, negra na terra, nas praias, na poeira das estradas, nas casas nos campos divididos e subdivididos por muros de lava, nas igrexiñas das aldeas requeimadas e tristes, mais de cando en vez, agroma no medio da negrura da paisaxe mineral un souto verde de castiñeiros, un campo de millo, figueiras, algún drago  ou un anaco do mar nos lonxes que aquí é máis azul que nas outras illas. Tamén algunhas vides que medran como en As Canarias en buratos feitos na lava e que lle deron a este viño do Pico sona mundial. A paisaxe, mesmo cando pretende ser alegre, abeira  sempre un agoiro de destrucción e morte que só se atopa tamén en Nápoles co Vesubio fumegando ao fondo.Mais foi esta illa, despois da  primeira impresión. a que o seduce:  Esta ilha negra e disforme apoderou-se dos meus sentidos. Tudo o que a princípio me repelia, o negrume, o fogo que a devora… tudo me seduz agora. O Pico é a mais bela, a mais extraordinária ilha dos Açores, duma beleza que só a ela lhe pertence, duma cor admirável e com um estranho poder de atracção. É mais que uma ilha – é uma estátua erguida até ao céu e moldada pelo fogo…

As nubes en Azores  teñen vida e feitío propio, unha vida de seu que Brandão asegura non entender ben. Cada illa ten a súa, independente das outras nubes e do ceo e con vida aparte. Xa poden asubiar os ventos do nacente ou do poñente e desfacer as outras nubes en farrapos esfíañados que a nube de seu de cada illa seguirá alí, e a nube de Pico ten unha cor pola mañá, outra no luscofusco seguindo os cambios do volcán. É un máis dos misterios das Azores.
En Pico os flamencos que colonizaron a illa no século XVI deixaron pegadas importantes na arquitectura, nos muíños, e nos costumes.  A Festa de San Marcos onde os homes casados percorren a illa en cofradía de cornudos chamando aos homes de todas as casas para que se incorporen como membros de pleno dereito aos demais cofrades, é de orixe flamenca e celébrase en Pico, Faial, Corvo e Flores, cousa curiosa, o 25 de abril. Ese día todos os casados da illa sofren de socato unha arroutada. Bebendo sen pouso, cun corno no cumio dun pau que levan  baixo unha especie de palio, os homes andan casa por casa na procura de quen se poña por diante e piden a berros que o home da casa veña bicar o corno pois o saiba ou non, é un dos cofrades. As veces a muller do interpelado berra tamén contra as inxurias sobre a súa infidelidade sen que ninguén lle faga caso: !Malandros!..!O meu homem..eu nunca lhe pregue desfeitas!....!voçes que são!  . Pola mañá todo volveu ao rego. Até o 25 de abril do seguinte ano...
No tempo de Brandão, Pico e Faial eran as ilhas máis baleeiras polo que o cheiro das factorías sentíase en toda a illa sen que ninguén se queixase: cheira a diñeiro. Máis de douscentos homes dedicábanse daquela á caza da balea e as páxinas que Brandão dedica á esta caza son como as mellores de Melville que Brandão non sei se chegou a ler. A caza das baleas ao xeito tradicional, a remo e arpón, como en Moby Dyck, mantívose nas Azores até os anos 80 do pasado século cando Portugal decidiu cinco anos antes da prohibición internacional, rematar coa caza aínda que podería seguir con ela polo seu xeito artesanal de facela. Nos tempos de Brandão todas as illas cazaban baleas sobre todo Faial e Pico. Un vixía dende o cumio dun monte avisaba cando divisaba baleas na mar. Todos deixaban entón o que estaban a facer, mesmo, acompañar un defunto ao cemiterio, corrían á ribeira, embarcaban nos botes e seguindo as sinais do vixía remaban ata achegarse ás baleas, sempre por detrás, ou en menos casos por diante, xa que a balea non ten visión pola fronte . O trancador arponeaba á balea e soltaba corda . Se había sorte a balea que se mergullaba volvía á superficie de novo e alí era alanceada. Logo había que remar arrastrando o animal ata a costa o que podía levar máis dun día. Alí comezaba o inferno. Esgazaban a balea en anacos de graxa que metían en caldeiros para fundila, abrían a enorme cabeza do cachalote e recollían o aceite, o espermaceti que vendían para lubricante de mecánicas delicadas. Se había sorte, podían atopar algo moito máis valioso, o ámbar gris, os refugallos non dixeridos dos picos dos calamares xigantes que comen os cachalotes, materia que procuraban nos  intestinos do animal e que venderían a prezos moi altos.

Melville conta no capítulo XXVII de Moby Dick como os baleeiros americanos de Nantucket que facían singraduras de un ou dous anos, facían un pouso nas Azores, (tamén en Cabo Verde), para recoller tripulantes para os seus barcos : Non son poucos os mariñeiros baleeiros que son das Azores onde fan unha escala os barcos de Nantucket para incrementar as súas tripulacións cos enxoitos campesiños daquelas terras rochosas...os homes das illas semellan ser os mellores baleeiros. No Pequod eran todos isleños... Moitos dos que se embarcaban tardaban anos en volver ou non volvían nunca. Quedábanse en Nova Inglaterra e para alá levaban emigrados a parentes e mulleres coas que casar. Aínda hoxe, en Massachussets viven milleiros de portugueses e caboverdianos que manteñen xornais, emisoras de radio, centros de ensino en Portugués e tamén en crioulo de Cabo Verde e van e veñen das Azores para América como quen vai de Vigo a Ourense. Se puidesen, escribe Brandão, en 1924, todos os azorianos emigrarían para América e as illas ficarían despoboadas.Esa emigración non  se detivo nunca e segue hoxe.Quen non ía ás baleas ía ao bacalão, unha pesca non menos dura en barcos  que  levan capitão e cozinheiro, cinco botes e dois homens para cada bote, tudo gente do diabo, pretos e chineses, portugueses e sei lá –- o mundo!... Só o capitão é americano…. São seis dias, com vento escasso, de viagem da América ao mar de nevoeiro. E não se vê mais nada senão nevoeiro, nevoeiro, nevoeiro... Levantamo-nos às três horas da manhã (lá tanto faz ser dia como noite, é tudo um) e depois de comer armam-se os botes para a pesca, dois homens em cada um… trabalhando sempre. Trabalha-se até à meia-noite, e os que regressam da pesca caem logo num sono profundo até às três da madrugada.
Poucos son os homes novos que fican nas illas. Os que non van ás baleas ou ao bacalao andan espallados polo mundo adiante en lugares que ninguén pensaría, (as illas Fidji) moitas veces por se librar do servizo militar.
Segundo  Valdés Hansen.no seu libro, Los balleneros en Galicia ( Siglos XIII al XX) as baleas cazáronse en Galicia do mesmo xeito artesanal e de baixura que nas Azores dende o século XIII polo menos en Prioiro, San Cibrao e Bares espallándose despois nos séculos seguintes a Camelle, Malpica. Cangas e moitos outros portos. Eran baleas francas, cabrotes, xibartes e trompas (cachalotes), caza esta máis serodia. Era unha caza que se facía dende a costa e con vixías dende atalaias como en Azores. Nas praias recollíase ámbar gris en cantidades ás veces importantes e había xente que viña de lonxe a mercalo como en 1586 que viñeron boticarios de Compostela e Coruña na procura do  ámbar recollido en Caión para vendelo despois en Madrid.





[1] En español hai una excelente traducción e notas de María Tecla Portela, Las islas desconocidas, na non menos excelente editorial galega, Ediciones del Viento. É inexplicable que esta sexa a primeira tradución ao español deste libro. En portugués está disponible o texto en Internet en Projecto Vercial. É moi recomendable explorar no Google Earth as illas antes ou no momento da lectura.
[2].- Corvo: 425 habitantes en 2001.
[3] .- Flores:4.300 habitantes en 2001; Faial:15.000 hbs 2001; Pico; 15.000 hbs 2001.