lunes, 26 de agosto de 2013

ANTONIO LOBO ANTUNES

  
1.- Sempre tiven moitos atrancos coa prosa novelística dalgunhas das novelas de Antonio Lobo Antunes[1], mesmo co seu xeito de arredar os parágrafos, a puntuación e a sintaxe aínda que recoñezo o esforzo e a fondura da súa obra. Non son o único. Mesmo Maria Alzira Seixo que fixo un estudo polo miúdo da súa obra narrativa, escribe: sentimo-nos muitas vezes perdidos nos labirintos de tempos e vozes em que os textos de Antonio Lobo Antunes nos enredam…[2] o que non quere dicir que o traballo de lectura non pague a pena. As primeiras novelas son de lectura doada mais, devagar, na súa longa serie novelística van aparecendo mainamente esas labirintos e voces dos que fala Alzira Seixo.  Outra cousa son os seus contos, ensaios e crónicas xornalísticas e outra máis, o home que se debruza nas páxinas do libro de conversas que mantivo hai anos con María Luisa Blanco que daquela dirixía o suplemento cultural de El País[3] .

2.- Non é a de Antunes, unha lectura divertida - ás veces si - e moito menos, de xeito ningún, aburrida. É fonda, ás veces desacougante e sempre, lúcida. Para Antunes, cada novela ten a súa propia chave e cómpre abrila, non coa chave do lector, senón coa do propio libro e mesmo chega a dicir, que, o xeito de abordar os seus romances é apañalos como se apaña unha doenza porque, se os chama romances, é por comodidade pois puido chamalos poemas, visións ou calquera outra cousa. Nunha das súas Crónicas publica un roteiro para lectores pouco avisados:  “Receita para me lerem”:

Quem não entender isto aperceber-se-á apenas dos aspectos mais parcelares e menos importantes dos livros: o país, a relação homem-mulher, o problema da identidade e da procura dela, África e a brutalidade da exploração colonial, etc. temas se calhar, muito importantes do ponto de vista político, ou social, ou antropológico, mas que nada têm a ver com o meu trabalho…por isso não existem nas minhas obras sentidos exclusivos nem conclusões definidas… É preciso que se abandonem ao seu aparente desleixo, às suspensões, às longas elipsis, ao asombrado vaivén de ondas que, pouco a pouco, os levarão ao encontro da treva fatal, indispensável ao renascimento e à renovação do espírito…caminhen pelas minhas paginas como num sonho…[4].

3.- Antunes é (foi) un médico psiquiatra, hoxe xubilado, nacido en Lisboa en 1942 que sempre quixo ser escritor. Demorou tres anos no primeiro curso da carreira porque o estudio non lle deixaba tempo para escribir e tivo unha vida atafegada e perigosa. Pasou máis de dous anos na guerra de Angola, cousa da que, aínda que fala, non quere falar, pero da que ten escrito de abondo nas súas novelas e ás veces, cando lle ven de socato o noxo espertado por algunha lembranza, tamén nas Crónicas. Nnha delas, a 078902630RH+ , o seu número de oficial do exército en Angola, escribe:  un prisioneiro angolano sen pernas, atado no gardabarros do coche barreminas que non deixaba de berrar; o policía da PIDE que patea a unha prisioneira embarazada no ventre e a quen o seu capitán Melo Antunes, ponlle a pistola nas tempas e o manda marchar senón quere que o mate; a muller do inspector, (unha española franquista), que lle aplicaba correntes aos prisioneiros nos testículos; a escolleita dos propios cadaleitos que transportaban nun camión cando saían de patrulla; a envexa que case sentían dos amputados…[5].  Non é a única Crónica na que Antunes lembra o que acontecía en Angola onde os batallóns gañaban puntos segundo matasen máis ou menos inimigos. Cando os puntos chegaban a un certo nivel o batallón era trasladado a un lugar máis calmo, sen guerra e aí, nese lugar máis calmo, era onde se suicidaban os soldados[6].
Ninguén sae indemne dunha vida como esa. Antunes tampouco.  Antunes debe ser un dos poucos, senón o único, escritor europeo vivo que, fixo a guerra como combatente, e a guerra, a de Angola, (tamén a de Mozambique), ten presenza en varias das súas novelas do mesmo xeito que a ten a psiquiatría que foi para el máis inferno que a guerra, polo menos o universo infernal  manicomial do hospital Miguel Bombarda no que traballou cando volveu da guerra despois de seren invitado a ir-se embora do Hospital Santa Maria  por ter dito ao chefe da equipa, que ele cruzaba as pernas como si não tivese nada entre elas (continuo a achar que não tinha)[7].

4.- Nunha das súas crónicas, Epístola de San Antonio Lobo Antunes aos seus lectores[8], afirma que non vai a presentacións, festas, nin bares, que case non concede entrevistas, que non fala, que non sae de noite, que non vai aos concertos nin ao teatro e pouco ao cine, (en parte pola xordeira, unha herdanza familiar aínda que corrixida cun audífono) que non ten ningunha distracción, que vive para a escritura e que cando escribe, non pode deixar de pensar na escrita e ten que tomar valium para poder durmir pois nin durmindo fai un pouso o remuíño de ideas que cómpre levar ao papel. Tampouco bebe e gorenta das comidas dos avións e dos MacDonalds, cousa que alporizaba ao seu amigo Cardoso Pires que non podía entender eses gustos tan pouco requintados. Aínda vai engadir no Cuarto Livro de Crónicas, como se non abondase, unha riola máis de  cousas das que gorenta e de cousas das que non gorenta :

Nunca  coleccionei nada, nunca juntei papéis, nunca guardei manuscritos: vivo do vento. Não tenho cartão multibanco, nin cartão dourado,nin cartão de visita. Trago o dinheiro no bolso como os negociantes de porcos e os intermediarios da droga. Não me importa o que visto…nâo vou a jantares…Não faço parte de nenhuma associaçâo…de nenhum partido. Quase não falo, e, en regra, quase não oiço…[9]. 
 Ás veces cando lle preguntan, ¿ por qué non se divirte?, a resposta é sempre a mesma: porque non se aburre. Non hai nada máis aburrido para os demais, di,  que un home que non se aburre. As persoas que se aburren precisan distraerse, por iso, o viño, as ceas, as viaxes, os cafés, os fins de semana. Antunes odia distraerse, afastarse do que lle interesa e que lle ocupa o día enteiro: a escritura. Son os supostos aburridos os que enchen coas súas obras os andeis das librerías, as paredes dos museos, os que fan a música que van escoitar aos concertos os que si se aburren[10]. Sempre escribe co televisor prendido e aínda pode enumerar de memoria os gañadores do Tour ou os xogadores dos equipos de fútbol de cando era neno, (foi na mocidade un futbolista de moito porvir que cortou o seu pai), un home que fala español perfectamente, ademais de inglés, francés e alemán, que coñece a literatura española de onte e de hoxe mais que confesa que non entendeu Pedro Páramo de Rulfo ata que un día atopou unha edición cun prólogo moi bo no que se explicaba que na Comala á que chega Pedro Páramo, estaban todos mortos. Antunes semella seren uns deses escritores dos que W.G.Sebald recoñecía sentirse abraiado diante da teimosa devoción pola escritura:

Non parece haber xeito ningún de arranxar o vicio da literatura; aqueles atinxidos por el persisten no hábito malia o feito de que xa non hai pracer que se poida tirar dele e mesmo nunha idade crítica …onde …se corre  o risco cotiá de volverse parvo e onde un  arela nada máis que facer un pouso ás rosas que dan voltas na nosa cabeza[11]
Teño a sospeita de que a Antunes, aínda que si concede entrevistas de cando en vez, gustaríalle facer como Nabokov, un escritor por certo que non lle interesa nada, que, só concedía entrevistas cando facía el mesmo as preguntas e daba as respostas.
5.- Este home de poucas falas, tiña dous grandes amigos: o seu antigo capitán na guerra de Angola, Melo Antunes, co que, como facían Beckett e Joyce, podía pasar horas sen falar, (pero falando), e Cardoso Pires, que era dos poucos cos que falaba a eito. Cando Antunes gañaba un premio, Cardoso, todo bonhomía, chamaba a un amigo común e dicíalle: !Gañamos!. Cardoso morreu hai uns anos dunha recidiva dun ACV (accidente cerebro-vascular) e o  irmán de Antunes, Joâo, fíxolle un prólogo ao pequeno e fermoso libro, De Profundis, que Cardoso publicou contando os seus problemas despois de se recuperar do primeiro ACV.

6.- Moi tímido aínda que non o pareza. Non acredita na Psiquiatría. Non cree que sirva para comprender mellor a natureza humana e lembra o que o seu amigo e tamén psiquiatra, David Sampaio, díxolle unha vez: Os psiquiatras somos luxos tristes. En algures, nunha arroutada, o psiquiatra Antunes di dos seus colegas: !que os parta un raio!.! Coñecinos ben, sei do que falo!... A arroutada tiña  fonte coñecida e alicerces máis antigos. Un día foi recoller uns libros a Correos. Agardando pola súa quenda foi ollando para os que se aliñaban na ringleira que lle pareceron baleiros, cansos, luídos pola desilusión dos días:

A mansa desesperación das funcionarias detrás do mostrador, os seus sorrisos sen luz: fóra, o sol nas árbores. Aquí, lámpadas. Envellecen entre lámpadas acesas co sol fóra. Os psiquiatras engordan a costa das lámpadas acesas, eles, que non viven mellor. Venden resignación en lugar de alegría. Adáptese ao mundo non lle pida o mundo que se adapte a vostede…existe a depresión…e un can negro. Se non se lle teme, marcha
Tampouco cría nas psicoterapias: na época na que (aínda) cría nas psicoterapias…Deus..a chea de parvadas nas que crin… Xa na súa primeira novela, Memoria de Elefante, (1979), autobiográfica case toda ela, conta un día na vida do psiquiatra protagonista que coma el mesmo, traballa no Hospital Miguel Bombarda, coma el mesmo ven de se divorciar e pensa a cotío na muller e as fillas que deixou, e que coma el vive en Estoril e vai todas as noites ao Casino, ceiba unha ladaíña de aldraxes cando o porteiro lle entrega para o seu cobro o recibo da Sociedade de Neurología e Psiquiatría:

Puta que pariu os psiquiatras organizados em esquadras da policía…puta que pariu o Grande Oriente da Psichiatria, dos etiquetadores pomposos do sofrimento…puta que  pariu a Arte da Catalogação Da Angustia  …
¿Etiquetadores?. Aínda non estaba no prelo o DSM III, nin o DSM IV, nin o DSM V; ¿Qué pensará hoxe, se pensa algo, desta psiquiatría desemetrista na que inzan cancerosamente as etiquetas?...
Supoño que compartiría a observación de Roland Barthes, para quen a literatura contén todos os saberes aínda que de forma non científica e confía máis nela que no saber do seu oficio.  De feito, non escolleu a psiquiatría de pé feito senón cirurxía que desbotou porque non lle deixaría tempo para escribir. O seu pai, que era neuropatólogo, cando soubo da súa escolla díxolle:

¿A psiquiatría?...iso non é medicina…é uma treta…não tem bases científicas, o diagnóstico não interessa e o tratamento é sempre o mesmo [12].
A crítica da psiquiatría é unha teima recorrente que con abalos e devalos vaise manter ao longo da obra e da vida:

…eu fun moito máis tolo ao crer nos psiquiatras (como non aprendo dos erros tempo despois acreditei nos críticos literarios), nos antipsiquiatras, nos psicanalistas, nese enxame de parvos enfáticos construíndo a partir de cabezas alleas requintados castelos de naipes e teorías sen humor...[13].
En Conhecimento do Inferno, terceira novela “autobiográfica” que publica no ano 1980, unha viaxe dun médico psiquiatra que dura unha tarde e media noite, as críticas abranguen non só ao manicomio Miguel Bombarda senón aos psicanalistas, a psiquiatría de sector e demais alternativas do tempo. O capítulo 8º, escrito con cinismo, sarcasmo e ironía, é unha enxurrada de críticas contra os psicanalistas e os hoxe chamados bioloxistas:

De todos os médicos que conheci os psicanalistas, congregação de padres laicos con biblia, oficios e fieis, forman a mais sinistra, a mais ridícula, a mais doentia das especies. Enquanto os psiquiatras de pilula, são pessoas simples, sem veredas, meros carrascos ingénuos reduzidos à guilhotina esquemática do electrochoque...
Ás veces o protagonista ten arroutadas nas que fai un contrapunto escatolóxico ao que din os colegas psicanalistas. Un deles, comenta que onte pola tarde estivo unhas horas na mar, na praia de Carcavelos, pois quería sentirse en contacto “coa nai”, e alí na praia, espido, entrou no seno materno das ondas que o inundaron de leite. Outro, un pallaso rico vestido como para un baile de provincias, di o protagonista, engade que os banhos de mar devolvem-nos á pre-genitalidade. O protagonista non pode evitar a caricatura e o sarcasmo e deixamos a frase sen traducir xa que para un galego non ten problema entendela:

Um leite cheo de alcatrão... um leite de merda. Vocês já repararam na quantidade de cagalhões  que a mãe traz a boiar? .
Na mesma conversa engade:
¿ Se desaparece o escándalo do manicomio..?...¿ pasa entón a ocuparse co leite da nai do mar de Carcavelos?.   
 No mesmo capítulo e despois de contar o seu traballo no panóptico, Pavilhão de Seguranza, do Miguel Bombarda, segue coas críticas que atinxen agora a todos os que, malia estar repetindo sempre que cómpre rematar coa indigna situación asistencial, non fan nada e esquecen as promesas feitas para continuarmos a discutir generosas e hábeis teorias importadas de França, e Inglaterra, de Itália, dos Estados Unidos acerca da Psiquiatría Social, das intervenções na comunidade, das oficinas protegidas, dos lares pós-cura e das sinistras maravilhas concentracionárias que os clínicos inventan para prolongar a loucura...
 Son os anos de vixencia da antipsiquiatría de Cooper e Laing, da psiquiatría de sector, da loita antimanicomial de Basaglia, do espallamento das ideas de Szasz, da reforma en España, pero Antunes, supoñamos que é el quen fala no libro, non parece acreditar en nada diso e semella situarse, por facer unha comparanza, preto da antipsiquiatría na versión Cooper ou Laing e das ideas de Thomas Szasz aínda que tamén as desbota[14]:

(Os psiquiatras) classificam, rotulam, vasculham, remexem, não entendem, assustam-se por não entender e soltan…sentenças definitivas e ridículas…o inferno, pensou, são os tratados de Psiquiatria, o inferno é a invenção da loucura pelos médicos ( a Psiquiatría é)… uma Medicina persecutoria da fantasia e do sonho, repressiva, judicial[15].
No capítulo 4º describe unha xuntanza clínica da que quixera fuxir pola estupidez da xuntanza, do asilo e do que alí se di. Un dos psiquiatras informa do tratamento con espellos: os médicos havian decidido que os espelhos reconduzian as doentes a um necessário contacto com a realidade exterior, de modo que as cercavan de uma abracadabrante galería de reflexos, de cintilções, de metálicos brilhos verticais…Outro colega propón, (e hai que supoñer que se trata dunha hipérbole sarcástica, ou se cadra non), que, se comezaran poñendo espellos na fachada do hospital, talvez não fosse necessário internar os doentes: as pessoas descobriam-se a si mesmas à entrada do portão e curavam-se automaticamente. Outros recomendan cautela e mencionan algúns artigos sobre tratamento con espellos. Unha psicanalista formada na Suíza, informa que, o profesor Heinemann emprega espellos de plástico. O narrador, Antunes, sen dubida, escribe sobre a psicanalista:

 Uma criatura indefinida que, en Genéve, durante sete anos, confidenciara en francês as mágoas da primeira infância a um psicanalista silencioso e impenetrável, que provavelmente se achava já falecido desde a quinta ou sexta sessão, e cheirava docemente mal na sua poltrona de orelhas
Unha metáfora, claro, do que Antunes pensaba sobre o papel terapéutico do psicanalista, o dun mudo, o dun  “morto”,
Agás Daniel Sampaio, a quen dedicou Os cus de Judas, non debeu facer Antunes moitos amigos entre os psiquiatras no tempo no que traballou no Miguel Bombarda. Non sei o que pensa hoxe  Antunes do oficio de psiquiatra. Nalgures conta que vai (ou ía) de cando en vez ao Hospital Miguel Bombarda a escribir e a entrevistar algúns dos antigos pacientes, relación que non sei moi ben como entender e da que il non da moitos datos. Nos anos que Antunes publica estes libros, Alot, Seoane e outros psiquiatras do manicomio de Conxo, o Miguel Bombarda galego, escribiron Conxo: manicomio e morte. O que alí se conta non estaba moi lonxe do que se podía contar do Bombarda e non estaría demais que os novos colegas leran este libro sobre Conxo se o poden atopar, que ese é outro asunto. 
7.- Pouco despois de volver de Angola participou no 25 de abril co seu capitán Melo Antunes e presentouse unha vez como candidato polo partido comunista aínda que  agora confesa que hai moitos anos que non vota e que o PC é unha igrexa que perde militantes a eito pois ninguén comparte o programa máximo de nacionalizacións e de non facelo as diferenzas cos socialistas son mínimas.
Antunes, separouse da súa primeira muller sen que tivera ningunha razón para facelo, algo que aínda hoxe non entende  e para o que non ten outra explicación que a enxurrada libertaria que o arrastrou despois do 25 abril ou se cadra os “danos colaterais” do seu tempo en Angola. Pasou dous anos traballando e gañando moitos cartos que perdía no casino de Estoril. Puido saír dese período da súa vida e moitos anos despois cando a su muller enfermou foi vivir con ela para coidala ata que faleceu. Foi un tempo felíz, malia as circunstancias, no que Antunes puido unha vez máis - como xa fixera en Memoira de Elefante -  reflexionar sobre o que o afastara daquela muller á que sempre quixo e que sempre esperou a que el volvese. Dende entón quedou a vivir na casa da muller coas súas dúas fillas.
Antunes, di, mesmo hoxe, que non sabe porqué deixou a Zé, súa primeira muller. Cando fala dese tempo di, coido que sen acreditar moito no que di, que eran os tempos da postrevolución e a xente facía esas cousas. Cando se len as tres primeiras novelas, tres infernos, Memoria de Elefante, Os Cus de Judas e Conhecemento do Inferno,  as máis autobiográficas e todas elas cun médico como protagonista, onde están presentes Angola e os primeiros tempos do traballo no manicomio[16], agroma, e escribo con moitas cautelas, unha posibilidade, o que poderíamos chamar sen ningunha pretensión nosolóxica, a síndrome de Ben Hur ou do gafo (leproso). No filme, Ben Hur, Charlton Heston acude ao Val dos Leprosos na busca da súa irmá e da súa nai que procuraran abeiro nas covas e pedras daquel rochedo. Cando nai e filla ven achegarse a Ben Hur, pídenlle desesperadamente que marche para que non enferme il tamén. Podemos chamar a este comportamento, no que alguén que se sente atinxido por unha “doenza” do corpo ou do espírito, afástase daqueles aos que se ama para non contaminalos co seu mal, síndrome de Ben Hur ou do Gafo . Os atinxidos por este mal non consenten a proximidade dos seres queridos cando se senten posuídos por un mal ou un desacougo íntimo e ese mal pode ser un inferno vivido ou unha ferida no amor propio, unha desfeita económica, unha culpa ou calquera outro avatar máis ou menos intranscendente para quen o albisca dende fóra  pero fundamental para eles mesmos. Os así afastados que quixeran compartir ese mal, ese desacougo, non entenden o que ocorre. Adoitan interpretalo erroneamente como desprezo ou apóñenlle ese comportamento, no caso das relacións amorosas, á existencia doutra relación, que ás veces existe, mais que non é determinante. Antunes trouxo con el un inferno interior cando volveu de Angola, de feito, é il mesmo quen o afirma en Conhecimento do Inferno, (pax 81): (pensou)…que talvez a guerra continue, de uma outra forma, dentro de nós… Cando estaba na guerra en Gago Coutinho, (o cu de Judas, e dicir un lugar lonxe de todo), un posto avanzado preto de Zambia, foron atacados pola guerrilla angolana do MPLA e dende o posto de socorro ao ver correr os soldados cara ao “arame farpado” entre berros e disparos, sente o inacreditável absurdo da guerra que (me) fazia sentir na atomosfera irreal, flutuante e insólita, que encontrei mais tarde nos hospitais psiquiátricos, ilhas de desesperada miséria de que Lisboa se defendía cercando-as de muros e de grades, como os tecidos se previnem contra os corpos estranhos envolvendo-os em cápsulas de fibrose….[17] Tamén no Segundo Livro de Crónicas: 1976, um outono duro. Vinham-me constantemente episódios da guerra talvez porque vivía nessa época uma guerra pior… Hoxe os psiquiatras falarían dun TEP, trastorno por stress postraumático cousa que de certo, Antunes, non aceptaría.  Ao volver do inferno da guerra (exterior) entrou case de socato, noutro inferno, o manicomial do Miguel Bombarda. O de Angola era físico e moral: mortes, corpos mutilados, vilezas, maldade pero había un inimigo que respondía coas mesmas armas.  O do Bombarda era mental, moral e físico pero o “inimigo” estaba indefenso.. Se cadra, Antunes marchou da casa e - sei lá porqué me atrevo a propoñer unha idea como esta -  para afastar deses infernos interiores aquilo que máis quería: a muller e as fillas. Volveu cando as lapas xa non queimaban a ninguén que estivera ao seu carón.
8.- Nas cartas que escribe á ´súa muller dende Angola hai un cambio salientable  entre as cartas dos primeiros tempos e as escritas despois do mes que pasa en Lisboa de permiso: 

Nenhuma carta sua esta semana... se ainda V. Excª se interessar por mim, como no tempo em que me escrevia todos os dias e manifestava algum interesse pela minha modesta pessoa. O que se passa? (18-02-72)...
Tres semanas despois as queixas medran :

O tom das tuas cartas é cada vez mais desesperador para mim. Eu não tenho a culpa de aqui estar... na tua última carta vinha inclusivamente uma frase que considero insultuosa para mim: “não sei por que aqui estou sozinha e abandonada...e dizem-me até que não sou feia..”... não me atires frases à cara como a que acima transcrebo...se não o quiseres não te consideres presa a mim. Começo a pensar que erraste na escolha que fizeste casando-te comigo... Falamdo-me como me falas estás longe de me ajudar e de te ajudares. E isso não te perdoo. Não te admito que me destruas...realmente eu pouco valho. E com tua beleza fácil te será levares uma vida agradável (10-03-72).
 Ainda que na carta do día seguinte pide disculpas pola carta de ontem e recoñece que a súa muller sofre tanto coma il, o ton segue a ser máis apagado no afectivo e máis centrado en cousas cotiás.
As tres primeiras novelas, Memoria de Elefante, Os Cus e Conhecemento…, son tres relatos de tres infernos, mesturados pero con énfase diverso. En Memoria, e o manicomio o que conta e a guerra de Angola e o divorcio e a soidade están no fondo. Nos Cus é ao revés: a guerra no primeiro plano e o manicomio e a soidade no fondo. En Conhecemento a decepción atinxe non só ao manicomio senón a psiquiatría e a psicanálise con trazos dos outros dous infernos. Dende estas primeiras novelas Antunes seguirá novelando o que vai acontecendo no país ou nel  mesmo: o 25 de abril, (antes, no tempo e despois), as descubertas, o retorno colonial, a descolonización, a morte e a doenza, etc. e as súas novelas van devagar enchéndose desas voces e labirintos dos que falaba María Alzira Seixo. Os infernos vanse convertendo en Purgatorios 
9.- É unha cita recorrente avisar da natureza temperán destas primeiras novelas ás que ás veces se lle apón estar ateigadas de citas, convocadas, din, para dar seguridade a un narrador que semella non tela e que ten medo de escribir sen esas axudas. É unha observación retrospectiva que non comparto. É certo que nestas primeiras obras son outros os xeitos de escritura, lonxe da mestura de voces, tempos e lugares das que virán despois, e son menos esixentes co traballo do lector pero supoñer que iso é unha eiva e moito supoñer aínda que sexa o mesmo Antunes quen afirma que Memoria de Elefante é unha novela chea de defectos como todas as primeiras novelas, frase, que alguén tan esixente coma il, podería repetir de todas as demais, agás, a derradeira. O Pedro Páramo de Rulfo é unha primeira e última novela; as historias de Borges, mesmo as serodias, están cheas de citas e referencias. Nin por primeiras nin por citas hai que minusvaloralas e que dicir das novelas de Otero Pedrayo que camiñan dende a sinxeleza e a case total ausencia de citas literarias das primeiras (Pantelas home libre) ao inzar de referencias culturais das serodias (Fra Vernero, La fiesta del conde Bernstein, O señorito da Reboraina...)  onde cómpre ter unha cultura como a de Otero ou o recurso a citas no pe´da páxina para manterse no rego da narración.
10.- Non é vaidoso pero sabe que ninguén escribe coma il e non sería quen de responder a un entrevistador, (aínda que lembra na conversa a anécdota), o que Oscar Wilde respondeu a un xornalista que lle preguntaba polos dez mellores libros do século: Ponme vostede nunha situación embarazosa pois só teño escritos catro. Para Antunes a escritura é un traballo escravo do que nunca está satisfeito e vivir, é como escribir sen corrixir. Tom Colchie, o seu editor, chamábao dende Los Ángeles todas as semanas para preguntar pola novela en marcha. Antunes  respondía: Moi mal; unha merda. E Colchie: !Ah ben, entón xa quedo tranquilo!. Escribir para il, non é contar historias, non é dicir, e o exemplo e doadamente recoñecible:  Muchos años después frente al pelotón de fusilamiento el coronel Aureliano Buendía… O que lle interesa é meter o mundo entre as cubertas dun libro. A historia tanto lle ten.
Na conversa que aconteceu hai pouco en Alhóndiga Bilbao (con María Luisa Blanco) da que hai un vídeo en Youtube, da dous exemplos do que é escribir segundo il o entende.[18] Nunha historia de Dickens, un fillo vai visitar á súa nai, vella e doente e pregúntalle: ¿Tes algunha dor querida nai?. A nai responde: teño a impresión de que hai unha dor na habitación e non sei se son eu quen a ten…Isto é describir di Antunes. Outra…Herman Hesse, un escritor que non lle gusta moito, vai paseando: é raro camiñar pola néboa; as árbores non se coñecen entre elas. Iso e describir…
Non gorenta nada ou case nada da literatura que hoxe se fai en Portugal, novelas deshonestas que procuran un lucro rápido. Recoñece que foron os cómics da súa nenez, (Flash Gordon, Salgari) os que determinaron o seu desexo de escribir e que cando tiña 18 anos mercou todos os libros de Miguel Torga de quen fixo unha loanza no Cuarto Livro de Crónicas, non só da súa obra senón da súa altura ética, da súa dignidade e do seu orgullo de seren portugués. Coma Torga, Antunes quere vivir e morrer no seu país e facelo con orgullo e dignidade.
Nunha das súas crónicas, fai Antunes unha loanza do escritor Augusto Abelaira que en 1965 era presidente do xurado que lle concedeu o Grande Premio da Sociedade Portuguesa de Escritores ao escritor angolano Luandino Vieira que daquela estaba preso na cadea de Tarrafal. A PIDE interrogou a Abelaira e aínda que non votara a Luandino para o premio, afirmou perante a policía que si o fixera salvando así a un amigo de Antunes que sendo o responsable da concesión do premio negouno cando foi interrogado pola policía. Non censuro a quen tivo medo- di Antunes- mais non podo deixar de sentir un grande respecto pola valentía e dignidade de Abelaira. Este episodio permanece aínda en min como un exemplo único da materia da que debe estar feito un home… A loanza di tanto de Abelaira como de Antunes

11.-  Antunes non é un deses escritores portugueses que descoñecen ou non queren saber que existe Galiza e que non sen entende sen ela Portugal. O galego e os galegos aparecen nalgunha das súas novelas como Exortação aos crocodilos ou O esplendor de Portugal. No ano 2.000, conta nas conversas con María Luisa Blanco, unha das súas fillas, Joana,  estudaba en Compostela polo que viña moito a Galicia:
Creo que Galicia me gusta tanto porque é a mesma xente e a mesma lingua, porque cando eu era neno ouvía falar galego e me encantaba e agora cando os escoito  falar é como si lera aos poetas dos cancioneiros…Camôes era galego, fillo de galegos e escribía nas dúas linguas…vou a Galicia e síntome como na casa… Rosalía, esa muller maravillosa…
            A min, este antigo colega co que comparto hoxe moitas das súas opinións, pola súa ética, pola súa valentía, e pola súa literatura, meréceme un respecto que case non teño por ninguén.

PD: Cando remate de ler as outras novelas, (vou paseniño) , volveremos falar de Antonio Lobo Antunes.    












[1] É una obra ampla: Memoria de elefante, Exortação aos crocodilos, Fado Alexandrino, O esplendor de Portugal, son algunas das máis coñecidas
[2] Alzira Seixo.M. Os romances de Antonio Lobo Antunes. Dom Quixote.2002. Antunes entendeu o Pedro Paramo de Juan Rulfo cando atopou un libro que explicaba no prólogo que en Comala estaban todos mortos. Eu entendin moitas novelas de Antonio Lobo Antunes dende que atopei este libro de Alzira Seixo. Fico muito obrigado con ela.
[3][3] Blanco.M.L. Conversaciones con António Lobo Antunes. Siruela.2001. Varios dos datos que aquí aparecen están tirados deste libro de conversas con María Luisa Blanco.
[4] “Receita para me lerem” en Segundo Libro de Crónicas. Dom Quixote.2002.
[5] Son escenas recollidas na súa segunda novela, Os cus de Judas ás que volve una e outra vez en crónicas en conversas.
[6]Esta maneira de chorar dentro de uma palabra”. En Segundo Livro de Crónicas. Don Quixote.2002.
[7] En Libro de Crónicas.
[8] En Tercer Libro de Crónicas. Mondadori.2013.
[9]O grande Borges” en, Cuarto Livro de Crónicas. D. Quixote.2011.
[10] En Tercer libro de crónicas. Mondadori. 2013.
[11] Sebald.W.G. A place in the Country. Penguin Books. 2013.
[12] En Conhecimento do inferno, pax 54.
[13] Crónica escrita en voz alta como quien pasea al azar. En Libro de Crónicas (en español). Versión en galego nosa.
[14] Os libros de Laing, Cooper, Szasz, son de finais dos anos 60 e dos anos 70 e de certo, Antunes sabía deles.
[15] Conhecimento do inferno. Ibídem.
[16] Memoria de Elefante, Os Cus de Judas, Conhecimento do INferno.
[17] Os cus de Judas. Pax 53-54

lunes, 27 de mayo de 2013

TSUTOMU YAMAGUCHI

Tsutomu Yamaguchi, di Steven Pinker , non se sabe se foi o home más afortunado ou o máis infortunado do mundo. Este inxenieiro da Mitsubishi que vivía en Nagasaki, estaba en Hiroshima o día en que caeu a primeira das dúas bombas atómicas . Puido ver o lóstrego que alumeaba o ceo e axiña foi soterrado de socato polas casas que se derrubaban sen que por sorte resultara ferido mortalmente. Pasou a noite entre os entullos pero puido saír e sobrevivir con poucas feridas polo que pola mañá colleu un tren ateigado de xente que fuxía para volver á súa cidade de Nagasaki. Alí, dous días despois, volveu ver o lóstrego no ceo e, por segunda e milagreira vez, puido sobrevivir de novo con poucas mancaduras. Yamaguchi padeceu nos  primeiros tempos unha baixada de leucocitos, unha leucopenia producida pola radiación e algunhas queimaduras das que se recuperou e viviu até os 93 anos (faleceu no 2010). Nunha entrevista que lle fixeron pouco antes de morrer afirmou que, os países con armas atómicas tiñan que ser gobernados por mulleres que aínda estivesen dándolle o peito aos seus nenos. Yamaguchi pensaba que si se facía así, non habería máis bombas atómicas sobre as cidades. O que non contou Yamaguchi contouno o dr Michihiko Hachiya, outro sobrevivente, no seu Diario. Foi médico e paciente ao mesmo tempo, atendeu aos que sobreviviron sen ter coñecementos desas novas feridas producidas pola radiación que non curaban, que volvían unha e outra vez e que o atinxían tamén a el. Elías Canetti publicou un artigo sobre este Diario, onde, di, non hai ningunha nota de falsidade.

Non se coñece o número exacto de vítimas provocadas polas dúas bombas nucleares. Entre Hiroshima e Nagasaki se fala de duascentas mil pero pode que fosen moitas máis si se contan as que morreron nos meses e anos que seguiron polos efectos das radiacións. A cifra é esmagadora sen dúbida, pero non foron menos as vítimas que hai que lle apoñer aos xaponeses no masacre de Nanking durante a guerra entre China e Xapón. En 1937, 340.000 habitantes de Nanking, foron asasinados polo exército do Xapón dun xeito tan cruel que hoxe é pouco doado de imaxinar. Campesiños atados a postes de madeira eran utilizados como sacos de area para que os soldados aprenderan a matar coas baionetas; houbo concursos de decapitacións, mulleres violadas a eito ás que ademais os soldados cortábanlle os peitos ou esgazaban os seus ventres, (unhas 70.000). E a cousa non quedou aí. Nos anos que seguiron o Xapón fixo a guerra con China segundo o principio dos tres todos: saqueade todo, queimade todo, matade todo...

Iris Chang, unha chinesa-americana nacida en 1968, filla de dous profesores fuxidos de Nanking no tempo do masacre, publicou un libro, The Rape of Nanking, onde recollía os informes de testemuñas que sobreviviron. O libro provocou unha lea política entre Xapón, China e os Estados Unidos. Xapón negou ou minimizou os feitos mentres China e Estados Unidos esixían desculpas e reparacións. Iris Chang tivo nese tempo conversas con Hilary Clinton, participou en ducias de entrevistas de televisión e conferencias mentres escribía outro libro sobre os chinos en América, libro que non chegou a ramo. Foi nese tempo cando comezaron os primeiros síntomas do que ía a ser unha depresión con ideas persecutorias que ao cabo, a levaron ao suicidio no ano 2004.

Os xenocidios modernos teñen o seu probable berce en 1914. Foi a Primeira Guerra Mundial, a que converteu en banal a morte de millóns de homes. Nun só día, o 16 de xullo de 1916, morreron na batalla do Somme 20.000 británicos e 40.000 foron feridos. Os historiadores calculan que 300.000 homes quedaron sen enterrar na batalla de Verdun e seguiron sen ser enterrados todo o tempo que se prolongou a guerra. Georges Steiner, fixo de Antígona, que desafía a lei de Creonte que lle prohibe enterrar o corpo de seu irmán e segue a lei dos deuses que esixe enterrar os corpos, un tema recorrente na literatura de entreguerras, aínda horrorizada polas carnicerías da Gran Guerra. Os mortos amoreados nos arames de espiño da fronte eran un aldraxe contra a humanidade e agora só as mulleres, como fixera Antígona, podían enterrar aos seus pais, irmáns, e fillos para restablecer a orde cósmica e humana .

Pouco máis de vinte anos despois, os aliados lanzaron milleiros de bombas incendiarias sobre as cidades alemás. En Hamburgo, en xullo de 1942, o bombardeo foi de tal intensidade que a calor producida polas lapas provocou un furacán que aviveceu aínda máis o lume que abrasou a gran parte dos seus habitantes. Curzio Malaparte contou escenas arrepiantes dese bombardeo o mesmo que W.G.Sebald que, moitos anos despois, recolleu algunhas testemuñas: nalgunhas canles a auga ardía, os cristais dos tranvías fundiron…os que fuxían quedaban atrapados no asfalto case líquido…por todas partes xacían cadáveres deformados…dalgúns deles saían lapas azuis de fósforo…de outros só quedaban cinzas polos case 1.000 graos que acadou a calor… O mesmo aconteceu en Dresde que foi incendiado nunha data tan serodia como !1945!, coa guerra xa ganada, en Colonia, en Darmstadt, en Nuremberg…. Os días que seguiron aos bombardeos e incendios foron tan terribles como os de Hiroshima. Un fedor a corpos mortos, abafaba aos sobreviventes entre as ratas e moscas que inzaban nas cidades. Para chegar aos cadáveres trouxeron presos que baixaban aos sotos con lanzachamas para ir amatando os milleiros de ratas que os enchían …

Pode que máis de 600.000 persoas morreran nas 131 cidades arrasadas. A cifra e case de certo, maior, xa que moitas das cidades bombardeadas acollían miles de refuxiados non censados dos que ninguén sabía nada. Foron bombardeos feitos sen ningunha razón estratéxica que non fose a de abaixar a moral da poboación civil ou, aínda peor, como afirma Zigmunt Bauman, pola necesidade de xustificar un gasto inmenso e baleirar os milleiros de bombas que ateigaban os arsenais británicos que xa non tiñan obxectivos militares. Despois da vitoria aliada ninguén quixo falar dese xenocidio, nin os aliados, e cousa máis curiosa, nin os alemás occidentais, se cadra avergoñados polos seus crimes de guerra, o holocausto xudeu ou por lembrar que foran eles os que encetaran ese xeito de queimar cidades enteiras como fixeran en Guernica, ou en Stalingrado onde 1.200 avións mataron nun só raíd 40.000 persoas. Si lembraron os bombardeos os da República Democrática da Alemaña do leste que mergullados agora na guerra fría apuxénrolle as masacres aos seus antigos inimigos capitalistas. Tampouco protestaron moito os xaponeses despois das bombas de Nagasaki e Hisroshima, se cadra polas mesmas razóns que os alemás. Tiñan moitos mortos asasinados en masacres na súa conta e como pensa  Tony Judt, enfatizar o sufrimento alemá e comparalo implícitamente co sufrimento de outras persoas a mans alemás, habería esbarado perigosamente na dirección de relativizar os crimes nazis...

Para facer un xenocidio non cómpren tecnoloxías moi avanzadas. Os seis millóns de xudeus asasinados polos nazis precisaron dunha tecnoloxía de baixo nivel, (fornos, gas e tiros na caluga) mais, iso si, dunha organización de moi alto nivel de eficiencia. Os hutus mataron a machetazos un millón de tutsis mentres as tropas da ONU miraban sen facer nada e os kemeres de Pol Pot asasinaron o 20% da poboación de Camboxa con fames, marchas da morte e disparos.

As vítimas de Hiroshima e Nagasaki foron moitas menos que as de Ruanda pero as condenas non apousaron dende entón mentres que outros xenocidios non convocaron, agás dos países onde foron cometidas ou naqueles que as cometeran, tantas lembranzas nin tantas culpas. Os críticos, que son moitos, aseguran que os americanos non tiñan dereito a lanzar unha bomba nuclear sobre poboación civil capaz de matar a milleiros de persoas nun instante, coa coartada de que de non facelo así, a invasión do Xapón custaría ducias de miles de vidas americanas e moitas máis xaponesas o que se queira ou non, era certo, aínda que estes críticos afirman que o Xapón xa estaba a piques de se render sen que fose preciso lanzar esas bombas, cousa incerta sabendo o que significaba a rendición no código militar xaponés.

¿Por qué entón xenocidios crueis sobre poboación civil indefensa como os de Nanking ou o de Ruanda entre outros moitos, non son lembrados como o Holocausto ou o de Hiroshima e Nagasaki a pesar de que o número de vítimas e a crueldade con elas foi máis alá do imaxinable?. Non hai moitas lembranzas conmemorativas da masacre de Nanking, nin dos mortos no Gulag soviético (aínda que hai hoxe en Moscú un museo), nin da de Ruanda nas que a poboación civil indefensa foi asasinada cruelmente, e iso si, manualmente e de vagar, porque se falamos de crueldade, hai que ser psicoloxicamente moito máis malvado para cravar unha baioneta nun home indefenso atado nun pau, e facelo unha e outra vez, que para lanzar unha bomba sobre unha cidade onde non se sabe quen está alí abaixo. Os aliados nunca se responsabilizaron de Hiroshima e Nagasaki nin dos bombardeos das cidades alemás que consideraron sempre estratéxicos aínda que as súas razóns son ben cativas e os turcos aínda hoxe negan a súa responsabilidade no xenocidio armenio. Si houbo remorsos entre os científicos. Oppenheimer, que fora o coordinador da fabricación da primeira bomba atómica, confesoulle despois de Hiroshima ao Presidente Truman; sinto que temos as mans cheas de sangue; Tanto ten, respondeu Truman: quítase con auga. Os remorsos dos políticos, se os teñen, non son os dos científicos. Se Truman lera o Macbeth de Shakespeare, sabería o que Lady Macbeth soubo: que a sangue non se vai lavando as mans,

Unha posible resposta á relevancia das bombas sobre o Xapón sobre as máis esquecidas matanzas “artesanais”, é a de Gunther Anders que pensou ata a súa morte en 1992, que a bomba atómica ademais do enorme número de vítimas que podía provocar nun instante, abría a posibilidade dun mundo sen homes pois ameazaba á especie humana na súa totalidade e subvertía, engadía, a relación medios/fins xa que neste caso, os medios destruían os fins. Pode que por motivos como eses leve razón Edward Hollis cando no seu libro, La vida secreta de los edificios, di que, despois de Hiroshima, a maneira de crear ruínas xa nunca volveu ser a mesma…


Bourke.J. Sed de sangre. Crítica.2008.
Bruneteau.B. El siglo de los genocidios. Alianza.2004.
.Hollis.E. La vida secreta de los edificios. Siruela. 2012.
Judt.T. Pensar el siglo XX. Taurus.2012.
Pinker.S. The better angels of our nature.Penguin Books. 2012.
Sebald.W.G. Sobre la historia naural de la destrucción. Anagrama.2003.



martes, 29 de enero de 2013

THE AGE OF INSIGHT: the quest to understand the unconscious in art, mind and brain. From Vienna 1.900 to the present. Eric. R. Kandel. Random House. 2012.*

1- Eric.R. Kandel, premio Novel de medicina polas súas investigacións sobre a memoria no caracol mariño Aplysia, naceu en Viena en 1929, cidade da que tivo que fuxir aos nove anos de idade cando comezou a persecución dos xudeus. De neno, polas relacións da familia, puido coñecer a moitos dos pintores, escritores e científicos que fixeron da Viena do primeiro terzo do século XX, se cadra, a cidade, cultural e científicamente, máis moderna do mundo. Kandel conservou por estes veciños, dos que ouvía falar e cos que se cruzaba na rúa, unha fascinación que convivía con sentimentos de odio polo antisemitismo e os asasinatos de xudíos dos tempos nazis nos que os austríacos tiveron un papel sobranceiro que tardaron tempo en recoñecer. Kandel necesitou anos para arranxar esta ambivalencia pola súa cidade natal na que hoxe, di, despois de que Austria recoñecese o seu papel no holocausto, se sinte moito máis confortable. Este libro, é o resultado serodio desa fascinación temperán e da súa posterior fascinación pola neurociencia á que chegou despois dun período psicanalítico. Kandel divide o libro en dúas partes. Na primeira escribe sobre a Viena da súa nenez; na segunda, unha especie de neuroestética, achégase á arte dende o que hoxe se sabe de cómo o cerebro procesa este tipo de obras. É cousa trivial afirmar que o pracer espertado por unha obra de arte é algo que está a cargo do cerebro, pero, saber como o fai, pode resultar non só apaixonante senón que pode modificar as nosas ideas sobre o que a arte é.

2.-Adolf Loos publicou na Viena de primeiros do século XX, Ornamento e delito, unha declaración de guerra estética contra a decoración nos obxectos funcionais e utilitarios. A súa cruzada estética tiña motivos de abondo. O interior das casas de Austria-Hungría nese tempo, era un almacén ateigado de todo tipo de obxectos cunha dubidosa función utilitaria que intentaban parecer o que non eran: o coitelo da manteiga arremedaba unha daga prusiana; o paragüeiro, un cabaleiro con armadura; o termómetro, unha pistola; a follalata pintábase para que parecera marfil; o xeso para que aparentara ser alabastro e ata o obxecto máis sinxelo, decorábase con volutas ou arabescos. Baixo ningún concepto o obxecto tiña que revelar a súa función mediante a súa forma, si é que tiña algunha función. Mesmo, escribía Stefan Zweig, se unha dama quería parecer unha dama tiña que agochar as súas formas naturais e toda a moda seguía esa tendencia, a de agachar e encubrir as cousas.

 . A ornamentación pasou a ser unha maneira de deturpar e ocultar a función das cousas e foi a esa ornamentación cancerosa, propia do kitchs, do badoco, ou do "camp", á que Loos declarou a guerra procurando recuperar a “verdade” do obxecto, a súa utilidade e función, agochadas baixo a aparencia desa ornamentación. Non eran só os obxectos os que  agochaban baixo unha ornamentación fachendosa a súa “verdade”. A vida social enteira nas súas manifestacións cotiás, afogábase debaixo dun "ornamento" aquelado de costumes e convencións.

3.- Esa aquelada e decadente Viena de Loos, capital dun escanastrado, luído e anacrónico imperio multilingüe e multiétnico de reinos e principados, onde a situación política era sempre, “desesperada pero non seria”, acolleu varias revolucións culturais nun período de poucos anos. O mundo da Viena anterior á I Guerra Mundial, era, en palabras de Stefan Zweig, o mundo da seguridade: Naquel vasto imperio todo ocupaba o seu lugar, firme e inmutable…todo tiña a súa norma, a súa medida e o seu peso determinado…todo o que pasaba no mundo exterior acontecía na realidade nos xornais; nunca chamaba á porta…  Era un sentimento engañoso. O estado, de aparente solidez, estaba  presidido por unha familia imperial disfuncional onde o Emperador, Francisco Xosé, tiña unha amante recoñecida, a súa muller, a emperatríz Sisí, fora asasinada por un anarquista en Suiza, o seu fillo i herdeiro, Rodolfo, suicidárase despois de matar a súa amante en Mayerling, o seu primo, o Archiduque Otto que nalgunha ocasión presentouse en público cun sable como única vestimenta,  padecía unha sífile avanzada e onde o Archiduque Francisco Fernando que sería asasinado en Sarajevo, non se falaba co seu pai, o Emperador, do que ademais, os seus súbditos dicían que morrera pero que el non se enterara da súa morte. Viena, escribe Philipp Blom, era un lugar de fachadas esplendentes, e opulencia, decoro e certezas e seguridades só aparentes. Tanto literal como metafóricamente, agochar o obvio era o principio central da vida na Viena dos Habsburgo.
        O que non se ornamentaba nin se agochaba, era a cultura. En ningunha outra cidade europea o degoiro de cultura foi tan apaixonado como en Viena. O emperador Francisco José fixera que, os aristócratas terratenentes que apenas podían sobrevivir coas rendas dos seus eidos se incorporaran masivamente ás tarefas diplomáticas, do goberno e do exército. As cidades e con elas a burguesía comercial e industrial, quedou fóra deses postos e creou a súa propia xerarquía de diferentes graus de profesores, doctores ou avogados que decidiron que se non podían participar na vida política, a vida cultural sería deles: En todo o Imperio, di Blom, en Viena, Praga, Budapest e Lemberg, o teatro, a literatura e a música tiñan unha importancia inimaxinable en ningures. George Steiner vai aínda máis lonxe que Blom: Hai un gran libro que aínda non foi escrito... mostrará que o século XX tal como o vivimos en Occidente é, no esencial, un producto e un artigo de exportación autrohúngaros... Non son cativas as razóns para acreditar o que di Steiner.

O bico de Klimt
Debuxo do SN da lamprea
4.- O que despois se coñecería como o Modernismo vienés, comezou a mediados do XIX como resposta non só á hipocrisía e restricións da vida cotiá da que a ornamentación era un síntoma, senón tamén como unha reacción ao énfases da Ilustración sobre a racionalidade da conduta humana. Houbo un xiro cara o “interior” que se espallou a todo os campos de investigación na Viena do tempo. O Modernismo vienés, tiña, segundo Kandel, tres características: unha nova visión da natureza humana que agora se vía como fundamentalmente irracional; o autoexamen como medio de investigar as regras que gobernan a natureza humana e, a pretensión de unificar o coñecemento humano. A Viena de finais do XIX e comezos do XX, tiña cafés, salóns e un único gran hospital, co seu pabellón anexo de psiquiatría. A convivencia entre científicos, escritores, músicos, filósofos e artistas, era continua e o intercambio de coñecementos, tamén. O resultado desa convivencia pódese expresar en nomes: Klimt, Kokoschka, Schiele, Bilroth, Hiemloz, Karl Kraus, Mahler, Freud, Schnitzler, Johan Strauss, Kriss, Gombrich, Schomberg, Musil, Stefan Zweig, Hugo von Hofmannsthal, Otto Weininger… Música, medicina, economía, literatura, pintura, filosofía, arte, xornalismo, arquitectura… Semellaba que ningunha manifestación científica ou artística quedaba á marxe deste movemento que tiña nos cafés e salóns os seus espazos de intercambios privilexiados onde todos se coñecían e recoñecían. Wittgenstein, que asistira ao mesmo instituto de Linz no que estudaba Hitler co que coincidiu, tiña 25 anos ao comezo da guerra de 1914. Seu pai, o industrial máis rico do imperio, ao que Klimt chamaba ministro de Belas Artes, foi o mecenas que permitiu a Klimt, Schiele y Kokoschka expoñer as súas obras no edificio Secesión. Klimt fixo un retrato dunha irmá de Wittgenstein i este, pola súa parte, fixo unha doazón de 100.000 coronas da súa herdanza a varios artistas “necesitados” entre os que se atopaban, Kokoschka, (5.000 coronas), Rilke, Trakl e o propio Adolf Loos. Klimt e os seus colegas pintores, músicos e escritores, recibiron clases de embrioloxía e bioloxía de Emil Zuckerhandl, un profesor de anatomía asociado de Rokitansky, casado con Berta, escritora, crítica de arte e cofundadora do Festival de Salzburgo, que mantiña un salón no que se reunía o “todo Viena” e iso incluía a todos os médicos, escritores, músicos, pintores e científicos entre os que non faltaba Freud. Tanto Berta como o seu esposo, familiarizaron a estes artistas non só coa bioloxía senón tamén co pensamento de Darwin e de Rokitansky. Emil impartía as súas clases  proxectando cunha lanterna especial, placas de preparacións microscópicas de células e tecidos e mesmo levou a Klimt a ver diseccións de cadáveres. Si a Ilustración tivo os seus alicerces na astronomía e na física, o Modernismo vienés tívoa na bioloxía. No cadro de Klimt, O Bico, i en moitos outros como Danae, o fondo do lenzo, unha aparente ornamentación excesiva, é na realidade, un remuíño de espermatozoides e óvulos estilizados dos que Zuckerhandl lle mostrara e hai unha curiosa semellanza entre o perfil e ornamentación do seu cadro cos debuxos do sistema nervioso da lamprea publicados por Freud anos antes. Klimt, foi un pintor de transición que evolucionou do Art Nouveau ao expresionismo dos seus derradeiros anos onde os temas dos seus cadros eran case teimosamente a sexualidade e a morte, así que, di Kandel, ao mesmo tempo que Freud e Schnitzler, Klimt, levou á ramo unha exploración dos instintos inconscientes que impulsan a conduta humana. Volveuse un pintor do inconsciente revelando o interior das vidas das mulleres…

5.- Para Kandel, este pulo por ir máis alá da superficie e aparencia das cousas e costumes, tiña a súa fonte, máis que na situación social e económica do imperio, na medicina, en particular, nun médico para o que Kandel no aforra loanzas. A mediados do século XIX, Rokitansky, un médico que dirixía o Hospital de Viena, que tiña entre os seus devanceiros ao grande patólogo Morgagni, decidiu que todos os doentes falecidos no hospital tiñan que ser autopsiados coa finalidade de determinar de maneira exacta a doenza causante da súa morte e sobre todo, a exactitude o inexactitude dos diagnósticos clínicos previos e a correspondencia entre os síntomas detectados e a patoloxía subxacente. Ata entón, eran os clínicos os que de cando en vez facían as autopsias dos seus doentes. Rokitansky separou ambas funcións creando dous departamentos: o clínico, dirixido por Skoda, e o de autopsias, que estaba ao seu cargo. Os médicos que facían os diagnósticos e recollían os signos e síntomas, tiñan despois que comprobar nas autopsias que facía Rokitansky a veracidade do que diagnosticaban na clínica. Ao longo de máis de 30 años, Rokitansky fixo máis de 60.000 autopsias que permitiron a Skoda refinar os seus métodos clínicos, sobre todo en cardioloxía, onde puido relacionar os soplos cardíacos coas anomalías das válvulas que Rokitansky descubría nas autopsias. Foi a base sobre a que se levantou a Escola Médica de Viena, a referencia mundial para a medicina do seu tempo, que trouxo a Viena a médicos de todo o mundo, especialmente americanos que, por entón, tiñan un nivel moi baixo de coñecementos. A medicina que hoxe practicamos, afirma Kandel, é a medicina de Rokitansky. O achegamento científico de Rokitansky á medicina e o seu dictum, só debaixo das aparencias superficiais atoparemos a realidade… foi un aporte determinante á metáfora central do Modernismo vienés ao se espallar máis alá das salas médicas e influír nos artistas e intelectuais de Viena. Non todos os historiadores que se ocuparon dese esplendente período vienés comparten a visión de Kandel. Apoñen o fervedoiro cultural vienés ao clima político reinante, cunha dinastía no seu luscofusco e refinadamente autoconsciente que, agachaba odios económicos i étnicos. Non parece con todo, haber contradicións entre ambos enfoques.

6.- Freud e Arthur Schnitzler, os dous médicos, foron discípulos de Rokintansky (máis Schnitzler que Freud) e tamén de Theodore Meynert que ocupou a xefatura do departamento de psiquiatría. Meynert, que procuraba atopar unha base cerebral para as doenzas mentais, describiu as seis capas neuronais do cortex cerebral, estableceu que a representación cerebral dunha actividade era proporcional á súa importancia e fundou os estudios comparados de anatomía cerebral. Tanto Freud coma Schnitzler, traballaron tamén con Kraft Ebing quen, por vez primeira, se atreveu a publicar sobre sexualidade (en latín) e foi o introdutor en psiquiatría dos termos de sadismo, masoquismo e pedofilia. Tanto Meynert, como máis tarde Freud e Schnitzler, seguían o dictum de Rokitansky de mirar baixo a superficie para atopar a verdade. Para Meynert, ese “debaixo” onde buscar, era o cerebro; para Freud, sería o inconsciente; para Schnitzler, o monólogo interior; para Klimt, Schiele y Kokoschka, foi o expresionismo, unha maneira de pintar o que estaba oculto. Todos eles encetaron así novos camiños na psiquiatría, a pintura e a literatura. É a esa influencia do dictum de Rokitansky sobre a literatura, a arte e a psicanálise e aos fundamentos neurobiolóxicos da percepción da arte, dedica Kandel este libro.

7.- Durante más de 18 años Freud fixo unha carreira de ciencia básica en neuroloxía. Estudou o sistema nervioso das lampreas, o bulbo raquídeo, escribiu o seu nunca editado en vida, Proxecto dunha psicoloxía para neurólogos, publicou un libro sobre a afasia, inventou o termo agnosia, investigou sobre a cocaína e fíxose un neurólogo moi experimentado capaz de determinar o nivel dunha lesión con suma precisión. Foi o seu encontro con Breuer e a súa paciente, Ana O, (Berta Papenhein), e a técnica que este empregaba, (hipnose e falar sobre a súa doenza, (talking cure) o que determinou o novo rumbo de Freud. Despois do seu traballo con Breuer e da súa estancia de seis meses con Charcot, Freud aplicou o dictum de Rokitansky á vida mental así que cambiou o foco das súas investigacións desde o cerebro físico aos acontecementos mentais mergullados no pasado do paciente. Este cambio esixía novas ferramentas que xa non podían ser o oftalmoscopio, o martelo de reflexos ou as agullas, senón as palabras e a memoria. Publica con Breuer, Estudios sobre a histeria, colaboración única xa que Breuer non aceptaba que a fonte dos síntomas estivera nun conflito sexual como Freud defendía. Freud abandona desde entón o seu modelo biolóxico da mente, entre outras razóns, porque consideraba que era prematuro, dado o desenvolvemento das neurociencias no seu tempo, intentar una unificación e ademais, cumpría unha psicoloxía da mente para que fose posible esa unificación. Con todo, nunca esqueceu esa posible unificación i en Máis alá do Principio do Pracer, (1920), recoñecía que as deficiencias nas súas descripcións desaparecerían si puidese remprazar os termos psicolóxicos por termos fisiolóxicos ou químicos. No seu momento, a separación que fixo Freud, foi positiva para avanzar, o que non é algo infrecuente na historia da psicoloxía pois Skinner fixo o mesmo moitos anos despois cando converteu o cerebro nunha caixa negra. Para Kandel, a definición que fixo Ulric Neisser da psicoloxía cognitiva, é acaída cos descubrimentos de Freud polo que debe ser considerado un precursor da psicoloxía cognitiva de hoxe en día.

8.- Pódese dicir dun xeito un tanto vulgar: Freud non tiña nin idea de mulleres nin da súa sexualidade, ou en palabras máis académicas do propio Kandel:

Despite his profound insights, Freud remained remarkably ignorant about female sexuality…Freud freely admitted in the Three Essays and in a paper in female sexuality in 1931 that he understood little about women´s sexual life...

Schnitzler, si sabía de mulleres e da súa sexualidade aínda que “sexualidade” non quería dicir o mesmo para Freud que para Schnitzler. Poñamos entón, “experiencia”. Dende os 17 anos de idade levou un diario no que rexistraba os seus orgasmos, as súas visitas a prostitutas e as súas numerosas amantes. Era xudeu, como Freud, traballou como axudante de Charcot i estivo sempre moi interesado pola hipnose que utilizaba na súa práctica médica. Publicou un texto sobre a afonía e o seu tratamento con hipnose e suxestión valorado por Freud que o cita en O caso Dora. Despois do pasamento do seu pai abandonou a medicina para se dedicar exclusivamente á literatura. Na súa primeira obra, Lieutenant Gustl, introduce o monólogo interior na literatura austríaca. As semellanzas entre a asociación libre psicanalítica e o monólogo interior novelesco  son evidentes. Na novela, recóllense as asociacións que veñen á mente do tenente Gustl mentres agarda que chegue a hora dun duelo fixado para o amencer do día seguinte. A novela dáballe ao lector acceso directo ao libre fluír interior dos seus impulsos, esperanzas, aspiracións, ideas, impresións como si o protagonista estivera no diván de Freud asociando libremente. Schnitzler, leu a Interpretación dos soños cando Freud a publica en 1900 e estivo baixo a súa influencia ata a súa morte o que é evidente na súa novela, Traumnovelle, publicada en 1925, que Stanley Kubrick filmaría moitos anos despois co nome de Eyes Wide Shut con Nicole Kidman e o dianético Tom Cruise como protagonistas. No mesmo ano, publica Fräulein Else, un estudio da psicoloxía feminina que algúns críticos no dubidan en considerar como unha resposta ao insensible retrato que Freud fixera da súa paciente Dora. As dúas historias teñen semellanzas evidentes. Dora, é acosada por un amigo do seu pai, o sr K, que mantén unha relación amorosa coa esposa deste amigo. O pai de Dora, rexeita as acusacións da súa filla, interesado como estaba na relación coa esposa do acosador. Freud, di Kandel, pensaba como o pai de Dora e interpretou o rexeitamento de Dora do sr K, como unha defensa neurótica. Non foi quen de comprender que unha adolescente podía ser traumatizada pola traizón dun amigo do seu pai e tivo que recoñecer que o tratamento fracasara aínda que a súa interpretación das razóns do mesmo, a transferencia de Dora por el, non tivo en conta a súa propia contratransferencia. En Fräulein Else, unha moza nova que pasa as súas vacacións nun balneario, recibe unha carta da súa nai informándolle que o seu pai irá á cadea por débedas de xogo si Else no consigue que un amigo da familia que, está tamén no balneario, lle preste ao seu pai o diñeiro necesario para evitar a prisión. Else, pídelle ao amigo ese favor pero este, dille que o fará si ela se ispe completamente para el durante 15 minutos. Schnitzler abre un longo monólogo interior onde Else valora a petición da súa familia. Ao cabo, Else íspese perante todo o mundo e suicídase pouco despois no seu cuarto. Schnitzler trata con simpatía as razóns de Else e ao contrario que Freud, descualifica o comportamento familiar.

9.- Cando Schnitzler estaba describindo a riqueza e sutilidade das vidas internas das mulleres e a súa loita para acadar identidades sociais e sexuais independentes dos homes, Klimt, e pola súa influencia, Kokoschka e Schiele, facían unha pintura, o expresionismo vienés, que foi quen, como a literatura e a psicanálise, de profundar debaixo das restritivas actitudes vienesas fronte ao sexo e a agresión e revelar o verdadeiro estado interno das persoas. Os tres pintores sabían, como Schnitzler, de mulleres e da súa sexualidade. Son centos os debuxos, ás veces exhibidos, outras veces non, nos que os tres pintores vieneses debuxaron ás súas modelos espidas ou masturbándose, en actitudes que hoxe e onte chamaríamos pornográficas sen vacilar. O expresionismo, escribe Kandel, podía dicir: somos freudianos, somos modernistas, imos ao fondo baixo a superficie das apariencias… Klimt foi “decorativo” nas súas pinturas pero non nos seus debuxos e como Schnitzler, Kokoschka e Schiele, tivo numerosas amantes das que aprendeu moito sobre as mulleres. Klimt pintou o intenso pracer sexual que unha muller pode conseguir, ben cun compañeiro, home ou muller, ou por si mesma. O insight de Klimt na sexualidade da muller foi para Kandel, sen dúbida, máis claro que o de Freud

10.- Kokoschka foi un paso máis alá de Klimt. Influenciado por Adolf Loos, (que por entón non coñecía os debuxos de Klimt, só os seus cadros), rexeitaba a ornamentación das súas pinturas que ademais, pensaba, representaban só a beleza superficial e nada dicían da vida interna dos retratados nin das súas emocións. A súa pintura evolucionou. Volveuse unha mestura de insights psicanalíticos e estilo expresionista que procuraba mostrar esa vida interna que pensaba ausente na obra de Klimt: son un abrelatas psicolóxico, dicía. Intento tirar da súa faciana, das súas expresións e dos seus xestos, a verdade dunha persoa particular. Para logralo, como na caricatura, esaxeraba as expresións e os xestos das súas modelos, deformaba as mans e o corpo e rodeaba os seus retratados dunha atmosfera na que eliminaba toda ornamentación para dar paso a un espazo pictórico no que non se recoñecía nada natural nin doméstico. Era un espazo infernal, misterioso e sobrenatural. Na súa autobiografía, que non era a dun coitado, afirmou que, a pintura expresionista foi contemporánea e rival da psicanálise de Freud e da teoría cuántica de Max Planck. Como Klimt, estaba tamén fascinado pola bioloxía e polos Raios X, que viñan de ser descubertos que facían visible o esqueleto escondido debaixo das aparencias da pel e músculos. Era unha tecnoloxía que parecía seguir as pegadas de Rokitansky. Adolf Loos describía a habelencia de Kokoschka para ler a verdade da vida emocional e instintiva baixo as aparencias, como si tivera raios X nos ollos. Tampouco era modesto Kokoschka cando aseguraba que era quen de predicir o porvir dos seus modelos e dos seus retratados pero polo menos en dúas ocasións esas predicións se cumpriron. Por pedido de Loos, fixo un retrato do famoso psiquiatra, Auguste H. Forel, coa condición de que unha vez rematado, este podía aceptalo ou rexeitalo. Forel non o aceptou xa que Kokoschka o pintara como si tivera sufrido un ACV (accidente cerebro vascular). A súa man dereita aparecía colgando e flexionada como si sufrira unha hemiplexía dereita e o mesmo ocorría co seu ollo dereito. Dous anos despois Forel tivo un ACV que o deixou no estado no que Kokoschka o pintara dous anos antes. Outra predición acertada foi a do retrato de Ludwig Ritter von Janikowski, un retrato onde na faciana mirrada, na expresión e no fondo, adivíñase un home no borde da tolemia na que entrou pouco tempo despois do que o retrato fose terminado. Se cadra, por esta habelencia predictiva que se auto- apoñía, a Kokoschka, cando lle dicían que os seus retratos non se parecían ao retratado contestaba: os que o coñecen non o recoñecerán pero os que non o coñecen o recoñecerán moi ben. Kokoschka, namorado de Alma Mahler coa que conviviu uns meses despois de que quedara viúva de Gustav Mahler, tivo un curioso período de duelo cando Alma o abandonou polo arquitecto Walter Gropius. Kokoschka encargou en 1918 a un fabricante de bonecas de Munich, un dobre da muller perdida que mandou facer en materiais brandos e de acordo cos debuxos e medidas exactas proporcionadas por el mesmo. Cando recibiu o encargo en Dresde, na primavera de 1919, fixo unha festa de presentación na que, conta Hillel Schwartz, perdeu a cabeza. Ao día seguinte, a policía presentouse na súa casa porque alguén denunciara que había un corpo cheo de sangre no xardín. Era a boneca Alma, decapitada e cuberta de viño tinto, que foi botada ao lixo. Kokoschka xustificaba a historia como un modo de acabar dunha vez por todas co asunto de Alma .


11.- Egon Schiele, di Kandel, é o Kafka da pintura moderna: máis que calquera outro artista do seu tempo, interesouse pola súa propia ansiedade. Morreu aos 28 años pero puido pintar antes do seu falecemento máis de 300 cadros e miles de debuxos con dous temas principais que, como en Klimt e Kokoschka, eran a morte e a sexualidade aínda que, no seu caso, a sexualidade das súas mulleres abranguía un repertorio emocional moito máis amplo: culpa, ansiedade, tristura, tormentos, curiosidade, sorpresa… e ademais, a diferenza de Klimt que abeiraba as mulleres que pintaba baixo disfraces mitolóxicos, Schiele desbotou eses disfraces para pintar todo o que ata entón fora tabú, todo o que non se podía dicir nin ensinar (o sexo, o voieurismo, a masturbación), todo o que se facía en segredo e se negaba en público[1].




[1] Blom.Ph. Op.Cit.

       A diferenza de Kokschka, que empregaba as mans e os xestos faciais para explorar baixo a superficie, Schiele empregaba o corpo enteiro, ao que distorsionaba e esgazaba en mil formas que a veces ensaiaba previamente. Schiele, naceu en 1890 na estación de ferrocarril a cargo do seu pai, preto de Viena. Cando tiña 14 años faleceu o seu pai dunha sífilis serodia polo que Schiele asistiu a súa progresiva demencia que o deixou cunha inseguridade que duraría toda a súa vida e que o faría asociar sexo, morte e culpa. Como Kokoschka, comezou a pintar baixo a influencia de Klimt aínda que con menor presenza de decoración que abandonou moi cedo deixando o fondo dos seus cadros baleiro o que lle daba ás figuras representadas neles un aura de soidade. A diferenza de Klimt, que nunca se pintou a si mesmo, Schiele, que pensaba que para coñecer o interior dos demais cumpría coñecer primeiro o dun mesmo, fixo de si mesmo o suxeito de exploración chegando a pintar más de 100 autorretratos nun ano e non eran autorretratos triviais. En moitos deles, Schiele se pinta espido ou masturbándose diante dun espello o que, na Viena do tempo, era unha inequívoca sinal de que esa masturbación o levaría a´tolemia: privadas do abeiro da mitoloxía que Klimt concedera ás súas figuras..- escribe Philipp Blom- todo o que fora tabú, o que non se podía ensinar nin dicir- o sexo, o voieurismo, a masturbación- todo o que se facía en secreto pero se negaba en público, Schiele mostrouno con poucas pinceladas para que o vira todo o mundo... Estes autorretratos eran a versión pictórica da autoanálise de Freud e forzaban ao observador a tomar conciencia das poderosas tendencias agresivas e eróticas dentro do artista. Non houbo nada semellante na pintura occidental até Lucien Freud ou Francis Bacon anos despois. Os autorretratos tiñan varias fontes: as pinturas das histéricas de Charcot en La Salpetriere, que daquela eran moi coñecidas, os retratos e o estudo das expresións dos pacientes psiquiátricos do hospital de Steinhof que puido pintar polo consentimento do seu director pero sobre todo, di Kandel, a maior influencia foi o seu precario estado mental. Schiele pintou tamén a sexualidade adolescente pola que se sentía fascinado.  Morreu en 1918 vítima do andazo de gripe española.

12.- A segunda parte do libro é un tratado de Neuroestética onde Kandel aplica o que hoxe sabemos dos procesos cognitivos á percepción da arte, en especial, a súa influencia sobre o observador, así que, as neuronas espello, a percepción das caras, as diferentes áreas visuais responsables da cor, movemento ou nominación, o papel da amígdala, dos lóbulos frontais etc. teñen aquí o seu espazo. Non faltan críticos que dubiden de que este enfoque neuroestético engada algo relevante ao noso coñecemento da arte e aporte pouco máis que banalidades. Se cadra os que así pensan deberían explicar que é o que fai que tres franxas horizontais de diferentes cores de, poñamos por exemplo, Rothko, (o seu cadro de vermellos e azuis acaba de se vender por 67 millóns de dólares), sexan unha obra mestra de prezo exorbitante e que se disputan os museos ou porqué, como dicía Juan Antonio Marina , o cadrado pintado por Malevitch é mellor que os centos que o seguiron: ¿A data?. ¿Cáles son as categorías para xulgar esas obras?. Para Marina, o malo é que ninguén se molesta en explicar os seus canons de evaluación co que a opinión do crítico, convértese no determinante sen que este aporte tamén o criterio de porqué as franxas de Rothko son unha obra mestra. A neuroestética ten algunhas respostas para saber porqué algunhas formas xeométricas, algunhas mesturas de cores, algunhas figuras, espertan sentimentos pracenteiros e outras non o fan, e quizás, para toda a arte que se clasifica baixo a etiqueta de abstraccións, a neuroestética, e tamén a psicoloxía evolucionista, teñan algunhas iluminacións. Kandel non pretende que a neurobioloxía explique a arte senón que axude a proporcionar algúns “insights” adicionais que axuden á súa comprensión: é un proceso paralelo, non un substituto e de feito, moitos dos exemplos de pinturas que mostra no libro, sérvenlle para mostrar, non como a neurociencia pode explicar a arte, senón como os artistas como Kokoschka ou Schiele, “descubriron” intuitivamente moitos dos procesos cerebrais que determinan a percepción artística. Sexa como for, esta segunda parte é un Manual moi útil para os dedicados ás neurociencias en sentido amplo, para poñer ao día todo o que hoxe se sabe de neurobioloxía da percepción, o que non é pouco.

* A editora Paidós ven de traducir este libro ao español (xaneiro de 2013). O único problema e o seu prezo: 60 euros. A versión inglesa custa en Amazon.co.uk, 20 euros.

- A.Loos. Ornamento y delito. Gustavo Gili. 1972.
- Blom.Ph. Los años de vértigo. 1900-1914. Anagrama. 2010.
- Jalmin.A; Toulmin.S. La Viena de Wittgenstein. Taurus, 1998.
- J.A. Marina. Crónicas de la ultramodernidad. Anagrama. 2004.
- R.Monk. Ludwig Wittgenstein. Anagrama. 2002.
- H.Schwartz, La cultura de la copia. Cátedra .1998.
- Zweig.S. El mundo de ayer. Acantilado.2002.