Mostrando entradas con la etiqueta Borges. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Borges. Mostrar todas las entradas

viernes, 8 de octubre de 2010

BORGES por Adolfo Bioy Casares. Destino. 2006. 1600 páxinas.

Borges escribiu unha vez coa súa acostumada ironía: "el paradójico Dr Rojas cuya Historia de la Literatura Argentina es más extensa que la literatura argentina…" Profetizaba o destino da súa propia obra. A bibliografía sobre Borges é hoxe inabarcable; a amplitude dos seus textos, aínda accesible. Bioy, que o coñeceu como ninguén, engade hoxe a esa Patagonia de críticas e comentarios, as 1600 páxinas dun Diario escrito paseniñamente durante corenta anos de amizade. Son páxinas achegadas que non eluden o Borges contraditorio, ás veces túzaro, namorado ou prexuizoso mais sempre brillante nos seus xuízos e opinións sobre xentes de ámbitos próximos ou afastados en tempo e espazo. Borges é quen de autocriticarse: "Una vez decidimos que tal autor es malo. Como no nos pasamos la vida releyendo, mantenemos el error. Muchas veces somos injustos ..." En certa ocasión escribiu que un poeta ao que o unía unha amizade razoable, era unha persoa servil. O seu fillo, sen anoxo e con tristura, díxolle que descoñecía que o seu pai fose servil. Borges imaxinábase entón de xeonllos diante desa xente dicíndolles que era un canalla, que admiraba a ese poeta, que era o seu amigo e que, "por la vanidad de escribir un parágrafo ingenioso, lo sacrificara". É unha situación que se reitera nas páxinas de Bioy. Así, segundo os tempos ou a ocasión, Camôes pode pasar de ser un dos peores poetas do mundo a ser unha gloria de Portugal; Joyce, un escritor verbal, parcialmente gabado nalgúns textos, eludido noutros, é tamén o autor de Dubliners, un libro de cuentos bobos; a poesía ou a prosa de Valery, (no es gran cosa; en su poema sobre el mar no corre el aire), serán necrolóxicamente loadas; con Valle-Inclán o rexeitamento nunca amoleceu e tampouco Lorca, (un andaluz profesional), se salva da súa ironía. De Neruda, (no hay versos que uno quisiera repetir, es cursi), moderará o seu xuízo poético pero non o moral, e seguirá insistindo en que era unha mala persoa como Rafael Alberti; Ortega, un bruto do que repudiaba o seu estilo; John Dos Passos, un escritor americano muy malo, Saint John Perse, lo peor de todo el mundo; Roberto Arlt, un iletrado capaz ás veces, como en El juguete rabioso, de lograr unha obra aceptable; A Baroja pode acompañalo nalgunhas páxinas pero de Unamuno pronto se despide. Estes xuízos recordan a Jünger polo que Borges sentía escasa simpatía, que escribiu: o estilista quere poñer "si" pero pon "non" porque acae mellor coa frase. Tamén a Eça de Queiroz ao que estimaba. En Os Maias escribe Eça:

(O portugués) nunca pode ser homem de ideias por causa da paixâo da forma; a sua manía é facer belas frases, verlhes o brilho, sentir-lhes a música. Se for necesario falsear a ideia, deixá-la incompleta, exagerá-la, para a frase ganar en beleza, o desgraçâo nâo hesita…Va-se pela água abaixo o pensamento mas salve-se a bela frase
[1]

É se cadra, esta vanidade polo enxeñoso o que explica frases como: "Yo soy racista... si no acaban con los negros les van a convertir el país en África" (por USA)…"nos parece un país de macacos" (Brasil)…En canto aos vascos, no conto El Congreso non exerce ningunha cautela:

Nunca Fermín Eguren me pudo ver. Ejercía diversas soberbias; la de ser oriental, la de ser criollo, la de atraer a todas las mujeres, la de haber elegido un sastre costoso, y nunca sabré por qué, la de su estirpe vasca, gente que al margen de la historia no ha hecho otra cosa que ordeñar vacas...Compréndese que non sexa Borges moi apreciado neses pagos.
É sabido que as súas preferencias literarias ían por outros camiños: Conrad, Kipling, Stevenson, o anglosaxón, o islandés, e os seus usos literarios por outros: a sinxeleza da súa prosa, a súa poesía sempre narrativa, a súa reticencia coa poesía verbal, Mallarmé, Góngora, (ás veces loado e outras condenado), Cansinos-Assens, ese xudeo andalúz do que unha vez máis e xa na vellez, recoñecerá que a súa obra escrita non tiña o valor que lle atribuía.
Sobre estes rexeitamentos e preferencias literarias ás veces insólitas, Bioy ofrece a súa explicación:
Asombrado ante certas preferencias de Borges a quien no gustaban mis últimos libros, ni los de Silvina, ni los de Peyrou… ¿Cómo no recurrí a la evidente corrección óptica?. La madre es quien lee. Primero no gustan los libros a la señora; después Borges no encuentra en ellos vivas pruebas de que su madre esté equivocada y por cierto adopta sus opiniones…

A cegueira de Borges parecía oscilar entre a videncia que a mitoloxía atribúe a esa condición e a doada extensión dese trazo a moitas das complexidades da vida. A metáfora é sinxela: Borges é cego para a política, para as relacións amorosas, para as ofensas non pretendidas, ... pode ser
Borges viviu nun mundo de libros, lidos nos seus anos novos, escoitados despois. Todo o libro de Bioy reitera unha e outra vez as mesmas situacións: "Viene a comer Borges... Traducimos, escribimos, leemos, hablamos de Heine, Shakespeare, Poe, Quevedo, Toulet...". É un Borges que ás veces quita a dentadura e a deixa na súa man mentres dorme, ou mexa con descoido o que fai que o finiquiteiro Bioy o leve a un baño de servizo. A súa memoria, gabada como prodixiosa, permitíalle recitar en inglés, alemán, francés, español ou anglosaxón sen apenas erros.
Non sei se haberá na literatura española, tampouco na mundial
[2], un libro como este, onde un ouvinte minucioso exerceu de notario non menos minucioso para deixar testemuño dun home que viviu, polos libros, entre os libros e para os libros Que esta acta notarial teña os seus lados obscuros, non lle escapou a Jose Emilio Pacheco que no prólogo a Las Alusiones Perdidas[3] pregúntase sobre cal é a obra cumio da maledicencia en lingua española: as imaxinarias conversacións telefónicas, nunca escritas, de Monsiváis ou o tomo bomba de tempo que quizais sen querelo, deixou Adolfo Bioy Casares acerca do que Borges dicía na intimidade.
[1] Tamén Jorge Amado fai a súa autocrítica en Navigaçâo de Cabotagem: Escrevía horrores a propósito de tantos e tantos outros que depois vim a ler e admirar, de alguns me fiz amigo..[2] Talvez a voluminosa e non sempre amena biografía do Dr Jonhson escrita por James Boswell, recentemente reeditada, (Espasa 2007) ou as Conversacións con Goethe de Eckerman, compartan unha ambición semellante.[3] Monsiváis.C. As Alusións Perdidas. Anagrama. 2007.

jueves, 20 de mayo de 2010

BORGES E LURIA

No ano 1969, Luria, un psicólogo xudeu ruso, da o prelo o estudio dun caso clínico: Pequeno libro dunha grande memoria. A mente dun mnenonista. S, o mnemonista (Solomon Shereshevsky 1886-1958), traballaba nos anos 20 do século pasado como periodista. Pola mañá, cando o redactor xefe repartía o traballo, que ás veces incluía enderezos, nomes, ou cousas que preguntar e investigar nunha lista longa, S non tomaba notas. O redactor xefe pensaba que aquel periodista era un nugallán desleixado polo que o chamou para lle rifar. O abraio do xefe cando S enumerou a riola de nomes, enderezos e encargos sen unha falta foi tal, que pensou con razón, que alí había unha memoria que cumpría estudar e mandouno ao laboratorio de Luria. Durante trinta anos Luria estudou a memoria deste home co mesmo abraio que espertara a curiosidade do xefe da redacción. S podía repetir calquera lista de palabras ou números por longa que fose sen un fallo, e o mais abraiante: podía repetir calquera desas listas cinco, dez ou vinte anos despois coa mesma exactitude. A memoria de S non tiña límites, non só polo súa amplitude, senón no tempo. Luria descubriu moi cedo que era un sinestésico, e dicir, que cada imaxe ou número levaba asociadas sensacións auditivas, táctiles ou visuais. S cando se lle pedía que recordara algo, evocaba unha imaxe na mente e a lía. Por iso podía repetir unha entrambilicada táboa de números e letras de arriba abaixo, de esquerda a dereita ou de través. Se a palabra non a entendera ben, vía como unha nube ou unhas formas esfiañadas se formaban na imaxe evocada e medraban cubrindo un amplo anaco da mesma. Mais as imaxes evocadas non viñan soas. Unha voz, para S, podía ser amarela e salgada; unha sebe, evocar unha música, mais unha música podía  arrecender como flores. S lembraba o traxe que levaba Luria, os seus modos de moverse, as preguntas, a meteoroloxía, o mobiliario do despacho de cada un dos días nos que estivera facendo algunha proba. S tiña un problema: esquecer, e ese problema foi a máis cando comezou a traballar como menemonista profesional. S intentou un recurso para esquecer que pode de primeiras semellar insólito: anotar nun caderno o que tiña que esquecer. Pensaba que si gardaba así os recordos non precisaría gardalos no maxín. O método non tivo éxito e a vida de S comezou a se encher de imaxes que inzaban sen pouso e se mesturaban coa realidade sen que moitas veces fose quen de sabelas arredar. Nos derradeiros anos da súa vida, S, xa non era quen de diferenciar ben a realidade da imaxinación e non se pode dicir que tirara moito proveito do seu don.
Luria non cita no seu libro a Borges. Non sei se daquela Borges estaba publicado na URSS. O caso é que non o cita. Moitos anos antes, Borges sen saber de Luria nin de S, publicara en 1944 Funes el memorioso. Borges dicía nunha conversa cun periodista: En mis cuentos yo presento cosas que parecen regalos, que parecen dones, y después se descubre que son terribles. Todos quixeran ser inmortais, mais como no conto de Borges, El Inmortal, alguén que non pode morrer, cae nun pozo nunha rexión afastada: no podía lastimarse ni morir pero lo abrasaba la sed; antes de que le arrojaran una cuerda pasaron setenta años. Unha inmortalidade inesperada sen dúbida, un don, un suposto don, convertido en anos de sofremento nos que a morte sería pedida e benvida. Outro “don”, a memoria imborrable de Funes. Funes, como S, recordaba todo. Non un día calquera senón as formas das nubes austrais do amencer do trinta de abril de 1882, os rechouchíos dun paxaro nun serán, en tempo e lugar determinado, as liñas do ronsel que deixou un remo un día preciso dun verán non menos preciso.... O que abraia, é que Borges fai tamén de Funes un sinestésico: esos recuerdos no eran simples ; cada imagen visual estaba ligada a sensaciones musculares, térmicas etc... O conto de Borges ten mérito engadido pois describe unha forma de sinestesia, a audiomotora que é moi rara. A Funes, recordar un día leváballe un día e como S, tampouco podía esquecer. Pasaba os días deitado nun cuarto, enviso no escoar dos recordos que non pousaban.
Tonos e cores de Scriabin
Aínda que con antecedentes en Goethe, Locke, e algunhas referencias illadas, a sinestesia foi descrita por vez primeira de maneira precisa por Francis Galton, un primo de Darwin no século XIX, mais non foi até estes últimos anos que mereceu a atención dos neurocientíficos. Se vostede quere aprender cousas novas debería ler libros antigos, escribe Cytowic no seu libro sobre a sinestesia. Cytowic pensa que, na medicina de hoxe os coñecementos quedan obsoletos en cinco anos velaí que o libro de Luria, onde el recoñece que tivo o seu primeiro encontro co termo “sinestesia”, era un libro antigo (1963). Foi a partir dese libro de Luria que comeza a súa investigación. O que semella acontecer nestes casos, di Cytowic, é que o cableado cerebral que na nenez conecta entre si varias áreas do cerebro é que normalmente desaparece co paso dos anos, mantense intacto. A chegada dun impulso a unha rexión sensitiva da corteza cerebral estimula por iso tamén as que están conectadas con ela. A anomalía seica se debe a un xene que está no cromosoma X e que pasa das nais aos fillos. Vladimir Nabokov era sinestésico como a súa nai e o seu fillo, tamén o foron, os músicos Scriabin,  Rimsky -Korsakow  e Rachmaninoff, o físico Richard Feyman e Rimbaud que, no seu poema Voyelles(vocales) revela a súa sinestesia: A noir, E blanc, I rouge, U vert, O bleu : voyelles/Je dirai quelque jour vos naissances latentes. Scriabin asociaba cada nota cunha cor que de xeito curioso eran semellantes ás de Rimsky-Korsakow:


     Non todos eles tiveron sinestesia de todos os sentidos. A sinestesia máis habitual é a das formas ou sons e as cores. Acontece sempre na mesma direción, e dicir, que unha forma evoca un son mais non ao revés e hai sentidos que non espertan asociacións polo menos que se coñezan.
A lingua esta chea de metáforas sinestésicas e moitos poetas como J.R. Jiménez fixeron uso abondoso delas e o mesmo acontece con moitos pintores que, ou eran sinestésicos, ou procuraban imitar as súas posibilidades.
Hai unhas 15.000 entradas en Internet sobre esta coincidencia. Poucas das entradas son do eido das neurociencias pero tamén as hai. Nos comentarios nalgúns blogs, (nos que atopo por certo un antigo comentario meu que tiña esquecido sobre as relacións entre a ficción literaria de Borges e o estudo científico de Luria), son maioría as que veñen do eido literario e psicoanálitico.
Esta coincidencia “sinestésica” entre ficción e ciencia, é unha proba do aserto de Barthes que afirmaba que a literatura contén todos os saberes, aínda que de forma non científica. A outra alternativa explicativa, é que Luria plaxiaba a Borges ou mellor, que Borges plaxiaba unha realidade aínda non coñecida. Os cegos sempre tiveron sona de vedoiros.

Vladimir Ramachandran:The emerging mind. BBC The Reith Lectures.Profile Books. 2003.; Richard E. Cytowic: The man who tasted shapes. An Abacus Original.1993. Luria. Pequeño libro de una gran memoria: la mente de un mnemonista. Trillas. 1983.