Mostrando entradas con la etiqueta Risco. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Risco. Mostrar todas las entradas

martes, 19 de octubre de 2010

EPISTOLARIO VICENTE RISCO-LOSADA DIÉGUEZ


O Epistolario de Vicente Risco a Antón Losada Diéguez que edita (e agocha) a Deputación de Ourense con introdución e notas de Joaquin Ventura Ruíz, mostra un Risco ás veces desalentado, ás veces alporizado, que se desabafa con Losada a quen chama xefe en moitas das cartas aínda que xa con máis confianza, aponlle seren un preguiceiro e un lacazán por non escribir o que el só podía e debería escribir. As cartas que o editor ten que fixar polas citas do texto, xa que case todas elas non levan data, van de 1918 a 1929. Nese tempo, Risco publica a Teoría do Nazonalismo Galego, casa, ten fillos, e leva adiante, a revista NÓS motivo de moitas inquedanzas económicas e de traballo. Contaba alguén, do que xa non me lembro, que Risco chegou a dicir, que se tivese que volver publicar a revista NÓS, chamaríalle, Eu, pois era el, e case sempre só el, o que a compuña, a distribuía e a maquetaba sen que Otero Pedrayo, ou Cuevillas deran cheda. A imaxe do primeiro Otero Pedrayo que agroma neste epistolario ten o seu aquel. En 1919 Otero vai falar a Santander na Festa da Raza. Risco escribe:
Querido déraciné...eu non che digo nada. Que Murguía che perdoe...Olé et vive l´espagnolade.En 1921 hai novas queixas de Otero: il veu eiquí coma quen veu ó desterro porqu´il se non atopa mais qu´en Madrid anque a nós nonol-o diga, díceo a sua nai. Eiquí abúrrese e si algo fai nas nosas cousas é por se entreter, e un pouco coma dilettante..Noutra carta posterior segue a teima:
Nin Peña Novo nin Otero Pedrayo son galeguistas sobre todo iste derradeiro...il é da pandilla do canalla de Noriega..o seu galeguismo redúcese a protexer ao seu escravo noxento (Noriega) a quen nós tivemol-a debilidade d´editar un libro pra que logo ande falando mal de nós.Pode que non fosen moi descarreiradas as críticas de Risco. Aínda non escribira Otero Arredor de si (1930) onde o seu Adrián Solovio, alter ego de Otero, descubrirá Galicia ao través dunha viaxe iniciática.
Nunha data incerta, 1921?, e sen que estean claras as razóns, o alporizamento, a carraxe de Risco, acada o cumio dunha arroutada epistolar:
Estanos ben empregado por querermos salvar a un pobo de cabrós coma é o pobo galego, por querermos dotar de conciencia nazonal a un pobo que quere perder o caraute de pobo, a un pobo suicida que quer perecer como tal pobo, que quer ser gobernado por alleos, educado por alleos, caso úneco no mundo.. .e por moito que fagamos non conseguiremos impedilo suicidio de Galiza non poderemos deter este instinto fatal qu´a leva á morte e ó anegamento na noxenta y- asquerosa Hespaña...
Esta definición de Galicia como pobo que se quere suicidar apónselle sempre a Cuevillas, pero o artigo As Raíces Fondas de Galicia, onde Cuevillas di case o mesmo que Risco, ten no seu pe a data de 1953. Se non hai erro, haberá pois que cambiar a atribución primeira do texto e poñela baixo a autoría do Risco alporizado dos anos 20.
Un pouco máis adiante, na mesma carta, canso de seren prudentes e calar pra non ferir ou arredar a este ou aquil ou conquerir que fulano ou mengano se unan ao nacente galeguismo, Risco desbota esas tácticas que non trouxeron a ninguén ao grupo e propón outro método que cómpre ler, supoño, de xeito metafórico: Por qué non imos directamente á agresión?...Sen dúbida interesante este epistolario editado por Joaquin Ventura que a Deputación mantén case en segredo ateigando os andeis do baixo do seu pazo, que nos mostra o feitío humano dun Risco atinxido polos atafegos cotiás da vida política e cultural. Cun pouco de sorte, e despois de dúas ou tres peticións ben dirixidas, poden conseguilo na Deputación e con sorte, tamén nalgunha librería..
.

sábado, 4 de septiembre de 2010

O XACOBEO E TEIXIDO




Vexo na televisión un reportaxe sobre o Camiño de Santiago. Os periodistas sen dúbida peneiraron o filmado e as entrevistas desbotando o normal e salientando as facianas máis excéntricas que puideron atopar mais esas facianas excéntricas, eran moitas, moitas. O camiño está ateigado de homes e mulleres disfrazados, cheos de cunchas de vieiras, de caxatos, de hábitos de frade, a carón de sendeiristas deportivos e outras xentes que percorren o camiño tocando gaitas e pandeiros sen pouso, camiñando para atrás, en patíns ou en pequenos tractores, ou vestidas de rosa con capirote para festexar unha despedida de solteira. Unha peregrina confesaba a súa decepción: non atopara no camiño nada de relixiosidade, nada de espiritualidade. Compostela é hoxe un espazo onde campa o kitsch turístico-relixioso-enxebre do mesmo xeito que campa no cabo do mundo de Fisterra onde lixo,máquinas de bebidas, caixas, e tendas de recordos kitsch ateigan un espazo que debería estar limpo como o está a Pointe du Raz no fisterre bretón que hai anos estaba na mesma situación que o fisterre galego e que hoxe, despois de derrubar o centro comercial, levar o aparcadoiro a máis de 800 metros e repoñer a vexetación autóctona, recuperou o vello feitío que tivo durante milenios.
A Compostela de hoxe é unha cidade abafante, estragada, vendida, ateigada polo turismo de masas sen que se teña a certeza de que esa venda vaia arranxar ningún dos grandes problemas económicos. Os galegos venderon unha cidade única por trinta moedas como estragaron as rías e o rural cun feísmo desfeitista por moito menos.
En Pelerinaxes I[1], diario da viaxe que dende Ourense a San Andrés de Teixido fan a pe en sete días Otero Pedrayo, Ben-Cho-Sey e Risco nos anos 20 do século pasado, atopamos un Risco que se alporiza co motorismo e as arelas de viaxar en automóbil: pró a terra d´un débese andar d´a pé. Rifa tamén cos que viaxan por deporte, por motivos científicos, que non desbota, mais que non deben ser o motivo principal da viaxe, contra os turistas, mesmo cos galegos que son na súa terra verdadeiros turistas cando non veraneantes e fanlle o aldraje de portarénse coma tales. O dos turistas foi para Risco unha teima sen acougo. En Mitteleuropa chega a dicir, que a explotación do turista é unha das cousas mais xustificadas que hai; o turista foi creado para isto, para tirarlle os cartos; xa que o aturamos cómpre que pague [...] o turismo é o mais inmoral dos negócios; é o que mais se asemella á prostitución [...] E engadía: vai resultando distinguido andar a pé[...]isto está moi ben namentras andar d´a pé se non colla como deporte, porque entón já nos achamos de novo envolveitos na vulgaridade noxenta dos calqueiras... Non sei que pensarán hoxe os organizadores do Xacobeo deste Risco alporizado. O camiñar e os camiños foron tamén para Otero Pedrayo, algo determinante na súa obra, mais coma Risco, fuxía das paisaxes consagradas polo turismo, como as rías, que cómpre visitar na invernía, e dicía iso, nos pasados anos 50 denantes de gran desfeita urbanística[4]. Malia as rifas de Risco, a Galicia de hoxe está chea deses sendeiristas deportivos, deses “calqueiras” alleos aos razóns patrióticas de Risco que mesmo fan andainas nocturnas para non se decatar das terras que camiñan nin das xentes que as habitan e dese xeito cinguir a andaina a un puro esforzo deportivo. Tampouco hai moitos peregrinos no camiño de Santiago, senón sendeiristas de longo percorrido, moitos deles sen gromo ningún do espírito que creou o camiño. Hai excepcións de certo, e algúns destes sendeiristas fan pousos para coñecer o que o país ten que ofrecer pero non son os máis.
É cousa curiosa, se cadra polo pouco lidos que son moitos destes sendeiristas, e os ainda menos lidos que son os alcaldes, extraña que a ninguén se lle teña ocorrido recuperar a Pelerinaxe de Otero, Risco e Ben-Cho-Sey, nin sequera ás autoridades dos concellos ben dotados hoxe de casas rurais onde facer os pousos que os tres de NÓS facían ás veces en cortellos[5]. E se trata, con matices, da única peregrinaxe galega, pois o camiño de Santiago e cousa de alleos. Cunqueiro dicía: San Andrés de Teixido; a única peregrinación que nos queda aos galegos...
Cómpre ser optimistas e agardar que non estraguen este camiño cando o coñezan...
PD. Mes de Santos 2010. Neste mesmo mes de Santos do ano 1984, Valentin Carrera, dous amigos e un difunto que recolleron no cemiterio de Cudeiro, repetiron a viaxe iniciática de Risco, Otero e Ben-Cho-Sey. A viaxe foi logo publicada como libro pola Diputación de A Coruña en 1987: Viaje al fin de los mundos.

[1] OTERO PEDRAYO. R.Pelerinaxes I. Edición facsimil. Edicións do Castro. 1993. A primeira edición é de 1929. A viaxe fixérona no 1927. Manténse a ortografía da primeira edición.

[4] OTERO PEDRAYO. R. Guía de Galicia.Galaxia.1954.

[5] Cómpre facer un estudio previo antes de facer esa ruta para atopar os vellos camiños. Unha excelente axuda pode ser o Google Earth ou mellor aínda o SIXPAG. Ás veces non é doado atopar os lugares. Viana, preto de Chantada, por exemplo, levoume moito tempo de esculca no Google Earth.