sábado, 25 de febrero de 2012

IDEAS VERDES INCOLORAS DORMEN FURIOSAMENTE

  


1.- Enszerberger afirmou que o número de lectores de poesía é o mesmo en calquera país do mundo sen importar o tamaño da poboación: 1.354 (Constante de Enzensberger). Esta misteriosa propiedade fai que o número de lectores (de compradores hai que  supoñer),  sexa o mesmo en Islandia (300.000 habitantes) que nos Estados Unidos (320 millóns).  Ademais é o único xénero literario no que hai moitos máis escritores (privados e clandestinos) que lectores, afirmación que comparte con Montaigne:
                 
Resultado de imagen de enzensbergerTemos moitos máis poetas que xuíces e intérpretes de poesía. É mais doado facela que coñecela[1]
Pode que a boutade de Enzesberger sexa certa mais a poesía xa non é o que foi e a poesía de hoxe parece avanzar cada día máis, cara a unha total incomprensibilidade. Josep Pla escribía hai xa moitos anos sobre a poesía de Kavafis:

Son poesías moi sinxelas, sen pedantería, que non recorren ao inintelixible galimatías da poesía de hoxe que é horrenda…   

É como se a poesía de hoxe tivera dous extremos, a cursilería e a impenetrabilidade.

2.- En los yermos altos / veo unos chopos de frío / y un camino blanco… escribe Antonio Machado. Poucos problemas. Somos capaces de evocar aquilo ao que Machado se refire e accedemos con facilidade á metáfora «chopos de frío».
En  Góngora a cousa vai máis complicada:

El que de cabras fue dos veces ciento
esposo casi un lustro, cuyo diente
 no perdonó un racimo aún en la frente
 de Baco  cuanto más su sarmiento
 triunfador siempre de celosas lides
 le coronó el Amor, más rival tierno,
breve de barba y duro no de cuerno,
redimió  con su muerte tantas vides;
  servido ya en cecina,
  de  purpúreos hilos es de grana fina...

 Tampouco é fácil Mallarmé, (que ten moitos poemas afortunados) de quen dixo Jules Renard no seu Diario que, era intraducible mesmo ao francés. En español non melloran as cousas:    
El número
 existiera
 de un modo que fuese alucinación dispersa de agonía
 comenzar  y cesará
 ensordeciendo que negado y cerrado…

Incoherente, diría calquera sen vacilar deste texto si descoñecera o autor
         En Góngora, con calma, coñecendo as claves, recoñecemos a descrición dun castrón famento que agora é servido nunha mesa como cecina  despois de inseminar en cinco anos máis de duascentas cabras. Aínda así, trátase dun estilo manierista. Góngora non é escuro, é complicado, di Octavio Paz[2].  A sintaxe é inusitada, as alusións mitolóxicas veladas, pero vencidas esas asperezas o sentido é claro. Mallarmé é outra cousa. Góngora fala  de algo que está fóra do poema. A súa referencia é exterior. En Mallarmé a referencia é a propia linguaxe. As palabras falan  entre sí, segundo Paz. Mallarmé, lembra J.A.Marina, andaba na procura dunha linguaxe especificamente poética onde as palabras non serviran para designar nin expresar nada, senón que tivesen un fin en si mesmas velaí que lle dixera ao pintor Degas que a poesía se facía con palabras non con ideas.  Tal pretensión, a Marina parécelle digna de ser convertida no patrón dos disparates que fixo xurdir a lingüística autónoma desligada da semántica, dos falantes e da comprensión, pero ven aquí ao caso. Todorov[3] dicía, hai xa moitos años, que no linguaxe do esquizofrénico, como pasa co de Mallarmé,  falla a función referencial. ¿É que dicir de Lewis Carroll?

Colliveaba el día y las tovas agilimosas
giroscopaban y barrenaban en el larde
                      todos debirables estaban los burgobos…

Parece moi bonito, dixo Alicia- pero resulta difícil de entender. En certo modo parece encher a miña  cabeza de ideas… só que non sei exactamente cales son.
As jitanjáforas de Alfonso Reyes eran moi semellantes e soaban do mesmo xeito:

Filiflama alabe cundre
ala olalúnea alífera
alveolea liris salumba salífera

Hai ocasións nas que a poesía se entende pero baixo a forma de  «ripios» que Juan Ramón Jiménez ilustraba así:  Lata, lata, lata, hojalata.

3.- Chomsky non precisou de palabras parecidas a palabras, unidas por unha sintaxe correcta ou de neoloxismos, para mostrar as diferencias entre sintaxe e semántica:

Vir casa ti.
          As ideas verdes incoloras dormen furiosamente.

No primeiro caso hai unha sintaxe incorrecta pero o sentido mantense. Na neuroloxía correspondería, (simplificando moito as cousas) ao xeito de se expresar dos pacientes con afasia de Broca. No segundo caso, a sintaxe é correcta pero a frase non ten sentido ningún. Sería algo semellante ao que acontece na afasia de Wernicke. Ocorre sen embargo, que moita da poesía de hoxe é do tipo de ideas verdes incoloras dormen furiosamente que de non saber o lector que se trata dun famoso exemplo de Chomsky para ilustrar a falta de sentido dunha frase cunha sintaxe correcta, podería ser tomado como un verso dun gran poeta. No faltan xustificacións para iso. É o propio Octavio Paz quen escribe:

Las verdaderas ideas de un poema no son las que se le ocurren al poeta «antes» de escribir el poema sino las que «después» con o sin su voluntad se desprenden naturalmente de la obra[4] 


Resultado de imagen de ts eliotPaz semellaba compartir a ideas de T. S. Elliot que lle dixo nunha conversa a Donald Hall: Cando escribín A Terra Erma tanto me tiña se sabía o que dicía ou non.[5] A palabra clave en Paz é «naturalmente»... ¿que se desprende «naturalmente» da frase «as ideas verdes dormen furiosamente...?». Segundo algúns críticos abonda con atopar un contexto axeitado para que teña sentido. 

4.- Este tipo de textos ten unha gran semellanza cos producidos por aquel xerador automático de poesía galega que acollía o blog Aduaneiros sen fronteiras infelizmente desaparecido ou cos cadáveres exquisitos, poemas que os surrealistas compoñían alá polos anos 20 do pasado século, pregando unha folla de papel onde cada un dos participantes ía escribindo unha palabra sen coñecer o que escribían os demais e seguindo a secuencia de nome, verbo, adxectivo, etcétera,  para despois despregar a folla e ver o resultado: el cadáver exquisito beberá viño novo, foi o primeiro resultado que bautizou a técnica para a posteridade. Raymond Queneau, un dos fundadores de OuLiPo (obradoiro de literatura potencial) publicou en 1961 Cent Millards de Poèmes, dez sonetos nos que cada verso era una tira de papel que cada lector podía dispoñer do xeito que lle petase combinando ao chou as tiras para facer novos sonetos coas tiras-anacos dos dez de Queneau. Dende a chegada da informática e dos ordenadores estes xeradores aleatorios inzaron tanto na poesía como na prosa e hai agora xeradores de discursos foucaltianos, postmodernos, burocráticos etcétera que seguen os mesmos procedementos de combinatoria aleatoria dentro de certas restricións.
Todos estes poemas cumpriría que pasasen o Test de Turing inverso. Turing propuxo o seu test para determinar se un ordenador era intelixente ou non. Diante da pantalla dun ordenador facemos preguntas a algo ou alguén que está oculto  que vai respondendo as preguntas. Se non podemos precisar se quen responde é un ser humano ou un ordenador o test de Turing é positivo. Se diante dun ordenador non somos quen de distinguir se os poemas que aparecen na pantalla están compostos por un xerador aleatorio ou por un poeta estamos no mesmo caso. Nassim Taleb, estudoso do azar e da incerteza,  puido divertirse producindo cun xerador deste tipo «auténticos» discursos derridianos ou hegelianos pero malia a súa critica recoñece que gorenta desta poesía sen sentido, ben a producida por medios informáticos ou por creadores conscientes  pois cree que algunhas formas estéticas atraen algo na nosa bioloxía sexan xeradas dunha forma ou doutra. Claro que cómpre ir con certa cautela con alguén que di que para el, os textos de Baudelaire, Canetti, Borges ou Benjamin son impenetrables ou escuros.   
Si se quere, é posible facer as cousas máis doadas sen recorrer á informática. Supoñamos unha frase  que escribiremos  seguindo a forma poética tradicional:

O home camiñaba pola rúa
Mirando os escaparates
Para pasar o tempo
Ata a hora da cea

         Frase trivial onde as haxa. Fagamos uns pequenos arranxos. Cambiemos unha palabra de xeito aleatorio por cada verso,(pódense intentar varias ata quedar satisfeitos), e vexamos o resultado:

O vento camiñaba pola rúa
Aloumiñando escaparates
Para pechar o tempo
Ata a hora dos soños

         O resultado vai collendo un feitío «poético». Se o resultado non se entende non hai porqué preocuparse, estaremos diante de «versos entrambilicados que ninguén entende pero que ninguén se atreve a dicilo» como escribía García Sabell no seu Libro de Comentos, farto de tanto poeta «filósofo» ou retórico baleiros de ideas.
       Repítese o proceso con varios «versos» máis e despois faise un peneirado para desbotar o que non interese. Si se quere, pódese recorrer a hipálage[6] como Borges sinalaba en  Carducci: o silencio dos campos verdes transformase en, o silencio verde dos campos. Ou en Virxilio: Camiñaban escuros pola solitaria noite.[7]

5.- Abeirados polas ideas de Octavio Paz, calquera crítico postmoderno podería escribir un libro sobre a fecunda iluminación que ideas verdes incoloras nos aportan en relación por exemplo coa teoría da percepción da cor e a súa relación coa linguaxe, (tese de Sapir-Whorf), ou o «durmir furiosamente» destas ideas que mostrarían unhas ideas dormentes furiosas que poden espertara en calquera momento para cambiar coa súa furia o estado actual das cousas (xéneros, ideoloxías, políticas...) ou deixarse levar pola música das palabras sen procurar ningún significado.
 Lichtemberg dicía de Jacob Boehme, que o autor puña as palabras e o lector o sentido, frase que aprobarían os post-estruturalistas pragmáticos que poñen o sentido dunha obra na beira da comunidade lectora.[8]

6.- A semellanza deste tipo de poesía coa afasia de Wernicke e coa linguaxe de algúns esquizofrénicos foi un tema recorrente na psicopatoloxía que consideraría algúns poemas de  Mallarmé como esquizofrénicos e tería certa sospeita de Góngora polo seu manierismo e barroquismo tamén propios en ocasións desta doenza como Binswanger mostrou no seu libro, Tres formas de existencia frustrada, hai xa moitos años. Na clínica esta linguaxe ten ás veces outro feitío con certo parentesco coa poesía moderna. Un doente atinxido por esta doenza, na terceira idade da súa cronicidade di:

Bueno… recibiré este…de los pozos de las angustias o cosa así… según parece… recibirá el cuadro sobre el asunto del cuadro para que lo tengo colocado… tal cosa y para que no moleste…

         ¿Que cadro?. ¿Para que non moleste a quen?. ¿Qué “este” recibirá?. Aquí, «este» non ten un referente que o preceda. Tampouco «moleste». O discurso non ten coherencia nin referencia… Outro, na  súa mocidade psicótica, teima en que midamos con precisión de agrimensor a que cree evidente forma cadrada da súa cabeza: A miña nai sempre me dicía que era un cabeza cadrada, que parecía alemán... Sintaxe conservada sen dúbida pero se trata dunha metáfora «encarnada», tomada na súa  literalidade e feita  carne. Vémolo ás veces… Outro máis conta un chiste. A súa narración é sintáctica e semanticamente impecable. A situación, un funeral, éo  menos.  É unha mostra desas «faltas de tacto» tan frecuentes nos abrentes psicóticos. Aquí enténdese a narración, a sintaxe é correcta, pero o ouvinte pampo, pregúntase:: ¿a que ven iso agora?.  É o  contexto, o uso, o que fai o chiste  desaxeitado á  situación.

7.- A hipótese tradicional para explicar estas semellanzas entre a linguaxe psicótica e a de moita produción poética, considera que nestes escritores e en termos cognitivos, o procesamento lingüístico é consciente e realizado desde niveis altos de procesamento mentres que nun esquizofrénico, non é ese o caso. Dito doutro xeito: O poeta é dono da linguaxe mentres que o esquizofrénico é escravo da linguaxe. É dicir: nos pacientes, o procesamento da linguaxe non sería deliberado senón automático e inconsciente e sen que exista insigth, conciencia, sobre as súas  producións o que nos leva a outro concepto bastante esvaradío que conta con bibliografía un tanto desmesurada e con hipóteses non sempre achegadas.
É coñecido que Jung consultou á filla de Joyce, malia as reticencias deste, que non admitía que, o estraño linguaxe que a súa filla utilizaba cando escribía e mesmo cando falaba, fose algo diferente aos xogos de palabras que el empregaba a moreas nas súas obras e do que o Finnegans Wake é paradigma. Jung, díxolle a Joyce, que a diferencia estaba, en que  tanto el como a súa filla estaban baixo a  auga, pero Joyce nadando e a súa filla, afogando. Jung comparou tamén os artistas de vangarda cos psicóticos. Pensaba que en ambos casos, o Ego era superado por unha enxurrada de forzas dionisíacas ingobernables e pola súa inmersión nun entorno sensorial.
Hai anos un psiquiatra alemán, Von Domarus, propuxo unha teoría para explicar a fala esquizofrénica. A lóxica dos individuos «normais» acepta a identidade sobre a base de suxeitos idénticos. A paleolóxica do esquizofrénico sobre predicados idénticos. Supoñamos dous siloxismos A y B :
                           A
1.    Todos os homes son mortais
2.    Sócrates é home
3.    Sócrates é mortal
                        B
1.    A herba morre
2.    Os homes morren
3.    Os homes son herba

No primeiro caso a identidade dos suxeitos ven determinada porque comparten un predicado, unha propiedade común. No segundo, é a identidade dos predicados compartidos a que establece a identidade común dos suxeitos. Von Domarus pensaba que este xeito de razoar era propio dos esquizofrénicos mais atópase tamén nos chistes, no humor e... na poesía.

7.- Se moita da poesía moderna é hermética a prosa non o é menos. Tomemos o seguinte texto:

O paso dunha explicación estruturalista na que se entende que o capital estrutura as relacións sociais dun xeito relativamente homólogo a unha idea da hexemonía na que as relacións de poder están sometidas á repetición, á converxencia e á reformulación, suscitou a cuestión da temporalidade no pensamento da estrutura e marcou un cambio dende unha forma de teoría althuseriana que considera as totalidades estruturais como obxectos teóricos a outra na que as pescudas na posibilidade continxente da estrutura abren unha concepción renovada da hexemonía como vinculada aos enclaves e as estratexias continxentes da reformulación do poder…

Este texto que reproduce Steve Pinker no seu libro, The Blank Slate, é da moi gabada e recoñecida profesora de retórica da Universidade de Berkeley, Judith Butler[9], e foi merecerte do primeiro premio no Concurso anual de redacción con mal estilo da revista Philosophy and Literature, que premia os textos mais lamentables en artigos xornalísticos ou libros.
Tampouco está mal este outro sobre poesía, comunicación y creación dun moi recoñecido poeta xa falecido:

Tal vez sea en este (en el proceso creador) donde importaría ahora centrar la consideración de lo poético, y tal inversión de perspectiva podría encontrar paralelo en la totalidad del campo lingüístico, donde la consideración de los aspectos utilitarios o finalistas del lenguaje, (más o menos condicionada por la inflación metodológica de la taxonomía estructural, de los principios de la psicología estímulo-respuesta o de la teoría matemática de la comunicación) está dejando paso a la consideración de su aspecto creador o generador y donde la lingüística misma se sitúa, según señala explícitamente Chomsky, como una rama particular de la psicología del conocimiento….[10]

Non sei se haberá alguén que saiba de que tratan estes textos. O xurado do primeiro deles, tivo que advertir de que non se trata dunha parodia, pero textos semellantes inzan polo mundo adiante  en ensaios, críticas, libros e reseñas literarias e por suposto na poesía onde xa é moi difícil atopar poemas «sinxelos» como os de Kavafis esmagados por unha morea de significantes na procura dalgún significado que alguén poida atopar ou imaxinar.
Se cadra, é por razóns como as aludidas que, Umberto Eco definía a poesía como, iso que cambia de liña antes de que remate a páxina, mentres que a prosa é o que chega ata o final da liña.
         Malia este estado de cousas a poesía, mesmo a inintelixible, segue a ser valorada en exceso. É unha poetisa, premio Nobel en 1996, Wislaba Szymborska a que escribía no seu libro, Sempre lecturas non obrigatorias:

¿Hai algún xeito de remediar dunha vez por todas esa escala, tan anacrónica hoxe, na que a poesía sempre está un banzo por riba da `prosa e que sempre considerou a narrativa de ficción de maior valor que a de non ficción ?...

Seica aínda non, e segue existindo unha especie de Ditadura do Poetariado, velaí que, poño por caso, o Día das letras galegas, festexe, ás veces, poetas de moi dubidoso valor e obra cativa e esqueza a historiadores, ensaístas ou antropólogos que para chegar a esa gloria teñen que acreditar unha obra moito máis ampla ca de calquera poeta que moitas veces é recibida con reticencia.
           Sziymborska cando tiña ao seu cargo responder aos escritores que querían debutar na revista polaca Vida Literaria non aturaba a poesía aleatoria que recibía en ocasións e respondía cunha mestura de ironía, humor e certo alporizamento:

Os poemas que nos remite vostede son puzzles de palabras cuxo único misterio é o azar. Non descubrimos neles ningunha regra de asociacións, ningún intento de construír algunha imaxe coherente. Por non falar do sentido: Mergúllome nos azucres do mundo como si dun estorniño, ao que esperta a codia, fóra do corpo... señor...[11]

        
8.-  Non é preciso, coido, tanto alambique na prosa ou na poesía. Para Montaigne, a boa, a suprema, a divina poesía está por riba de regras e razóns ... non exercita o noso xuízo; arrebátanos e nos devasta[12].  A pregunta nestes casos debe ser sempre a de Kundera que é outro xeito de dicir o mesmo que dicía Montaigne: Ese poema, ese conto, ese texto de ensaio, ...: ¿Ilumina o misterio das situacións humanas ás que non chegan nin a socioloxía nin a politicoloxía...?.
Para moita da poesía de hoxe, a resposta, coido eu, é,  non. Nin a poesía ao xeito das jitanjáforas nin as que seguen o rego das «ideas verdes dormen furiosamente» teñen esa capacidade de iluminación. Son pura forma, «soniditos» que dicía, coido que Macedonio Fernández e nese eido por moi musical que poidan soar nunca serán como un cuarteto de Mozart ou unha fuga de Bach. 







[1] Montaigne. M. Ensaios. Acantilado.2011. (En Catón el joven).
[2] Octavio Paz. Corriente alterna. Siglo XXI.
[3] T.Todorov.
[4] Paz. O. Corriente Alterna. Siglo XXI. 1967.
[5] Citado en Cees Noteboom, Tumbas de poetas y pensadores. Siruela. 2017.
[6]  Atribuir a un substantivo una cualidad o acción propia de otro sustantivo cercano en el mismo texto(Wikipedia)
[7] Eneida.VI.1.
[8] Vid Todorov.T. El hombre desplazado. Taurus.2008. (1996).
[9] De Wikipedia: Judith Butler (n. 24 de febreiro de 1956, Cleveland, Estados Unidos) é unha filósofa post-estructuralista que actualmente ocupa a cátedra Maxine Elliot de Retórica, Literatura comparada e Estudos da muller, na Universidade de California, Berkeley, despois de exercer como profesora nas Universidades de Wesleyan e Johns Hopkins. Esta teórica, ten  realizado importantes aportacións no campo do feminismo, a Teoría Queer, a filosofía política e a ética.
[10] Valente. A. “Conocimiento y comunicación”. En Las palabras de la tribu.Tusquets.1971.
[11] Symborska. W. Correo Literario. Nordicalibros. 2018.
[12] Montaigne.Op. Cit.








   






viernes, 6 de enero de 2012

A PROPÓSITO DE "HOW SHAKESPEARE CHANGED EVERYTHING" de Stephen Marche.Harper and Collins. 2011.


Stephen Marche afirma rotundo, e se cadra excesivo, neste curioso libro que, Shakespeare foi a persoa máis influinte que nunca viviu [1]. Deu forma ao noso mundo máis que calquera líder político ou relixioso, máis que calquera explorador ou inxeniero. Os efectos das súas palabras no mundo foron sublimes e vertixinosas nas súas consecuencias. Os celos, a cobiza, os males do poder, a ambición, a vinganza, entre outros moitos sentimentos e acontecementos da vida, son aínda hoxe vividos segundo as formas que Shakespeare codificou nas súas obras. Si se coñece ben a obra de Shakespeare, di Marche, as súas  escenas e personaxes atópanse en calquera sitio e seguen exercendo as súas influencias no Hollywood americano como no  Bollywood hindú e por se non abondara, tamén foi quen de inventar 1.700 novas palabras e frases,”roubadas” de outras linguas ou dos tempos antigos do inglés que son hoxe de uso común, e mesmo de alterar a fauna dun país. En 1890, conta Marche, Eugene Schiefflin, un boticario de Nova York, ceibou no Central Park neoyorkino 60 estorniños traídos de Inglaterra. Pretendía introducir en América todas as especies de paxaros que aparecían nas obras de Shakespeare. Schiefflin xa trouxera antes dos estorniños, pardaos, reiseñores e lavercas que tamén ceibou por parques e campos, mais non sobreviviran agás os pardaos. Os estorniños aparecen na primeira parte de Enrique IV, cando o rei ordena a Hotspur que non mencione xamais o nome do seu cuñado Mortimer diante súa, e Hotspur pensa en mercar un estorniño e aprendelo para que repita sen pouso o nome de Mortimer na presenza do rei. Hoxe, eses 60 estorniños que o boticario Schiefflin ceibou no Central Park en homenaxe a Shakespeare, convertéronse en douscentos millóns que estragan edificios, xardíns e colleitas sen que ninguén poida atopar un medio de arranxar as desfeitas. No ano 2009, un granxeiro, farto dos estragos que os estorniños facían no penso do seu gando e aconsellado polas autoridades agrícolas, puxo veleno no penso e provocou unha chuvia de estorniños mortos que caeron sobre as rúas da cidade de Griggestown onde tiñan os seus niños e onde os estorniños quixeron ir morrer. Esa chuvia tivo un precedente na loita apocalíptica no ceo á que asistiron en 1621 os cidadáns da vila irlandesa de Cork, cando dúas enormes bandadas de estorniños que derramaban as súas colleitas, enfrontáronse por causas descoñecidas nun batalla aérea que fixo que caeran os paxaros mortos a milleiros  sobre as rúas até que case ningún deles quedou vivo. O f ilme de Hitchcock, Os Paxaros, inspirado na novela de Daphne du Maurier, tivo neste suceso a súa orixe [2].      
   Shakespeare é obvio que coñecía que os estorniños son un dos poucos paxaros que son quen de pronunciar palabras. Era un costume moi espallado dende os tempos da Roma imperial manter estorniños engaiolados nas casas. O emperador Claudio (41-54 a.C) o seu fillo Britanicus e Nerón, tiñan estorniños que dicían palabras en grego e latín. Ese costume mantívose ata tempos moi serodios. Mozart tiña un estorniño que mercou nunha tenda cando escoitou como o paxaro cantaba unha melodía moi semellante á do seu concerto para piano K 453 e outra das súas obras, pensan hoxe os estudosos, o K 522, unha peza ás veces discordante, é un intento de Mozart por reproducir o canto do seu estorniño que pasou con el tres anos e a quen lle dedicou un poema e soterrou cun funeral cando morreu en 1787. Schiefflin non foi o único que levou estorniños onde non os había. Por ese mesmo tempo, “alguén” fixo o mesmo en Nova Zelandia, Australia e Sud-África de tal xeito que hoxe só Ámerica do Sur non ten (aínda) estorniños. De todos os xeitos, lle apoñer a Schiefflin levar una praga aos Estados Unidos en nome de Shakespeare, pode que non sexa xusto. Os estorniños son os maiores devoradores de lagostas que existen e doutros moitos insectos. Hai cálculos que indican que 1.500 parellas de estorniños poden comer cada día tres toneladas de lagostas, razón entre outras, polas que foron considerados paxaros divinos cando facían iso e paxaros do demo cando non había lagostas e comían entón cereais, froitas, uvas ou penso para o gando[1].



[1] Cocker.M; Tipling.D. Birds and People. Jonathan Cape. 2013.
   Hai algunas referencias máis a paxaros nas obras de Shakespeare que Schiefflin non trouxo aos Estados Unidos, pode que porque xa había alí algunha especie ou porque non tivo tempo. O cuco, os pardaus e as andoriñas,  aparecen en O rapto de Lucrecia: Why should worm intrude bud? / Or hateful cuckous hatch in sparrow´s nest?...O galo en Hamlet; en Enrique VIII, lavercas; en O rei Lear, o pelicano,  o martíño peixeiro e as lavandeiras; en Otelo, a pita de Guinea e en MacBeth, (acto 1º, escena 6ª), Banquo, no castelo, falando con Duncan, di:  Ese hóspede do verán, o vencello, familiar dos templos, proba polos seus adorados albergues que o hálito dos ceos embalsama aquí o ambente. Non hai cornixa, friso, arbotante nin recanto aconchegado onde esta pequena ave non teña pendurado o seu leito e procreante berce…

        
Marche non foi o único nin o primeiro en facer afirmacións semellantes sobre a influencia de Shakespeare. O seu amigo e rival, Ben Jonson, no limiar do Primeiro Folio onde se recolleron algunhas das obras de Shakespeare, dicía: He was not of an age, but for all time... Harol Bloom, no seu libro sobre Shakespeare, apoñíalle a este a invención da natureza humana tal como hoxe a comprendemos, afirmación que hai que comprender de xeito non literal pois o que Shakespeare inventou foi un modo novo de representar o humano que exerceu a súa influencia sobre as audiencias e os lectores de tal xeito que, hoxe, a humanidade imita as imitacións que Shakespeare fixo da humanidade. É, neste senso, di Colin MacGinn, que Shakespeare creou a natureza humana tal como agora existe, polo menos, en boa medida e non hai que lle dar ao termo crear o mesmo sentido que ten cando dicimos que Watt creou ou inventou a máquina de vapor [3]. 
              Shakespeare foi un sobrevivinte da peste  que con avalos e debalos, arroutadas e pousos o acompañou ao longo da súa vida. Cando naceu en 1564, as entradas do libro da Holy Trinity Church de Stratford tiñan un sinxelo código ao seu carón; C para bautizado, (christened), M para voda (married), e B para difunto (buried). Nos seis meses que precederon ao nacemento de Shakespeare non hai máis que vinte mortes rexistradas. Nos seis meses seguintes, máis de duascentas o que para unha vila de 1.500 veciños era unha cifra arrepiante. As viaxes entre Londres e Stratford, os tempos de silencio, os retiros, teñen moito que ver cos andazos da peste. Cando naceu había pouco que as imaxes de santos e escenas bíblicas que levaban  moitas delas 300 anos nas paredes da igrexa (The Gild of the Holy Cross), foran cobertas baixo unha capa de cal e os vellos costumes relixiosos prohibidos. A Reforma protestante non admitía o Purgatorio polo que rezar polos defuntos como sempre se fixera, non tiña xa sentido ningún e as imaxes eran agora consideradas  idolatría, pero por debaixo das novas prácticas, seguían vivos os vellos costumes e ritos, agochados ou non. Este vivir entre dous mundos, di Jonathan Bate, foi unha constante na vida de Shakespeare: foi pai de xemelgos, as súas obras eran unha mestura de traxedia e comedia, de vidas baixas e altas, de prosa e verso. Foi un home do rural que traballaba na cidade, un narrador de contos populares que coñecía as mitoloxías da antiga Grecia e Roma, que arrandeou entre o catolicismo e o protestantismo, entre o feudalismo agónico e os burgueses nacentes, entre o pensamento racional e o instinto visceral, entre a fe e o escepticismo...


            Tolstoy non aturaba as obras de Shakespeare e Chejov que si gorentaba delas, tivo que sufrir a impertinencia do aristócrata Tolstoy cando nas costas do mar negro en 1901, tiveron unha xuntanza nunha residencia de verán que lle cedera a Tolstoy a condesa Panina. Alí, Tolstoy, despois de gabar os relatos de Chejov, mostrou o seu desprezo polas obras de Shakespeare e engadiu: Shakespeare escribía mal e vostede (nas obras teatrais), aínda peor. O efecto desta observación do vello Tosltoy no máis novo Chejov, é doada de imaxinar. A teima de Tolstoy en contra das obras de  Shakespeare era algo persoal. Non se lle podía apoñer un certo desleixo nas lecturas pois aseguraba que as lera varias veces en  ruso e alemán. Un día sentou na súa mesa de traballo e non parou até rematar o seu libro Tolstoy on Shakespeare. As súas críticas eran diversas. Ían dende a mala técnica e  a puerilidade dos argumentos, até a carencia de relixión, a linguaxe excesiva, a amoralidade ou os argumentos anacrónicos. De todas as obras era O rei Lear a que máis alporizaba a Tolstoy até o punto de preferir a  antiga e moi inferior crónica de O rei Leir, na que se baseou Shakespeare, á obra deste. A razón, segundo Marche, era que O rei Leir tiña un remate feliz e O rei Lear, non. Tolstoy pensaba que as cousas e a vida, deberían ser xustas e podían ser completamente comprendidas. Shakespeare pensaba que a vida nunca podería ser completamente comprendida e que o “it depende” era a resposta máis axeitada á maioría das preguntas que nos facemos.               
Tolstoy, porén, tiña algo de razón cando criticaba os anacronismos de Shakespeare que son coñecidos de antigo  En Xulio César por exemplo, soan as campás dun reloxo e outro reloxo aparece en MacBeth (século XI) onde tamén hai artillería. O rei Lear usaba lentes que daquela aínda non se inventaran. En A Tempestade, un barco zarpa de Milán (que non ten mar) e o mesmo acontecía en Conto de inverno, onde un barco atraca na Bohemia checa. Hamlet é un personaxe do século X, pero na obra se menciona a Universidade de Wittemberg que se fundou no XVI onde Lutero cravou na  porta da súa capela as súas teses. Tampouco  hai outeiros no Elsinor de Hamlet (é unha chaira). Antífolo de Siracusa, n´A Comedia das equivocacións, pregunta por América e as Indias séculos antes de que fosen descubertas polos europeos. O Rei Xoán sitia Angers con canóns  en 1211. Cleopatra xoga ao billar que non se inventou  ata o século XVI.  En Tito Andrónico, que se desenvolve na antiga Roma, hai un neno que chora nas ruinas dun "antigo mosteiro" e Aarón fala de ideas "papistas"...Tanto ten. Shakespeare atura erros, anacronismos e mesmo os atentados de moitos directores de escena que, teimosos, procuran modernizar a alguén que non o precisa pois os seus personaxes, non só seguen sendo modernos, senón que fundaron en boa medida a modernidade tal como hoxe a coñecemos e mesmo alguén de sona nos estudos sobre Shakespeare como Jonathan Bate, (Soul of the Age.2011), afirma que os anacronismos de Shakespeare foron intencionados de tal xeito que, o pasado iluminaba o presente e viceversa. Velaí, di Bate, que en Tito Andrónico, nun chiscar de ollos, imos dende a antiga Roma á moderna igrexa católica e dende unha imaxinaria Italia á paisaxe da Inglaterra do tempo de Shakespeare.  
Con anacronismos ou sen eles, a lingua e as figuras de Shakespeare seguen mantendo o seu poder sobre a vida cotiá. Un día, hai  años, vin nunha cafetería, como unha muller, se cadra unha actríz,  detiña os intentos de ligue dun prosma que loaba a súa beleza cos acostumados adxectivos do ligón de barra, cunha réplica de Traballos de Amor Perdidos: A miña beleza...non precisa dos floreos afectados das vosas loanzas. Descoñezo quen era aquela muller, cousa que lamento, e aínda hoxe, segue viva a miña  curiosidade por saber o que ía pensando daquela culta  muller o prosma ligón mentres se retiraba pampo e vencido. Resulta que a lingua de Shakespeare ten efectos mesmo sobre os pailáns máis rudos como o tiña o latín en boca do sancristán en Divinas Palabras de Valle-Inclán, (a quen Shakesperae non lle resultaba alleo), capaz de deter coa súa aura sagrada a uns campesiños rebuldeiros que querían acantazar a Mari Gaila: qui sine peccato est vestrum, primus in illan lapidem mittat.
           Non é o mesmo dicir que alguén está dominado pola súa muller (ou unha muller polo seu home) que dicir de Marco Antonio o que Shakespeare escribía en Antonio y Cleopatra: Perdeu  todo o seu tempero e sirve agora de fol e abano para arrefriar a unha exipcia fogosa… Se cadra,  a Bush puideron irlle mellor as cousas si lle dixera a Sadam o que lle dicía ao seu inimigo o Enrique VI  de Shakespeare: Se rexeitades a paz que vos ofrezo…provocaredes o furor dos tres servidores que me acompañan…a fame descarnada, o aceiro tallante e o lume devorador... Ou a Rajoy replicando á parella  Zapatero-Rubalcaba con O Rei Lear: É calamidade dos tempos cando os cegos guían aos tolos. Os paradoxos da relación amor-odio entre amantes están en  Romeo y Julieta: O meu único amor brotou do meu único odio. O poder corrosivo da culpa en  Troilo y Cresida:   As feridas que os homes se fan a si mesmos curan mal. Os matrimonios por interese e as súas consecuencias no lixo audiovisual, en Cimbelino:  Confesou que non vos amou nunca, que o que aloumiñaba non erades vos, senón a grandeza conferida por vos, que casou coa vosa monarquía, era a esposa do voso trono, pero dáballe noxo a vosa persoa... En MacBeth os sociólogos atoparán o que máis adiante se coñeceu como a profecía autocumpridora, e os psiquiatras teñen toda unha teoría da alucinación e do poder da culpa, e tamén un agoiro do que a psicofarmacoloxía pode facer ou non pode facer coas doenzas da mente. Shakespeare sabía catro séculos antes da neuroquímica que hai cousas que non se arranxan cun medicamento. Lady McBeth, que, ensoñada ergue do seu leito todas as noites e camiña sonámbula polos corredores do castelo,  confesa no lusco-fusco da súa conciencia o asasinato do rei Duncan,  espertando o medo e a culpa do seu home e cómplice,  MacBeth, que chama a un médico para afogar o mal:

MacBeth: Non podes acalmar o seu espírito doente, arrincar da súa memoria os arraigados pesares, borrar as angustias gravadas no seu cerebro e cun doce antídoto que a faga esquecer, guindar do seu seo apreixado as perigosas materias que pesan sobre o seu corazón?...
Médico: Neste caso o doente debe ser médico de si mesmo

Shakespeare deu forma tamén aos guións dos asasinatos de líderes políticos, democráticos ou non. En Tito Andrónico por poñer un exemplo entre outros moitos, córtanlle as mans e a lingua a Lavinia, filla do xeneral romano Tito Andrónico, para que non poida revelar quen a violou e lle cortou as mans, cousa que como Filomena, consegue ao cabo; en vinganza, Andrónico mata os fillos de Tamora, fai con eles un pastel que serve na mesa para que os coma Tamora; Tito Andrónico amputa a súa man para salvar os seus dos fillos pero devólvenlle a súa man amputada coas cabezas degoladas dos dous fillos; a escena final é unha matanza onde todos acaban acoitelados, matanza precedida na obra por outras moitas. Shakespeare é en moitas das súas obras, un devanceiro das chacinas dos filmes gore aínda que a crítica moderna revelou que Tito Andrónico e outras obras de Shakespeare como Timón de Atenas ou Enrique VIII,  foron escritas por Shakespeare en colaboración con outros autores como Peele ou Middleson polo que non hai que lle apoñer toda a chacina de Tito Andrónico a Shakespeare como afirma James Saphiro no seu derradeiro libro, Shakespeare (Gredos. 2012)..  Sexa como for, levar esta obra a un escenario  ten os seus atrancos. En 1951 cando se representou a obra de xeito realista en Londres, o teatro tivo que contratar un servizo de ambulancias pois dúas persoas de media caían ao chan sen sentido en cada representación cousa que seica non acontecía nos tempos de Shakespeare, máis afeitos á violencia, a pesar de que os “efectos especiais” do tempo incluían de abondo sangue de ovella ou de porco e mans e brazos de atrezo amputados, estrados polo chan do escenario. Shakespeare non esaxeraba moito. Non chegou a vivir no tempo de María I, filla de Enrique VIII,  esposa de Felipe II de España, que cando chegou ao trono despois da morte do seu medio irmán Eduardo, repuxo o catolicismo pola forza asasinando a 300 cregos disidentes o que lle valeu o alcume co que pasou a historia e a coctelería, de Bloody Mary. A súa media irmá que a sucedeu, Elisabeth I, volveu de novo ao protestantismo polo que no camiño tivo que escartexar  e destripar a 120 cregos, desta volta, católicos. Foi no longo reinado de Elisabeth no que Shakespeare escribiu as súas grandes obras. Que tiveran sangue a esgalla, non era cousa de estrañar. Eran os tempos. 
Outras veces é unha prosa “imperial” a que xustifica os crimes. Os discursos que Bruto e Marco Antonio pronuncian en Xulio Cesar despois do asasinato de César, son unha mostra inmorredoira de como se pode manipular ao populacho nesas situacións. Bruto que ven de acoitelar a César enfronta ao populacho que ateiga o foro:

E si entón ese amigo me preguntara porqué Bruto se alzou contra César, esta é a miña resposta. Non porque amase a César menos senón porque amaba a Roma máis. Prefiririais que César vivise e morrer todos escravos a que estea César morto e vivir todos libres?...Porque César me apreciaba o choro; porque foi afortunado o celebro; como valente o honro pero por ambicioso o matei; bágoas hai para o seu afecto, xúbilo para a súa fortuna, honra para o seu valor, morte para a súa ambición...
 
Acalmado o populacho fala Marco Antonio cun discurso que é o exemplo académico clásico para mostrar o que é a ironía e como facer que un populacho vertolán mude axiña de opinión e volva  pedir o castigo dos asasinos:

O nobre Bruto dixo que César era ambicioso; se o foi, a súa era unha falta grave e pagouna gravemente... pero Bruto é un home honrado; (César) era o meu amigo leal e sincero pero Bruto di que era ambicioso e Bruto é un home honrado; infinitos cautivos trouxo a Roma que encheron o tesouro público... é isto ambición?...sempre que os pobres deixaban oír os seus laios César choraba...tres veces ofrecinlle a coroa real e as tres veces rexeitouna....era iso ambición ?...

A medida que Antonio prosegue o seu discurso os ánimos dos romanos que ateigan o Foro van mudando de novo. Cando Antonio le o testamento, inzan os berros polo “nobre César” e os cidadáns marchan polas rúas na procura de vinganza. Na escena que segue aos discursos de Bruto e Marco Antonio, co populacho xa percorrendo as rúas  na procura dalgún traidor ao que matar, dalgunha casa que queimar, ou dalgunha muller cómplice que violar, Cina, o poeta, que tivera un agoiro do que podía acontecer, sae á rúa. Axiña o paran uns cidadáns:
¿O voso nome señor?... O meu nome é Cina...(o mesmo nome que o dun conspirador contra César)... !Esgazádeo en anacos...! É un conspirador...! Son Cina o poeta, son Cina o poeta... ! Esgazádeo polos seus malos versos!... !Non son Cina o conspirador!... Tanto ten; o seu nome é Cina...arrincarlle somentes o seu nome do corazón... O asasinato de Gadaffi a mans dun populacho alporizado coa sodomización cun pao incluída, segue o guión de Tito Andrónico máis que o de Xulio César, pero é Shakespeare.
Os irmáns Booth eran actores no tempo da guerra civil americana. Fillos dun actor de sona, Junius Brutus Booth, tiñan repartido o territorio para as súas representacións e tiñan ideas políticas afastadas. Edwin era unionista; John Wilkes sudista e escravista. Os dous, e tamén o seu irmán, Junius Brutus Jr., representaban obras de Shakespeare polos Estados Unidos e Inglaterra e algunha vez representaron os tres xuntos o  Xulio César. O venres santo de 1865, John Wilkes foi ao teatro Ford e asasinou dun tiro na cabeza a Abraham Lincoln. Perseguido, foi acurralado nunha granxa á que os perseguidores puxeron lume e morreu queimado. Se prenderan a John Wilkes e o xulgaran, de certo que na súa defensa recitaría o discurso de Bruto perante o tribunal de xustiza porque foron as palabras de Bruto no Xulio César de Shakespeare as que o levaron ao teatro ese día para cambiar a historia como fixera Bruto dous mil anos antes e non foi o único caso. O coronel alemán Claus von Stauffenberg, que intentou asasinar a Hitler cunha bomba e foi fusilado por este, representou na mocidade o papel de Bruto en Xulio César. Despois da súa morte, atoparon na mesa do seu despacho o Xulio César aberto polas páxinas onde Bruto reflexiona sobre o  asasinato de César.


Para Stephen MarcheShakespeare tamén fixo mudar coa súa franqueza a sexualidade moito máis que Freud. Era, ou podía ser, obsceno mesmo nas obras máis románticas. En Romeo e Xulieta poño por caso, Mentucio aconsella a Romeo, a quen imaxina ao pé dunha nespereira matinando no seu amor por Xulieta , recorrer ao open-arse, literalmente, cú-aberto,(e tamén níspero) e dicir, á sodomización, cousa que Astrana Marín que fixo a traducción das obras completas de Shakespeare alá polos anos 30 do pasado século, cambia por un etcétera, despois de advertir nunha nota a pé de páxina que Shakespeare emprega estes xogos de palabras obscenas ao longo da obra. Astrana porén, no acto III, escena segunda, de Hamlet, non fai referencia ningunha a “brincadeira” de xogos de palabras entre o sentido literal e o agochado da conversa entre Ofelia e Hamlet. Ramón Gutiérrez Izquierdo, na súa “titánica” tradución ao galego e ao español, dos sonetos de Shakespeare, desvela o significado oculto que de certo non debeu pasar desapercibido aos espectadores do tempo de Shakespeare:

Hamlet a Ophelia: Lady, shall I lie in your lap?. (Señora, ¿podo deitarme no seu colo?).
Ophelia: No, my lord - (Non, meu señor).
Hamlet: I mean my head upon your lap? - (Refírome a apoiar a cabeza no teu colo.
Ophelia: Ay, my lord- (Ah, si meu señor).
Hamlet: Do you think I meant country matters? -(¿Pensaches que me refería a follaxe?)-  (¿Pensaches que quería tocarche a cona?)
Ophelia: I thing nothing my lord - (Eu nada pensei meu señor)- (Eu na cona pensei meu  señor).
Hamlet: That´s a fair thought to lie betwen maids´legs - (É unha boa idea deitarse entre as  pernas dunha doncela).
Ophelia: What is, my lord?- ( ¿De que fala meu señor).
Hamlet: No thing -(De nada)- (Da cona).

      No tempo de Shakespeare, di Gutiérrez Izquierdo, nothing designaba o sexo da muller e country matters xoga coa fonética de cunt ( a cona) e try tentar, probar, que no argot da época designaba o coito[4].
Os poemas de amor á maneira de Petrarca que idealizaban á muller inalcanzable non son os de Shakespeare que nalgúns sonetos medita sobre porqué ten sono despois do orgasmo (soneto 129) pero non era Shakespeare, como afirma Marche, o único poeta do tempo que carnalizaba os poemas amorosos. Para Marche, se hoxe a xente disfroita do sexo ten que llelo agradecer a Freud e a Shakespeare, mais, Shakespeare non foi un sexólogo predicador da liberación sexual á maneira dun Havelock Ellis, un médico que na opinión de Theodrore Dalrymple, logrou que as súas ideas sobre unha sexualidade liberada de calquera restricción social, moral ou legal fosen aceptadas como o único xeito de chegar a unha unión mística. Dalrymple, con certa xenreira, lembra que, se cadra, eran as súas eivas nese eido as que producían esas ideas pois Ellis nunca coñeceu o espertar do sexo ata que a súa segunda muller mexou enriba del cando xa era un home de certa idade. Nas ideas de Ellis, estaba implícito segundo Dalrymple (5), que a felicidade só podía acadarse polo sexo sen límites e se non acontecía así, o que cumpría era máis sexo aínda. Que a unión entre un home e unha muller puidese ter outros fines era algo moi secundario na súa idea pero  hoxe, esas ideas, forman parte dos modos de vivir de polo menos moitos británicos de clase baixa. Abonda, di Dalrymple, comparar os escritos dos revolucionarios sexuais cun sinxelo soneto de Shakesperare para decatármonos de que Shakespeare podía carnalizar o amor pero sabía o que estaba en xogo nesa relación. O soneto 138, traducido ao galego por Ramón Gutierrez, que é o que menciona Dalrymple no seu exemplo, é unha boa mostra das moitas que Shakespeare ofrece nos seus sonetos[6]:

Cando a miña amada xura que di a verdade
Así o creo mesmo sabendo que ela mente,
Para que imaxine que son mozo ignorante
E acerca dos enganos do mundo, inocente.

Así, pensando oufano que me toma por novo,
Cando sabe que hai tempo pasei a flor da idade,
A falsa lingua dela inxenuamente aprobo,
E ambos prescindimos da máis simple verdade.

¿Por que non fala  ela e di que é deshonesta?
¿Por que eu non confeso que xa vou indo vello?
No amor é bo costume finxir total franqueza,
E andar dicindo os anos no amor é mal consello.

Así ambos mentimos, e cando nos deitamos
Desas carencias nosas os dous nos aliviamos

As fontes de Shakespeare non só eran literarias ou históricas. Ás veces tiraba os seus modelos do que podía ollar na rúa. No mes de agosto de 1600, chegou a Londres unha embaixada do que por entón era coñecido como o reino de Barbaria, o Marruecos de hoxe, con algúns engadidos. Muley Hamet, o rei, mandou a Abdel-el-Oahed á fronte dun séquito de 16 negociadores co gallo de acordar coa raíña Elisabeth unha campaña militar conxunta entre a armada inglesa e tropas de terra de Barbaria para atacar España e recuperar as terras das que foran expulsados en 1492. A embaixada permeneceu seis meses en Londres, tempo na que se fixeron moi coñecidos nas rúas polo seu xeito de vestir e polos seus costumes de non dar esmola aos pobres do país ou rezar ou matar os animais para a súa mantenza, cara á Meca. As negociacións non chegaron á ramo pero non son poucos os críticos que afirman que puideron asistir a algunha representación dalgunha obra de Shakespeare e que este aproveitou o modelo de Abdel-el- Oahed para convertelo no seu Otelo poucos anos despois: un embaixador en Londres transformado nun xeneral en Venecia, di Jonathan Bate.  
Ás veces resulta dificil recoñecer a popularidade que tiña Shakespeare en ámbitos tan improbables como o salvaxe oeste no século XIX. Conta Stephen Marche que, nos tempos da febre do ouro, Shakespeare era moi popular nas pequenas vilas ao longo da fronteira onde as súas obras convivían coas putas, o alcohol e os xogos de cartas como fontes de pracer e diversión. En 1851, en Nevada City, os mineiros entusiasmados polas obras de Shakespeare que representaban os esposos Chapman, botaban pequenos sacos de pó de ouro sobre o escenario e cando pecharon as representacións escoltaron os actores deica veciña vila de Sonora. Moitos actores fixéronse ricos representando obras de Shakespeare no Oeste. John Ford, sen dúbida coñecía esta sona de Shakespeare no Oeste. En My darling Clementine, (Pasión de los fuertes, 1946), onde se conta o duelo de Ok.Corral en Dodge City, hai unha fantástica escena na que un actor, obrigado polos irmáns  Clanton, recita enriba dunha mesa o monólogo de Hamlet no momento no que entran no saloon o sheriff, Wyatt Earp, (Henry Fonda) e Doc Holliday (Victor Mature). O actor non lembra o texto e pídelle a Doc Holliday que o continúe cousa que este fai sen dubidar. En Dawson, no Klondike canadiano dos tempos da febre do ouro, representábanse obras de Shakespeare e había un grupo local shakesperiano.
  Cando os nazis chegaron ao poder reivindicaron a Shakespeare como escritor xermánico e representaron as súas obras a eito agás unha: o Mercader de Venecia onde o xudeu Shylock tiña polo menos dous problemas a pesar de que a obra de Shakespeare non mostra simpatía ningunha polos xudeus. Un, o parlamento no que Shylock replica a Salarino defendendo a súa humanidade:

Son un xudeu. É que un xudeu non ten ollos?...non ten mans, órganos, proporcións, sentidos, afectos paixóns?...é que non está nutrido polos mesmos  alimentos, ferido polas mesmas armas, suxeito ás mesmas doenzas, curado polos mesmos medios, quentado e enfreado polo mesmo verán e o mesmo inverno que un cristián ?... se nos facedes cóxegas, non rimos? Se nos envelenades non morremos?...se nos parecemos en todo o demais, non nos pareceremos tamén niso?(na vinganza)...

O segundo problema era a filla de Shylock, Jessica, que casa cun non xudeu o que daquela estaba prohibido en Alemaña. A obra ao cabo, foi tamén representada con algunhas variantes. Jessica pasou a ser unha filla adoptada e Goebbels mandaba ao teatro en cada representación, uns cantos espectadores que asubiaban cada vez que Shylock entraba en escena. 
Tamén foi moi popular Shakespeare na Unión Soviética staliniana onde no tempo de Stalin chegáronse a facer máis de cinco millóns de copias das que foi desbotada Hamlet porque Stalin non gorentaba das teimas do personaxe principal que atopaba moi indeciso. Shakespeare non o fai a un bo nin malo, di Marche. Todos poden atopar nel algo acaído co seu particular credo político pero non é un compañeiro de confianza pois Shakespeare sempre insiste na humanidade dos seus personaxes por moi arquetípicos que sexan. O Shylock de O Mercader de Venecia por exemplo, era para os nazis un xudeu humano demais que non acaía coa ideoloxía que reducía aos xudeus a parasitos que cumpría eliminar.


Shylock non quería asimilarse e Shakespeare soubo precisar onde establecía as fronteiras para que iso non acontecera:

Paréceme ben comprar con vos, vender con vos, falar con vos, pasear con vos…pero non quero comer con vos, beber con vos i orar con vos…



O que rexeitaba Shylock era a oración e a comensalidade (comer e beber) que é un dos ritos de vinculación máis comúns e poderosos en todas as culturas. Un corolario, di Steve Pinker[7], é que os tabús da comida protexen as fronteiras do grupo porque impiden que os seus membros compartan a comida cos grupos veciños.
      Paul Robeson, (1898-1976), foi un afroamericano de vida atafegada. Avogado, cantante, xogador profesional de fútbol americano, políglota, (falaba máis de vinte idiomas, moitos deles africanos), devanceiro da loita polos dereitos civís dos negros, brigadista  na Guerra Civil española na brigada Lincoln, foi amigo de moitos persoeiros como Sergei Eisenstein ou Nehru, gabado por Neruda, por Joyce, por Hemingway, Premio Lenin de la Paz, foi tamén actor e con Otelo pasou a historia. Marche pregúntase  como unha obra "racista" (Otelo) supuxo para Robeson, segundo as súas propias palabras, a liberación de todos os seus prexuízos e fixo del un home libre. Ver nun escenario un home negro casado cunha muller branca e ademais nunha escena de alcoba, era algo intolerable para o público e os críticos do XIX coma Cooleridge,  ou para o mesmo Castelao moitos anos despois[8]. Robeson foi máis alá e levou a obra á vida cotiá e tivo relacións sexuais con mulleres brancas como Uta Hage como faría despois outro actor negro Ira Aldrigdge que casou cunha sueca e moitos anos máis tarde faría tamén Sammy Davis jr. Hoxe non é doado decatarse do que debeu supoñer naqueles tempos non só ver un negro trunfar cunha obra de Shakespeare nun escenario neoyorkino senón velo casado cunha muller branca. Ira  foi un dos  actores negros que representaron tamén outras obras de Shakespeare coa faciana maquillada de branco e abriron unha fenda nos prexuízos raciais e segundo Marche, anticiparon e alentaron a chegada de Obama. De feito Otelo foi un desafío constante para os racistas americanos. Fíxose de Otelo un árabe para rebaixar a cor aínda que o texto de Shakespeare é claro: o moor é un black man. Foi por razóns como estas, unha obra representada moitas veces con Otelos de negritude amolecida,(Otelo de bronce dicíase) e nos estados do Sur, poucos anos antes da guerra civil americana, cada ano a faciana do Otelo ía branqueando cada vez máis a súa cor. Pero hai críticos que pensan que Otelo non é unha obra racista senón unha obra sobre a vileza de Iago que emprega o racismo como coartada para conseguir os seus propósitos. Hai outros “mouros” na obra de Shakespeare é un deles, o Aarón de Tito Andrónico, que leva un nome xudeu, podería ser o representante do mal absoluto. Ningún asasino en serie moderno se achega ao que este mouro malvado afirma:

Lucio: ¿Non sentes remorsos por feitos tan atroces?
Aarón: !Si, de non ter feito mil veces máis...maldigo o día en que non fixera algún gran mal, como asasinar un home...violar unha doncela, imaxinar o medio de acusar un inocente...sementar un odio mortal entre dous amigos...prender lume nas granxas e nos palleiros pola noite e dicir aos propietarios que apaguen o lume coas súas bágoas...exhumei aos mortos das súas tumbas e puxen os cadáveres na porta dos seus mellores amigos cando case esqueceran a súa dor, e sobre a súa pel, como sobre a cortiza dunha árbore, co meu coitelo gravei en letras romanas: “Que a vosa dor non morra aínda que eu estea defunto”... fixen mil cousas terribles coa indiferenza que outros poñen en matar unha mosca e nada me causou dor agás o sentimento de non poder cometer outros dez mil máis.  

No seu libro Our Culture, What´s Left of It, Theodore Dalrymple (5), despois de analizar de xeito maxistral como ten por costume, as dúas distopías máis importantes do século XX, 1984 de Georges Orwell  e Un mundo feliz de Aldous Huxeley, lembra que para os dous escritores había un home nas súas historias que simbolizaba a resistencia á desconexión e deshumanización dos homes do seu pasado: Shakespeare. Para os dous  novelistas, Shakespeare era o cumio da auto-comprensión e sen el, a vida humana perde a súa fondura e a súa posibilidade de transcendencia. En Un mundo feliz, a posesión dun vello exemplar conservado misteriosamente protexe a un home dos efectos amolecedores dunha vida hedonista na que todos os desexos son satisfeitos de xeito inmediato. En 1984, cando Winston Smith acorda dun soño no que imaxinaba estar vivindo nun pasado anterior á revolución, onde as persoas aínda eran humanas, sente que unha palabra ven aos seus beizos por razóns que non comprende: !Shakespeare!.   
Shakespeare, sen dúbida, cambiou todo ou case todo co seu xenio mais non é alleo a posibilidade de ironías mesmo de xentes de letras que non son cativos nas súas loanzas. Cunqueiro, bo lector de Shakespeare, a quen lle dedicou varios ensaios[9], aponlle ao inglés no seu libro, Vida y fugas de Fanto Fantini della Gherardesca, ter plaxiado o discurso de Lionfante[10], (o cabalo con don de linguas de Fanto), perante o Senado de Venecia e poñelo en boca do seu Otelo o que se proba, segundo Cunqueiro, porque cando se le o discurso do Moro, (acto I, escena III de Otelo), sorprenden certas pausas que poden corresponder aos relinchos cos que o cabalo Lionfante puxo énfasis no seu. Cunqueiro propón que se faga unha proba lendo dende Most potent grave and reverend signiors…ata I won his daughter, intercalando un relincho entre frase e frase, cousa que o idioma inglés, (segue a leria de Cunqueiro), polo seu especial feitío, permite sen que sexa preciso forzar a pronunciación, tanto a que estaba en boga no Teatro do Globe nos días isabelinos, como a oxfordiana de hoxe ou a dos americanos do norte. 



A bibliografía sobre Shakespeare vai máis alá do imaxinable pero este libro de Marche, que non é un dos grandes especialistas en Shakespeare, ten moitas virtudes. Escrito con humor e fondura, unha combinación non moi frecuente, con teses arriscadas pero no atoladas, e datos pouco coñecidos ten tamén como non podía ser doutro xeito tratándose de Shakespeare, críticos de abondo  ás veces benevolentes e outras, alporizadas como a da autora do blog, Jenny Books, que considera que Marche é un xornalista que non domina a materia sobre a que escribe e tira inferencias desaxeitadas de obras que leu mal sen que por outra parte a súa crítica alporizada aporte na súa crítica algo máis que o seu propio alporizamento.    
Sexa como for, Shakespeare é un tesouro para os psiquiatras e psicólogos que queiran ir alén dos estreitos manuais diagnósticos e saber algo máis dos motivos e inquedanzas que moven aos humanos.
            



[1] Marche.S. How Shakespeare changed everything.Harper Collins. 2011.
[2] Cit. por Claudio Magris en Alfabetos. Anagrama.2010.
[3] MacGinn.C. The Shakespeare´s philosophy.Harper Perennial.2006.
[4] Gutiérrez Izquierdo.R. Sonetos de Shakespeare. Impresos por vez primeira en galego. Xerais. 2011. O significado latente vai despois do literal.
[5] Dalrymple.TH. Our culture, what´s left of it: the mandarins and the masses. Ivan.R.Dee. 2005.
(6) Gutiérrez Izquierdo.R. Op.Cit.
(7] Pinker.S. El mundo de las palabras. Paidós. 2007.
[8]Recoñezo que me sinto alonxado da raza negra por reparos incoercibles  da natureza. Cando en París vexo  a unha loira cun negro xa sei que se trata dun caso de perversión sexual e o caso da mistura da cor paréceme sempre anormal, pero esto non me impide considerar aos negros como compoñentes  da miña especie e sempre capaces de merecer a miña amistade fraternal…. Caderno A. Sempre en Galiza. Edición crítica. Universidade de Santiago e Parlamento de Galicia. 2000.
[9] “As mil caras de Shakespeare”;” Catrocentos anos de Shakespeare”;” Valentinas en Shakespeare e Donne”, son tres dos recollidos en: Álvaro Cunqueiro, obra en galego completa, Ensaios, Tomo IV. Galaxia1991.
[10] Segundo Cunqueiro, as novas do discurso de Lionfante, puideronlle chegar a Shakespeare ao través dos mariñeiros venecianos cos que este falo unas tabernas londinenses ás que adoitaba acudir.
Bibliografía mínima:
Bate. Jonathan. The genius of Shakespeare. Picador. 2005.
Bate.J. Soul of the age. The life, mind and wordl de W.Shakespeare.Penguin Books. 2008.
Bryson.B. Shakespeare. RBA.2009.
Saphiro.J.Shakespeare: una vida y una obra controvertidas. Gredos.2012.
Saphiro.J. 1599. Faber and Faber. 2005.
As citas de Shakespeare en inglés tiradas de The complete works of William Shakespe.Collins.2006.