lunes, 27 de mayo de 2013

TSUTOMU YAMAGUCHI

Tsutomu Yamaguchi, di Steven Pinker , non se sabe se foi o home más afortunado ou o máis infortunado do mundo. Este inxenieiro da Mitsubishi que vivía en Nagasaki, estaba en Hiroshima o día en que caeu a primeira das dúas bombas atómicas . Puido ver o lóstrego que alumeaba o ceo e axiña foi soterrado de socato polas casas que se derrubaban sen que por sorte resultara ferido mortalmente. Pasou a noite entre os entullos pero puido saír e sobrevivir con poucas feridas polo que pola mañá colleu un tren ateigado de xente que fuxía para volver á súa cidade de Nagasaki. Alí, dous días despois, volveu ver o lóstrego no ceo e, por segunda e milagreira vez, puido sobrevivir de novo con poucas mancaduras. Yamaguchi padeceu nos  primeiros tempos unha baixada de leucocitos, unha leucopenia producida pola radiación e algunhas queimaduras das que se recuperou e viviu até os 93 anos (faleceu no 2010). Nunha entrevista que lle fixeron pouco antes de morrer afirmou que, os países con armas atómicas tiñan que ser gobernados por mulleres que aínda estivesen dándolle o peito aos seus nenos. Yamaguchi pensaba que si se facía así, non habería máis bombas atómicas sobre as cidades. O que non contou Yamaguchi contouno o dr Michihiko Hachiya, outro sobrevivente, no seu Diario. Foi médico e paciente ao mesmo tempo, atendeu aos que sobreviviron sen ter coñecementos desas novas feridas producidas pola radiación que non curaban, que volvían unha e outra vez e que o atinxían tamén a el. Elías Canetti publicou un artigo sobre este Diario, onde, di, non hai ningunha nota de falsidade.

Non se coñece o número exacto de vítimas provocadas polas dúas bombas nucleares. Entre Hiroshima e Nagasaki se fala de duascentas mil pero pode que fosen moitas máis si se contan as que morreron nos meses e anos que seguiron polos efectos das radiacións. A cifra é esmagadora sen dúbida, pero non foron menos as vítimas que hai que lle apoñer aos xaponeses no masacre de Nanking durante a guerra entre China e Xapón. En 1937, 340.000 habitantes de Nanking, foron asasinados polo exército do Xapón dun xeito tan cruel que hoxe é pouco doado de imaxinar. Campesiños atados a postes de madeira eran utilizados como sacos de area para que os soldados aprenderan a matar coas baionetas; houbo concursos de decapitacións, mulleres violadas a eito ás que ademais os soldados cortábanlle os peitos ou esgazaban os seus ventres, (unhas 70.000). E a cousa non quedou aí. Nos anos que seguiron o Xapón fixo a guerra con China segundo o principio dos tres todos: saqueade todo, queimade todo, matade todo...

Iris Chang, unha chinesa-americana nacida en 1968, filla de dous profesores fuxidos de Nanking no tempo do masacre, publicou un libro, The Rape of Nanking, onde recollía os informes de testemuñas que sobreviviron. O libro provocou unha lea política entre Xapón, China e os Estados Unidos. Xapón negou ou minimizou os feitos mentres China e Estados Unidos esixían desculpas e reparacións. Iris Chang tivo nese tempo conversas con Hilary Clinton, participou en ducias de entrevistas de televisión e conferencias mentres escribía outro libro sobre os chinos en América, libro que non chegou a ramo. Foi nese tempo cando comezaron os primeiros síntomas do que ía a ser unha depresión con ideas persecutorias que ao cabo, a levaron ao suicidio no ano 2004.

Os xenocidios modernos teñen o seu probable berce en 1914. Foi a Primeira Guerra Mundial, a que converteu en banal a morte de millóns de homes. Nun só día, o 16 de xullo de 1916, morreron na batalla do Somme 20.000 británicos e 40.000 foron feridos. Os historiadores calculan que 300.000 homes quedaron sen enterrar na batalla de Verdun e seguiron sen ser enterrados todo o tempo que se prolongou a guerra. Georges Steiner, fixo de Antígona, que desafía a lei de Creonte que lle prohibe enterrar o corpo de seu irmán e segue a lei dos deuses que esixe enterrar os corpos, un tema recorrente na literatura de entreguerras, aínda horrorizada polas carnicerías da Gran Guerra. Os mortos amoreados nos arames de espiño da fronte eran un aldraxe contra a humanidade e agora só as mulleres, como fixera Antígona, podían enterrar aos seus pais, irmáns, e fillos para restablecer a orde cósmica e humana .

Pouco máis de vinte anos despois, os aliados lanzaron milleiros de bombas incendiarias sobre as cidades alemás. En Hamburgo, en xullo de 1942, o bombardeo foi de tal intensidade que a calor producida polas lapas provocou un furacán que aviveceu aínda máis o lume que abrasou a gran parte dos seus habitantes. Curzio Malaparte contou escenas arrepiantes dese bombardeo o mesmo que W.G.Sebald que, moitos anos despois, recolleu algunhas testemuñas: nalgunhas canles a auga ardía, os cristais dos tranvías fundiron…os que fuxían quedaban atrapados no asfalto case líquido…por todas partes xacían cadáveres deformados…dalgúns deles saían lapas azuis de fósforo…de outros só quedaban cinzas polos case 1.000 graos que acadou a calor… O mesmo aconteceu en Dresde que foi incendiado nunha data tan serodia como !1945!, coa guerra xa ganada, en Colonia, en Darmstadt, en Nuremberg…. Os días que seguiron aos bombardeos e incendios foron tan terribles como os de Hiroshima. Un fedor a corpos mortos, abafaba aos sobreviventes entre as ratas e moscas que inzaban nas cidades. Para chegar aos cadáveres trouxeron presos que baixaban aos sotos con lanzachamas para ir amatando os milleiros de ratas que os enchían …

Pode que máis de 600.000 persoas morreran nas 131 cidades arrasadas. A cifra e case de certo, maior, xa que moitas das cidades bombardeadas acollían miles de refuxiados non censados dos que ninguén sabía nada. Foron bombardeos feitos sen ningunha razón estratéxica que non fose a de abaixar a moral da poboación civil ou, aínda peor, como afirma Zigmunt Bauman, pola necesidade de xustificar un gasto inmenso e baleirar os milleiros de bombas que ateigaban os arsenais británicos que xa non tiñan obxectivos militares. Despois da vitoria aliada ninguén quixo falar dese xenocidio, nin os aliados, e cousa máis curiosa, nin os alemás occidentais, se cadra avergoñados polos seus crimes de guerra, o holocausto xudeu ou por lembrar que foran eles os que encetaran ese xeito de queimar cidades enteiras como fixeran en Guernica, ou en Stalingrado onde 1.200 avións mataron nun só raíd 40.000 persoas. Si lembraron os bombardeos os da República Democrática da Alemaña do leste que mergullados agora na guerra fría apuxénrolle as masacres aos seus antigos inimigos capitalistas. Tampouco protestaron moito os xaponeses despois das bombas de Nagasaki e Hisroshima, se cadra polas mesmas razóns que os alemás. Tiñan moitos mortos asasinados en masacres na súa conta e como pensa  Tony Judt, enfatizar o sufrimento alemá e comparalo implícitamente co sufrimento de outras persoas a mans alemás, habería esbarado perigosamente na dirección de relativizar os crimes nazis...

Para facer un xenocidio non cómpren tecnoloxías moi avanzadas. Os seis millóns de xudeus asasinados polos nazis precisaron dunha tecnoloxía de baixo nivel, (fornos, gas e tiros na caluga) mais, iso si, dunha organización de moi alto nivel de eficiencia. Os hutus mataron a machetazos un millón de tutsis mentres as tropas da ONU miraban sen facer nada e os kemeres de Pol Pot asasinaron o 20% da poboación de Camboxa con fames, marchas da morte e disparos.

As vítimas de Hiroshima e Nagasaki foron moitas menos que as de Ruanda pero as condenas non apousaron dende entón mentres que outros xenocidios non convocaron, agás dos países onde foron cometidas ou naqueles que as cometeran, tantas lembranzas nin tantas culpas. Os críticos, que son moitos, aseguran que os americanos non tiñan dereito a lanzar unha bomba nuclear sobre poboación civil capaz de matar a milleiros de persoas nun instante, coa coartada de que de non facelo así, a invasión do Xapón custaría ducias de miles de vidas americanas e moitas máis xaponesas o que se queira ou non, era certo, aínda que estes críticos afirman que o Xapón xa estaba a piques de se render sen que fose preciso lanzar esas bombas, cousa incerta sabendo o que significaba a rendición no código militar xaponés.

¿Por qué entón xenocidios crueis sobre poboación civil indefensa como os de Nanking ou o de Ruanda entre outros moitos, non son lembrados como o Holocausto ou o de Hiroshima e Nagasaki a pesar de que o número de vítimas e a crueldade con elas foi máis alá do imaxinable?. Non hai moitas lembranzas conmemorativas da masacre de Nanking, nin dos mortos no Gulag soviético (aínda que hai hoxe en Moscú un museo), nin da de Ruanda nas que a poboación civil indefensa foi asasinada cruelmente, e iso si, manualmente e de vagar, porque se falamos de crueldade, hai que ser psicoloxicamente moito máis malvado para cravar unha baioneta nun home indefenso atado nun pau, e facelo unha e outra vez, que para lanzar unha bomba sobre unha cidade onde non se sabe quen está alí abaixo. Os aliados nunca se responsabilizaron de Hiroshima e Nagasaki nin dos bombardeos das cidades alemás que consideraron sempre estratéxicos aínda que as súas razóns son ben cativas e os turcos aínda hoxe negan a súa responsabilidade no xenocidio armenio. Si houbo remorsos entre os científicos. Oppenheimer, que fora o coordinador da fabricación da primeira bomba atómica, confesoulle despois de Hiroshima ao Presidente Truman; sinto que temos as mans cheas de sangue; Tanto ten, respondeu Truman: quítase con auga. Os remorsos dos políticos, se os teñen, non son os dos científicos. Se Truman lera o Macbeth de Shakespeare, sabería o que Lady Macbeth soubo: que a sangue non se vai lavando as mans,

Unha posible resposta á relevancia das bombas sobre o Xapón sobre as máis esquecidas matanzas “artesanais”, é a de Gunther Anders que pensou ata a súa morte en 1992, que a bomba atómica ademais do enorme número de vítimas que podía provocar nun instante, abría a posibilidade dun mundo sen homes pois ameazaba á especie humana na súa totalidade e subvertía, engadía, a relación medios/fins xa que neste caso, os medios destruían os fins. Pode que por motivos como eses leve razón Edward Hollis cando no seu libro, La vida secreta de los edificios, di que, despois de Hiroshima, a maneira de crear ruínas xa nunca volveu ser a mesma…


Bourke.J. Sed de sangre. Crítica.2008.
Bruneteau.B. El siglo de los genocidios. Alianza.2004.
.Hollis.E. La vida secreta de los edificios. Siruela. 2012.
Judt.T. Pensar el siglo XX. Taurus.2012.
Pinker.S. The better angels of our nature.Penguin Books. 2012.
Sebald.W.G. Sobre la historia naural de la destrucción. Anagrama.2003.



martes, 29 de enero de 2013

THE AGE OF INSIGHT: the quest to understand the unconscious in art, mind and brain. From Vienna 1.900 to the present. Eric. R. Kandel. Random House. 2012.*

1- Eric.R. Kandel, premio Novel de medicina polas súas investigacións sobre a memoria no caracol mariño Aplysia, naceu en Viena en 1929, cidade da que tivo que fuxir aos nove anos de idade cando comezou a persecución dos xudeus. De neno, polas relacións da familia, puido coñecer a moitos dos pintores, escritores e científicos que fixeron da Viena do primeiro terzo do século XX, se cadra, a cidade, cultural e científicamente, máis moderna do mundo. Kandel conservou por estes veciños, dos que ouvía falar e cos que se cruzaba na rúa, unha fascinación que convivía con sentimentos de odio polo antisemitismo e os asasinatos de xudíos dos tempos nazis nos que os austríacos tiveron un papel sobranceiro que tardaron tempo en recoñecer. Kandel necesitou anos para arranxar esta ambivalencia pola súa cidade natal na que hoxe, di, despois de que Austria recoñecese o seu papel no holocausto, se sinte moito máis confortable. Este libro, é o resultado serodio desa fascinación temperán e da súa posterior fascinación pola neurociencia á que chegou despois dun período psicanalítico. Kandel divide o libro en dúas partes. Na primeira escribe sobre a Viena da súa nenez; na segunda, unha especie de neuroestética, achégase á arte dende o que hoxe se sabe de cómo o cerebro procesa este tipo de obras. É cousa trivial afirmar que o pracer espertado por unha obra de arte é algo que está a cargo do cerebro, pero, saber como o fai, pode resultar non só apaixonante senón que pode modificar as nosas ideas sobre o que a arte é.

2.-Adolf Loos publicou na Viena de primeiros do século XX, Ornamento e delito, unha declaración de guerra estética contra a decoración nos obxectos funcionais e utilitarios. A súa cruzada estética tiña motivos de abondo. O interior das casas de Austria-Hungría nese tempo, era un almacén ateigado de todo tipo de obxectos cunha dubidosa función utilitaria que intentaban parecer o que non eran: o coitelo da manteiga arremedaba unha daga prusiana; o paragüeiro, un cabaleiro con armadura; o termómetro, unha pistola; a follalata pintábase para que parecera marfil; o xeso para que aparentara ser alabastro e ata o obxecto máis sinxelo, decorábase con volutas ou arabescos. Baixo ningún concepto o obxecto tiña que revelar a súa función mediante a súa forma, si é que tiña algunha función. Mesmo, escribía Stefan Zweig, se unha dama quería parecer unha dama tiña que agochar as súas formas naturais e toda a moda seguía esa tendencia, a de agachar e encubrir as cousas.

 . A ornamentación pasou a ser unha maneira de deturpar e ocultar a función das cousas e foi a esa ornamentación cancerosa, propia do kitchs, do badoco, ou do "camp", á que Loos declarou a guerra procurando recuperar a “verdade” do obxecto, a súa utilidade e función, agochadas baixo a aparencia desa ornamentación. Non eran só os obxectos os que  agochaban baixo unha ornamentación fachendosa a súa “verdade”. A vida social enteira nas súas manifestacións cotiás, afogábase debaixo dun "ornamento" aquelado de costumes e convencións.

3.- Esa aquelada e decadente Viena de Loos, capital dun escanastrado, luído e anacrónico imperio multilingüe e multiétnico de reinos e principados, onde a situación política era sempre, “desesperada pero non seria”, acolleu varias revolucións culturais nun período de poucos anos. O mundo da Viena anterior á I Guerra Mundial, era, en palabras de Stefan Zweig, o mundo da seguridade: Naquel vasto imperio todo ocupaba o seu lugar, firme e inmutable…todo tiña a súa norma, a súa medida e o seu peso determinado…todo o que pasaba no mundo exterior acontecía na realidade nos xornais; nunca chamaba á porta…  Era un sentimento engañoso. O estado, de aparente solidez, estaba  presidido por unha familia imperial disfuncional onde o Emperador, Francisco Xosé, tiña unha amante recoñecida, a súa muller, a emperatríz Sisí, fora asasinada por un anarquista en Suiza, o seu fillo i herdeiro, Rodolfo, suicidárase despois de matar a súa amante en Mayerling, o seu primo, o Archiduque Otto que nalgunha ocasión presentouse en público cun sable como única vestimenta,  padecía unha sífile avanzada e onde o Archiduque Francisco Fernando que sería asasinado en Sarajevo, non se falaba co seu pai, o Emperador, do que ademais, os seus súbditos dicían que morrera pero que el non se enterara da súa morte. Viena, escribe Philipp Blom, era un lugar de fachadas esplendentes, e opulencia, decoro e certezas e seguridades só aparentes. Tanto literal como metafóricamente, agochar o obvio era o principio central da vida na Viena dos Habsburgo.
        O que non se ornamentaba nin se agochaba, era a cultura. En ningunha outra cidade europea o degoiro de cultura foi tan apaixonado como en Viena. O emperador Francisco José fixera que, os aristócratas terratenentes que apenas podían sobrevivir coas rendas dos seus eidos se incorporaran masivamente ás tarefas diplomáticas, do goberno e do exército. As cidades e con elas a burguesía comercial e industrial, quedou fóra deses postos e creou a súa propia xerarquía de diferentes graus de profesores, doctores ou avogados que decidiron que se non podían participar na vida política, a vida cultural sería deles: En todo o Imperio, di Blom, en Viena, Praga, Budapest e Lemberg, o teatro, a literatura e a música tiñan unha importancia inimaxinable en ningures. George Steiner vai aínda máis lonxe que Blom: Hai un gran libro que aínda non foi escrito... mostrará que o século XX tal como o vivimos en Occidente é, no esencial, un producto e un artigo de exportación autrohúngaros... Non son cativas as razóns para acreditar o que di Steiner.

O bico de Klimt
Debuxo do SN da lamprea
4.- O que despois se coñecería como o Modernismo vienés, comezou a mediados do XIX como resposta non só á hipocrisía e restricións da vida cotiá da que a ornamentación era un síntoma, senón tamén como unha reacción ao énfases da Ilustración sobre a racionalidade da conduta humana. Houbo un xiro cara o “interior” que se espallou a todo os campos de investigación na Viena do tempo. O Modernismo vienés, tiña, segundo Kandel, tres características: unha nova visión da natureza humana que agora se vía como fundamentalmente irracional; o autoexamen como medio de investigar as regras que gobernan a natureza humana e, a pretensión de unificar o coñecemento humano. A Viena de finais do XIX e comezos do XX, tiña cafés, salóns e un único gran hospital, co seu pabellón anexo de psiquiatría. A convivencia entre científicos, escritores, músicos, filósofos e artistas, era continua e o intercambio de coñecementos, tamén. O resultado desa convivencia pódese expresar en nomes: Klimt, Kokoschka, Schiele, Bilroth, Hiemloz, Karl Kraus, Mahler, Freud, Schnitzler, Johan Strauss, Kriss, Gombrich, Schomberg, Musil, Stefan Zweig, Hugo von Hofmannsthal, Otto Weininger… Música, medicina, economía, literatura, pintura, filosofía, arte, xornalismo, arquitectura… Semellaba que ningunha manifestación científica ou artística quedaba á marxe deste movemento que tiña nos cafés e salóns os seus espazos de intercambios privilexiados onde todos se coñecían e recoñecían. Wittgenstein, que asistira ao mesmo instituto de Linz no que estudaba Hitler co que coincidiu, tiña 25 anos ao comezo da guerra de 1914. Seu pai, o industrial máis rico do imperio, ao que Klimt chamaba ministro de Belas Artes, foi o mecenas que permitiu a Klimt, Schiele y Kokoschka expoñer as súas obras no edificio Secesión. Klimt fixo un retrato dunha irmá de Wittgenstein i este, pola súa parte, fixo unha doazón de 100.000 coronas da súa herdanza a varios artistas “necesitados” entre os que se atopaban, Kokoschka, (5.000 coronas), Rilke, Trakl e o propio Adolf Loos. Klimt e os seus colegas pintores, músicos e escritores, recibiron clases de embrioloxía e bioloxía de Emil Zuckerhandl, un profesor de anatomía asociado de Rokitansky, casado con Berta, escritora, crítica de arte e cofundadora do Festival de Salzburgo, que mantiña un salón no que se reunía o “todo Viena” e iso incluía a todos os médicos, escritores, músicos, pintores e científicos entre os que non faltaba Freud. Tanto Berta como o seu esposo, familiarizaron a estes artistas non só coa bioloxía senón tamén co pensamento de Darwin e de Rokitansky. Emil impartía as súas clases  proxectando cunha lanterna especial, placas de preparacións microscópicas de células e tecidos e mesmo levou a Klimt a ver diseccións de cadáveres. Si a Ilustración tivo os seus alicerces na astronomía e na física, o Modernismo vienés tívoa na bioloxía. No cadro de Klimt, O Bico, i en moitos outros como Danae, o fondo do lenzo, unha aparente ornamentación excesiva, é na realidade, un remuíño de espermatozoides e óvulos estilizados dos que Zuckerhandl lle mostrara e hai unha curiosa semellanza entre o perfil e ornamentación do seu cadro cos debuxos do sistema nervioso da lamprea publicados por Freud anos antes. Klimt, foi un pintor de transición que evolucionou do Art Nouveau ao expresionismo dos seus derradeiros anos onde os temas dos seus cadros eran case teimosamente a sexualidade e a morte, así que, di Kandel, ao mesmo tempo que Freud e Schnitzler, Klimt, levou á ramo unha exploración dos instintos inconscientes que impulsan a conduta humana. Volveuse un pintor do inconsciente revelando o interior das vidas das mulleres…

5.- Para Kandel, este pulo por ir máis alá da superficie e aparencia das cousas e costumes, tiña a súa fonte, máis que na situación social e económica do imperio, na medicina, en particular, nun médico para o que Kandel no aforra loanzas. A mediados do século XIX, Rokitansky, un médico que dirixía o Hospital de Viena, que tiña entre os seus devanceiros ao grande patólogo Morgagni, decidiu que todos os doentes falecidos no hospital tiñan que ser autopsiados coa finalidade de determinar de maneira exacta a doenza causante da súa morte e sobre todo, a exactitude o inexactitude dos diagnósticos clínicos previos e a correspondencia entre os síntomas detectados e a patoloxía subxacente. Ata entón, eran os clínicos os que de cando en vez facían as autopsias dos seus doentes. Rokitansky separou ambas funcións creando dous departamentos: o clínico, dirixido por Skoda, e o de autopsias, que estaba ao seu cargo. Os médicos que facían os diagnósticos e recollían os signos e síntomas, tiñan despois que comprobar nas autopsias que facía Rokitansky a veracidade do que diagnosticaban na clínica. Ao longo de máis de 30 años, Rokitansky fixo máis de 60.000 autopsias que permitiron a Skoda refinar os seus métodos clínicos, sobre todo en cardioloxía, onde puido relacionar os soplos cardíacos coas anomalías das válvulas que Rokitansky descubría nas autopsias. Foi a base sobre a que se levantou a Escola Médica de Viena, a referencia mundial para a medicina do seu tempo, que trouxo a Viena a médicos de todo o mundo, especialmente americanos que, por entón, tiñan un nivel moi baixo de coñecementos. A medicina que hoxe practicamos, afirma Kandel, é a medicina de Rokitansky. O achegamento científico de Rokitansky á medicina e o seu dictum, só debaixo das aparencias superficiais atoparemos a realidade… foi un aporte determinante á metáfora central do Modernismo vienés ao se espallar máis alá das salas médicas e influír nos artistas e intelectuais de Viena. Non todos os historiadores que se ocuparon dese esplendente período vienés comparten a visión de Kandel. Apoñen o fervedoiro cultural vienés ao clima político reinante, cunha dinastía no seu luscofusco e refinadamente autoconsciente que, agachaba odios económicos i étnicos. Non parece con todo, haber contradicións entre ambos enfoques.

6.- Freud e Arthur Schnitzler, os dous médicos, foron discípulos de Rokintansky (máis Schnitzler que Freud) e tamén de Theodore Meynert que ocupou a xefatura do departamento de psiquiatría. Meynert, que procuraba atopar unha base cerebral para as doenzas mentais, describiu as seis capas neuronais do cortex cerebral, estableceu que a representación cerebral dunha actividade era proporcional á súa importancia e fundou os estudios comparados de anatomía cerebral. Tanto Freud coma Schnitzler, traballaron tamén con Kraft Ebing quen, por vez primeira, se atreveu a publicar sobre sexualidade (en latín) e foi o introdutor en psiquiatría dos termos de sadismo, masoquismo e pedofilia. Tanto Meynert, como máis tarde Freud e Schnitzler, seguían o dictum de Rokitansky de mirar baixo a superficie para atopar a verdade. Para Meynert, ese “debaixo” onde buscar, era o cerebro; para Freud, sería o inconsciente; para Schnitzler, o monólogo interior; para Klimt, Schiele y Kokoschka, foi o expresionismo, unha maneira de pintar o que estaba oculto. Todos eles encetaron así novos camiños na psiquiatría, a pintura e a literatura. É a esa influencia do dictum de Rokitansky sobre a literatura, a arte e a psicanálise e aos fundamentos neurobiolóxicos da percepción da arte, dedica Kandel este libro.

7.- Durante más de 18 años Freud fixo unha carreira de ciencia básica en neuroloxía. Estudou o sistema nervioso das lampreas, o bulbo raquídeo, escribiu o seu nunca editado en vida, Proxecto dunha psicoloxía para neurólogos, publicou un libro sobre a afasia, inventou o termo agnosia, investigou sobre a cocaína e fíxose un neurólogo moi experimentado capaz de determinar o nivel dunha lesión con suma precisión. Foi o seu encontro con Breuer e a súa paciente, Ana O, (Berta Papenhein), e a técnica que este empregaba, (hipnose e falar sobre a súa doenza, (talking cure) o que determinou o novo rumbo de Freud. Despois do seu traballo con Breuer e da súa estancia de seis meses con Charcot, Freud aplicou o dictum de Rokitansky á vida mental así que cambiou o foco das súas investigacións desde o cerebro físico aos acontecementos mentais mergullados no pasado do paciente. Este cambio esixía novas ferramentas que xa non podían ser o oftalmoscopio, o martelo de reflexos ou as agullas, senón as palabras e a memoria. Publica con Breuer, Estudios sobre a histeria, colaboración única xa que Breuer non aceptaba que a fonte dos síntomas estivera nun conflito sexual como Freud defendía. Freud abandona desde entón o seu modelo biolóxico da mente, entre outras razóns, porque consideraba que era prematuro, dado o desenvolvemento das neurociencias no seu tempo, intentar una unificación e ademais, cumpría unha psicoloxía da mente para que fose posible esa unificación. Con todo, nunca esqueceu esa posible unificación i en Máis alá do Principio do Pracer, (1920), recoñecía que as deficiencias nas súas descripcións desaparecerían si puidese remprazar os termos psicolóxicos por termos fisiolóxicos ou químicos. No seu momento, a separación que fixo Freud, foi positiva para avanzar, o que non é algo infrecuente na historia da psicoloxía pois Skinner fixo o mesmo moitos anos despois cando converteu o cerebro nunha caixa negra. Para Kandel, a definición que fixo Ulric Neisser da psicoloxía cognitiva, é acaída cos descubrimentos de Freud polo que debe ser considerado un precursor da psicoloxía cognitiva de hoxe en día.

8.- Pódese dicir dun xeito un tanto vulgar: Freud non tiña nin idea de mulleres nin da súa sexualidade, ou en palabras máis académicas do propio Kandel:

Despite his profound insights, Freud remained remarkably ignorant about female sexuality…Freud freely admitted in the Three Essays and in a paper in female sexuality in 1931 that he understood little about women´s sexual life...

Schnitzler, si sabía de mulleres e da súa sexualidade aínda que “sexualidade” non quería dicir o mesmo para Freud que para Schnitzler. Poñamos entón, “experiencia”. Dende os 17 anos de idade levou un diario no que rexistraba os seus orgasmos, as súas visitas a prostitutas e as súas numerosas amantes. Era xudeu, como Freud, traballou como axudante de Charcot i estivo sempre moi interesado pola hipnose que utilizaba na súa práctica médica. Publicou un texto sobre a afonía e o seu tratamento con hipnose e suxestión valorado por Freud que o cita en O caso Dora. Despois do pasamento do seu pai abandonou a medicina para se dedicar exclusivamente á literatura. Na súa primeira obra, Lieutenant Gustl, introduce o monólogo interior na literatura austríaca. As semellanzas entre a asociación libre psicanalítica e o monólogo interior novelesco  son evidentes. Na novela, recóllense as asociacións que veñen á mente do tenente Gustl mentres agarda que chegue a hora dun duelo fixado para o amencer do día seguinte. A novela dáballe ao lector acceso directo ao libre fluír interior dos seus impulsos, esperanzas, aspiracións, ideas, impresións como si o protagonista estivera no diván de Freud asociando libremente. Schnitzler, leu a Interpretación dos soños cando Freud a publica en 1900 e estivo baixo a súa influencia ata a súa morte o que é evidente na súa novela, Traumnovelle, publicada en 1925, que Stanley Kubrick filmaría moitos anos despois co nome de Eyes Wide Shut con Nicole Kidman e o dianético Tom Cruise como protagonistas. No mesmo ano, publica Fräulein Else, un estudio da psicoloxía feminina que algúns críticos no dubidan en considerar como unha resposta ao insensible retrato que Freud fixera da súa paciente Dora. As dúas historias teñen semellanzas evidentes. Dora, é acosada por un amigo do seu pai, o sr K, que mantén unha relación amorosa coa esposa deste amigo. O pai de Dora, rexeita as acusacións da súa filla, interesado como estaba na relación coa esposa do acosador. Freud, di Kandel, pensaba como o pai de Dora e interpretou o rexeitamento de Dora do sr K, como unha defensa neurótica. Non foi quen de comprender que unha adolescente podía ser traumatizada pola traizón dun amigo do seu pai e tivo que recoñecer que o tratamento fracasara aínda que a súa interpretación das razóns do mesmo, a transferencia de Dora por el, non tivo en conta a súa propia contratransferencia. En Fräulein Else, unha moza nova que pasa as súas vacacións nun balneario, recibe unha carta da súa nai informándolle que o seu pai irá á cadea por débedas de xogo si Else no consigue que un amigo da familia que, está tamén no balneario, lle preste ao seu pai o diñeiro necesario para evitar a prisión. Else, pídelle ao amigo ese favor pero este, dille que o fará si ela se ispe completamente para el durante 15 minutos. Schnitzler abre un longo monólogo interior onde Else valora a petición da súa familia. Ao cabo, Else íspese perante todo o mundo e suicídase pouco despois no seu cuarto. Schnitzler trata con simpatía as razóns de Else e ao contrario que Freud, descualifica o comportamento familiar.

9.- Cando Schnitzler estaba describindo a riqueza e sutilidade das vidas internas das mulleres e a súa loita para acadar identidades sociais e sexuais independentes dos homes, Klimt, e pola súa influencia, Kokoschka e Schiele, facían unha pintura, o expresionismo vienés, que foi quen, como a literatura e a psicanálise, de profundar debaixo das restritivas actitudes vienesas fronte ao sexo e a agresión e revelar o verdadeiro estado interno das persoas. Os tres pintores sabían, como Schnitzler, de mulleres e da súa sexualidade. Son centos os debuxos, ás veces exhibidos, outras veces non, nos que os tres pintores vieneses debuxaron ás súas modelos espidas ou masturbándose, en actitudes que hoxe e onte chamaríamos pornográficas sen vacilar. O expresionismo, escribe Kandel, podía dicir: somos freudianos, somos modernistas, imos ao fondo baixo a superficie das apariencias… Klimt foi “decorativo” nas súas pinturas pero non nos seus debuxos e como Schnitzler, Kokoschka e Schiele, tivo numerosas amantes das que aprendeu moito sobre as mulleres. Klimt pintou o intenso pracer sexual que unha muller pode conseguir, ben cun compañeiro, home ou muller, ou por si mesma. O insight de Klimt na sexualidade da muller foi para Kandel, sen dúbida, máis claro que o de Freud

10.- Kokoschka foi un paso máis alá de Klimt. Influenciado por Adolf Loos, (que por entón non coñecía os debuxos de Klimt, só os seus cadros), rexeitaba a ornamentación das súas pinturas que ademais, pensaba, representaban só a beleza superficial e nada dicían da vida interna dos retratados nin das súas emocións. A súa pintura evolucionou. Volveuse unha mestura de insights psicanalíticos e estilo expresionista que procuraba mostrar esa vida interna que pensaba ausente na obra de Klimt: son un abrelatas psicolóxico, dicía. Intento tirar da súa faciana, das súas expresións e dos seus xestos, a verdade dunha persoa particular. Para logralo, como na caricatura, esaxeraba as expresións e os xestos das súas modelos, deformaba as mans e o corpo e rodeaba os seus retratados dunha atmosfera na que eliminaba toda ornamentación para dar paso a un espazo pictórico no que non se recoñecía nada natural nin doméstico. Era un espazo infernal, misterioso e sobrenatural. Na súa autobiografía, que non era a dun coitado, afirmou que, a pintura expresionista foi contemporánea e rival da psicanálise de Freud e da teoría cuántica de Max Planck. Como Klimt, estaba tamén fascinado pola bioloxía e polos Raios X, que viñan de ser descubertos que facían visible o esqueleto escondido debaixo das aparencias da pel e músculos. Era unha tecnoloxía que parecía seguir as pegadas de Rokitansky. Adolf Loos describía a habelencia de Kokoschka para ler a verdade da vida emocional e instintiva baixo as aparencias, como si tivera raios X nos ollos. Tampouco era modesto Kokoschka cando aseguraba que era quen de predicir o porvir dos seus modelos e dos seus retratados pero polo menos en dúas ocasións esas predicións se cumpriron. Por pedido de Loos, fixo un retrato do famoso psiquiatra, Auguste H. Forel, coa condición de que unha vez rematado, este podía aceptalo ou rexeitalo. Forel non o aceptou xa que Kokoschka o pintara como si tivera sufrido un ACV (accidente cerebro vascular). A súa man dereita aparecía colgando e flexionada como si sufrira unha hemiplexía dereita e o mesmo ocorría co seu ollo dereito. Dous anos despois Forel tivo un ACV que o deixou no estado no que Kokoschka o pintara dous anos antes. Outra predición acertada foi a do retrato de Ludwig Ritter von Janikowski, un retrato onde na faciana mirrada, na expresión e no fondo, adivíñase un home no borde da tolemia na que entrou pouco tempo despois do que o retrato fose terminado. Se cadra, por esta habelencia predictiva que se auto- apoñía, a Kokoschka, cando lle dicían que os seus retratos non se parecían ao retratado contestaba: os que o coñecen non o recoñecerán pero os que non o coñecen o recoñecerán moi ben. Kokoschka, namorado de Alma Mahler coa que conviviu uns meses despois de que quedara viúva de Gustav Mahler, tivo un curioso período de duelo cando Alma o abandonou polo arquitecto Walter Gropius. Kokoschka encargou en 1918 a un fabricante de bonecas de Munich, un dobre da muller perdida que mandou facer en materiais brandos e de acordo cos debuxos e medidas exactas proporcionadas por el mesmo. Cando recibiu o encargo en Dresde, na primavera de 1919, fixo unha festa de presentación na que, conta Hillel Schwartz, perdeu a cabeza. Ao día seguinte, a policía presentouse na súa casa porque alguén denunciara que había un corpo cheo de sangre no xardín. Era a boneca Alma, decapitada e cuberta de viño tinto, que foi botada ao lixo. Kokoschka xustificaba a historia como un modo de acabar dunha vez por todas co asunto de Alma .


11.- Egon Schiele, di Kandel, é o Kafka da pintura moderna: máis que calquera outro artista do seu tempo, interesouse pola súa propia ansiedade. Morreu aos 28 años pero puido pintar antes do seu falecemento máis de 300 cadros e miles de debuxos con dous temas principais que, como en Klimt e Kokoschka, eran a morte e a sexualidade aínda que, no seu caso, a sexualidade das súas mulleres abranguía un repertorio emocional moito máis amplo: culpa, ansiedade, tristura, tormentos, curiosidade, sorpresa… e ademais, a diferenza de Klimt que abeiraba as mulleres que pintaba baixo disfraces mitolóxicos, Schiele desbotou eses disfraces para pintar todo o que ata entón fora tabú, todo o que non se podía dicir nin ensinar (o sexo, o voieurismo, a masturbación), todo o que se facía en segredo e se negaba en público[1].




[1] Blom.Ph. Op.Cit.

       A diferenza de Kokschka, que empregaba as mans e os xestos faciais para explorar baixo a superficie, Schiele empregaba o corpo enteiro, ao que distorsionaba e esgazaba en mil formas que a veces ensaiaba previamente. Schiele, naceu en 1890 na estación de ferrocarril a cargo do seu pai, preto de Viena. Cando tiña 14 años faleceu o seu pai dunha sífilis serodia polo que Schiele asistiu a súa progresiva demencia que o deixou cunha inseguridade que duraría toda a súa vida e que o faría asociar sexo, morte e culpa. Como Kokoschka, comezou a pintar baixo a influencia de Klimt aínda que con menor presenza de decoración que abandonou moi cedo deixando o fondo dos seus cadros baleiro o que lle daba ás figuras representadas neles un aura de soidade. A diferenza de Klimt, que nunca se pintou a si mesmo, Schiele, que pensaba que para coñecer o interior dos demais cumpría coñecer primeiro o dun mesmo, fixo de si mesmo o suxeito de exploración chegando a pintar más de 100 autorretratos nun ano e non eran autorretratos triviais. En moitos deles, Schiele se pinta espido ou masturbándose diante dun espello o que, na Viena do tempo, era unha inequívoca sinal de que esa masturbación o levaría a´tolemia: privadas do abeiro da mitoloxía que Klimt concedera ás súas figuras..- escribe Philipp Blom- todo o que fora tabú, o que non se podía ensinar nin dicir- o sexo, o voieurismo, a masturbación- todo o que se facía en secreto pero se negaba en público, Schiele mostrouno con poucas pinceladas para que o vira todo o mundo... Estes autorretratos eran a versión pictórica da autoanálise de Freud e forzaban ao observador a tomar conciencia das poderosas tendencias agresivas e eróticas dentro do artista. Non houbo nada semellante na pintura occidental até Lucien Freud ou Francis Bacon anos despois. Os autorretratos tiñan varias fontes: as pinturas das histéricas de Charcot en La Salpetriere, que daquela eran moi coñecidas, os retratos e o estudo das expresións dos pacientes psiquiátricos do hospital de Steinhof que puido pintar polo consentimento do seu director pero sobre todo, di Kandel, a maior influencia foi o seu precario estado mental. Schiele pintou tamén a sexualidade adolescente pola que se sentía fascinado.  Morreu en 1918 vítima do andazo de gripe española.

12.- A segunda parte do libro é un tratado de Neuroestética onde Kandel aplica o que hoxe sabemos dos procesos cognitivos á percepción da arte, en especial, a súa influencia sobre o observador, así que, as neuronas espello, a percepción das caras, as diferentes áreas visuais responsables da cor, movemento ou nominación, o papel da amígdala, dos lóbulos frontais etc. teñen aquí o seu espazo. Non faltan críticos que dubiden de que este enfoque neuroestético engada algo relevante ao noso coñecemento da arte e aporte pouco máis que banalidades. Se cadra os que así pensan deberían explicar que é o que fai que tres franxas horizontais de diferentes cores de, poñamos por exemplo, Rothko, (o seu cadro de vermellos e azuis acaba de se vender por 67 millóns de dólares), sexan unha obra mestra de prezo exorbitante e que se disputan os museos ou porqué, como dicía Juan Antonio Marina , o cadrado pintado por Malevitch é mellor que os centos que o seguiron: ¿A data?. ¿Cáles son as categorías para xulgar esas obras?. Para Marina, o malo é que ninguén se molesta en explicar os seus canons de evaluación co que a opinión do crítico, convértese no determinante sen que este aporte tamén o criterio de porqué as franxas de Rothko son unha obra mestra. A neuroestética ten algunhas respostas para saber porqué algunhas formas xeométricas, algunhas mesturas de cores, algunhas figuras, espertan sentimentos pracenteiros e outras non o fan, e quizás, para toda a arte que se clasifica baixo a etiqueta de abstraccións, a neuroestética, e tamén a psicoloxía evolucionista, teñan algunhas iluminacións. Kandel non pretende que a neurobioloxía explique a arte senón que axude a proporcionar algúns “insights” adicionais que axuden á súa comprensión: é un proceso paralelo, non un substituto e de feito, moitos dos exemplos de pinturas que mostra no libro, sérvenlle para mostrar, non como a neurociencia pode explicar a arte, senón como os artistas como Kokoschka ou Schiele, “descubriron” intuitivamente moitos dos procesos cerebrais que determinan a percepción artística. Sexa como for, esta segunda parte é un Manual moi útil para os dedicados ás neurociencias en sentido amplo, para poñer ao día todo o que hoxe se sabe de neurobioloxía da percepción, o que non é pouco.

* A editora Paidós ven de traducir este libro ao español (xaneiro de 2013). O único problema e o seu prezo: 60 euros. A versión inglesa custa en Amazon.co.uk, 20 euros.

- A.Loos. Ornamento y delito. Gustavo Gili. 1972.
- Blom.Ph. Los años de vértigo. 1900-1914. Anagrama. 2010.
- Jalmin.A; Toulmin.S. La Viena de Wittgenstein. Taurus, 1998.
- J.A. Marina. Crónicas de la ultramodernidad. Anagrama. 2004.
- R.Monk. Ludwig Wittgenstein. Anagrama. 2002.
- H.Schwartz, La cultura de la copia. Cátedra .1998.
- Zweig.S. El mundo de ayer. Acantilado.2002.




lunes, 29 de octubre de 2012

OS VELLOS CAMIÑOS DE ROBERT MACFARLANE



          Os camiños son un laberinto de liberdade, forman unha rede comunal de terras que vai fíando ao través dun mundo cheo de arame de espiño, de cámaras, de sinais de "prohibido o paso"... Os humanos somos animais, engade Robert MacFarlane no seu derradeiro libro, The Old Ways, e como os animais, deixamos pegadas na neve, na area, na herba, ou na lama cando camiñamos. Agora, esquecemos que deixamos pegadas do noso paso porque os novos camiños están asfaltados é non recollen a memoria da nosa andaina, mais, se sabemos deles, podemos recoñecelos como unha rede que cruza ou vai paralela á rede das modernas estradas e hai moitos e diversos camiños agardando ser redescubertos:  de peregrinaxe, de gando, vías verdes, corredoiras, camiños de mortos, de fantasmas, de fuxidos, de contrabando, camiños polas augas dos ríos e da mar, polo aire... En Irlanda hai milleiros de vellos "camiños da fame" feitos e refeitos polo paso das xentes a mediados do século XIX na procura de algo co que amatar a fame que levan a ningures pois daquela en ningures había comida. En Holanda, hai camiños de mortos e de fantasmas que levan aos cemiterios medievais. En España, as antigas cañadas da transhumancia entran en vilas e cidades esixindo o seu dereito á memoria. As chairas americanas aínda conservan a memoria dos camiños dos bisontes que seguiron os primeiros colonos. Os antigos camiños de Galicia, vivos moitos deles, mortos outros tantos, e algúns resucitados polos modernos sendeiristas, teñen feitíos de seu: canellas, congostras ou corredoiras afundidas polo paso milenario de carros e xentes que os británicos chaman holloways, vías romanas, tamén chamadas camiños dos mouros, carreiros, surrieiras, camiños de ferradura, camiño real ou o gran camiño europeo, o camiño de Compostela. Cando morren ou están a piques de facelo, os galegos falan (falaban), de curripas.
                 
                                                                  
                                            O Broomway 

          Mares e océanos están unidos por rutas mariñas de acordo cos ventos e as correntes dominantes e as vías fluviais están entre os camiños máis antigos. Na invernía, do val de Zanskar, no Himalaia hindú, só se pode saír seguindo o río xeado levados polo que por alí chaman, un piloto do xeo que sabe onde agarda o perigo. En Cumbria, os camiños dos mortos tiñan, como en moitos lugares de Galicia, mesas de pedra para pousar o cadaleito, mesas que en Galicia estaban case sempre ao pé dun cruceiro. Os camiños, di Macfarlane, son os costumes da paisaxe e se non son camiñados, esvaecen comestos polo inzar da matogueira. En Suffolk, no século XIX, nos comezos de certos camiños moi transitados, as xentes deixaban pendurados pequenos fouciños nas ponlas das árbores. Os camiñantes collían un destes fouciños e ían cortando toda a matogueira que atopaban ao seu paso volvendo deixar o fouciño pendurado ao remate do camiño para que quen viñense en dirección contraria fixese o mesmo.
            MacFarlane escribe en lembranza e loanza de Edward Thomas (1878-1917) o poeta e camiñante morto na I Guerra Mundial. Camiñar e pensar, como facía Thomas, van a carón un do outro dende tempos pasados. MacFarlane quedou pampo ao descubrir que to learn, aprender, ven do protoxermánico liznojan que significa, seguir ou atopar un camiño ou un rastro, pois para el, como para moitos outros pensadores-camiñantes, diso se trata no camiñar. A literatura dos camiños é ampla e antiga. Existe como poemas, cantigas, historias, tratados, mapas, guías e novelas. A relación entre a escritura e o camiñar é case tan vella como a literatura e camiñar é só un paso dunha historia pois cada camiño "fala".  Georges Borrow, o autor de A Biblia en España, o máis carismático dos camiñantes- escritores, era quen de camiñar 120 millas en 27 horas para pensar e para escorrentar a melancolía que o Ismael de Moby Dick escorrentaba seguindo os camiños da mar cando chegaba a invernía. Thomas de Quincey calculou que Wordsworth camiñara ao longo da súa vida máis de 175.000 millas.  Rousseau, dicía que só podía meditar camiñando: a miña mente só traballa coas miñas pernas. Nietzsche afirmaba que só os pensamentos que lle chegaban cando camiñaba tiñan valor e algo dese xeito pensaba Wittgenstein abeirado no fundo dun fiordo de Noruega. Bruce Chatwin foi un camiñante literario moderno que percorreu a Patagonia e foi na procura dos trazos das cantigas cos que os aborixes australianos bautizaron a súa terra. Macfarlane celebraría a obra de Cunqueiro, se a coñecese, unha literatura chea de camiños imaxinarios, de viaxes e viaxeiros, porque tamén MacFarlane foi as illas Hébridas escocesas na procura dun camiño "cunqueiriano" que tivo existencia como folklore antes de que alguén o construira na terra. As novas do camiño chegáronlle a Macfarlane de fontes pouco precisas e envolveito por rumores. Ao cabo, soubo que o camiño que procuraba na illa de Lewis, tivera como constructor nos anos 20 do pasado século, a un campesiño arrendatario (crofter), Mannus Stones, ou  Clachan Mhánais, en gaélico, que aprendera grego por si mesmo con grande eficiencia e que levara un diario do paso dos buques de guerra británicos polas costas do seu fogar nos anos 50. MacFarlane, de acordo coa nacenza do camiño, percorreu primeiro o camiño como historia para despois seguilo a pé. É un camiño, di, que como un poema ou unha cantiga popular, cambia o seu trazado cando alguén fala del, camiño como se ve, axeitado para Cunqueiro. Foi máis doado o percorrido histórico que, o de pé feito, xa que o chan das illas Hébridas máis occidentais é ou de turba, ou de gneis, materiais inimigos do camiñante e das pegadas que pode deixar o seu paso. A turba, mol como é, fai esvaecer as pegadas; o gneis, como o ferro, rexéitaas, velaí que nestas illas os camiños teñan que ser sinalados con pequenos amilladoiros ou pedrafitas que non sempre son doadas de recoñecer. Sen esas sinais, os camiños que levan ás turbeiras (para recoller a turba para o lume), ás leiras ou aos pasteiros, podían ser perigosos pois os membros da familia, ás veces nenos que ao xeito dun rito de paso van por vez primeira solos a levar o gando aos pastos, podían afundirse na turba pantanosa  cuberta por herba verde e desaparecer para sempre. Mannus Stones, segundo a súa filla, fixo o camiño non para el, que coñecía polo miúdo todos os recunchos da súa terra, senón para que os demais non se perderan nas brétemas mestas e afundisen na turba pantanosa. Hansel e Gretel nas Hébridas, di Macfarlane lembrando o conto dos irmáns Grim onde os dous nenos van deixando seixos no bosque para poder atopar o camiño de volta a casa. Finlay MacLeod, novelista, naturalista, historiador, falante de gaélico e inglés, foi quen lle deu a MacFarlane as novas do camiño e de moitas cousas máis. Abraia saber que, no outono do ano 2009, MacLeod e a súa muller, subiron a bordo do primeiro transbordador que saía nun domingo de Stornoway, a capital da illa de Lewis, rumbo a costa escocesa “continental”. O calvinismo mantivera ata entón todo o seu abafante poder na illa e prohibira as viaxes no día do señor. Ese día, mentres no peirao unha chea de calvinistas aldraxados rezaban, uns poucos laicos a bordo do ferry bebían champán. MacLeod só aturaba o cristianismo dos séculos XII e XIII, cando se mesturaban as ideas paganas cos ritos cristiáns e non aturaba o fundamentalismo calvinista da súa illa porque significaba, “a extinción da metáfora”, e quería celebrar o Xénese como conto popular e non como doctrina. Era tamén home sabido en camiños e camiñantes e tiña a Darwin como heroe polo seu interese por todo e por camiñante. Darwin fixo de seu un camiño de area que percorría os bosques e campos arredor da súa casa en Kent que el chamaba “camiño de area” e tamén “camiño do pensamento”. Tiña o costume de amorear unhas cantas pedras no comezo do camiño que percorría varias veces mentres matinaba no seu. Cada vez que chegaba de novo á morea de pedras, apartaba unha co seu caxato de tal xeito que catalogaba os problemas nos que ía matinando segundo a súa resistencia, como de unha, dúas, tres ou catro pedras.
               Hai camiños perigosos. O Broomway é un antigo camiño que vai da costa de Essex, no sudeste de Inglaterra, á illa de Foules, ten uns 10 quilómetros de longo e máis de cen mortos na súa conta. Este feitío de asasino serial ven de ser un camiño que Cunqueiro chamaría de “quita e pon”. Cando baixa a marea, e as mareas no canal da Mancha non son cativas, xorde o camiño emerxendo das augas para esvaecer asolagado pola marea alta cando esta volve lixeira cumprindo o seu ciclo lunar. Ata hai poucos anos,antes de que fixeran unha ponte,  ademais dos botes, este e era o único xeito de chegar á illa. Durante séculos homes, gando, carros, despois tractores e mesmo vehículos militares, empregaron esta ruta para entrar ou saír da illa. As brétemas mestas teñen alí presenza cotiá e se envolven a calquera que estea facendo o camiño, a posibilidade de se perder, de camiñar sen rumbo ata que os leve o mar ou sexan tragados polas areas movedizas ou a lama, é alta. Así morreron esas máis de cen vítimas. O camiño, do que hai novas dende o século XV, ten cada pouco un pau, un esteo chantado na lama que marca a senda pero se hai néboa, son de pouca axuda. Os camiñantes precavidos levaban unha corda longa que ataban nestes casos a un dos paus. Camiñaban logo ata atopar o pau seguinte e volvían ao pau de partida deixando pegadas no chan que poderían seguir. Así, devagar, e repetindo unha e outra vez a operación podían chegar á costa se os remuíños dunha marea que inzaba lixeira nos os collía antes. Inglaterra ten outro destes camiños de marea, o Morecambe, que vai do Hest Bank ao Kent Banks. Alí morreron afogados no ano 2004 polo menos 25 chineses, emigrantes ilegais, aos que o seu patrón mandara apañar berberechos. No ano 2006 fíxose un filme sobre a traxedia.

                                                                                                                                                                  
          O Broomway é un dos moitos camiños que Robert MacFarlane percorreu e dos que da conta neste derradeiro libro, The Old Ways. MacFarlane debe ser un tipo curioso. Con pouco máis de trinta anos, é profesor de literatura en Cambrigde e montañeiro, camiñante e escritor duns libros nada doados de catalogar sobre as montañas e a natureza, e ao tempo, de libros sobre plaxiarismo e orixinalidade na literatura británica do século XIX. É home que gorenta de pasar as noites deitado na herba envolto nun saco de durmir cando camiña, agardando a que os “bastóns” da súa retina se afagan á obscuridade (o que acontece en dúas horas como calquera pode comprobar) e poida ollar o que a noite e o silencio da campía ofrece.
        Pensamos que só hai camiños na terra pero o mar ten tamén os seus camiños aínda que non hai pegadas deles na auga. Son camiños que esvaecen despois de formar unha onda ou un pequeno ronsel mais que sobreviven como tradicións, como series de marcos na costa, como historias. Non son camiños ao chou. Axeitanse á morfoloxía das costas, aos ventos e as correntes. Son antigos e non foi ata hai pouco que foron recoñecidos pois os historiadores tiñan un sesgo de análise terrestre nos seus estudos baixo a influencia romana e a súa inmensa rede viaria. Antes dos romanos, pode que dende o mesolítico, eran os camiños do mar os máis empregados e mesmo houbo rutas mistas que atravesaban os cabos perigosos por terra para volver a embarcar as mercandorías unha vez pasado o cabo (isthmus roads). En 1932, Cyril Fox, publicou un mapa dun deses camiños que dende as illas Orkneys, pasando polo norte de Escocia, o mar de Irlanda, Gales, Cornualles, o canal da Mancha e Bretaña seguía ata a costa do norte e noroeste de España. Seguiron novas rutas e hoxe, xa coñecidas moitas delas e confirmadas polos achádegos arqueolóxicos, cómpre reimaxinar a historia europea  e pensar os asentamentos nas costas atlánticas de Europa, non cono fisterras, senón como puntos de partida e chegada e como encrucilladas. Por eses camiños, segundo os tempos, movéronse tecnoloxías, linguas, mercaderes, crenzas, valores, costumes,  arquitecturas funerarias, torques, ferreiros itinirantes do bronce, ou máis adiante, monxes, peregrinos ou normandos. Houbo momentos en que estes camiños do mar abaixaron a súa importancia pero no século V, os monxes irlandeses, cheos de fervor, foron na procura de illas desertas onde abeirar a súa necesidade de soledade: unha vela na procura do seu deserto...foron lonxe...emigraron coas súas cabezas cheas de gramatica e xeografía, tempos verbais e treboadas, lixeiros de pensamento e poesía...  As novas navegacións de altura tiñan outras marcas sabidas. Foron as rutas dos peixes e paxaros migratorios, a estrela polar, as nubes orográficas, os patróns do mar de fondo, os que se converteron en cantigas e historias contadas e recontadas unha e outra vez e pasadas logo a cartas e mapas. 
        MacFarlane percorreu dous destes camiños marítimos. Na compaña de Ian, navegou no Broad Bay, un veleiro do ano 1912, dende o porto de Stornoway, na illa de Lewis, ata as illas Shiants, no medio do estreito de Minch que separa Lewis da Escocia "continental". Ian, un mariñeiro de Lewis que coñecía como os galegos medio mundo, contoulle na viaxe a historia dos homes azuis do Minch. Cando hai mal tempo ou mar bravo, os homes azuis, personificacións das treboadas e das marusías, aparecen de socato sobre a cuberta dos barcos para afundilos. Antes de facelo, danlle aos mariñeiros unha oportunidade de salvarse. Recitan un verso e cada un dos homes a bordo ten que responder a ese verso con outro do mesmo metro e rima. Se non son quen de facelo, o barco vai a pique e morren todos afogados. Se o fan, os homes azuis marchan na procura doutro barco ao que afundir. Ian remataba: xa ve, salvánse pola elocuencia...  Ian, di MacFarlane, para entenderse a si mesmo emprega a linguaxe do mar. Soltar amarras, ir á deriva, chegar ao peirao, e volve sempre a navegar cando as cousas na terra non van como é debido. Na segunda viaxe, tamén na compaña de Ian e de tres mariñeiros máis, embarcou noutro veleiro, curmán do Broad Bay, o Jubilee, para ir de Port of Ness, na costa norte de Escocia, ata a illa Sula Sgeir, unha rocha sen homes a 40 millas onde unha vez ao ano e dende tempos antigos, os homes de Port of  Ness van cazar os guga, nome gaélico para o alcatraz do norte. A viaxe,  a vela, como facían antes os mariñeiros, levou un día e unha noite e cando pola mañá cedo se achegaron á costa, MacFarlane, que ía dormido, pensou cando espertou que chegara o inverno no verán pois a illa de Sula Sgeir que tiña diante dos seus ollos, era branca. Non era neve, era o guano e as plumas,de milleiros de alcatraces que cubrían a terra da illa como un manto. Sula Sgeir, di MacFarlane, é un territorio de caza: as focas comen os grandes peixes, os alcatraces, arenques, os págalos grandes,alcatraces e os homes, gugas (os alcatraces pequenos).
          Para MacFarlane hai tamén camiños no aire, os que dende milenios seguen as aves migratorias sen que ninguén soubese ata hai pouco como podían ir e vir dende os seus lugares de invernía aos de verán sen se perder. MacFarlane, di no seu libro, que estas aves teñen nas súas retinas unhas proteínas especiais chamadas criptocromos que lles permiten ver os campos magnéticos. É como se sobre a paisaxe viran unha rede de fíos que seguirían ata chegar ao seu destino.
          Hai camiños de mortos ou de cadaleitos como na illa de Lewis nas Hébridas exteriores escocesas, onde os veciños tiñan que levar a enterrar os mortos dun extremo a outro da illa pois a terra non era fonda de abondo para acoller os corpos en grande parte dela. Ás veces, estes vieiros que había que facer a pé cargando co cadaleito, tiñan varios quilómetros.
          O monte Kailash no oeste do Tibet é unha das montañas sagradas do budismo. Alí, teñen as súas fontes o Ganges, o Brahmaputra e o Hindo. Os peregrinos percorren as abas desta montaña facendo un círculo que pode levar días ou semanas. O Minya Konka, en China, preto de Sijuan, non é máis alto que o Kailash mais para Macfarlane é o máis fermoso. Cos seus máis de 7.400 metros, é unha montaña que ten como o Broomway unha merecida sona de asasina. Pode que sexa a única montaña do mundo na que morreron máis montañeiros na escalada que os que chegaron ao cumio. En 1.980 China abriu as portas aos montañeiros e Rick Ridgeway e tres homes máis, intentaron chegar ao cumio. Foron esmagados por unha enxurrada de neve, un alude que matou a un deles, Jonathan Wright, e deixou malferidos aos outros tres. A Wright, soterrárono nunha fenda no glaciar e marcaron a súa tumba cun amilladoiro de pedras. Case vinte anos despois, a filla de Wright veu visitar o sitio onde falecera o seu pai cando ela era unha nena pequena. Cando chegaron ao lugar, un anaco de gore-text saía polas pedras baixas. O glaciar, devagar, empurrara o corpo ata a superficie nos anos transcorridos. O guía, Rick, o amigo de Macfarlane que lle contou a historia, mandou á rapaza que se afastase. Desenterrou o corpo e alí, xeado, pero como se acabase de morrer, a filla puido ver ao seu pai case  como era cando vivía.
        No Minya Konka, como no Kailash, os peregrinos budistas percorren as abas nunha viaxe que leva semanas ou visitan o mosteiro do que se di que é o fogar dos budas vivintes reencarnados do Minya Koka, mosteiro que foi destruído polos gardas roxos na revolución cultural. Nos anos 20 do século pasado chegaron ata alí dous fillos doutro “gran cazador”, o presidente Theodore Roosevelt, para cazar pandas. Deberon ter moito éxito pois dende aqueles tempos os pandas pasaron a ser unha especie en perigo de extinción.
MacFarlane tamén foi camiñar a Palestina na compaña dun amigo de Ramala, Raja Shehade. Hai moitas diferenzas entre Ramala e Britania. En Palestina non se pode camiñar fóra das grandes vilas e moito menos facelo cunha cámara fotográfica, un compás ou un mapa se non quere un que o deteña o exército israelí. Aínda así, Raja facía unha sarha polo menos unha vez por semana. Sarha é unha palabra árabe que no seu significado orixinal como verbo quería dicir, nin máis nin menos, que levar o gando a pastar pola mañá cedo deixando que pasten ceibos”. Agora é un camiñar sen un plan prefixado. A palabra inglesas máis achegada sería saunter que ven do francés a sainte terre, praza sagrada, pois as dúas palabras sarha e saunter teñen connotacións de camiñar sen rumbo e tamén, espiritual. Cunqueiro sabía tamén destes camiños árabes e cita a Al-Masudi, ("os camiños tamén morren") e os Safarnama de Nasir-Jusrav (1003-1077), quen fuxido ás montañas de Badajsan polas súas ideas relixiosas, foi quen, (non se sabe se é a erudición ou a fantasía de Cunqueiro quen o asegura), de coller na man todos os camiños que ían a montaña onde se agachaba e mesturalos para que ninguén o atopara. 
            Chama a atención, e moito, que MacFarlane non cite en ningures a obra dun diplomático francés que no século XIX deu ao prelo un libro importante para a endeita de MacFarlane: Les Anglais au Moyen Âge: la vie nomade et les routes d'Angleterre au XIVe siècle, de Jean Julius Jessurand, pois nel se conta, é a influencia dos Contos de Canterbury de Chaucer é notoria, o feitío dos camiños novos e vellos, das xentes que os viaxaban, e dos costumes itinirantes dos vagabundos, obreiros, romeiros camiño de Compostela e de moitas outras cousas.  Cunqueiro si cita a Jessurand en varios textos sobre os camiños é unha vez máis, é unha mágoa que Macfarlane non coñeza a literatura de Cunqueiro pois o seu libro, de certo, acollería moito do escrito polo irrepetible don Álvaro. A Macfarlane acaeríalle saber que, segundo Don Álvaro, en Asia Central os homes saúdan e rezan aos camiños para que non  marchen, que o Camiño de Compostela ten don de linguas, que Muga O´Morghaire, deixaba como sinais na beira dos camiños palabras que só el coñecía  polas que se guiaba para volver ao fogar, que houbo heroes en tempos  idos que roubaban camiños e deixaban sen eles a algunhas vilas ou que para viaxar por certos ríos-camiños cómpre falarlles en latín.  
               De camiños como estes, das cañadas españolas, con algunha cita ao Camiño Xacobeo, do percorrido pola serra do Guadarrama, da visita a un amigo en Madrid,  M.A. Blanco, que leva anos facendo unha curiosa biblioteca na que cada viaxe ten un libro onde se recollen cousas atopadas neses camiños, de algún escultor de sona  polo que eu non podo compartir a admiración de Macfarlane, e doutros moitos camiños, se fala neste derradeiro libro deste peculiar camiñante escrito nun inglés requintado non sempre doado de traducir.

                                             Robert Macfarlane


lunes, 22 de octubre de 2012


ANDRZEJ SZCZEKLIK. Catarsis: sobre el poder curativo de la naturaleza y el arte, Acantilado. 2010.
ANDRZEJ SZCZEKLIK. Core: sobre enfermos, enfermedades y la búsqueda del alma de la medicina. Acantilado 2012.
           
 Este médico polaco de nome e apelido impronunciables, (¿catro consoantes seguidas?), adoita ser definido polos que comentan as súas obras, con ese nugallán e impreciso adxectivo de “médico humanista”. Szczeklik, móvese con habelencia e coñecementos na mitoloxía, a historia, a filosofía, a ética, a medicina, a bioloxía molecular e a inmunoloxía, para non citar máis que algunhas das disciplinas que acollen os seus libros. Escribe ben, por non dicir, moi ben, así que haberá que pensar que o adxectivo de “humanista”, meréceo polos seus saberes en “humanidades” e polo seu talento de escritor, e o  de médico, pola súa formación científica e as súas moitas publicacións sobre o seu oficio. Que fose tamén, (faleceu en febreiro do 2012, en Cracovia), un destacado pianista, non resultará estraño en alguén con ese perfil pero que se defina católico e que nos seus textos, sen balbordo, apareza teimosamente citado  “o noso Papa”, Jan Pawel, é dicir, Xoán Pablo II, é dalgún xeito insólito aínda para un polaco. Dende Polonia as cousas vénse doutro modo. Esta nación, que naceu, morreu e resucitou varias veces ao longo da historia, non é como as demais. No ano 1981, Szczeklik foi invitado a Harvard a dar unhas conferencias. Na cea, despois da conferencia na que había uns cantos premios Nobel e outros que o serían pronto, Szczeklik felicitou aos seus colegas pola recente elección dese “grande presidente”, Ronald Reagan”. Fíxose un silencio tan cortés como xeado e a xuntanza rematou case de socato. Szczeklik escribe sobre aquela reunión e sobre Reagan: Pero nós,  aquí, en Polonia, vímolo con bos ollos dende o principio. Para nós era o primeiro presidente dun gran país que non tivo medo de chamar ao “imperio do mal” polo seu nome  e retalo… Era esta unha opinión moi espallada na Polonia daquel tempo. Daquela, e baixo a lei marcial, o crego dunha igrexa preto dos Cárpatos, ao remate da  misa á  que asistía Szczeklik,díxolle aos fregueses ao terminar a cerimonia: ¡Non se me acheguen  despois da santa misa nin me deixen diñeiro para que rece ao Altísimo pedíndolle a reelección de Reagan!.
            “Humanista” ten tamén outra faciana que ás veces se esquece nun oficio como a medicina na que cada vez máis, a milagreira tecnoloxía da que hoxe dispoñemos non sempre vai na compaña dun trato achegado ao paciente: Cando detrás da porta xace un doente ao quen non hai moito que ofrecer, a man retráese instintivamente antes de xirar o pomo. Sen embargo, sempre queda unha cousa: a presenza. A presenza como mostra de simple solidaridade humana. A presenza: o último deber do médico.  Son palabras que podían servir de referencia ética para calquera unidade de coidados paliativos e para calquera médico.
            Este pequeno comento non é unha crítica nin unha reseña. É un aviso, unha chamada de atención sobre a obra científico-ética-literaria-filosófica deste médico polaco cristián con evidente talento para a escritura ao que vale la pena ler sexa un ateo ou  crente, de esquerdas  ou de dereitas.
            Un exemplo para indecisos do seu  modo de pensar e que os xubilados entendemos moi ben:
A vellez é a que máis predispón- ademais dunha fe fonda- a un paso silencioso e en paz ao outro lado… O ser humano envellece devagar: primeiro apágase nel a curiosidade por outras xentes, polo  mundo; aos poucos todo vai resultando coñecido, evidente, esvaece o misterio das cousas. Ao mesmo tempo  envellece o corpo pero non todo ao mesmo tempo, senón por partes: amolece a vista, o ouvido,vaise danando o corazón ou os pulmóns…a forza vai empardecendo, aparece a canseira. Saír da casa, convértese nun problema, elévase á  categoría de acontecemento, mentres aínda mantemos a esperanza, seguimos desexando cambios, mesmo alegrías. Pero cando mesmo estas desaparecen, cando non queda “nada máis, só as lembranzas e o baleiro” (Sandor Marai) entón, apodérase de nós xa para sempre, a vellez…

No creo que fose casual esta cita de Sandor Marai. Szczeklik sen dúbida  leu polo miúdo, (aínda que como católico non aceptou, supoño, o seu final) os últimos Diarios do húngaro que, non se “poden”, non se “deben” ler cando uno se achega á senilidade. Doente, sen poder escribir e  case sen poder ler, asiste á longa agonía da súa muller coa  que viviu sesenta anos da súa vida. Cando bota as súas cinzas ao  mar de California en San Diego, comeza unha demorada preparación do seu suicidio. Compra unha pistola. Asiste ás clases da policía onde aprende como usala. Durante dous anos sigue anotando no seu Diario  as poucas lecturas que lle interesan (poesía húngara), mentres  avisa que se achega o momento. A última anotación do Diario anuncia que ese momento chegou. Pégase un tiro.
A súa si que foi unha verdadeira “crónica dunha morte anunciada”.

jueves, 26 de julio de 2012

A FRONTEIRA E AS GRANDES CHAIRAS AMERICANAS II


 1.-  O movemento cara ao Oeste, escribe D.T Courtwright en Violent Land, trouxo perdas catastróficas para os nativos e os animais. A medida que a fronteira avanzaba levaba con ela doenzas, guerras, asasinatos, caza excesiva e alcoholismo xeneralizado. Todas estas eivas estaban relacionadas dalgún xeito coa anormal demografía da fronteira. Hai unha estreita relación entre xente nova solteira e violencia e os Estados Unidos foron até despois da II Guerra Mundial o país coa taxa de mocidade máis alta do mundo ao que había que engadir influencias culturais que avivecían tamén a posibilidade de violencia. A maioría dos homes na fronteira era sureños que compartían unha cultura do honor que os facía moi sensibles a calquera aldraxe que era obrigado responder por medios violentos. Unha das causas de violencia nos homes acontece cando é ameazada unha das súas mais valiosas posesións: a súa sona de fortaleza e dureza. En moitas culturas do mundo o status económico, social, o benestar e a mesma vida, están vinculadas á reputación que un teña. Onde aínda non hai policía nin lei, a posesión ou o mantemento de recursos cando son escasos, depende de que a comunidade saiba que o individuo é quen de defendelos. Aí é onde podemos atopar este tipo de cultura que se coñece como cultura do honor.
O sur dos Estados Unidos tivo dende sempre sona de seren mais violento que o norte. A diferenza do Norte que foi colonizado por campesiños de Inglaterra, Holanda e Alemaña, o sur foi ocupado por gandeiros escoceses ou do Ulster que viñan dos bordes da Gran Bretaña. Unha colleita é moi difícil de roubar. O gando non. Os gandeiros teñen que estar dispostos a defender o seu gando sempre exposto a roubos que os deixarían sen ningún recurso. Ademais, no sur, a densidade do poboamento era moi baixa e cunha longa fronteira á que non chegaba o poder do estado e da lei. Os gandeiros tiñan que se valer por si mesmos para defender o seu gando e para iso cumpría que a reputación de ser quen de facelo, de defendelo, era vital. Para escorrentar os posibles ladróns e disuadilos de roubar as súas propiedades, tiñan que manter esa sona polo que non podían permitir calquera suposto aldraxe que noutras partes nen sequera sería considerado tal, xa que podería ser interpretado pola comunidade como unha sinal de febleza. Mais esta tese, que é a de Nisbett e Cohen, dous psicólogos que estudaron esta cultura, semella estar errada. Non é o pastoreo o responsable senón a ausencia de xustiza e orde institucional. O que acontecía no Sur era que as terras de gando eran as máis afastadas, case sempre montañosas, onde aínda non chegara a lei polo que cumpría defender por un mesmo a vida e as propiedades. Alí onde non hai orde e hai homes novos e solteiros, a posibilidade de violencia medra, velaí que, mesmo hoxe en día os Estados Unidos teñen zonas violentas como os guetos e hiperguetos das grandes cidades onde o feitío demográfico e o mesmo que na antiga fronteira e onde predomina a cultura do honor e a violencia. Courtwright escribe: ghettos are the raw frontiers of modern American life the primary areas in which the recurrent problem of violence...
 
2.-Foi o ferrocarril o que cambiou para sempre a vida nas Grandes Chairas, mais, construír camiños de ferro nesas chairas non era cousa doada. Todo o leste, o noroeste e o sur dos Estados Unidos tiñan xa nos anos 60-70 do século XIX unha ampla e mesta rede de vías ferroviarias mais todas eles remataban no borde leste das chairas. Até entón, as vías ían detrás das vilas. Primeiro, nacía unha vila. Despois viña o ferrocarril. Dese xeito as compañías tiñan dende o primeiro momento viaxeiros asegurados, postos para auga e madeira ou carbón e beneficios. Nas chairas non había vilas, non había xente, moi pouca auga e ningunha madeira. Cumpría atravesar 2.000 quilómetros baleiros sen posibilidade de beneficios nin de suministros. Foron precisas moitas subvencións estatais, federais e privadas, para que  puidese comezar o tendidos das liñas que deberían unir a costa do pacifico coa do atlántico e aínda así, as empresas quebraron e provocaron o pánico de 1873, antecesor da gran depresión dos anos vinte do século seguinte. Para arranxar a situación o goberno concedeulle terras ás compañías todo ao longo do percorrido polas chairas. Unha franxa a carón da vía era para o ferrocarril. Outra franxa doutro lado da vía era terras federais para colonos libres. Para facelas as terras rendibles, cumprían colonos que as traballaran e produciran, e algo que se puidera exportar polo ferrocarril. As compañias fixeron unha campaña publicitaria local e polo mundo adiante que foi procurar xente para estas terras alí onde as houbera, alemás de xeito preferente, pois tiñan sona acreditada de seren bos granxeiros.

    A Homestead Act de 1862 permitía que calquera terra de dominio público non reclamada podería ser ocupada nunha extensión de 160 acres por calquera que se comprometera a traballala que pasaría a ser da súa propiedade aos cinco anos. Ese era o contexto no que Spencer Tracy fala no filme. Os gandeiros non tiñan dereito de propiedade sobre as terras de pasto e ademais, mantiñan máis gando do que os pastos permitían polo que a herba estaba desaparecendo das chairas no tempo no que comezaron a chegar os granxeiros. A matanza dos búfalos que case chegou a exterminalos, provocou ademais un cambio ecolóxico que tardaría anos en se manifestar. A bosta dos 60 millóns de búfalos que percorrían as grandes chairas, era un excelente abono para que medrase a herba e foi tamén o combustible que empregaban os primeiros colonos. Os búfalos mortos eran ademais unha fonte de minerais e nutrientes que pasaban á terra. Co gando doméstico non era así pois non morrían nas chairas senón que se levaban no ferrocarril moi lonxe, ata as cidades do leste. Dese xeito millóns de vacas deixaron de aportar minerais á terra e o ciclo natural das chairas quedou desfeito. 

Abeirados pola Homestead Act viñeron milleiros de campesiños dispostos a traballar a terra mais para iso era preciso algo que tardou un tempo en chegar. Os que viñeron decatáronse axiña que os 160 acres que concedía a lei, non chegaban para sobrevivir. Nunha terra na que os indios e os búfalos percorrían ducias de millas para atopar comida, un pequeno cadrado de terra non abondaba. Era como si, escrebe Ian Frazier, un pescador tivera que sobrevivir cunha milla cadrada de océano. As compañías de ferrocarril espallaron entón dúas teorías: a chuvia segue ao arado e a lentura do chan pódese manter se os sucos son fondos. Ningunha delas era certa polo que milleiros de granxeiros tiveron que abandonar as terras e as granxas pouco tempo despois da súa chegada mentres que outros poucos compraban máis terra para se quedar. Ademais, aquí tampouco chegaba cunha machada para cortar unhas árbores que non había i erguer case de socato unha choupana de troncos seguindo a técnica que trouxeran os primeiros emigrantes de Finlandia. Moitos dos colonos que chegaron tiveron que vivir en casas feitas de turba xa que non había árbores nas grandes chairas das que tirar a madeira precisa para facelas como se facía nas terras boscosas do leste xa ocupadas. As casas cos teitos e muros de turba collían moita lentura cando chovía. Eran moi frías no inverno e moi quentes no verán polo que, os que podían, mercaban madeira para facer as xanelas e as portas ou mesmo a casa enteira aínda que, non era doado atopala a pesar do seu elevado custo. Tampouco estaban os novos colonos afeitos a traballar terras tan enxoitas polo que moitos deles tiveron que marchar por onde viñeran o que foi aproveitado por algúns gandeiros para comprar terras a prezos moi baratos. Entres os que chegaron estaban os alemás de Ucraína. As grandes chairas americanas teñen parentesco achegado coas estepas rusas, kazajas e ucranianas. Un clima e unha xeografía semellante en moitos dos seus territorios, uns mesmos cultivos e plantas, unhas xentes moi achegadas e uns avatares ecolóxicos tamén moi semellantes.

3.-    En 1778 a emperatriz rusa, Catalina a Grande, que era de orixe xermánica, para ocupar as terras do sur de Rusia que conseguira na guerra cos turcos, ofreceu aos menonitas que vivían daquela en Prusia, que se asentaran nas terras conquistadas. Concedeulle a cada familia 175 acres de terra, non pagar impostos, non facer o servizo militar, tolerancia relixiosa e diñeiro ata a primeira colleita. Milleiros de menonitas ocuparon as estepas e fixeron delas unha terra agrícola farturenta. En 1870, 45.000 destes menonitas vivían sen pouquidade no que hoxe é Ucraína pero as cousas cambiaron cando o zar Alexandro II obrigounos a se rusificar e a facer o servizo militar. Ademais de menonitas, había nesas terras, colonos católicos tamén emigrados dende Prusia e de Alsacia-Lorena que daquela pasara a mans alemás despois da guerra franco-prusiana. Todos eles eran de fala alemá. Os menonitas estaban preocupados co servizo militar; os católicos coa perda das súas escolas xermanas. Os donos das compañías do ferrocarril que nese tempo xa completaran a unión este-oeste ou estaban a piques de facelo, precisaban explotar a terra concedida polo estado e traer xente que fixera rendible o longo camiño polas chairas despoboadas. Os delegados das compañías do camiño de ferro, foron ás estepas de Ucraína na procura destes agora proecupados campesiños menonitas alemáns  que tiñan sona de seren os mellores agricultores do mundo para que viñeran traballar nas grandes chairas e facer rendibles eses longos percorridos ata entón baleiros. Moitos, milleiros deles, aceptaron a proposta aínda que non conseguiron que o  Presidente Grant os liberara do servizo militar. Os menonitas de Ucraína trouxereon con eles especies de trigo das estepas, axeitadas ás terras enxoitas das chairas. Os menonitas, di Ian Frazier, sabían o que plantar pero tiveron que se enfrontar a outros problemas.
Un deses problemas era a gandería extensiva, o ranching. Nunha terra chea de gando pastando ceibo non había posibilidade ningunha de cultivar e colleitar a terra nin de repartir a pouca auga dispoñible. Os gandeiros, precisaban pouca auga todos os días; os granxeiros, grandes cantidades poucas veces, e nas chairas non había ríos caudalosos dos que tirar auga para todos. Ademais, o gando ceibo estragaba as colleitas dos granxeiros velaí que comezase un novo ciclo de leas entre gandeiros e granxeiros e unha vez máis, o western contou a historia. Cumpría pechar as terras dun xeito ou doutro. Os granxeiros esixían que fosen os gandeiros os que pecharan as súas e deixar as agrícolas sen pechar. Os gandeiros pensaban xustamente o contrario. O problema era que nunha terra sen madeira o peche era moi caro, de feito supoñería a ruína dos gandeiros ou dos granxeiros. Pasaron uns cantos anos antes de que se inventase o remedio: o barbed wire, o arame de espiño. Sen a revolución industrial, escribe Precott Webb, o arame non existiría; sen as grandes chairas nunca chegaría a ser tan popular. O problema da auga puido se arranxar con outro aparello: o muíño de vento. Estes dous inventos, o arame e o muíño, cambiaron as chairas. O primeiro permitiu defender as colleitas das reses ceibas; o segundo, ter auga onde esta non abondaba. Os gandeiros, que xa daquela se decataran que non era preciso traer o gando dende o sur de Texas, xa que podía criarse nas mesmas chairas, tiveron que facer algúns arranxos para manter o seu gando agora en perigo pola chegada dos colonos que ocupaban legalmente as terras que ata entón eran pastos “libres”. Compraron todas as terras que puideron e pecharon tamén as súas propiedades co arame de espiño pero o vello sistema de pastos libres e grandes beneficios, o Cattle Kingdom, rematou para sempre.
Aínda cumpría un terceiro invento para que as chairas fosen habitables: o revólver, o colt. Os indios seguían aí e non estaban dispostos a perder a súa terra de sempre. Ata entón, os brancos empregaban o rifle que era axeitado para as terras de bosques pero non para chairas nas que todos ían de a cabalo. No minuto que un branco armado cun rifle precisaba para recargar a súa arma, que daquela non era de repetición, un indio de a cabalo podía disparar vinte frechas. O rifle non servía para a loita de a cabalo razón pola que mentres os rangers texanos no comezaron a empregar os colts, eran sempre derrotados polos indios. Despois do colt, perderon sempre.
Tres produtos industriais, o arame de espiño, o muíño de vento, e o revólver, permitiron ocupar as grandes chairas mais foi o ferrocarril o que mudou de xeito definitivo a maneira de vivir nas chairas, cousa de certo, nada doada.

4.- Nas alturas dos ceos das grandes chairas loitan entre si tres ventos procedentes de tres imperios climáticos. Os ventos enxoitos e mornos, veñen das Montañas Rochosas; os sieiros, os ventos xeados e secos, baixan dende o norte ártico; os ventos quentes, soben dende o sur, dende o Golfo de México. Onde e cando se atopen, vai determinar o tempo nas chairas. Ademais cómpre engadir a corrente “en chorro” (jet stream) que emigra segundo a estación, do norte para o sur, e que é un factor fundamental para que se produzan tornados O encontro dos ventos xeados do norte cos quentes e húmidos do sur pode provocar unha enxurrada que nun só día deixará no chan a terceira parte da auga do ano.
Abaixo, a rentes da terra, os ventos sopran case sen pousos do suroeste a unha media de 15 millas por hora facendo destas terras un espazo moi axeitado para os modernos muíños eléctricos eólicos que dende hai anos ateigan todos os espazos aproveitables das chairas. As árbores non medran nas chairas porque precisan dunha humidade que nestas terras só se atopa nas ribeiras dos ríos. Alí procuran abeiro lamigueiros e salgueiros pero fóra desas ribeiras, non medran.

    As secas nas grandes chairas eran habituais e moitas veces duraban anos o que na compaña dunha explotación desaxeitada levou ao Dust Bowl, a grande poeira dos anos 30 do pasado século cando millóns de acres de terra esvaeceron nunha poeira que chegou ás cidades do leste provocando a fuxida de milleiros de campesiños, os “okies”, na procura de traballo e mantenza cara ás terras de California naqueles vellos automóbiles ateigados coas pertenzas máis necesarias que John Ford inmortalizou ao filmar a novela de John Steimbeck que, en español, se chamou, Las uvas de la ira. A Grande Poeira atinxiu as grandes chairas do sur, esa vast austerity como a chamaba Donald Worster. Hoxe ninguén ou moi poucos queren vivir nelas: moito vento, poeiras, secas, arame de espiño, incerteza, traballo duro... Pero aínda despois dos abusos seguen sendo un tesouro agrícola non só para os Estados Unidos senón para o mundo.
Que a chuvia ía e viña dun xeito vertolán e había anos de chuvias fartas seguidas de varios anos de seca, era algo sabido que todos quixeron esquecer aínda que xa tiñan algunha experiencia e tomaran algunhas medidas. Unha das grandes secas que durou anos, fixo que se cambiara o sistema de cultivos. O dry farming, sementaba variedades de trigo ruso e turco e deixaba en barbeito as terras de xeito rotativo, araba fondo e cubría con herba os sucos. Foron os campesiños alemás que as compañías de ferrocarrís trouxeron de Ucraína os que aportaron estas novas variedades. Eles e os Amish, eran quen de facer producir estas terras enxoitas. Mais o medre dos prezos do trigo, co gallo da Gran Guerra, espertou a cobiza dos capitalistas agrarios que mercaron terras en Oklahoma e Kansas que traballaron con grandes parques de maquinaria: ceifeiras-debulhadoras como din os portugueses, tractores, camións e arados de moitas rodas. Terras amplas de miles de hectáreas puxéronse a producir sen respecto ningún pola natureza desa terra enxoita que cada vinte anos entraba nun circulo infernal de secura que duraba anos. Cando chegou nos primeiros anos trinta do pasado século unha nova seca, a terra converteuse nunha poeira que levantaba o vento e ese vento, o vento das chairas, non tiña pouso. Houbo poeiras negras de nove quilómetros de altitude que avanzaban silandeiras sobre casas e cidades asolagando baixo a area todo o que atopaban no camiño. En 1935, un senador que estaba en Washington intentando que se aprobasen as axudas para esta desfeita, puido abrir as xanelas e dicirlle aos senadores presentes que ollaban a poeira negra que enchía o ceo da capital: senadores, aí vai Oklahoma...
Para Worster, a coincidencia da Grande Poeira coa Gran Depresión non foi un azar. Son as dúas facianas dunha mesma cultura, ecolóxica unha, económica outra, que Wortster non tivo problema ningún en chamala co seu nome lexítimo: capitalismo. A natureza, para esta cultura americana, ten que se ver como capital. Árbores, ríos, minerais, augas e chan, son mercancías que cómpre explotar e levar ao mercado o que esixe que sexan desprovistos de mitoloxía e de santidade. Cultivos e gando non eran para estes novos capitalistas agrarios maneiras de vivir, senón modos de facer diñeiro. Nos anos 20, as chairas foron aradas fondamente por medios mecánicos tirando o manto de herba que as cubría dende había milenios. Despois dalgunhas colleitas milagrosas chegou a grande poeira dos anos trinta.