1.- Olao Magno, que foi arcebispo de Upsala antes de que Suecia se fixera
protestante, no seu curioso libro publicado en Roma en 1555, Historia das xentes septentrionais,
dedica dous capítulos ao haleche ou arenque, que se pescaba nese tempo nas
costas da Gotia meridional (o sur da actual Suecia). Olao escribe con
admiración sobre a súa extraordinaria abundancia, xa que se presenta na beira do mar en tais cantidades, que non só esgazan
as redes dos pescadores” senón que é posible manter unha lanza vertical no medio
dos peixes. Segundo o seu relato, o arenque é un peixe que morre de socato
ao sacalo da auga, é fosforescente i exportase afumado a toda Europa
aproveitándose, como no caso da sardiña meridional,(e do bacallau) das vixilias
e da coáresma, en tempos nos que estaba prohibido o consumo de carne ou de
graxa de animais no mundo cristián [1].
Durante séculos, as novas sobre a abundancia dos
arenques foron constantes. A súa pesca daba traballo no século XVII a máis de
800.000 holandeses e frisios e aínda a mediados do século XIX máis de 40.000 persoas
vivían do arenque en Escocia. Se cadra, por iso, para falar da fecondité do océano no seu libro, La Mer ,
Michelet non atopa mellor modelo que o arenque, l´hareng. A sociabilidade, é a lei desta raza, di, nunca foron
vistos mais que xuntos, xuntos viven nas tebras do fondo da mar, xuntos veñen
na primavera a coller o seu anaco de felicidade universal, a ver o día, a gozar
e morrer... Entre Escocia, Holanda e Noruega, engade Michelet, parece que se erguera
unha illa inmensa e que un continente estivera a punto de emerxer é como se as
dunas se puxeran a remar; en certos pasos estreitos non se pode remar: a mar é
sólida[2]...
2.- En 1429 durante o sitio de Orleans, no balbordo da Guerra dos 100 Anos, o duque de Bedford
enviou 500 toneis de arenques salgados para as tropas inglesas. O transporte
foi emboscado polas milicias do duque de Bourbon que fracasou no seu intento de
impedir o envío. Desde entón, esa batalla coñécese nos anais ingleses como a Batalla dos Arenques. Este duque de
Bedford debe ser o mesmo que dixo aquilo de: calquera francés é máis muller ca unha inglesa… Guerra psicolóxica,
supoño.
Uns anos antes, o Enrique V, (o de Shakespeare), non
podería arengar, (¿arencar?) os seus soldados en Francia na véspera da batalla
de Azincourt en 1415 sen arenques:
Se estamos destinados a morrer, o noso país non
ten necesidade de perder máis homes dos que somos; e se debemos vivir, cantos
menos sexamos, máis grande será para cada un a parte de honor… Pode retirarse o
que non vaia con corazón a esta loita; darémoslle o seu pasaporte e porémoslle na súa bolsa uns
escudos para a súa viaxe; non quixeramos morrer na compaña dun home que temera
morrer como compañeiro noso. Este día é o da festa de San Crispín; o que
sobreviva a este día volverá san e salvo aos seus lares… cando se mencione esta
data... medrará por riba de si mesmo ante o nome de San Crispín. O que sobreviva
a este día e chegue a vello, cada ano na
véspera desta festa, invitará aos seus amigos e lles dirá: mañá é San Crispín…
Os soldados ingleses
puideron alimentarse cos arenques porque anos antes, en 1383, Van Beukels, un
holandés, descubrira como conservalos
sen que axiña, (en poucos días) comezaran a apodrecer malia o sal
salferido por riba deles. Van Beukels tiráballe as tripas aos arenques pouco
despois de pescalos e mergullábaos en salmoira de socato. O peixe así tratado,
mantíñase comestible longos períodos o que permitía a súa exportación moi lonxe
do lugar da pesca. O descubrimento de Van Beukels tivo importancia de abondo
como para que dous séculos despois, o Emperador Carlos V, ao cabo, flamenco de nacenza, fora de pé feito
en 1575 a
visitar a súa tumba na aldea de Brevlied, provincia de Zelanda, e mandase
erguer un monumento na súa memoria. Don Álvaro Cunqueiro en La cocina cristiana de Occidente lembra
a visita como segue:
La
sacra majestad de Carlos
V...encontrándose agradecido al señor Guillermo Böckel por lo que este había
innovado en la salazón y ahumado de los arenques, que a las brasas o al perejil
eran plato del gusto del emperador, decidió visitar su tumba... Allí rezó don
Carlos por el alma del señor Guillermo, cuyas mañas hicieron los arenques más
tiernos, más rosadas sus carnes, menos recia la salazón y más sabroso el
todo... con ellos son más llevaderas las santas vigilias… [3]
3.- Nos momentos máis duros da II Guerra Mundial, cos alimentos
racionados, Churchill lembrará a arenga do Enrique V ao tempo que os arenques
escoceses alimentaban a unha Gran Bretaña illada. Nos tempos da II Guerra Mundial, cando Lisboa era unha cidade franca onde convivían espías nazis e aliados, as sardiñas foron tan disputadas como o wolfran. Non sei se a cifra que da Ronald Wéber no seu libro "La ruta de Lisboa" é certa porque o embaixador británico Eccles comunica ao goberno do seu país os atrancos que ten para mercar en Portugal 750.000 caixas de sardiñas (cen latas por caixa, cifra que semella moi esaxerada) pois tiña que loitar cos alemáns por ese alimento de "guerra" como loitaba polo wolfran que Portugal exportaba aos dous países. Se cadra, ven deses tempos o gusto polas sardiñas portuguesas da raíña británica Isabel II que en 1957, segundo conta Barry Hutton no seu libro, "Os portugueses", informou ao goberno portugués que "tinha uma fraqueza especial pelas vossas sardinhas em lata portuguesas".
Foron arenques o que comeron os soldados de Enrique V, os escravos das plantacións do Caribe, os mineiros de Gales, os que permitiron á armada inglesa, en compañía do bacallau e do corned beef, conquistar o seu imperio o que revela que, os arenques e Shakespeare, poden ser tamén eficaces armas defensivas (ou ofensivas). O arenque calmou a fame dos países protestantes europeos; a sardiña fixo o mesmo nos países católicos porque a liña que separa os países protestantes europeos dos católicos e máis ou menos a liña que separa a pesca do arenque da pesca da sardiña..
Foron arenques o que comeron os soldados de Enrique V, os escravos das plantacións do Caribe, os mineiros de Gales, os que permitiron á armada inglesa, en compañía do bacallau e do corned beef, conquistar o seu imperio o que revela que, os arenques e Shakespeare, poden ser tamén eficaces armas defensivas (ou ofensivas). O arenque calmou a fame dos países protestantes europeos; a sardiña fixo o mesmo nos países católicos porque a liña que separa os países protestantes europeos dos católicos e máis ou menos a liña que separa a pesca do arenque da pesca da sardiña..
Cómense arenques dende tempos moi antigos. Hai espiñas
de arenques de abondo nos concheiros neolíticos das costas inglesas e nos
campamentos romanos que os arqueólogos escavaron na Gran Bretaña. O arenque,
para os países afortunados que o tiñan
nas súas costas, foi a pataca da Idade Media e non perdeu o seu valor de
alimento principal e de fonte de proteínas despois de que a pataca chegara de
América no século XVI e se espallara o seu cultivo por toda Europa. Diderot, en 1773, coa Enciclopedia xa rematada, no seu camiño cara San Petersburgo por
invitación da zarina, á quen vendera a súa biblioteca, fai un pouso en A Haia. Desde
alí, escribe aos seus amigos de París sobre os alegres holandeses cos seus grandes sombreiros e co “cheiro do arenque sempre
presente ”.
4.- Cinco séculos despois de Olao, douscentos anos desde Diderot, un século
despois de Michelet, Mike Smylie[4]
escribe a súa historia do arenque como un oficio de defuntos pola abundancia
perdida e W.G.Sebald [5]
a certifica:
(Pola súa antiga abundancia, o arenque) era o emblema principal, por así dicir, da
indestructibilidade dogmática da natureza….as crónicas rexistran con frecuencia
os anos nos que toda a pesca do arenque ameazaba con vir abaixo polo seu
catastrófico exceso. Mesmo se informa de que o vento e as olas impelían enormes
bancos de arenques contra a costa e os guindaban na terra… onde cubrían a praia por un treito duns cantos
quilómetros… aínda hoxe as rutas que seguen os arenques non puideron
determinarse con exactitude pero si a
súa temporalidade…”.
No século XIX e primeiros anos do XX, grupos de mulleres
nómades, case todas elas das Highlands
escocesas, ían de porto en porto destripando arenques con destino a súa conserva
cunha habelencia que parecía imposible aos que as miraban traballar. A maioría
destas mulleres seguían a emigración dos arenques. Comezaban a súa viaxe en xuño
nas illas Shetland, ao norte de Escocia, para ir cara os portos do sur seguindo
a costa oriental escocesa para chegar a Lowestof en East Anglia, no outono desde onde volvían aos seus fogares escoceses
para encetar de novo a emigración ao ano seguinte. Outro grupo, máis pequeno,
empezaba nas Hébridas Exteriores, seguía a costa occidental escocesa, ían á illa
de Man e remataban tamén en East Anglia.
Esta emigración, única na historia británica, mantívose durante 100 años e tivo
o seu máximo en 1910 cando máis de 6.000 mulleres fixeron a ruta do arenque[6].
Hoxe, do esplendor de Lowestof, que foi con Yarmouth,
a súa rival, a antiga capital do arenque onde os pesqueiros apenas tiñan espazo
de atraque nos peiraos e da máis antiga Lowestof, cidade balnearia de moda que a
precedeu, cos seus hoteis refinados e luxosos e as súas praias ateigadas, queda
pouco. O antigo castelo de Somerleyton, despois de acoller durante séculos a sucesivas
xineas de aristócratas foi comprado por Morton Peto, un peón de albanel que
fixera fortuna cos camiños de ferro e transformara o castelo nun pazo onde a
fachenda de novo rico lucía esplendente no seu feitío oriental. Hoxe, hai que
pagar por visitar o que queda do palacio e os hoteis e balnearios de Lowestof
construídos no tempo en que Morton Peto foi nomeado “Sir” tiveron o mesmo
destino que Somerleyton. En Lowestof naceu Benjamín Britten en 1913, un dos mellores compositores británicos a quen a raíña Isabel II nomeou Sir e malia a súa homosexualidade, nunca moi ben considerada ao longo da súa vida, a mesma raíña enviou unha nota de dó ao seu compañeiro cando Britten faleceu en 1976 en Aldemburg, a poucos quilómetros de Lowestof onde viviu toda a súa vida.
A descrición de Lowestof que fai W.G.Sebald en Os aneis de Saturno, é desoladora:
A descrición de Lowestof que fai W.G.Sebald en Os aneis de Saturno, é desoladora:
O
dano fórase espallando engulíndoo todo… pecharon estaleiros e fábricas, ata que
a prol de Lowenstof só falaba o feito de
que no mapa marcaba o punto máis
oriental das illas británicas. Hoxe en día,nalgunha das rúas da cidade, case unha
de cada dúas casas está á venta, empresarios, xente de negocios e particulares,afúndense cada vez máis nas súas débedas; todas as
semanas afórcase un traballador ou un insolvente…e de xeito ningún se albisca
un remate da depauperación que medra sen pouso …(no centro da cidade) non hai
máis que salas de xogo, salóns de Bingo, salas de apostas, tendas de vídeos, pubs, con escuras entradas que cheiran a cervexa
agre, supermercados baratos e dubidosos establecementos de bed and breakfast…[7]
Con algúns engadidos e algunha exclusión por británica, non poucas cidades deste país poderían incluírse no relato de Sebald. Son as cidades “especializadas”, na pesca, na minería ou na industria, as que teñen máis riscos. Detroit é unha cidade fantasma dende que a industria do automóbil entrou en crise, e Ferrol, se as cousas non se arranxan, podería ter un destino semellante aínda que en Europa o estado non deixa que as cousas cheguen a unha situación como a do Detroit de hoxe. Os “arenques “ de Detroit eran os automóbiles; os “arenques” de O Ferrol son (¿eran?) os buques.
Nos anos 70 do pasado século os arenques, xa moi escasos, estiveron a piques de desaparecer e foi precisa unha moratoria de dez anos para que os bancos de arenques que, en tempos antigos podían ter cinco quilómetros de longo e tres de ancho, puidesen recuperar unha miga do seu antigo esplendor e recomezase a pesca de novo. Malia a recuperación, os británicos seguiron sen comer arenque e os barcos factoría que agora se atopan con estes peixes a moreas cando pescan outra especie, facían (e fan) deles fariña de peixe ou comida para porcos e só unha pequena cantidade chega ao mercado ou vai para a exportación. Os arenques teñen fartura de ácidos Omega 3, de vitaminas A e D e o Servizo de Saúde Británico leva anos intentando que os británicos coman polo menos dúas veces cada semana arenques co que, pensan, melloraría moito a saúde dos habitantes afeitos agora masivamente ás graxas da fast food. Se cadra, o Servizo de Saúde Británico debería chamar na súa axuda a Oliver Sacks, neurólogo de sona, autor entre outros de libros como O home que confundiu á súa muller cun sombreiro ou de Despertares do que se fixo un filme que tivo a Robert de Niro como protagonista. Sacks, ademais de nadar unha hora todos os días, de escribir e tocar a Bach no piano, come arenques no xantar e sardiñas na cea, e iso todos os días[1].
[1] Citado en Currey.M. Daily Rituals. Picador.2013.
Nos anos 70 do pasado século os arenques, xa moi escasos, estiveron a piques de desaparecer e foi precisa unha moratoria de dez anos para que os bancos de arenques que, en tempos antigos podían ter cinco quilómetros de longo e tres de ancho, puidesen recuperar unha miga do seu antigo esplendor e recomezase a pesca de novo. Malia a recuperación, os británicos seguiron sen comer arenque e os barcos factoría que agora se atopan con estes peixes a moreas cando pescan outra especie, facían (e fan) deles fariña de peixe ou comida para porcos e só unha pequena cantidade chega ao mercado ou vai para a exportación. Os arenques teñen fartura de ácidos Omega 3, de vitaminas A e D e o Servizo de Saúde Británico leva anos intentando que os británicos coman polo menos dúas veces cada semana arenques co que, pensan, melloraría moito a saúde dos habitantes afeitos agora masivamente ás graxas da fast food. Se cadra, o Servizo de Saúde Británico debería chamar na súa axuda a Oliver Sacks, neurólogo de sona, autor entre outros de libros como O home que confundiu á súa muller cun sombreiro ou de Despertares do que se fixo un filme que tivo a Robert de Niro como protagonista. Sacks, ademais de nadar unha hora todos os días, de escribir e tocar a Bach no piano, come arenques no xantar e sardiñas na cea, e iso todos os días[1].
5.- É curioso que, os arenques, que pertencen
coa sardiña e o boquerón, bocarte ou anchoa, (tres nomes para un mesmo peixe), á
familia dos Clupeidos, sexan uns peixes que teñen por costume a emisión duns peidos (sen Clu) moi parecidos aos humanos pero tan sonoros, que
durante moito tempo a mariña sueca, (ata
2004), pensou que eran motores de submarinos espía rusos o que provocou unha
protesta diplomática ante Boris Yeltsin por esa intrusión. Aos suecos,
descubrir que eses sospeitosos ruídos non eran submarinos senón peidos, iso si, de procedencia non dixestiva
dos arenques, custoulles anos de investigacións e máis de 300 millóns de euros.
Os bancos de sardiñas nas rías galegas,
como os seus parentes nórdicos, tamén emiten eses gases aínda que mariñeiros e
autoridades nunca sospeitaron que fosen posibles submarinos “portugueses” intrusos
os responsables. Os pescadores do país, chamaban a esas emisións, “barbuxido” ou
“barbullada”, espuma producida polas burbullas dos gases ao chegar á superficie
e utilizaban esa fervenza en tempos menos tecnolóxícos, para localizar os
bancos.
A luminosidade inexplicable dos arenques mortos que,
mencionaba Olao Magno, foi un misterio e durante moitos anos buscáronse métodos
insólitos para explotala. En 1870, conta Sebald, cando todo o mundo estaba
traballando en proxectos para o alumeado das cidades, dous científicos ingleses
de nome curiosamente axeitado á investigación, Herrintong y Lightbown,
estudaron ese curioso fenómeno co gallo da súa posible utilización como fonte
de luz, estudio que nin tivo continuidade nin aproveitamento. Tamén a sardiña, ao
cabo parente achegado, ten esa propiedade luminescente pero só cando estaban
vivas e na mar. Os pescadores galegos chamaban a esta luz, “ardora”, e utilizaban tamén esa propiedade, como o barbuxido,
os arroaces e as gaivotas, para localizar os bancos nas rías. Non sei se os
bancos, escasos como agora son, abondan para producila pero é probable que os
modernos pesqueiros xa non precisen dese saber antigo dotados como están de
sondas, sonar, GPS e outros dispositivos tecnolóxicos aos que os bancos de
sardiña, cando os hai, teñen dificil evitar.
A Teoría dos Enxames (swarm theory) leva tempo pescudando no comportamento intelixente
dos bancos de arenques e sardiñas, das colmeas de abellas, dos formigueiros,
das bandadas de paxaros ou dos grupos de robots ou dalgúns problemas
informáticos. Calquera que teña visto unha bandada de estorniños voando no ceo
dunha vila no solpor ou un cardume de sardiñas fuxindo duns arroaces quedará
pampo ao ver a precisión dos movementos do bando que malia ao seu número son
quen de manter un rumbo ou dividirse sen perder o rumbo nin chocar entre eles e
sen ter líder externo ningún. Os teóricos da intelixencia de enxames
descubriron que iso é posible seguindo unhas leis moi sinxelas que se poden
reducir a tres: móvase na mesma dirección que os seus veciños; mantéñase preto
dos seus veciños; evite chocar con eles.
E a distancia, a velocidade percibida e
a dirección que levan os individuos veciños o que determina o comportamento
global e intelixente do banco ou da banda.
6.- Hai moitas especies de arenques e sardiñas pero se falamos do
Atlántico Norte , onde comeza o arenque, termina a sardiña. Os arenques non chegan
a Galicia nas súas migracións. Quedan no Atlántico norte e non “baixan” dunha
liña que vai dende a Bretaña francesa á badía de Chesapeake nos Estados Unidos
aínda que pequenos bancos poden chegar ata as costas atlánticas ibéricas.
O dito do abundancia do arenque, que vale, (valía)
para os mares e países do norte de Europa, pódese dicir para a sardiña nos
países do sur. Malia que a sardiña non pasa do sur do Canal da Mancha, iso non impide que nos supermercados de Maine, nos
Estados Unidos, se podan comprar “Sardiñas de Escocia” que non son sardiñas senón
obviamente, os seus parentes, é dicir, arenques, e que, en moitos
lugares de España as caixas circulares e abertas de arenques que se expoñían
nos ultramarinos recibiran o nome de “sardiñas arenques”. Cousas de parentes
achegados. Hai pois unha Europa atlántica do arenque e unha Europa atlántica da
sardiña, unha Europa que comeu e come arenque e unha Europa que comeu e come
sardiña, un peixe “protestante”, o arenque, e un peixe “católico”, a sardiña..
7.- Semellantes relatos de abundancia, sen chegar aos do arenque, de
modos de facer conservas, de artes de pesca, de exportacións, de alimento
proteico fundamental na dieta, cóntanse tamén da sardiña. A pesca e conserva do
arenque (salgado, afumado, enlatado) foi cousa de holandeses i escoceses; a da
sardiña, de bretóns, galegos e
portugueses; a do boquerón, bocarte ou anchoa, que son o mesmo peixe con
diferentes nomes, de vascos e cántabros pero as industrias conserveiras, (e tamén
a súa sobreexplotación) foron obra de cataláns na sardiña galega e de italianos
no boquerón vasco e cántabro i é cousa que ven de antigo.
En 1774 Josef Cornide publica Memoria sobre la pesca de la sardina en las costas de Galicia. É un
alporizado alegato contra as artes de pesca introducidas polos cataláns que
arrasan os fondos e lugares de cría. Cornide recorda que ata entón, as sardiñas,
pola súa enorme abundancia alimentaban a “millóns de miserables”. Nas 18
grandes rías de Galicia[8],
escribe, “cría e se apasta case toda a sardiña de Europa” pero agora o conflito
entre as dúas “nacións contendentes” ,(Galicia e Cataluña), ameaza arruinalo
todo se non se prohiben as artes de
pesca catalás. Cornide insiste: os industriosos cataláns, “eses holandeses do
Mediodía, especuladores, só perseguen o seu interese e tratan aos galegos de nugalláns
e inaplicados”, un adxectivo despectivo que precede ao de “charnegos”, calificativo que herdarán anos máis tarde os galegos e xentes doutras
procedencias que irán a Cataluña na procura de traballo. Tamén o padre
Sarmiento non aforraría invectivas contra os cataláns aínda que estes tiveron
tamén defensores que apoñían ao gremialismo e privilexios dos galegos a súa
incapacidade para modernizar as artes de pesca e o xeito de organizarse pasando
a un sistema máis “capitalista” que era xustamente o que trouxeron os cataláns[9].
Un século despois do informe de Cornide as cousas
seguían igual. Cando Georges Borrow, (“A Biblia en España”) vai camiño de
Finisterre, alá polos anos 30 do século XIX, ten que pedir pousada nunha choza
negra que atopa no camiño a dúas leguas do cabo. Acólleo un home que ao
escoitar un acento raro dille: Vostede é
catalán, señor cabaleiro, e vai buscar os seus paisanos a Corcubión. Vostedes
os cataláns son boa xente e teñen moi bos establecementos nas costas galegas;
mágoa que se leven todos os cartos fóra do país…
Máis de dous séculos despois, escoitar as queixas
catalás sobre a explotación a que dende hai séculos veñen sendo sometidos por
España, non deixa de ter o seu aquel cando os seus laios reivindicativos chegan
a Galicia pero os descendentes dos cataláns que viñeron daquela, son hoxe galegos, ás veces, moi galegos.
8.- Como acontecera en Escocia, Inglaterra, Holanda e Noruega, a abundancia
da sardiña en Galicia trouxo a necesidade
de conservación para a súa exportación e como nos países do arenque, as
sardiñas escabecháronse, afumáronse ou salgáronse
entre outros procedementos. No século XVI, os mareantes de Pontevedra, organizados
en confrarías, como facían os nórdicos de Olao Magno cos arenques, enviaban
sardiña así conservada a media Europa. A sardiña era a raíña da pesca e moitas
veces nos documentos do século XVI aparecían separados o peixe e a sardiña. Se Amsterdam medrou sobre toneis de arenque,
A Moureira de Pontevedra fíxoo sobre
pipas de sardiñas. Os pontevedreses
sabían xa daquela que, se faltase a pesca, a vila “se perderá y despoblará”[10]. As exportacións
de sardiña facíanse a Portugal, o Mediterráneo e ao Cantábrico despois de que
fose abandonada a exportación aos países nórdicos que se fixeran protestantes e
tiñan o arenque como alimento básico. A sardiña, “católica”, perdeu oo mercado
nórdico pero o arenque “protestante” e tamén o bacallau, se puido seguir
exportando ao sur de Europa competindo coa sardiña, onde un amplo mercado de
140 días de xaxúns ao ano ofrecía negocio de abondo.
A Moureira (Pontevedra) Foto tirada do libro de G. Allegue |
Cando no XVIII chegan os cataláns de Cornide coas súas
artes de pesca, comezan os conflitos que
se manterán durante medio século ata que as artes de pesca catalás se impoñan
para reproducirse de novo o conflito, nunha guerra na que no faltou a dinamita,
a finais do XIX entre dúas novas artes, os
que pescaban ao xeito e os que empregaban o arte do cerco de jarreta que terminou
impoñéndose. Non foi a última liorta. Unha nova guerra da sardiña estalou poucos
anos despois entre os que pescaban de día coa jarreta utilizando como cebo
bacallau e os que pescaban de noite sen cebo utilizando a ardora dos bancos que,
foron acusados de ser os responsables do descenso de capturas pola sobreexplotación.
As leas non era novas. Dende o século XVI na ría de Pontevedra os preitos entre
os que pescaba ao xeito, unha rede de enmalle para a que cumprían seis ou sete
homes e os do cerco real que precisaban de 60 ou 70 homes e varias embarcacións,
foron habituais.
A finais do XIX o salgado foi substituído pola conserva en lata segundo a
técnica de Nantes inventada por Appert. O exército británico xa
empregaba alimentos enlatados pero o sistema tiña erros e hai quen afirma que
os homes da expedición de John Franklin que morreron cando ían na procura do
Paso do Noroeste faleceron non de frío, senón polo botulismo dos alimentos
enlatados aínda que cómpre dicir tamén, que algunhas latas de 1820 gardan aínda
alimentos comestibles [1]
Os Goday da illa de Arousa, os Curbera, Molíns, Massó, Escurís, Barreras, Alfageme, cataláns,(Cunqueiro fala de máis dun cento de apelidos de cataláns donos desas fábricas), exportan a todo o mundo ata que a mediados do século XX a sardiña se esgota a súa antiga abundancia. Nos anos 40 do pasado século, escribe Fernández Del Riego, Vigo, primeiro porto sardiñeiro do mundo, ve como baixan as capturas de sardiña ata cifras inimaxinables de menos de 3.000 toneladas ano e menos de 2000 e 1953. Lowestof xa perdera os seus arenques anos antes.
Os Goday da illa de Arousa, os Curbera, Molíns, Massó, Escurís, Barreras, Alfageme, cataláns,(Cunqueiro fala de máis dun cento de apelidos de cataláns donos desas fábricas), exportan a todo o mundo ata que a mediados do século XX a sardiña se esgota a súa antiga abundancia. Nos anos 40 do pasado século, escribe Fernández Del Riego, Vigo, primeiro porto sardiñeiro do mundo, ve como baixan as capturas de sardiña ata cifras inimaxinables de menos de 3.000 toneladas ano e menos de 2000 e 1953. Lowestof xa perdera os seus arenques anos antes.
9.- En 1900, 10.000 bretóns pescaban sardiñas, 30.000 mulleres
traballaban nas máis de 100 conserveiras espalladas pola costa que en 1880 produciron 50
millóns de latas de sardiñas; ducias de
carpinteiros de ribeira facían as embarcacións, outras ducias de
obradoiros tecían as cordas das redes e centos de redeiras arranxaban
nos peiraos as mallas esgazadas. Como os galegos, tiveron loitas polas artes de
pesca, anos nos que a sardiña non chegou, viron desaparecer as velas do mar e
chegar os motores e as sondas, e tamén,
o esvaecer dunha civilización sardiñeira que atinxía a moitos modos de
vivir [11].
Os bretóns, aínda que os arenques tamén entraban de cando en vez nas costas do
sur de Bretaña, pescaban sardiña nos portos do sur e arenque nos do norte e nos
da Mancha. Polos mesmos anos, en Galicia, 16.000 persoas traballaban nas 363
fábricas de salga, 106 de conservas, 38 de escabeche os que hai que engadir os
milleiros de homes dedicados á pesca. En 1878, 31.014 homes traballaban na
pesca, cifra se cadra moi cativa pois habería que incluír as mulleres que
traballaban como espichadoras, embarilladoras, estibadoras etcétera . En 1907
hai en Galicia 5.342 embarcacións dedicadas á pesca (47 de vapor) o que da idea
da importancia deste traballo[12].
Nun fermoso libro, L´épopée de la sardine, conta Jean Claude Boulard un século da
historia dos Gloaguen, unha familia de pescadores de sardiña de Douarnenez, no
sur da Bretaña francesa. Aínda que non son poucos os traballos históricos
dedicados á pesca da sardiña, non hai entre nós, que eu saiba, un libro
semellante escrito dende o cerne de tres xeracións de sardiñeiros e con
competencia literaria. Os Gloaguen veñen pescando sardiñas dende finais do
século XIX. Percorreron todos os avatares da pesca e da conserva nunha historia
moi semellante á que daquela percorrían os sardiñeiros galegos. As mesmas
loitas contra os conserveiros, contra os pescadores doutros portos, as mesmas
liortas polas artes de pesca, (enmalles, cercos, bolinches, arrastre), as
mesmas leas pola “rogue” (os cebos) de bacallau, de arenque de xarda, uns
semellantes desacougos e inquedanzas no cambio da vela e o remo ao motor, na
chegada das sondas, na importación de
sardiña do Mediterráneo e de Marruecos. Houbo porén diferenzas salientables. Os bretóns fixeron varias folgas malia o endiañado circuíto que os envolvía. Os pescadores tiñan as súas mulleres traballando nas conserveiras. Si estas se puñan de folga os pescadores non tiñan a quen lle vender as sardiñas polo que non entraban cartos nas casas. Aínda así, aproveitando un ano no que as sardiñas non chegaron a folga das mulleres non deixou entrar a sardiña doutros mares e os conserveiros tiveron que se render (de momento). No balbordo destas leas e folgas Douarnenez se converteu na primeira cidade comunista de Francia. Cando en 1916 Benigno Rodríguez escribe o seu libro sobre, Los pescadores del Norte y Noroeste de España, doése de que os pescadores galegos "estén atrasadísmos en todos los órdenes de la vida tanto en su educación e intrucción como en la explotación de las pescas y medios de Asociación". Si se organizaran en Asociación, di, poderían ser donos das embarcacións o que os liberaría das poutas dos armadores pois é unha mágoa, segue, que en Galicia os donos das embarcacións e dos medios de pesca sexan propiedade dos fomentadores. Nos anos que seguiron ao informe de Benigno Rodríguez as cousas melloraron e inzaron asociacións, pósitos e confrarías que melloraron a situación sen chegar ao nivel reivindicativo e os logros dos bretóns. En 1927 cando Otero Pedrayo, Risco e Ben-Cho-Sey chegan a Cariño despois de rematar a súa pelerinaxe a Teixido, Otero ten unha ollada menos crítica ca de Benigno Rodríguez. Da conta de 14 fábricas de escabeche e conserva e 35 de salga de anchoa e sardiña na vila que daquela tiña 4.000 habitantes que exportan a Xénova onde se vende baixo etiqueta italiana. Engade ademais que,hai na vila, "vintedous vaporciños" e unha "banda de veleiros" e que no tempo da pesca do bonito "ouvese falar na praya de Cariño o francés, o vasco, o castelán de Suances, e Santander", e remata: "Non nas tabernas porque en Cariño non´as hai"...
Fernández Rei dicía hai anos que, a Bretaña e a Galicia, as unía a cultura da sardiña. No museo
Massó de Bueu están as primeiras máquinas de facer latas de sardiña de todo o
Estado. O antropólogo Antón Pais atopou no cemiterio de Bueu lápidas con
apelidos dos bretóns soldadores que viñeron a Galicia e trouxeron con eles esa
técnica. Os mariñeiros bretóns achegábanse ás costas galegas porque viñan
pescar lagosta e se cadra, tamén sardiña. Chegaban, di Rei, polo rumbo coñecido
como Hent Sant Jaquez, é dicir, o Camiño de Santiago e precisamente é Santiago
o patrón dos mariñeiros bretóns, o que admiraba a Castelao que lle dedica un
capítulo de As cruces de pedra na Bretaña ao Jacques bretón.[13]
A sardiña vai e ven das costas sen que
ninguén saiba moi ben as razóns. Hai anos nos que non se da pescado toda a que
entra. Outros anos non aparece. En
Bretaña entre 1907 e 1909 non entrou sardiña. Xa pasara o mesmo nos anos 80 do
século XIX motivo polo que o príncipe Alberto de Mónaco se achegou as costas
galegas para investigar as razóns de que houbese moita sardiña en Galicia e
ningunha en Bretaña. Castelao ten dado novas desta ausencia das sardiñas en
varios dos seus textos como en O Rifante (Cousas) ou na
viñeta As sardíñas virían se o goberno
quixese
10.- Para Cornide, que coincide con
Cunqueiro, a sardiña, como o arenque no norte, chega no mes de xuño i está en sazón en
setembro, outubro e novembro para ausentarse en xaneiro e febreiro cando volve
aos fondos mariños. O refrán que afirma
que por san Xoán a sardiña pinga o pan, nace segundo Cunqueiro pola necesidade de rima pero non da verdade da súa
sazón.
Se cadra, Galicia sen porco, polbo e
sardiña non sería a mesma. Os porcos, os domésticos e os bravos, inzan, pero
polbo e sardiña xa non abondan como en tempos pasados e moitas veces hai que ir
por eles a costas de lonxe. Agora hai un banco de sardiñas no Acuario de A
Coruña e aínda que devagar, vanse facendo progresos na cría en cautividade de
polbos e sardiñas. A sardiña foi sempre un xantar humilde para tempos de cativeza.
Os bocadillos de sardiñas, eran cousa
case obrigada e as latas eran a reserva para o porvir ou o xantar para viaxes,
excursións ou navegacións prolongadas. Malia a perda da antiga abundancia, as
sardiñadas seguen a ser xantares espallados por toda Galicia, pero hoxe, a
sardiña como o polbo, é menos un xantar
cotiá, que un xantar festeiro. Se o polbo é un xantar comunal propio das
“feiras”, a sardiña é un xantar comunal propio das “festas” pois son ducias as
festas da sardiña que acolle Galicia
dende san Xoán até o outono e centos os xantares de amigos ou familiares nos que reina a sardiña, case sempre asada á
parrilla pois xa lembraba Cunqueiro que é o único peixe que en Galicia “se ven
asando dende sempre”.
Moita terra que en Galicia estaba cultivada é agora un
ermo. É o mar o que agora se cultiva pero os produtos son outros: ostras,
mexillóns, rodaballos, salmóns, berberechos, ameixas, e se as cousas van polo
rego, moi cedo, polbo e sardiñas. Inxustamente esquecida, sen sardiña,Galicia
non sería o que é, e sen toxo, tampouco.
[7] Coido que o Concello de
Lowestof non estaría de acordo con
Sebald se lemos en internet a súa páxina oficial.
[8] ¿Cales son esas 18 grandes
rías de Cornide?. Vigo, Pontevedra, Arosa, Muros, Corcubión, Camariñas, Laxe,
Coruña, Ferrol, Betanzos, Otigueira, Viveiro, Ribadeo…son 13.
[9] María Luísa Meijide
recolle no seu libro “A guerra pola
sardiña” un amplo abano dos escritores e políticos que, con moitos matices
entre eles e algunhas loanzas, criticaron aos cataláns e as súas artes de
pesca.
[13]Fernández Rey. Galicia
Hoxe 18 09 2008
14.- Rodríguez Santamaría. B. Primer contraamaestre de puerto. Los pescadores del Norte y Noroeste de España. Su vida social y particular por provincias. 1916. (Edición fácsimil do Cnsello da Cultura Galega. 2005)
14.- Rodríguez Santamaría. B. Primer contraamaestre de puerto. Los pescadores del Norte y Noroeste de España. Su vida social y particular por provincias. 1916. (Edición fácsimil do Cnsello da Cultura Galega. 2005)
O mundo sería peor sin persoas como o que eiquí escribe, por unha sinxela razón, a vida en xeral estaría invadida de máis brumas, porque o que nos permite ver máis claro neste camiño existencial é a memoria vivida e a aprendida en coñecementos alleos. Así tecida e exposta en relatos que máis se asemellan a unha novela que a un relato histórico, pero ca fiabilidade dos datos e das datas e dos nomes propios, dos feitos e das anécdotas e dos pensamentos propios e alleos, confórmase un relato instructivo, interesante e ameno.
ResponderEliminar¡Eureka! ¡Qué regocijo haber encontrado un texto tan fértil en información específica sobre el tema que estoy trabando: Abecedario de la jábega en Málaga! Buscaba denodádamente documentar la causa de la confusión popular castellana entre la sardina y el arenque, que se solapan frecuentemente por la tradición gastronómica de la sardina arencada y... ¡toma pastillas de goma: me tomé felizmente con APOALLA!
ResponderEliminarGracias boqueronas desde Málaga. Ramón