Reading makes a
full man, conversation a ready man and writing, an exact man…
Francis Bacon
Os artigos recollidos neste libro de Adrián
Gramary, posúen unha infrecuente virtude. Poderían ser publicados tanto nunha
revista psiquiátrica como nunha revista literaria e non das menos importantes. No
prefacio, Gramary avisa de que o seu libro, quer
ser, antes de mais, uma reivindicação da leitura e do bon leitor... leitura
como prazer, como investigação, como fonte de reflexão e como tentativa de
conhecemento do outro... Non sei se o seu aviso chegará a moitos dos seus
colegas pois hai anos, creo, que os psiquiatras deixaron de ler polo menos no
sentido que Gramary pretende. A prosa científica psiquiátrica é hoxe un ermo no
que, con algunhas excepcións, nin existe unha mínima vontade de estilo na súa
redacción, nin atoparemos exemplos nin citas de Shakespeare, Virxilio, Proust,
Platón, Hemingway ou Primo-Levy para ilustrar casos clínicos ou entidades
diagnósticas. Non hai moito, revistas de primeira liña da especialidade como o American Journal of Psychiatry ou L´Evolution acollían nas súas páxinas
reseñas literarias que tiveran relevancia ou interese para o eido psiquiátrico
seguindo, non sei se por coñecemento ou por decisión de seu, o dictum de Roland Barthes que escribía en
algures que, a literatura abrangue todos os saberes aínda que de forma non
científica. Hai tempo que non as leo
polo que non podo acreditar si manteñen o mesmo costume pero sospeito que as
cousas mudaron e van agora por outro rego máis acaído cos tempos dunha
psiquiatría que, de seguir polo camiño que hoxe leva, arríscase a esmorecer ou
desaparecer apreixada entre unha psicoloxía e unha neuroloxía cognitiva que non
deixan de medrar e renunciando ao tempo, ao amplo e abastado repertorio de
coñecemento dos comportamentos humanos que acollen a literatura, as artes ou a
filosofía[2], cousa por certo, esta
do recurso a filosofía ou a literatura que non desbotan agora neurólogos como
Antonio Damasio ou Ramachandran. Se cadra, por esa renuncia, alguén bautizou como
Síndrome de Dióxenes a xentes que de costas á sociedade, se pechaban nas súas
casas que ateigaban de lixo e obxectos inuteis e ían se deteriorando cando o
certo é, que Dióxenes, vivía ensinando e predicando na rúa, non tiña deterioro
cognitivo ningún, nin ateigaba o seu tonel
e ao ver un neno bebendo coas mans, guindou a súa cunca no chan para quedar de mans lavadas, sen ningunha
posesión de seu.
Gramary é unha desas excepcións que se move con
habelencia e coñecemento nos eidos da psiquiatría e con non menos habelencia
nos da literatura, pintura ou a danza. Cunha prosa limpa e peneirada, as vidas
e mortes de Hemingway, Stefan Zweig ou
Primo-Levy, a cegueira histérica de Hitler, os dilemas éticos que naceron con
Hiroshima e a vítima inesperada de Claude Eatherly, que deu ao Enola Gay dende
o seu avión avanzado de recoñecemento, o permiso atmósférico que precisaba e
nunca se perdonou a si mesmo facelo, as leas éticas Gunther Anders-Eichman-
Hannah Arendt- Harry Truman que seguiron, (tamén Oppenheimer aquí esquecido), a
eivada vida de Marilyn e a súa peculiar relación cos seus psicanalistas (en
especial Greenson), o asasinato de Miguel Bombarda e o seu labor psiquiátrico e
republicano, Van Gogh, Nijinsky, Charcot e a Salpetriére, Picasso e como
sobrevivir á súa morte... De xentes e vidas coma estas escribe Gramary o seu Palco da Loucura e calquera que non
estea atinxido por esa especie de psiquiatría “twitter” tan enxoita nas súas
notas clínicas como allea a todo o que non sexa o avatar dun neurotransmisor,
tirará proveito e coñecemento do que aquí se escribe e desfrutará facéndoo.
Por certo; fermosa dedicatoria a do libro: Aos meus pais que vão conmigo...
[1] Adrián Gramary, naceu en 1967 en Vigo. Estudou medicina en
Compostela. Psiquiatría no Hospital Magalhães Lemos de Porto.Hoxe, exerce de
psiquiatra en Vila do Conde. Vai e ven entre Vigo e Porto todas as semanas.
[2] O libro do antigo
psiquiatra e premio Nobel Eric Kandel, The Age of Insight, é unha mostra de ciencia
e humanidades.
No hay comentarios:
Publicar un comentario