viernes, 17 de junio de 2011

CUANDO LAS DERROTAS OTORGAN LA VICTORIA. Batallas perdidas de un capitán de la Unión Militar Democrática. Xosé Fortes. Destino. 2011



Hai neste libro de Xosé Fortes, hoxe coronel de infantería rehabilitado en excedencia, algo revelador: non hai rancor, cando as razóns para que o houbera foron moitas, e hai humor, cando non hai na historia que aquí se conta, moitos motivos para acoller esa forma sentimental, máis acaída con outros avatares da vida. O que nos salvou individualmente e como grupo, escribe Fortes,  foi o sentido do humor, a mellor e máis eficaz arma secreta contras as provocacións da xerarquía militar..
Fortes naceu en Caroi, Cotobade en 1934, dous anos antes do ano tráxico que deixou refugallos serodios que aínda hoxe non están esquecidos. Medrou na aldea pero foi dende cativo, un deses nenos enleados coa lectura que debullaba todo canto chegaba ás súas mans. Tebeos nos anos da nenez, os libros “roxos” da Casa del Pueblo que atopou agochados polo seu avó nunha parede da casa familiar e que foron queimados por medo pola súa nai e a súa tía, e leu “de todo” cando marchou a Pontevedra para facer o bachalerato. O catálogo das súas lecturas no instituto, hoxe desalentaría aos profesores de ensino medio: Goethe, Voltaire, Schiller, Zweig, Maurois, Shakespeare, Rousseau, Byron....É certo que daquela aínda non había televisión e había asignaturas como Literatura Universal, pero aínda así... Esa teima lectora nunca pousou e segundo os tempos e as oportunidades, foi devagar debullando canto libro chegaba ás súas mans aínda que sempre se mantivo fiel aos clásicos gregos e latinos. Nese rego clásico,  fíxose un experto latinista, que foi quen de aprobar na convocatoria de xuño en Compostela o latín de primeiro e o de segundo, (tamén os gregos) nin mais nin menos que con don Abelardo Moralejo,  e iso que era un alumno que cursaba por libre a carreira de filosofía e letras que rematou entre destino e destino militar. Este soldado de letras, non sei  se por xenética ou por crianza, non imos aquí a enlearnos coa liorta nature-nurture, pasou aos seus fillos a vocación polas letras. Susana, Alberto e Belén, novelistas e ensaístas, seguiron con éxito o ronsel literario paterno e tamén materno, porque Maricarmen, a muller, tamén rematou xa de casada, a carreira de Historia na especialidade de Historia da Arte.  
            Orfo de guerra e sen recursos económicos, ingresa na Academia Militar de Zaragoza con 18 anos en 1953. Aos dous anos, xa de alférez,  vai a Toledo á Academia de Infantería. Se en Zaragoza facía de gaiteiro afeccionado entre os estudos a equitación e as formacións, en Toledo ademais da formación militar, dedícase á pintura. Fai retratos e copias do Greco que vende por prezos xenerosos e lee, e non só el, a Unamuno, Ortega, Marañón, Machado, Juan Ramón, Salinas, Neruda, ...¿Que clase de militares eran estes que lían o que moitos non lían nas universidades?. Non eran todos os cadetes por suposto, nin tampouco os mandos, era un círculo de amigos pero no relato de Fortes, aquilo asemellábase máis a unha facultade de artes e letras que a un cuartel ....Licenciado como tenente, casa con Maricarmen e sucédense os destinos militares: Pontevedra, Tui, Parga, a Policía Nacional en Pontevedra, Parga outra vez, Recuperación, Figueirido... Cada destino ten o seu espazo no libro, compoñendo todo un tratado de socioloxía cuartelaria, que nos informa de como era aquel exército cheo de oficiais provisionais que viñan da guerra civil e que impoñían normas, ideoloxías  e faceres. Remata  a carreira de filosofía por libre que comezara cando estaba de tenente da policía nacional en Pontevedra, algo que  decidira despois dunhas caídas do cabalo e a lesión  do calcáneo que o meteu catro meses no hospital e que case lle custa a baixa do exército. Nun incerto momento da súa vida militar, co latín presente, hai un alea iacta est, (que tampouco sería un mal título para este libro tratándose dun latinista), que o leva a idea de que cómpre facer algo e ese algo que cumpría  facer tiña nome: democracia, un exército moderno baixo mando civil, e tiña, ía ter,  unha organización: UMD. Fortes recibe en Pontevedra poucos meses despois da revoluçâo de Abril en Portugal, agosto de 1974, a visita de dous compañeiros que leran o seu estudo sobre o poder militar en España publicado pouco antes. Despois das reticencias dos primeiros contactos recoñécense entre si e deciden organizarse. Fortes propón UMD  nome que será aceptado nas xuntanzas de estado que seguen a eses primeiros contactos.      
A historia da UMD, dos seus programas, do proceso e das cárceres nas que estiveron, abonda en nomes, datas, acontecementos, personaxes, avogados, viaxes a eito, xuntanzas onde se podía, manifestos, mandos castrenses, anécdotas, momentos calmos, desacougos, incertezas, relacións cos portugueses, con Otelo, con Rosa Coutinho,  análise das diferenzas entre os exércitos francés ou portugués e o español, cheo este último de provisionais e xurdido dunha guerra e polo tanto non un exército nacional senón político,  razóns que levaron aos da UMD a pensar que non era posible en España un golpe á portuguesa nin era imaxinable en España unha escena como a que María de Medeiros filmou en Capitâes de Abril, na que Salgueiro Maia, que en paz descanse, se enfronta ao brigadeiro que mandaba unha acoirazada na Baixa de Lisboa e arranxa a situación sen disparar un tiro. Aquí, pensaban os da UMD, habería sangue. De certo, aínda que amolecida e esvaecida, a situación facía lembrar a frase de Churchill na Segunda Guerra Mundial: Toda Europa está ocupada polo exército alemán, agás España, que se encontra ocupada polo seu propio exército.  
 A Fortes detivérono ás cinco da mañá do 29 xullo de 1975  na súa casa. Non era o leiteiro, aínda que en Galicia de ser, sería “a leiteira”, senón un comandante e un capitán na compaña dalgúns guardias civís. Fortes aplica o “protocolo inglés”. Dille á Maricarmen, a súa muller que prepare un almorzo de fartura e devagar, despois de facer un convite de cortesía, van debullando as tostadas o café e as laranxas. Ao rematar algo cambiara. As caras de ferreiro dos civís esvaeceran, volvía  ser capitán es os guardias civís presentes se cadran cando deixa a mesa. De alí levárono a Madrid onde xa estaban os oito compañeiros da UMD tamén detidos e aí empeza outra historia que ninguén mellor ca el para contar que seguirá na cadea de El Hacho en Ceuta, en Hoyo de Manzanares, historia chea de desacougos, de interrogatorios, incomunicacións, algunha folga de fame, de momentos incertos, tamén de valor e de humor. Despois do xuízo, sentenciado a catro anos e expulsado do exército.vai para o Castelo da Palma en Ferrol onde pasará un ano ata a súa liberación. Como esquecer ao comandante Sardina que os acolle no castelo dicíndolles;  aquí esta o regulamento e aquí a caixa forte. Se me dades a vosa palabra de honor de que non vades facer declaracións á prensa meto o regulamento na caixa forte e podedes vivir ao voso xeito. Se non, aplico o regulamento. Este comandante levounos un día a xantar a Vilalba e a pasear polas rúas de Mugardos estando presos. Cumprida a condena, rebaixada pola amnistía, volve a Pontevedra. Fóra xa do exército, dirixe Vagalume, da clases en  colexios, consigue a praza de PNN no instituto de Pontevedra, milita no PSOE moi pouco tempo, é concelleiro independente en Pontevedra por Unidade Galega, dirixe o Instituto da Xunqueira, despois faise cargo da subdirección da Universidade de Verán, escribe libros sobre a Ría de Pontevedra, sobre a cidade, sobre Caroi, sobre Galicia e o mar, sobre o exército, sobre a UMD, sobre o noso instituto...
  Nas súas desventuras tivo sorte. Atopou onde non o agardaba, xentes alleas a súa maneira de pensar que coma el, tiñan principios e sabían recoñecer as inxustizas onde se producían. O policía que ao se cruzar con el na rúa, sen nin sequera volver a cara que avisa: Fortes ten coidado...estás vixiado... Os obreiros que lle facían a casa, que renuncian a cobrar mentres non saíra da cadea; o director do Instituto de Pontevedra, Marcelino Jiménez, que foi tamén profesor meu, falanxista confeso de camisa azul nas clases, que o aceptou como PNN e defendeuno fronte ao Gobernador Civil cando este quixo que o votasen; a compañeira PNN que renuncia á praza pois Fortes a necesita máis que ela; a monxa teresiana que dirixiu a súa tese e coñecía o seu agnosticismo e as súas ideas que se ofreceu para o que fose preciso, os amigos que como César Portela ofreceron  diñeiro do seu peto, os mandos que o respectaron...E que dicir dese vello policía nacional que estivera baixo as súas ordes en Pontevedra, que cando xa de civil  foi pasar a censura da revista Vagalume na delegación do goberno,  onde agora traballaba o ex-policía de bedel, foi correndo ao banco, tirou un feixe de billetes de mil pesetas e sen dicir palabra entregoullos ao Fortes clandestinamente...Fortes non os aceptou pero o detalle,  conta e moito...   
             Tamén houbo decepcións, e ás veces viñeron de onde menos as agardaba. Fortes escribe:
Lo que no fui capaz de comprender fue la ausencia entre las visitas solidarias que recibió mi mujer de algunos compañeros de armas con los que mantenía una buena amistad...ninguno de los oficiales de mi unidad, con los que me unían viejos lazos de amistad se había atrevido a visitarla...falta de agallas....
Para moitos destes compañeiros foron os da UMD “invisibles” durante moitos anos, aínda hoxe o son. Mesmo houbo tamén algunhas arroutadas que só os que coñeceron a vida militar daqueles tempos poden comprender. Un capitán leva a compañía ata o edificio de La Voz de Galicia. Déixaos formados no exterior , entra e dille ao director que se volve a publicar outra noticia insidiosa sobre o exército volve cos soldados e queima o xornal.
Todas esas historias non poden ser resumidas. O índice onomástico do libro acolle máis de 700 nomes onde non falta case ninguén,  así  que calquera resume que se intente é imposible. Hai que ler o libro e hai que o ler de vagar tanto nas páxinas dedicadas á UMD, ao xuízo, ao exército, ao seu papel como asesores de Suárez, que tivo que recorrer a eles xa fóra do exército, para saber o que pasaba nos cuarteis, ao papel de Narcís Serra, como as dedicadas a vida civil  e podo asegurar que será unha lectura tan amena como de  proveito, aínda que espero que Pepe poida resumir aquí, el si pode, e para todos nós, algo desta historia, desta importante historia que lle tocou vivir
Nos tempos da UMD de Fortes a militancia democrática era algo no que había moito que perder, (os militares moito máis que os demais) e nada que ganar, xusto ao contrario do que hoxe acontece onde na política hai moito que ganar e pouco que perder. Había pois unha sorte de peneira ética pola que non pasaron todos aqueles que despois en tempos máis calmos e menos perigosos, fixéronse antifranquistas retrospectivos. Non foi o caso de Fortes e os seus compañeiros. Con eles a xustiza foi serodia e se cadra cativa aínda que polo que eu sei, eles non se queixaron. Sempre souberon o que se xogaban. O país, coido eu ten unha deuda con estes militares que foi pagada serodiamente e sen os intereses que lles correspondían. Ben estivo a súa rehabilitación, a medalla ao mérito militar que recibiron el os seus compañeiros hai dous anos no Parlamento español. Ao cabo, sen a fachenda de Xulio César, e de derrota en derrota ata a victoria final,  os da UMD puideron dicir: Veni, vidi, vici.   

viernes, 6 de mayo de 2011

HISTORIAS DO FRÍO

Curzio Malaparte (Kurt Erich Suckert, 1898-1957)
1.- En 1812 o exército de Napoleón[1], famento, canso, e derreado, intentaba volver a Francia dende Moscova aterecido por unha friaxe glacial. Para manter o corpo quente en temperaturas tan baixas cómpre que as calorías inxeridas sexan dúas ou tres veces as necesarias en climas máis mornos e os rusos queimaran as colleitas e mataran ou levaran os animais domésticos con eles sen deixar cousa ningunha que comer. Os soldados para amatar a fame, intentaron utilizar como despensas vivas os cabalos que pensaban ir matando segundo fose preciso pero axiña descubriron que tiñan as mans tan xeadas que non eran quen de se poñer a escartexar un cabalo morto e xeado que tiña a consistencia do ferro. Os soldados aprenderon moi cedo as propiedades anestésicas do frío. Esgazaban cun coitelo un anaco de carne das ancas do animal vivo sen que este o sentira nin se desangrara xa que o sangue xeaba de socato. Os cabalos así descarnados, seguían en pe e camiñaban días e días con enormes feridas que ían medrando cos sucesivos anacos de carne que lle arrincaban até que caían mortos sobre o chan xeado. Con cabalos ou sen eles, moitos destes soldados da Grand Armé morreron de frío durante a longa retirada como lle pasaría tempo despois aos alemás na Segunda Guerra Mundial que, en dous meses do inverno de 1941, tiveron que facer 15.000 amputacións entre os soldados da fronte rusa que padeceron temperaturas de -30 sen a roupa axeitada. Os xenerais franceses ou alemáns descoñecían ou non lembraban o pasado militar do que poderían tirar o saber que gardaba sobre o frío como inimigo. Aníbal perdera polo frío a metade dos 90.000 soldados de infantería, a metade dos 12.000 de cabalería e tamén a metade dos elefantes de guerra cando atravesou os Alpes camiño de Italia no ano 218 d.C . Se cadra a historia sería outra sen as perdas de Aníbal, de Bonaparte e dos alemáns provocadas polo frío.
3.- De cabalos, homes e frío, fala tamén Curzio Malaparte, ese curioso personaxe fillo de alemán e italiana,  diplomático, fascista encarcelado por Mussolini, despois comunista cando rematou a guerra e que estivo como correspondente de guerra en case todas as frontes nas que loitaba o exército alemán que o mandou para Italia debido ás súas crónicas nada favorables para os nazis. Na súa novela Kaputt, que mereceu coa novela posterior A Pel, as loanzas e o estudo de Milán Kundera[2], hai algunhas escenas terribles nas que o frío e a crueldade van en compaña. Malaparte estivo en Finlandia cando esta nación entrou en guerra coa URSS (1939-40) (1941-44) que quería invadila e tivo que se aliar cos alemáns para frear o avance soviético xa que daquela a URSS era aliada de ingleses e americanos. Visitando cun oficial alemán a fronte de Leningrado, Malaparte conta como nas encrucilladas das estradas había medio enterrados na neve soldados rusos mortos e xeados cun tiro nas tempas que tiñan un brazo ergueito sinalando a dirección da fronte. No lago Ladoga, xeado, debruzábanse as cabezas de ducias de cabalos que fuxindo do lume provocado polas tropas finesas meteranse nas augas pouco fondas do lago onde os sorprendeu de socato o vento sieiro que viña do ártico que xeou as augas deixando os cabalos apertados polo xeo. Durante meses os soldados viñan sentarse enriba destas cabezas que agromaban do xeo como se fosen cabaliños dun carrusel ofrecendo unha imaxe nada doada de enxergar. Moitos anos despois, don Álvaro Cunqueiro evocará nun dos seus artigos estes cabalos "malapartianos"para dar conta dos 300 cabalos galegos da serra do Xistral que afundidos ata o peito na abondosa neve dese inverno morreron xeados, ou comidos polos lobos ao non poder fuxir como sempre fixeran cando este inimigo tradicional se achegaba.
Se esta imaxe arrepía, que dicir da que Malaparte conta en A Pel. Desta volta tratase de homes queimados polas bombas de fósforo que os aliados deixaron caer en riba dos habitantes de Hamburgo o 25 de xullo de 1943. O fósforo pégase á pel e só arde cando hai osíxeno. Os atinxidos polo fósforo votábanse ás canles das que non podía saír xa que o fósforo volvía prender de novo cando o facían. Durante días permaneceron nas augas ou tapados coa terra coa que veciños e familiares os cubrían deixando a penas agromar as cabezas en medio de laios de dor. Os familiares atendíanos, traían algo de comer e ensaiaban remedios que non procuraban alivio ningún. Una semana máis tarde as autoridades impediron o paso dos familiares e procederon, aquí Malaparte é discreto, a rematar a estes homes e mulleres que levaban días de sofremento.
3.- Tampouco foi o soldado Ernst Jünger alleo a estas relacións entre a guerra e o frío e non son poucos os que atopan un certo parecida entre Malaparte e Jünger. Os dous foron tamén homes "fríos", que describen escenas terribles  como observadores lúcidos, sen pegada ningunha de sentimentalismo na súa ollada  aínda que no caso de Malaparte, non sempre é doado saber onde remata a descripción e comeza a "invención". Bruce Chatwin no seu artigo "Entre ls ruinas" escribe: Na illa de Capri vivían tres narcisistas e cada un deles levantou unha casa na beira dun cantil.Eran Axel Munthe, o barón  Adelswärd-Fersen e Curzio Malaparte. Chatwin non gorentaba das novelas de Malaparte. Kaputt por exeplo,  nunha primeira lectura, é falsa e dalle noxo. Mesmo o acusa de inventar por autobombo,  entre outras a escena na que Ante Pavelic, daquela gobernador militar de Croacia, ofrécelle un queipo cheo con coarenta libras de ollos humanos, regalo dos seus ustachis.
        A friaxe da prosa de Júnger nunca chega a ese case "surrealismo" que Chatwin atopaba na prosa de Malaparte. Jünger nunca deixa quecer a súa prosa.   Durante a súa estancia na fronte rusa- escrine nos seus Diarios de Guerra- un pelotón de soldados baixo o seu mando refugou un ataque dos guerrilleiros soviéticos. Entre os mortos había unha fermosa rapaza de 17 anos. Sen que ninguén soubera como, no amencer do día seguinte o seu cadáver apareceu espido sobre a neve. Durante moitos meses ese cadáver mantido pola neve e as xeadas, permaneceu no lugar onde atopara a morte e os soldados presentábanse voluntarios para saír de patrulla co gallo de poder achegarse a velo. Esta fermosa rapaza coa súa beleza conservada polo xeo, e tal vez o destino ideal metafórico que moitos homes medoños coas mulleres, quixeran para a súa parella amorosa.
4.- Se o frío matou en Rusia non matou menos e de xeito dramático aos mariñeiros que durante anos foron na procura do Paso do Noroeste. A riola de exploradores que custou esa exploración e longa demais para resumila aquí. Vai dende o Franklin a Amundsen, que foi o primeiro que navegou nunha única singradura o Paso do Noroeste. Os relatos que Javier Reverte recolle no seu libro En mares salvajes, un viaje al Ártico, dan unha idea achegada non só destes exploradores infortunados senón de como é hoxe a vida nos territorios do noroeste do Canadá onde aínda viven rancorosos os inuit que o goberno canadiano levou obrigados a ocupar as terras árticas nos anos 50 co gallo da guerra fría e o medo as reclamacións soviéticas deses territorios. Hoxe esa exploración mítica pódese facer a bordo dun barco turístico ruso. No libro alguén fai unha pregunta “curiosa”: no Ártico hai osos polares pero non pingüíns; na Antártida hai pingüíns pero non osos polares..¿?
3.- Algúns datos metereolóxicos e botánicos: a temperatura mínima endexamais rexistrada na terra foron os 89º baixo cero que a estación científica rusa puido medir na Antártida en 1983. Temperaturas de 60º baixo cero son comúns no inverno siberiano e no cumio do Everest, os -40º non son infrecuentes. Por cada 100 metros que se suban a temperatura baixa 1º. De xeito curioso e abraiante, algunhas plantas como o Arum Maculatun, coñecida en Galicia como Cala, pode producir moita calor. As Calas teñen unha espádice de forma fálica no seu interior onde está o polen, que se pode quentar a si mesma sen secarse ata os 45º provocando que se fundan certas substancias que espallan polo ar un arrecendo que atrae ás moscas e outros insectos que fertilizan a planta. Outra planta alpina, a Sacadella Montana, produce tanto calor que funde a neve que está o seu carón impedindo dese xeito a súa conxelación.



[1] Frances Ashcroft. Life at the extremes.The science of survival. Flamingo.2000. Dos 500.000 soldados que avanzaron sobre Rusia só volveron 20.000 despois que a fame e o frío, (-40º), acabaran con eles.



[2] En El Encuentro, Tusquets. Malaparte conta en Kapuut, publicada en 1944 na Italia liberada, as atrocidades cometidas polos nazis cos xudeus nun tempo en que “non se coñecían” estes feitos aínda que hai dúbidas sobre a verdadeira data da escritura.

sábado, 30 de abril de 2011

IDIOMAS

Nunha coñecida escena de A Vida de Brian dos Monty Phyton, os rebeldes xudeus están reunidos preparando un golpe contra os romanos. O xefe, para quentar os ánimos, despois de afirmar que os romanos os asoballaron a eles e aos pais e avós, pregunta retoricamente: Que fixeron os romanos por nós?. Despois duns segundo de silencio un deles di: - O acueducto…- Que’...Ah....iso si que nolo deron…- a rede de sumidoiros…- Ah si..lembras como cheiraba a cidade antes….- Ben de acordo, recoñezo que nos deron o acueduto e os sumidoiros pero ademais diso que nos deron?...- As estradas…- Claro que as estradas home iso non hai nin que dicilo, mais deixando o acueduto, os sumidoiros e as estradas que nos deron os romanos- ….- A irrigación, a sanidade, a ensinanza….- Si, si, de acordo… - E o viño…iso si que o imos botar de menos... - os baños públicos e agora se pode saír de noite sen perigo….- Ben, pero ademais do acueduto, as estradas, os sumidoiros, os baños públicos, a ensinanza que fixeron por nós os romanos….- A paz-…-.A paz?... vai rañala por aí...
Imaxinemos que nunha xuntanza de nacionalistas galegos que queren que o galego sexa o idioma obrigatorio en toda a vida social dende a ensinanza até o deporte, alguén fai unha pregunta semellante á que fai o militante de A vida de Brian: que fixo o español por nós?... Sen moito esforzo poderíase dicir: en español limos a Kafka, a Proust, a Joyce, a Dickens, a Melville, a Poe, soubemos de Marx, de Lenin, de Mao, de Fidel Castro, de Althusser, de Fanon, de Albert Memmi, dos que tiramos as ideas que nos permitiron loitar contra o asoballamento de Galicia e do galego; en español aprendimos filoloxía, economía, sociolingüística, psicoloxía, física, bioloxía, matemáticas e a facer a nosa propia historia; en español chegounos a Escola de Frankfurt, Kant, Nietzsche, Hume, Voltaire, Rousseau, Einstein, Darwin, Newton, Freud, Artaud, Brecht, Holderlin, Kavafis, Rilke, Ezra Pound, Elliot ou Rimbaud para non falar dos “nosos”, Valle-Inclán, Torrente, Pardo Bazán ou Cela e tantas outras xentes da ciencia ou a literatura. Sen dúbida houbo xente que leu estes autores en inglés, francés, ou alemán, pero nin foi, agás excepcións moi minoritarias o caso máis habitual, nin o é agora.
É certo que non e o mesmo “os romanos” que “o español” pero a analoxía resiste sen moitos problemas. O español foi tan liberador como asoballador. Deunos as ferramentas teóricas para decatármonos que o dominio do español afogaba o noso idioma mais non foi o idioma español "en si" o responsable da situación senón xentes alleas que falaban ese idioma o que é cousa ben distinta. Os que aprenderon esas cousas en inglés, en francés ou en alemán, sen pasar polo español, son unha minoría e ademais de certo, que esaxeran cando afirman esa vía de coñecemento. Nunca poderemos contar en galego por razóns de mercado, mesmo incluíndo o mundo da lusofonía, co inmenso feixe de traducións literarias filosóficas ou científicas que acolle o español. Eu mesmo que dende que existe Amazon uso o inglés máis ou menos no 50 % das miñas lecturas e tamén o francés, e que tiro agora do español un 30 % e do galego-portugués un 20% , débolle ao español as ¾ partes do que sei.
Matinando nestas cousas lembro a frase que Schömberg lle dedicou a Karl Krauss: Aprendín de vostede máis do que calquera debería aprender de outro, se pretende seguir sendo independente. Non sei se algo semellante pasa co español entre moitos militantes nacionalistas que procuran afastar o español para ser “independentes”. Coido que é un erro.

miércoles, 20 de abril de 2011

PARASITOS OU ALIEN


Unha formiga galga por unha folla de herba nun prado ata chegar ao cumio de folla. Entón déixase caer e de novo volve subir unha e outra vez como se fose un Sísifo do mundo dos insectos. O anómalo comportamento da formiga débese a que ten un pequeno parasito dentro do seu sistema nervioso, o Dicrocelium dendriticum. Este pequeno trematodo precisa completar o seu ciclo vital dentro do estómago dunha ovella ou dunha vaca, velaí que faga que a formiga comece unha e outra vez o seu camiño ao cumio da folla para que así poida ser devorada polo gando cando veña pastar. Esta historia cóntaa Daniel Dennett na primeira páxina do seu libro Breaking the spell[1], onde ademais lembra que este é un feito que abrangue a outras especies como peixes e ratos, que como as formigas son obrigados a se comportar de xeito suicida para beneficio dos seus “inquilinos”.
O ciclo é na realidade máis longo e complicado do que o relato de Dennett conta. Comeza no fígado dunha vaca ou ovella onde vive o parasito ata que se emparella. Os ovos saen entón coas feces e poden ser comidas polos caracois que se infestan deste xeito coas larvas do parasito. Sen case facer un pouso, as larvas furan o intestino do caracol e fan alí os seus niños onde medran ata chegar a unha nova fase. Mentres, o caracol, para se defender, envolve as larvas en cystos, unha especie de saco, e así envurullados, saen de novo do seu corpo coas feces quedando estradas pola herba. As formigas adoitan aproveitar o cuspe do caracol pola súa lentura, e co cuspe morno van as larvas para o interior das formigas. A maioría das larvas van colonizar o intestino das formigas, mais unha delas, unha soa delas, emigra ata o ganglio nervioso situado debaixo do esófago e toma o control da formiga manipulando as células nerviosas do ganglio dun xeito que polo de agora se descoñece. O parasito “obriga” entón a formiga parasitada a se afastar das demais cada serán, cando baixa a temperatura, camiñar ata unha folla de herba, galgar ata o cumio e permanecer alí toda a noite ata o amencer. Se non é comida, a formiga volve cos seus para repetir unha e outra vez cada serán o mesmo camiño ata que unha ovella ou unha vaca a leve ao interior do seu corpo. Se non o fixera así, ao se expoñer á quentura do sol polo día, a formiga podería morrer e con ela o parasito que a infesta.
O feixe de operacións abraiantes que realiza este pequeno trematodo van máis alá do que calquera neurocientífico, deseñador de GPS, informático, anatomista, neuroquímico, ou mesmo filósofo cognitivo ou escritor de ciencia ficción podería imaxinar. E non é nin de lonxe o único bichiño capaz destas abraiantes manipulacións... Hai un amplo catálogo...
A Sacculina, que ten portén co percebe, cando aínda é unha larva femia (nauplius), fíxase nun dos pelos da cuncha dun cangrexo e aí transformase en kentrogon que aproveitando a muda do caparazón fura a tona cunha especie de coitelo orgánico e mete unhas cantas células dentro do corpo do cangrexo. Estas células medran e votan raiceiras que van tirando do corpo do cangrexo o alimento que lle cómpre. Os ovos, (os da Sacculina), que teñen que ser fertilizados por unha larva macho, envurúllaos nun saco que sitúa xustamente onde a femia do cangrexo levaría os seus. A Sacculina engana á femia do cangrexo ao facela crer que eses son os seus propios ovos, polo que os coida e chegado o momento vainos ceibar pola mar adiante. Se o cangrexo é macho, a Sacculina feminízao para que se comporte igual ca femia. Carl Zimmer, no seu libro Parasite Rex, di que a Sacculina fai vudú cos cangrexos e lembra que o filme Alien non era tan ciencia ficción como un puidera pensar[2].
No mundo animal inzan os parasitos e os ecólogos saben dende hai tempo que cómpre estudar os parasitos de cada especie, non só como manipuladores dos hóspedes, senón tamén en termos ecolóxicos, se queremos entender o abalo e devalo das poboacións consideradas. O Galactosomun, por exemplo, é un verme que parasita a aves mariñas. Para chegar a elas, métese no corpo dalgúns peixes aos que obriga a nadar moi preto da superficie onde son pescados polas aves mariñas completando así o seu ciclo vital. Os gordiaceos son uns vermes que na fase adulta chegan a medir mais de 50 cm de longo e 2 ou 3 milímetros de diámetro. Viven na terra na fase de larva e nos ríos, pozas ou mesmo en piscinas, na fase adulta. Cando son larvas métense no corpo dos grilos, aos que parasitan, e viven alí certo tempo. Ao medrar fanse moi grandes para seguir pechados no interior dos grilos, e ademais, chegados agora á fase adulta, teñen que vivir na auga. Como queira que os grilos non teñen disposición algunha pola auga e procuran non achegarse a ela, os gordiaceos inducen o suicidio dos grilos aos que obrigan dun xeito aínda non ben comprendido a se afogar en pozas, ríos ou piscinas, aproveitando a súa agonía por afogamento para saír do corpo dos grilos e seguir vivindo xa na auga. A véspera esmeralda ten un xeito moi especial de se reproducir. Vive nas rexións tropicais do sur de Asia, África e as illas do Pacífico. As femias desta especie aguilloan dúas veces a unha cascuda (Periplaneta americana, Periplaneta australiasae ou Nauphoeta rhombifolia), inxectándolles unha pequena cantidade de veleno xustamente nun dos seus ganglios torácicos que paraliza as súas patas dianteiras. Isto non é mais que o primeiro paso, que vai seguido dunha segunda aguilloada no anaco do ganglio da cabeza que controla o reflexo de fuxida, polo que a cascuda só pode camiñar moi paseniño e non pode fuxir. Sábese dende o ano 2007, que o que fai o veleno é bloquear os receptores do neurotransmisor octopamine aínda que iso explica pouco. Coa cascuda indefensa, a véspera cómelle a metade das dúas antenas e vaina levando entón, como se fose tanguendo unha vaca, ata ao seu tobo turrando das antenas. No tobo pon un pequeno ovo no bandullo da cascuda e atúa a entrada con pequenas pedras. A larva que sae do ovo, vai devorando os órganos internos da cascuda respectando os vitais. Na seguinte fase do seu desenvolvemento, fai un novelo onde segue a medrar xa coa cascuda morta ata que sae ao exterior ao completar o seu ciclo.
Outra véspera de Costa Rica, a Hymenoepimecis argyraphaga, parasita a unha araña, a Plesiometa argyra, e fai que teza unha rede moito mais forte para que poida soster o casulo da súa larva sen que os fíos rachen coa chuvia. Hai tamén un crustáceo chamado Gamarus lacustris que se alimenta nas ribeiras dos ríos. Cando aparece un parrulo foxe lixeiro, mais cando está infectado por unha larva do gamarus, que só se reproduce no corpo das aves, fai todo o contrario: sae do tobo onde está agachado e deixase comer polos parrulos.
O toxoplasma gondii é un protozo que ten no gato a principal fonte de contaxio xa que é un chanzo obrigado no seu ciclo vital de dous pasos. O primeiro acontece no rato, onde se abeira no sistema nervioso ao que afecta. Aínda que pode infectar a moitos animais diferentes, o segundo paso do seu ciclo ten que se producir no gato, onde se reproduce de xeito exclusivo. Seica este gondii é quen de alterar o comportamento dos ratos para facelos mais arroutados e polo tanto máis doados de ser cazados polos gatos, hóspedes definitivos do parasito. A resposta de evitación dos gatos polos ratos é innata. O cheiro a gato espertado por ferormonas induce a fuxida do rato. O T. gondii suprime esa resposta de xeito específico, non xeral. O rato infectado mantén o seu comportamento acostumado en todo o demais e segue percebendo todos os cheiros que non teñan que ver cos gatos. Manuel Berdoy, da Universidade de Oxford, fixo un experimento moi sinxelo para demostrar esta hipótese. Puxo mexo de gato nun recuncho. Os ratos normais fuxían lixeiros ao achegarse a ese lugar. En cambio, os infectados pasaban por alí sen medo ningún. Hai anos que Fulley Torrey, un psiquiatra americano, publicou un artigo advertindo da posibilidade de que este protozoo e a esquizofrenia estiveran relacionados xa que o T. gondii pode provocar infeccións crónicas ao se establecer no cerebro humano, mentres que a infección aguda induce síntomas semellantes aos esquizofrénicos. Ademais, algúns dos fármacos empregados no tratamento da esquizofrenia son tamén eficaces para impedir a replicación do toxoplasma[3]. A prevaleza de anticorpos de T. gondii en esquizofrénicos e dúas veces mais alta que en controles sans.
O virus da rabia ten unha estratexia para se espallar que esixe a manipulación do cerebro do animal afectado, facendo deste un animal agresivo que morde a todo aquel que se achegue a el, transmitindo co cuspe o virus. Os esbirros de alguén atinxido por unha catarreira común espallan tamén o virus a todos os que estean preto do doente, mais sen manipular o cerebro como o virus da rabia. Son intelixentes e eficaces estratexias de supervivencia que os psicólogos e neurocientíficos evolutivos estudan dende hai anos.
Estamos, pois, perante bichos, di Robert Sapolsky[4], que poden manipular o noso cerebro moito mellor cós neurocientíficos e que o Gran Irmán. Cómpre, segue Sapolsky, que teñamos humildade filoxenética, e ten razón. Ningún neurocientífico de hoxe é quen de achegarse á manipulación do Dicrocelium ou do Gondii e aínda estamos moi lonxe de comprender como estes pequenos bichos levan adiante as súas manipulacións.
No libro xa citado, pregúntase retoricamente Daniel Dennett, se hai algo semellante a estes parasitos manipuladores cerebrais, indutores de suicidio no seu propio beneficio, entre os seres humanos. Neste caso habería dous tipos de parasitos. Os primeiros serían biolóxicos, como os xa comentados e que pasaron ao cine, sen que se poida dicir que en filmes como Alien houbera moita ciencia ficción. Sabendo do que son capaces estes parasitos non é ningunha ficción que algún día un parasito escolla o ser humano para facer o mesmo que fai con outras especies animais. O terror que espertan estes filmes ten que ver coa posibilidade de que poidamos ser zombies manipulados por algo dende o noso interior, algo como o que senten moitos esquizofrénicos, que afirman que os seus pensamentos e accións están dirixidos por “alguén” alleo a eles.
Os outros parasitos serían “culturais”. Atopamos seres humanos, di Dennett, que marxinan os seus intereses persoais, a súa saúde, a súa posibilidade de ter fillos, para dedicar as súas vidas a unha idea “parasita” aloxada no seu cerebro, a un meme diría Dawkins. Un meme segundo Dawkins, é a unidade de herdanza cultural, calquera cousa que se replica a si mesma dun cerebro a outro ao través de calquera proceso de copia. Unha frase escoitada ao paso que se repite sen pousos, unha cantiga que non quere saír do noso caletre, mais tamén as ideoloxías, as ideas relixiosas, os costumes e condutas son memes. Os memes espállanse pola imitación. Sen esa innata capacidade dos humanos non sería posible a transmisión dos memes. Mesmo hai algún zoólogo que pensa que algunhas das habelencias dos nosos devanceiros foron aprendidas arremedando aos animais. Se cadra, o invento das redes veu da observación das arañeiras, como as cordas e os niños dos paxaros puideron ser a fonte das choupanas. Islam, engade Dennett, quere dicir submisión e os fieis desa relixión, como moitos xudeus, cristiáns ou humanistas laicos, poden dedicar a súa vida a espallar a palabra de Deus ou establecer a democracia ou a xustiza sen ter en conta a súa propia vida. Hai, segue Dennett, moitas ideas polas que morrer e se cadra, para moitas delas, cumpriría ter “anticorpos” culturais. Para Denett, do mesmo xeito que hai xermes para os que certos pobos non teñen aínda unha inmunidade adquirida, hai tamén memes, virus culturais, para os que certas culturas tampouco teñen inmunidade cultural. A nosa capacidade para aturar os excesos tóxicos da liberdade, di, non pode ser asumida por certas culturas. A cultura popular de Occidente chega hoxe aos recunchos máis afastados do mundo, cos seus acertos e os seus lixos, cos seus memes tónicos e tóxicos, e cómpre inocular culturalmente as defensas precisas para se defender dos efectos destes memes que poden tanto ser progresivos como devastadores e inducir respostas defensivas moi perigosas.
No seu libro Guns, germs and steel, Jared Diamond propón que foron as bacterias e virus que os europeos levaron con eles ao Novo Mundo os que estiveron a piques de exterminar as poboacións indíxenas, mais os europeos non foron atinxidos polos xermes americanos que puideran provocar entre eles andazos semellantes aos que eles levaron a América. A razón, segundo Diamond, é que os que despois serían chamados americanos non tiñan a penas animais domésticos como cabalos, vacas, ou porcos. Para Diamond, moitos dos xermes que os europeos levaron alá pasaran destes animais aos humanos ao longo de séculos de convivencia e provocaran no seu tempo andazos mortais, mais tamén unha certa inmunidade nos superviventes. Os indíxenas americanos non tiveran esta historia de mortes e inmunidade, de xeito tal que a chegada dos europeos encetou os andazos que case os fixeron desaparecer sen que houbera un intercambio de xermes xa que o único que eles mandaron para Europa seica foi a sífilis. Só nas terras tropicais morrían os europeos atinxidos pola malaria, a mosca Tse Tse, a filariasis e outras doenzas, provocadas por xermes para os que non tiñan defensas, e foi esa a razón de que non conquistaran as rexións ecuatoriais de África ata moi tarde e non sen moitas vítimas.
Hoxe xa se sabe, que cando se atopa ou se contacta algunha tribo illada na Amazonia ou en Nova Guinea, cómpre ter en conta o risco de que poidamos levar connosco os parasitos mortais... Os biolóxicos e os culturais...


PD: En Internet hai moitas imaxes e vídeos destes parasitos

[1] DENNETT, D. Breaking the spell. Penguin Books, 2006.
[2] ZIMMER, Carl. Parasite Rex. Arrow Books, 2000.
[3] The manipulation of rat behaviour by Toxoplasma gondii. Berdoy, M. et al. Department of Zoology. Oxford University, 1995.
[4] SAPOLSKY, R. en Scientific American, 97 (2003) < http://www.sciam.com/article.cfm?/id=bugs-in-the-brain >

miércoles, 6 de abril de 2011

CREACIONISTAS EVOLUCIÓN

  O bispo irlandés James Usher, despois de cálculos bíblicos feitos moi polo miúdo, chegou a conclusión a mediados do século XVII que, o mundo fora creado o 23 de outubro do ano 4004 a.C, ás nove da mañá. Anos máis tarde, John Lightfoot, profesor en Cambridge, adiou a data e dixo que o mundo fora creado no ano 3.929 a.C pero aceptou o día, a hora e o mes, que por “azar” hai que supoñer, coincidía co día de apertura de curso da Universidade de Cambridge. Houbo que agardar a que a xeoloxía e o rexistro fósil foran poñendo as cousas no seu rego e houbo que agardar tamén a que Darwin aportara o xeito en que ese mundo evolucionaba. As reticencias como é sabido foron moitas. Unha dama vitoriana informada das ideas de Darwin tivo unha resposta moi acaída coa época: !Que descendemos dos simios!. !Deus do ceo!. Espero que non sexa verdade pero si é certo, roguemos para que non se divulgue...

Darwin non tiña por costume acudir ás leas socias ou científicas onde se discutían as súas teorías. Tiña para iso defensores espelidos como o biólogo Thomas Henry Huxley, que pola súa afervoada e nalgunhas ocasión alporizadas defensas da evolución, era considerado o bull-dog de Darwin. A liorta de máis sona na que Huxley participou, tivo como contrincante ao bispo Wilberforce. Este, empoleirado no seu maxisterio, preguntou a Huxley : Os seus devanceiros simios son por parte de nai ou de pai?. A demorada resposta de Huxley non foi tan espelida. Alporizado e ao tempo calmo, dixo que preferiría ser familia dun simio que dun home como o bispo, que utilizaba tan vilmente as súas habelencias oratorias para tratar de destruír mediante unha mostra de autoridade, unha discusión libre sobre o que era ou non verdade e rematou dicindo que, nestas leas, a autoridade é a que xurde da investigación e dos feitos. Unha lea máis longa e máis científica foi a que durante anos mantivo Huxley con Richard Owen, fundador da ciencia da anatomía comparada. Owen pensaba que os seres humanos eran únicos e salientaba, máis que as semellanzas, as diferenzas existentes entre as especies animais. Para Owen a non existencia de especies de morfoloxía intermedia como xirafas de colo a metade de longo que as coñecidas, (o Okapi foi descuberto máis tarde) eran probas que ían en contra dunha evolución gradual. Como anatomista comparativo afirmou que, había nos humanos unha estrutura anatómica, o hipocampo menor, que non existía en ningunha outra especie. Huxley fixo as súas propias diseccións e non atopou o hipocampo menor o que non fixo amolecer a lea que se mantivo vinte anos até que Owen morreu ao caer do cabalo e golpear a cabeza no chan. Cando chegou a nova a Huxley este non foi moi agasalleiro con Owen. Dixo: ao cabo, o cerebro do bispo entrou en contacto coa realidade e o resultado foi fatal. Agás os creacionistas, mesmo na versión espelida do deseño intelixente, ninguén nega hoxe a teoría da evolución o que non sei é, se Huxley despois de pasar unhas horas lendo xornais, ollando o telelixo, e escoitando os discursos de moitos dos nosos políticos repostaría tan alporizadamente á pregunta do bispo Wilberforce: Que descendemos dos simios?... Algúns polo menos semella que non o fixeron . Quedaron simios...

CONVERSA

No ano 1940, conta don Álvaro Cunqueiro, dous galegos nacidos na mesma parroquia coinciden en Madrid ollando o desfile militar que celebraba a vitoria das tropas de Franco. Un deles estivo na guerra no bando republicano. O outro, no bando nacional.

Un, non importa quen, di:

–Viches?

O outro responde:

–Vin.

–E logo?

–Xa ves...

Sen importar que sexa imaxinada ou real, un estereotipo ou un suceso acontecido, pódense facer varias teses doutorais de antropoloxía, socioloxía, lingüística, pragmática, historia, filosofía, entre outras disciplinas, analizando esta breve conversa. E logo…?... Logo xa veremos...

martes, 19 de octubre de 2010

EPISTOLARIO VICENTE RISCO-LOSADA DIÉGUEZ


O Epistolario de Vicente Risco a Antón Losada Diéguez que edita (e agocha) a Deputación de Ourense con introdución e notas de Joaquin Ventura Ruíz, mostra un Risco ás veces desalentado, ás veces alporizado, que se desabafa con Losada a quen chama xefe en moitas das cartas aínda que xa con máis confianza, aponlle seren un preguiceiro e un lacazán por non escribir o que el só podía e debería escribir. As cartas que o editor ten que fixar polas citas do texto, xa que case todas elas non levan data, van de 1918 a 1929. Nese tempo, Risco publica a Teoría do Nazonalismo Galego, casa, ten fillos, e leva adiante, a revista NÓS motivo de moitas inquedanzas económicas e de traballo. Contaba alguén, do que xa non me lembro, que Risco chegou a dicir, que se tivese que volver publicar a revista NÓS, chamaríalle, Eu, pois era el, e case sempre só el, o que a compuña, a distribuía e a maquetaba sen que Otero Pedrayo, ou Cuevillas deran cheda. A imaxe do primeiro Otero Pedrayo que agroma neste epistolario ten o seu aquel. En 1919 Otero vai falar a Santander na Festa da Raza. Risco escribe:
Querido déraciné...eu non che digo nada. Que Murguía che perdoe...Olé et vive l´espagnolade.En 1921 hai novas queixas de Otero: il veu eiquí coma quen veu ó desterro porqu´il se non atopa mais qu´en Madrid anque a nós nonol-o diga, díceo a sua nai. Eiquí abúrrese e si algo fai nas nosas cousas é por se entreter, e un pouco coma dilettante..Noutra carta posterior segue a teima:
Nin Peña Novo nin Otero Pedrayo son galeguistas sobre todo iste derradeiro...il é da pandilla do canalla de Noriega..o seu galeguismo redúcese a protexer ao seu escravo noxento (Noriega) a quen nós tivemol-a debilidade d´editar un libro pra que logo ande falando mal de nós.Pode que non fosen moi descarreiradas as críticas de Risco. Aínda non escribira Otero Arredor de si (1930) onde o seu Adrián Solovio, alter ego de Otero, descubrirá Galicia ao través dunha viaxe iniciática.
Nunha data incerta, 1921?, e sen que estean claras as razóns, o alporizamento, a carraxe de Risco, acada o cumio dunha arroutada epistolar:
Estanos ben empregado por querermos salvar a un pobo de cabrós coma é o pobo galego, por querermos dotar de conciencia nazonal a un pobo que quere perder o caraute de pobo, a un pobo suicida que quer perecer como tal pobo, que quer ser gobernado por alleos, educado por alleos, caso úneco no mundo.. .e por moito que fagamos non conseguiremos impedilo suicidio de Galiza non poderemos deter este instinto fatal qu´a leva á morte e ó anegamento na noxenta y- asquerosa Hespaña...
Esta definición de Galicia como pobo que se quere suicidar apónselle sempre a Cuevillas, pero o artigo As Raíces Fondas de Galicia, onde Cuevillas di case o mesmo que Risco, ten no seu pe a data de 1953. Se non hai erro, haberá pois que cambiar a atribución primeira do texto e poñela baixo a autoría do Risco alporizado dos anos 20.
Un pouco máis adiante, na mesma carta, canso de seren prudentes e calar pra non ferir ou arredar a este ou aquil ou conquerir que fulano ou mengano se unan ao nacente galeguismo, Risco desbota esas tácticas que non trouxeron a ninguén ao grupo e propón outro método que cómpre ler, supoño, de xeito metafórico: Por qué non imos directamente á agresión?...Sen dúbida interesante este epistolario editado por Joaquin Ventura que a Deputación mantén case en segredo ateigando os andeis do baixo do seu pazo, que nos mostra o feitío humano dun Risco atinxido polos atafegos cotiás da vida política e cultural. Cun pouco de sorte, e despois de dúas ou tres peticións ben dirixidas, poden conseguilo na Deputación e con sorte, tamén nalgunha librería..
.

viernes, 8 de octubre de 2010

BORGES por Adolfo Bioy Casares. Destino. 2006. 1600 páxinas.

Borges escribiu unha vez coa súa acostumada ironía: "el paradójico Dr Rojas cuya Historia de la Literatura Argentina es más extensa que la literatura argentina…" Profetizaba o destino da súa propia obra. A bibliografía sobre Borges é hoxe inabarcable; a amplitude dos seus textos, aínda accesible. Bioy, que o coñeceu como ninguén, engade hoxe a esa Patagonia de críticas e comentarios, as 1600 páxinas dun Diario escrito paseniñamente durante corenta anos de amizade. Son páxinas achegadas que non eluden o Borges contraditorio, ás veces túzaro, namorado ou prexuizoso mais sempre brillante nos seus xuízos e opinións sobre xentes de ámbitos próximos ou afastados en tempo e espazo. Borges é quen de autocriticarse: "Una vez decidimos que tal autor es malo. Como no nos pasamos la vida releyendo, mantenemos el error. Muchas veces somos injustos ..." En certa ocasión escribiu que un poeta ao que o unía unha amizade razoable, era unha persoa servil. O seu fillo, sen anoxo e con tristura, díxolle que descoñecía que o seu pai fose servil. Borges imaxinábase entón de xeonllos diante desa xente dicíndolles que era un canalla, que admiraba a ese poeta, que era o seu amigo e que, "por la vanidad de escribir un parágrafo ingenioso, lo sacrificara". É unha situación que se reitera nas páxinas de Bioy. Así, segundo os tempos ou a ocasión, Camôes pode pasar de ser un dos peores poetas do mundo a ser unha gloria de Portugal; Joyce, un escritor verbal, parcialmente gabado nalgúns textos, eludido noutros, é tamén o autor de Dubliners, un libro de cuentos bobos; a poesía ou a prosa de Valery, (no es gran cosa; en su poema sobre el mar no corre el aire), serán necrolóxicamente loadas; con Valle-Inclán o rexeitamento nunca amoleceu e tampouco Lorca, (un andaluz profesional), se salva da súa ironía. De Neruda, (no hay versos que uno quisiera repetir, es cursi), moderará o seu xuízo poético pero non o moral, e seguirá insistindo en que era unha mala persoa como Rafael Alberti; Ortega, un bruto do que repudiaba o seu estilo; John Dos Passos, un escritor americano muy malo, Saint John Perse, lo peor de todo el mundo; Roberto Arlt, un iletrado capaz ás veces, como en El juguete rabioso, de lograr unha obra aceptable; A Baroja pode acompañalo nalgunhas páxinas pero de Unamuno pronto se despide. Estes xuízos recordan a Jünger polo que Borges sentía escasa simpatía, que escribiu: o estilista quere poñer "si" pero pon "non" porque acae mellor coa frase. Tamén a Eça de Queiroz ao que estimaba. En Os Maias escribe Eça:

(O portugués) nunca pode ser homem de ideias por causa da paixâo da forma; a sua manía é facer belas frases, verlhes o brilho, sentir-lhes a música. Se for necesario falsear a ideia, deixá-la incompleta, exagerá-la, para a frase ganar en beleza, o desgraçâo nâo hesita…Va-se pela água abaixo o pensamento mas salve-se a bela frase
[1]

É se cadra, esta vanidade polo enxeñoso o que explica frases como: "Yo soy racista... si no acaban con los negros les van a convertir el país en África" (por USA)…"nos parece un país de macacos" (Brasil)…En canto aos vascos, no conto El Congreso non exerce ningunha cautela:

Nunca Fermín Eguren me pudo ver. Ejercía diversas soberbias; la de ser oriental, la de ser criollo, la de atraer a todas las mujeres, la de haber elegido un sastre costoso, y nunca sabré por qué, la de su estirpe vasca, gente que al margen de la historia no ha hecho otra cosa que ordeñar vacas...Compréndese que non sexa Borges moi apreciado neses pagos.
É sabido que as súas preferencias literarias ían por outros camiños: Conrad, Kipling, Stevenson, o anglosaxón, o islandés, e os seus usos literarios por outros: a sinxeleza da súa prosa, a súa poesía sempre narrativa, a súa reticencia coa poesía verbal, Mallarmé, Góngora, (ás veces loado e outras condenado), Cansinos-Assens, ese xudeo andalúz do que unha vez máis e xa na vellez, recoñecerá que a súa obra escrita non tiña o valor que lle atribuía.
Sobre estes rexeitamentos e preferencias literarias ás veces insólitas, Bioy ofrece a súa explicación:
Asombrado ante certas preferencias de Borges a quien no gustaban mis últimos libros, ni los de Silvina, ni los de Peyrou… ¿Cómo no recurrí a la evidente corrección óptica?. La madre es quien lee. Primero no gustan los libros a la señora; después Borges no encuentra en ellos vivas pruebas de que su madre esté equivocada y por cierto adopta sus opiniones…

A cegueira de Borges parecía oscilar entre a videncia que a mitoloxía atribúe a esa condición e a doada extensión dese trazo a moitas das complexidades da vida. A metáfora é sinxela: Borges é cego para a política, para as relacións amorosas, para as ofensas non pretendidas, ... pode ser
Borges viviu nun mundo de libros, lidos nos seus anos novos, escoitados despois. Todo o libro de Bioy reitera unha e outra vez as mesmas situacións: "Viene a comer Borges... Traducimos, escribimos, leemos, hablamos de Heine, Shakespeare, Poe, Quevedo, Toulet...". É un Borges que ás veces quita a dentadura e a deixa na súa man mentres dorme, ou mexa con descoido o que fai que o finiquiteiro Bioy o leve a un baño de servizo. A súa memoria, gabada como prodixiosa, permitíalle recitar en inglés, alemán, francés, español ou anglosaxón sen apenas erros.
Non sei se haberá na literatura española, tampouco na mundial
[2], un libro como este, onde un ouvinte minucioso exerceu de notario non menos minucioso para deixar testemuño dun home que viviu, polos libros, entre os libros e para os libros Que esta acta notarial teña os seus lados obscuros, non lle escapou a Jose Emilio Pacheco que no prólogo a Las Alusiones Perdidas[3] pregúntase sobre cal é a obra cumio da maledicencia en lingua española: as imaxinarias conversacións telefónicas, nunca escritas, de Monsiváis ou o tomo bomba de tempo que quizais sen querelo, deixou Adolfo Bioy Casares acerca do que Borges dicía na intimidade.
[1] Tamén Jorge Amado fai a súa autocrítica en Navigaçâo de Cabotagem: Escrevía horrores a propósito de tantos e tantos outros que depois vim a ler e admirar, de alguns me fiz amigo..[2] Talvez a voluminosa e non sempre amena biografía do Dr Jonhson escrita por James Boswell, recentemente reeditada, (Espasa 2007) ou as Conversacións con Goethe de Eckerman, compartan unha ambición semellante.[3] Monsiváis.C. As Alusións Perdidas. Anagrama. 2007.

sábado, 4 de septiembre de 2010

O XACOBEO E TEIXIDO




Vexo na televisión un reportaxe sobre o Camiño de Santiago. Os periodistas sen dúbida peneiraron o filmado e as entrevistas desbotando o normal e salientando as facianas máis excéntricas que puideron atopar mais esas facianas excéntricas, eran moitas, moitas. O camiño está ateigado de homes e mulleres disfrazados, cheos de cunchas de vieiras, de caxatos, de hábitos de frade, a carón de sendeiristas deportivos e outras xentes que percorren o camiño tocando gaitas e pandeiros sen pouso, camiñando para atrás, en patíns ou en pequenos tractores, ou vestidas de rosa con capirote para festexar unha despedida de solteira. Unha peregrina confesaba a súa decepción: non atopara no camiño nada de relixiosidade, nada de espiritualidade. Compostela é hoxe un espazo onde campa o kitsch turístico-relixioso-enxebre do mesmo xeito que campa no cabo do mundo de Fisterra onde lixo,máquinas de bebidas, caixas, e tendas de recordos kitsch ateigan un espazo que debería estar limpo como o está a Pointe du Raz no fisterre bretón que hai anos estaba na mesma situación que o fisterre galego e que hoxe, despois de derrubar o centro comercial, levar o aparcadoiro a máis de 800 metros e repoñer a vexetación autóctona, recuperou o vello feitío que tivo durante milenios.
A Compostela de hoxe é unha cidade abafante, estragada, vendida, ateigada polo turismo de masas sen que se teña a certeza de que esa venda vaia arranxar ningún dos grandes problemas económicos. Os galegos venderon unha cidade única por trinta moedas como estragaron as rías e o rural cun feísmo desfeitista por moito menos.
En Pelerinaxes I[1], diario da viaxe que dende Ourense a San Andrés de Teixido fan a pe en sete días Otero Pedrayo, Ben-Cho-Sey e Risco nos anos 20 do século pasado, atopamos un Risco que se alporiza co motorismo e as arelas de viaxar en automóbil: pró a terra d´un débese andar d´a pé. Rifa tamén cos que viaxan por deporte, por motivos científicos, que non desbota, mais que non deben ser o motivo principal da viaxe, contra os turistas, mesmo cos galegos que son na súa terra verdadeiros turistas cando non veraneantes e fanlle o aldraje de portarénse coma tales. O dos turistas foi para Risco unha teima sen acougo. En Mitteleuropa chega a dicir, que a explotación do turista é unha das cousas mais xustificadas que hai; o turista foi creado para isto, para tirarlle os cartos; xa que o aturamos cómpre que pague [...] o turismo é o mais inmoral dos negócios; é o que mais se asemella á prostitución [...] E engadía: vai resultando distinguido andar a pé[...]isto está moi ben namentras andar d´a pé se non colla como deporte, porque entón já nos achamos de novo envolveitos na vulgaridade noxenta dos calqueiras... Non sei que pensarán hoxe os organizadores do Xacobeo deste Risco alporizado. O camiñar e os camiños foron tamén para Otero Pedrayo, algo determinante na súa obra, mais coma Risco, fuxía das paisaxes consagradas polo turismo, como as rías, que cómpre visitar na invernía, e dicía iso, nos pasados anos 50 denantes de gran desfeita urbanística[4]. Malia as rifas de Risco, a Galicia de hoxe está chea deses sendeiristas deportivos, deses “calqueiras” alleos aos razóns patrióticas de Risco que mesmo fan andainas nocturnas para non se decatar das terras que camiñan nin das xentes que as habitan e dese xeito cinguir a andaina a un puro esforzo deportivo. Tampouco hai moitos peregrinos no camiño de Santiago, senón sendeiristas de longo percorrido, moitos deles sen gromo ningún do espírito que creou o camiño. Hai excepcións de certo, e algúns destes sendeiristas fan pousos para coñecer o que o país ten que ofrecer pero non son os máis.
É cousa curiosa, se cadra polo pouco lidos que son moitos destes sendeiristas, e os ainda menos lidos que son os alcaldes, extraña que a ninguén se lle teña ocorrido recuperar a Pelerinaxe de Otero, Risco e Ben-Cho-Sey, nin sequera ás autoridades dos concellos ben dotados hoxe de casas rurais onde facer os pousos que os tres de NÓS facían ás veces en cortellos[5]. E se trata, con matices, da única peregrinaxe galega, pois o camiño de Santiago e cousa de alleos. Cunqueiro dicía: San Andrés de Teixido; a única peregrinación que nos queda aos galegos...
Cómpre ser optimistas e agardar que non estraguen este camiño cando o coñezan...
PD. Mes de Santos 2010. Neste mesmo mes de Santos do ano 1984, Valentin Carrera, dous amigos e un difunto que recolleron no cemiterio de Cudeiro, repetiron a viaxe iniciática de Risco, Otero e Ben-Cho-Sey. A viaxe foi logo publicada como libro pola Diputación de A Coruña en 1987: Viaje al fin de los mundos.

[1] OTERO PEDRAYO. R.Pelerinaxes I. Edición facsimil. Edicións do Castro. 1993. A primeira edición é de 1929. A viaxe fixérona no 1927. Manténse a ortografía da primeira edición.

[4] OTERO PEDRAYO. R. Guía de Galicia.Galaxia.1954.

[5] Cómpre facer un estudio previo antes de facer esa ruta para atopar os vellos camiños. Unha excelente axuda pode ser o Google Earth ou mellor aínda o SIXPAG. Ás veces non é doado atopar os lugares. Viana, preto de Chantada, por exemplo, levoume moito tempo de esculca no Google Earth.

sábado, 21 de agosto de 2010

ESPIDOS


Agosto. Unha praia aínda non asolagada pola enxurrada turística preto do monte Louro na ría de Muros. É un areal longo e vivo sen bandeira azul, sen socorristas, sen duchas nin hoteis onde veñen os arroaces cada pouco. Algunhas autocaravanas fan noite nas abas dunha pequena duna que as abeira do case eterno nordés. Auga xeada. Unha praia como esta pouco colonizada, é axeitada para as xentes que gorentan de se espir. Cada ano inzan os homes e mulleres que se quentan e queiman ao sol en coiros ou pasean pola beira da mar entre homes mulleres e nenos que manteñen con pudor as súas intimidades baixo tecidos. Unha vella enloitada e retranqueira, nativa do lugar describía así o paso dun destes espidistas: vai co badajo tocando a difuntos.
Houbo tempos nos que por estas terras cregos e veciños alporizados coma a vella retranqueira, perseguían a estas xentes e procuraban botalos a estadullazos. Xornáis e televisións acolleron daquela as razóns dos dous bandos enfrontados até que o paso do tempo fixo apousar as cousas nunha amolecida indiferenza mutua. O espidismo non é progresista, natural ou libertario como pensaban os seus afervoados militantes, nin obsceno e porcallento como defendían os seus inimigos. É puritano e anti-erótico, posible produto dunha conspiración silandeira que procura afogar calquera gromo de erotismo pois como é coñecido, o erotismo precisa da imaxinación, de velos e anatomías albiscadas nun luscofusco vestimentario para prender o seu lume e aquí, nestes encoiros panorámicos, non hai espazo para que a imaxinación poña a súa parte. É o corpo coas súas eivas, coas súas carnes mirradas, os seus bandullos elípticos e os seus untos abondosos, o que se ofrece á ollada voluntaria ou involuntaria do espectador. Tanto ten que algúns corpos “gregos” se movan formigueantes entre tanta carne esmorecente. A ollada melancólica e aínda ateigada da visión de corpos menos axeitados, non acouga con estes poucos corpos estilizados. Coido que non é unha esaxeración afirmar que non hai nada menos erótico que unha praia nudista . Hai quen pensa, e hai razóns de abondo para facelo, que estamos diante dunha conspiración saída do maxín dalgúns axentes espelidos do Vaticano para amatar os pulos e imaxinacións eróticas da xente do común e levalos a unha casta abstinencia. Non son poucas as parellas que viron derramar a súa relación sexual despois dunha xornada en coiros nunha destas praias onde puideron se decatar da anatomía real que os define cando antes era o corpo revestido pola imaxinación o que lles procuraba o pracer. O erotismo estiña nos extremos. Unha praia chea de mulleres en burka, grao cero de visibilidade e moi semellante para os homes a unha praia chea de mulleres espidas, grao 100 de visibilidade. En ningún dos casos hai a medida precisa entre o que se ve e o que se adiviña que permite o agromar da ollada imaxinaria erótica. O Islam emprega o cero de visibilidade; os vaticanistas o 100. O resultado é o mesmo: o esmorecer da vida erótica.
Nas mulleres a cousa é diferente. Queda para outra ocasión falar destas diferenzas.

jueves, 15 de julio de 2010

ACISCLO MANZANO

O venres, 17 de xullo, os cinéfilos de Ourense homenaxean a Acisclo Manzano.

Naceu Acisclo hai setenta anos en Ourense, esa Atenas atlántica, aínda que se nacera na Atenas grega hai 2.500 anos ou no Val de Salas dos tempos megalíticos, a ninguén extrañaría. Faría outras obras, menhires, mámoas ou estatuas de Zeus ou Palas Atenea, mais o seu fado, inscrito nos xenes, na vontade dos deuses ou na roda de rencarnacións que escollería Risco, estivo sempre decidido: sería escultor.
De neno fedellaba nos paus cunha navalliña tirando da madeira morta formas vivas, costume por certo, que aínda conserva hoxe, e abonda cun amolecer da conversa para que Acisclo ripe do peto a navalla e se poña a traballar ensumido no ir e vir do pequeno coitelo que esgaza a madeira. Os anos da nenez e da mocidade, estiveron como os de tantos outros nenos do tempo, atinxidos por doenzas e pola pouquedade da economía familiar, así que moitos camiños quedaron pechados e houbo que camiñar corredoiras menos acolledoras. Nos catro meses que pasou ingresado nun hospital , aprendeu dos outros doentes a facer marcos de cadros coas caixas de puros habanos, un pequeno avance na súa habelencia de neno tallista. Foi logo, xa con outros azos, aprendendo de seu e con algúns mestres, as artes de ouriversaría e da talla, en Ourense primeiro, despois en Santiago, e alí ,nesa Compostela que naceu abeirada pola improbable tumba dun apóstolo, estaba o Pórtico da Gloria. Acisclo vivía moi preto doutro Pórtico, o do Paraíso da catedral de Ourense, e tiña xa os ollos afeitos a esas milenarias pedras policromadas que veñen do alén, se existe algo como iso, ou de algo semellante ao alén de feitío humano ou case humano. A ollada do neno Acisclo, tiña xa memoria mais se cadra non chegara aínda o tempo da revelación. Fosen laicos, ateos, peregrinos cristiáns ou budistas, ese esplendente pórtico compostelán, espertaba reverencia e silencio en todos aqueles que a el se achegaban, e Acisclo non foi alleo a esa calada reverencia que as pedras impoñían. Soubo nese momento revelador, que en pedra todo estaba feito e que ninguén podería ir mais alá do mestre Mateo, así que desbotou a pedra e escolleu os seus primeiros materiais de traballo que xa non abandonaría: madeira, barro, bronce.
De madeira, foi unha das súas primeiras obras, un Cristo esguío de longas extremidades que tiña ecos antigos góticos e aires novos, como de Giacometti, pero que non resultou moi acaído coa estética do bispo imperante, (e "imperaba " moito), polo que foi pechado nun parreiro catedralicio até que alguén o recuperou en tempos menos imperantes. Daquel tempo, son outros cristos, outros santos, que seguiron o mesmo camiño do secuestro e estiveron anos desaparecidos das igrexas que os acollían.
Deixa Compostela e con dezanove anos volve a Ourense, que daquela, os primeiros anos dos sesenta, acolle escritores e artistas, vellos e novos, dispostos a viaxar por novas estéticas e xeografías afastadas. Aínda paseaba Risco polas rúas da cidade e bebía a cotío uns grolos de viño na taberna do Tucho na compaña entre outros de Ferro Couselo, Don Ramón baixaba ás veces de Trasalba e no café Cortijo ou no Parque, xuntabanse despois do xantar e a carón de Risco, o Xocas, Prego, Failde, Tovar, Corbal e todos os que eran alguén na cultura de Ourense. Neste remuíño cultural, movíanse tamén xentes da pintura e da escultura máis novas e non tan novas: Virxilio, Batar o bo, Quessada, de Dios, Buciños, Pousa e con eles Acisclo, que comparte ideario estético e político aínda que se cadra, conviña poñer ético onde está político. Con todos eles, vive, fala e aprende, sempre coa parola de Risco encarreirando os discursos, que ás veces si e outras non, eran seguidos, pero sempre respectados. Cando morre Risco, aquel grupo de artistas que el bautizara como os artistiñas, decide lle facer unha homenaxe no bar Tucho. Alí pinta de Dios, os personaxes de La puerta de Paja, unha novela de Risco, Quessada dous murais,  nas paredes deixa Acisclo unha escultura e na porta unha madeira pendurada con nome do bar. As paredes acollen tamén poemas de Celso Emilio, de Tovar, de Casares... Rebautizado como O Voltaire, o bar Tucho convértese na cerna cultural de Ourense. Alí, sen necesidade de cita previa, calquera podía xuntarse con aquela grea de mozos pintores, escultores ou escritores, fixos ou de visita, que deixaran as súas obras naquel acolledor recuncho, hoxe infelizmente desaparecido, do Eirociño dos Cabaleiros.
Con vinte anos, Acisclo vai facer o servizo militar a Navarra. Alí, chégalle a noticia de que ganara o primeiro premio nacional de escultura de Valladolid, noticia recibida con pouco agarimo polo seu capitán que lle lembra que é un soldado, non un escultor. Mandos militares menos patrioteros e máis sensibles coas cousas artísticas, arranxaron, aquel malentendido e Acisclo foi recoller o seu premio. Rematada a mili, volve a Ourense. Foron eses anos o tempo das viaxes, viaxes longas e demoradas en tempo e percorridos. Acisclo estivera en Alemania cando tiña 19 anos nun campamento de traballo. Alí coñeceu a unha rapaza sueca coa que se enguedella e coa que se escibirá cando volve a Ourense. Para ir visitala a Suecia, contou coa axuda de Quessada que sempre afouto dixéralle a Acisclo un arroutado: !lévote eu!. Como ningún deles tiña cartos, deciden facer unha exposición no Museo Arqueolóxico para conseguilos, cousa que lograron de sobexo e con esa pequena fortuna marcharon Europa adiante nunha viaxe que é merecente dun relato para o que estas páxinas non son lugar axeitado. Eludiremos por pudor as novas da estancia en Suecia e tamén os tempos de Bruxelas que viñeron despois onde aconteceron cousas que xa forman parte da mitoloxía destes artistiñas. A esta primeira viaxe iniciática, seguiron outras non menos longas e demoradas: toda Europa, todos os museos, todas as exposicións, tamén Turquía, Grecia, Oriente Medio... Un Gran Tour estético que tivo consecuencias e o Acisclo que volve non é o Acisclo que marchara. Ateigado de formas, experiencias e novas luces, a súa obra medra e madura. As exposicións por toda España, individuais ou colectivas, se suceden e a vida en Ourense cando volve de viaxes e exposicións, ten o seu cerne naquela comuna de artistas da rúa Lamas Carvajal onde Xaime Quessada mantiña unha casa aberta a todo tipo de xentes e experiencias, incluíndo a visita de varias Miss España que logo acadarían sona recoñecida ...
Nos primeiros anos setenta, marcha a Ibiza cando Ibiza era aínda unha illa habitable cunha luz que non estaba peneirada polos fíos da néboa das terras e mares atlánticos. O barro garda alí a luz, e as formas que modela Acisclo se volven tamén luminosas. A galería Carl van der Voort da illa, acolle a súa obra e abre as portas de Europa ás súas pezas que dende entón non deixarían de viaxar por galerías suizas, francesas, alemás ou americanas ou apousarán en coleccións privadas polo mundo adiante. Coñece pintores e escultores de sona, críticos que loan a súa obra e abren novas portas. Son doce anos de traballo a eito e de novas formas.Volve a Ourense e se instala en Viduedo, en Cea. Enumerar as exposicións, premios e homenaxes desta nova xeira, non ten sentido. Son moitas, indiviudais, colectivas, con amigos, por españa, Europa, América... Unha longa ladaíña para a que cómpre un abastado tempo de recitado. Agora. é Galicia o centro da súa actividade. Hai máis de cen esculturas de Acisclo nas rúas das cidades de Galicia, nas Universidades, no Parlamento, nos concellos, nos ríos,nos parques, nas casas... Son formas acaídas co seu país, que as acolle e as fai súas e poucos escultores poden dicir algo semellante das súas obras...

Non é pouca cousa...

domingo, 11 de julio de 2010

INSUA DOS POETAS. Arturo Baltar. Pequena Crónica.

Para chegar á Insua dos Poetas nas terras do Irixo, cómpre ir poeticamente armado. O camiño é doado de baixar e malo de desandar. A carballeira non é gran cousa: poucos carballos e pequenos, e moito piñeiro. A calor abafaba, e os músicos e os que falaron, aturaron como puideron a raxeira que lles veu enriba. A xuntanza que ali acontecía, a Segunda Festa da Palabra, tiña na súa cerna unha merecida homenaxe: Arturo Baltar, escultor e moitas outras cousas acaídas coa bonhomía que o define. Tosar, Ferrín, Anxeles Cuña, Baltar, (o Presidente), Antón Lamazares... Cada un fixo ao seu xeito a loanza de Arturo e lembraron tempos e cousas da súa vida, da súa longa vida, pois é cousa sabida, que Arturo ten a curiosa coquetería de se quitar anos e afirma que ten 567 cando todo o mundo sabe que ten 570. No seu breve e fermoso parlamento, Ferrín asegurou que era o amigo mais vello de Arturo, xa que o coñecía dende que sendo nenos, fíxolle un encargo a un rapaz que modelaba o xiz, as tizas da escola, na beira do Barbaña. O rapaz era Arturo. O encargo era insólito nun neno daquel tempo: a faciana dun político. Arturo solicitou do Ferrín permiso para revelar o nome do tal político, permiso que lle foi concedido. Era Calvo Sotelo. Arturo entón engadiú: aínda non fixen o encargo pero xa non sei se facelo porque ti cambiaches moito. Risas a eito, espalladas pola carballeira e polo palco. Despois, saúdos, apertas e xantar. Eu tiven que marchar. Mágoa...

lunes, 24 de mayo de 2010

UN LIBRO

PSICOPATOLOXIA DO RETORNO. A.Garcia Caballero. Ramón Area. Galaxia. 2007. Premio Ramón Piñeiro de Ensaio.
Hai un santo, san Ulises, con ermida no peirao de Itaca, que segundo don Álvaro Cunqueiro, foi o inventor do remo e do desexo de volver ó fogar. Se cadra, aínda que a súa nacionalidade é descoñecida, deberiámolo poñer a carón do Santiago no santoral galego como patrón de Galicia e dos retornos, porque hai sospeitas fundadas de nacenza no país e descendencia numerosa. Pode que por iso, no limiar deste libro, se conte a historia arquetípica dun dos novos Ulises galegos de parentesco achegado co santo dos retornos. Pouco importa que as viaxes longas e demoradas xa non se fagan en barcos con aparello de goleta, as Circes e as Calypsos sexan meigas-camareiras de barras americanas, os Polifemos teñan facianas de narcos, e as Penelopes, esas viúvas de vivos, tezan e destezan versos rosalianos de adeuses que nunca rematan ... Pouco importa...os galegos teñen que poñer no seu santoral a este santo viaxeiro cunqueiriano que arela o retorno para abeiro de emigrantes e saudades.
Deses retornos fala este libro que recolle os relatos, as pequenas odiseas dos que foron polo mundo adiante e o que atoparon ó volver. Convocada neste libro, e non por azar, na literatura de Cunqueiro chea de viaxeiros e de terras alongadas, hai outros emigrantes. Certos peixes, polo menos en Bretaña, escribe Cunqueiro, falan dúas linguas: unha celta que entenden os nativos e outra, a occidental sen parentesco con ningunha das linguas da terra. Hai que supoñer que houbo un tempo en que os antigos galegos de fala celta tiñan a habelencia de falar con estes peixes e que foron eles os que lles aprenderon os rumbos das terras do alén. O salmón, un peixe anádromo, nace aquí; marcha canda novo a mares descoñecidos e retorna para deixar a súa semente e morrer. Este foi o modelo emigratorio clásico. As anguías, peixes catádromos, fan a viaxe inversa; marchan as américas do mar dos sargazos cando xa son grandeiras, deixan alí a semente e morren; alí nacen os seus descendentes as angulas, que dende aló, volven a unhas augas que non coñecen pero onde viviron os seus ancestros[1]. É o novo modelo de retorno que acolle agora ós fillos e netos de aqueles que hai anos marcharon e naceron alá. Para estes, o país ao que veñen, está cheo de memorias de outros, e de imaxes propias ensoñadas.
Hai trinta ou corenta anos asistimos a unha masiva partida de Ulises. Non era algo novo. Como as xentes dos outros fisterres atlánticos, Irlanda, Escocia, Bretaña, para non falar doutros pobos da Europa profunda, levábamos séculos despedindo Ulises dende peiraos tristeiros, primeiro ás Américas, despois ás Europas. Afeitos polo costume a este vaise e aquel vaise, e todos se van, non nos decatamos que agora a historia era outra: este volve, aquel volve, este chega, aquel chega...
Neste libro faise a crónica deste decatarse. Os autores tiñan un observatorio privilexiado. Traballan nun lugar onde os que volveron ou viñeron por vez primeira, van na procura de alivio para os malestares que lles provoca o afacerse a este novo niño social que xa non é como o que deixaron ou como imaxinaron. E hai moitos retornos, moitas historias, moitos relatos as veces eivados, tolleitos... Poderíamos dicir, como no caso de salmóns e anguías, que hai os que veñen morrer e hai os que veñen, vivir pero estas dúas amplas tipoloxías abranguen moitos e distintos relatos. Fronte as viúvas de vivos, símbolo dos tempos pasados, a orfandade identitaria dos novos retornados coas súas dúas patrias adoptivas. No modelo antigo, o galego que marchaba tiña que se afacer os costumes dunha nova terra e repetir o proceso cando retornaba á súa terra de orixe. Agora hai retornados que non son verdadeiros retornados senón re-emigrantes pois veñen a unha terra, a dos pais ou avós, da que eles nunca se foron e na que non viviron. É o mesmo proceso que o do seus pais ou avós, pero inverso. É un retorno familiar, non persoal. Por que volveron ou viñeron?... Como se foron afacendo ao modo de vida nos lonxes e á vida de retornado despois?. Neste libro procúrase responder a algúns destes interrogantes. Empréganse conceptos como transmigración, modo-de-vida-retornado, familismo amoral, choque cultural inverso ou perda ambigua. Propóñense hipóteses para explicar poño por caso, a dedicación de moitos dos retornados aos pequenos negocios ou a hostalería, que se fai no texto equivalente estrutural dun minifundio rural pero limpo, sen mans enzoufadas; estúdanse os conflitos familiares, os fillos de ningures, a disonancia entre o paraíso perdido de nenez ou o imaxinado nos lonxes e o seu encontro cunha realidade que non acae con estas lembranzas ou con estas arelas, e sobre todo, e coido que é algo que se fai por vez primeira entre nós, estúdanse as narrativas destes retornados recorrendo a narratoloxía, a Propp, ao estudo das metáforas, á lingüística cognitiva...
Non é un libro de alivio, de encargo. É un traballo longo e demorado que levou anos de escoitas e pescudas babélicas en bibliografías non sempre doadas de atopar e onde os procedementos estatísticos conviven cos materiais que a literatura galega ou non, e a filmografía aportan. Os bos libros non son impacientes dicía Borges, e este non tivo presa.
Din os autores no remate do libro, que cómpre escoitar con atención a estas xentes retornadas que con acentos de Zurich ou de Bos Aires aprenderon moitas cousas que nos poden ensinar. Desaproveitaría alguén o saber recollido por Ulises na súa longa viaxe de retorno?.
Hai anos que Cabaleiro Goás, un deses psiquiatras lidos que daquela se chamaban humanistas, foi quen de recoñecer que a emigración era un fenómeno social que polas súas consecuencias psicolóxicas a psiquiatría non podía esquecer. Anos mais tarde o ciclo péchase con este traballo que con ferramentas de análises modernas, estuda o retorno daquelas xentes que Cabaleiro estudou cando marchaban.
Como os autores son amigos, é axeitado un certo pudor nas loanzas. Non se entende Galicia, como non se entende Irlanda, sen comprender o que de bo e de malo tivo a emigración e si Galicia non se entende sen a emigración, a emigración, non se entende sen este libro.
PD: Tal como van as cousas, co medre da crise, é posible que os autores teñan que escribir un novo libro sobre a nova fuxida das xentes do país a outras terras. O problema é que xa non quedan terras ás que marchar...
.






[1] Un peixe anádromo, vive principalmente en auga salgada e aparéase en doce. Un peixe catádromo, vive en auga doce e aparéase en auga salgada..