viernes, 6 de mayo de 2011

HISTORIAS DO FRÍO

Curzio Malaparte (Kurt Erich Suckert, 1898-1957)
1.- En 1812 o exército de Napoleón[1], famento, canso, e derreado, intentaba volver a Francia dende Moscova aterecido por unha friaxe glacial. Para manter o corpo quente en temperaturas tan baixas cómpre que as calorías inxeridas sexan dúas ou tres veces as necesarias en climas máis mornos e os rusos queimaran as colleitas e mataran ou levaran os animais domésticos con eles sen deixar cousa ningunha que comer. Os soldados para amatar a fame, intentaron utilizar como despensas vivas os cabalos que pensaban ir matando segundo fose preciso pero axiña descubriron que tiñan as mans tan xeadas que non eran quen de se poñer a escartexar un cabalo morto e xeado que tiña a consistencia do ferro. Os soldados aprenderon moi cedo as propiedades anestésicas do frío. Esgazaban cun coitelo un anaco de carne das ancas do animal vivo sen que este o sentira nin se desangrara xa que o sangue xeaba de socato. Os cabalos así descarnados, seguían en pe e camiñaban días e días con enormes feridas que ían medrando cos sucesivos anacos de carne que lle arrincaban até que caían mortos sobre o chan xeado. Con cabalos ou sen eles, moitos destes soldados da Grand Armé morreron de frío durante a longa retirada como lle pasaría tempo despois aos alemás na Segunda Guerra Mundial que, en dous meses do inverno de 1941, tiveron que facer 15.000 amputacións entre os soldados da fronte rusa que padeceron temperaturas de -30 sen a roupa axeitada. Os xenerais franceses ou alemáns descoñecían ou non lembraban o pasado militar do que poderían tirar o saber que gardaba sobre o frío como inimigo. Aníbal perdera polo frío a metade dos 90.000 soldados de infantería, a metade dos 12.000 de cabalería e tamén a metade dos elefantes de guerra cando atravesou os Alpes camiño de Italia no ano 218 d.C . Se cadra a historia sería outra sen as perdas de Aníbal, de Bonaparte e dos alemáns provocadas polo frío.
3.- De cabalos, homes e frío, fala tamén Curzio Malaparte, ese curioso personaxe fillo de alemán e italiana,  diplomático, fascista encarcelado por Mussolini, despois comunista cando rematou a guerra e que estivo como correspondente de guerra en case todas as frontes nas que loitaba o exército alemán que o mandou para Italia debido ás súas crónicas nada favorables para os nazis. Na súa novela Kaputt, que mereceu coa novela posterior A Pel, as loanzas e o estudo de Milán Kundera[2], hai algunhas escenas terribles nas que o frío e a crueldade van en compaña. Malaparte estivo en Finlandia cando esta nación entrou en guerra coa URSS (1939-40) (1941-44) que quería invadila e tivo que se aliar cos alemáns para frear o avance soviético xa que daquela a URSS era aliada de ingleses e americanos. Visitando cun oficial alemán a fronte de Leningrado, Malaparte conta como nas encrucilladas das estradas había medio enterrados na neve soldados rusos mortos e xeados cun tiro nas tempas que tiñan un brazo ergueito sinalando a dirección da fronte. No lago Ladoga, xeado, debruzábanse as cabezas de ducias de cabalos que fuxindo do lume provocado polas tropas finesas meteranse nas augas pouco fondas do lago onde os sorprendeu de socato o vento sieiro que viña do ártico que xeou as augas deixando os cabalos apertados polo xeo. Durante meses os soldados viñan sentarse enriba destas cabezas que agromaban do xeo como se fosen cabaliños dun carrusel ofrecendo unha imaxe nada doada de enxergar. Moitos anos despois, don Álvaro Cunqueiro evocará nun dos seus artigos estes cabalos "malapartianos"para dar conta dos 300 cabalos galegos da serra do Xistral que afundidos ata o peito na abondosa neve dese inverno morreron xeados, ou comidos polos lobos ao non poder fuxir como sempre fixeran cando este inimigo tradicional se achegaba.
Se esta imaxe arrepía, que dicir da que Malaparte conta en A Pel. Desta volta tratase de homes queimados polas bombas de fósforo que os aliados deixaron caer en riba dos habitantes de Hamburgo o 25 de xullo de 1943. O fósforo pégase á pel e só arde cando hai osíxeno. Os atinxidos polo fósforo votábanse ás canles das que non podía saír xa que o fósforo volvía prender de novo cando o facían. Durante días permaneceron nas augas ou tapados coa terra coa que veciños e familiares os cubrían deixando a penas agromar as cabezas en medio de laios de dor. Os familiares atendíanos, traían algo de comer e ensaiaban remedios que non procuraban alivio ningún. Una semana máis tarde as autoridades impediron o paso dos familiares e procederon, aquí Malaparte é discreto, a rematar a estes homes e mulleres que levaban días de sofremento.
3.- Tampouco foi o soldado Ernst Jünger alleo a estas relacións entre a guerra e o frío e non son poucos os que atopan un certo parecida entre Malaparte e Jünger. Os dous foron tamén homes "fríos", que describen escenas terribles  como observadores lúcidos, sen pegada ningunha de sentimentalismo na súa ollada  aínda que no caso de Malaparte, non sempre é doado saber onde remata a descripción e comeza a "invención". Bruce Chatwin no seu artigo "Entre ls ruinas" escribe: Na illa de Capri vivían tres narcisistas e cada un deles levantou unha casa na beira dun cantil.Eran Axel Munthe, o barón  Adelswärd-Fersen e Curzio Malaparte. Chatwin non gorentaba das novelas de Malaparte. Kaputt por exeplo,  nunha primeira lectura, é falsa e dalle noxo. Mesmo o acusa de inventar por autobombo,  entre outras a escena na que Ante Pavelic, daquela gobernador militar de Croacia, ofrécelle un queipo cheo con coarenta libras de ollos humanos, regalo dos seus ustachis.
        A friaxe da prosa de Júnger nunca chega a ese case "surrealismo" que Chatwin atopaba na prosa de Malaparte. Jünger nunca deixa quecer a súa prosa.   Durante a súa estancia na fronte rusa- escrine nos seus Diarios de Guerra- un pelotón de soldados baixo o seu mando refugou un ataque dos guerrilleiros soviéticos. Entre os mortos había unha fermosa rapaza de 17 anos. Sen que ninguén soubera como, no amencer do día seguinte o seu cadáver apareceu espido sobre a neve. Durante moitos meses ese cadáver mantido pola neve e as xeadas, permaneceu no lugar onde atopara a morte e os soldados presentábanse voluntarios para saír de patrulla co gallo de poder achegarse a velo. Esta fermosa rapaza coa súa beleza conservada polo xeo, e tal vez o destino ideal metafórico que moitos homes medoños coas mulleres, quixeran para a súa parella amorosa.
4.- Se o frío matou en Rusia non matou menos e de xeito dramático aos mariñeiros que durante anos foron na procura do Paso do Noroeste. A riola de exploradores que custou esa exploración e longa demais para resumila aquí. Vai dende o Franklin a Amundsen, que foi o primeiro que navegou nunha única singradura o Paso do Noroeste. Os relatos que Javier Reverte recolle no seu libro En mares salvajes, un viaje al Ártico, dan unha idea achegada non só destes exploradores infortunados senón de como é hoxe a vida nos territorios do noroeste do Canadá onde aínda viven rancorosos os inuit que o goberno canadiano levou obrigados a ocupar as terras árticas nos anos 50 co gallo da guerra fría e o medo as reclamacións soviéticas deses territorios. Hoxe esa exploración mítica pódese facer a bordo dun barco turístico ruso. No libro alguén fai unha pregunta “curiosa”: no Ártico hai osos polares pero non pingüíns; na Antártida hai pingüíns pero non osos polares..¿?
3.- Algúns datos metereolóxicos e botánicos: a temperatura mínima endexamais rexistrada na terra foron os 89º baixo cero que a estación científica rusa puido medir na Antártida en 1983. Temperaturas de 60º baixo cero son comúns no inverno siberiano e no cumio do Everest, os -40º non son infrecuentes. Por cada 100 metros que se suban a temperatura baixa 1º. De xeito curioso e abraiante, algunhas plantas como o Arum Maculatun, coñecida en Galicia como Cala, pode producir moita calor. As Calas teñen unha espádice de forma fálica no seu interior onde está o polen, que se pode quentar a si mesma sen secarse ata os 45º provocando que se fundan certas substancias que espallan polo ar un arrecendo que atrae ás moscas e outros insectos que fertilizan a planta. Outra planta alpina, a Sacadella Montana, produce tanto calor que funde a neve que está o seu carón impedindo dese xeito a súa conxelación.



[1] Frances Ashcroft. Life at the extremes.The science of survival. Flamingo.2000. Dos 500.000 soldados que avanzaron sobre Rusia só volveron 20.000 despois que a fame e o frío, (-40º), acabaran con eles.



[2] En El Encuentro, Tusquets. Malaparte conta en Kapuut, publicada en 1944 na Italia liberada, as atrocidades cometidas polos nazis cos xudeus nun tempo en que “non se coñecían” estes feitos aínda que hai dúbidas sobre a verdadeira data da escritura.