viernes, 17 de junio de 2011

CUANDO LAS DERROTAS OTORGAN LA VICTORIA. Batallas perdidas de un capitán de la Unión Militar Democrática. Xosé Fortes. Destino. 2011



Hai neste libro de Xosé Fortes, hoxe coronel de infantería rehabilitado en excedencia, algo revelador: non hai rancor, cando as razóns para que o houbera foron moitas, e hai humor, cando non hai na historia que aquí se conta, moitos motivos para acoller esa forma sentimental, máis acaída con outros avatares da vida. O que nos salvou individualmente e como grupo, escribe Fortes,  foi o sentido do humor, a mellor e máis eficaz arma secreta contras as provocacións da xerarquía militar..
Fortes naceu en Caroi, Cotobade en 1934, dous anos antes do ano tráxico que deixou refugallos serodios que aínda hoxe non están esquecidos. Medrou na aldea pero foi dende cativo, un deses nenos enleados coa lectura que debullaba todo canto chegaba ás súas mans. Tebeos nos anos da nenez, os libros “roxos” da Casa del Pueblo que atopou agochados polo seu avó nunha parede da casa familiar e que foron queimados por medo pola súa nai e a súa tía, e leu “de todo” cando marchou a Pontevedra para facer o bachalerato. O catálogo das súas lecturas no instituto, hoxe desalentaría aos profesores de ensino medio: Goethe, Voltaire, Schiller, Zweig, Maurois, Shakespeare, Rousseau, Byron....É certo que daquela aínda non había televisión e había asignaturas como Literatura Universal, pero aínda así... Esa teima lectora nunca pousou e segundo os tempos e as oportunidades, foi devagar debullando canto libro chegaba ás súas mans aínda que sempre se mantivo fiel aos clásicos gregos e latinos. Nese rego clásico,  fíxose un experto latinista, que foi quen de aprobar na convocatoria de xuño en Compostela o latín de primeiro e o de segundo, (tamén os gregos) nin mais nin menos que con don Abelardo Moralejo,  e iso que era un alumno que cursaba por libre a carreira de filosofía e letras que rematou entre destino e destino militar. Este soldado de letras, non sei  se por xenética ou por crianza, non imos aquí a enlearnos coa liorta nature-nurture, pasou aos seus fillos a vocación polas letras. Susana, Alberto e Belén, novelistas e ensaístas, seguiron con éxito o ronsel literario paterno e tamén materno, porque Maricarmen, a muller, tamén rematou xa de casada, a carreira de Historia na especialidade de Historia da Arte.  
            Orfo de guerra e sen recursos económicos, ingresa na Academia Militar de Zaragoza con 18 anos en 1953. Aos dous anos, xa de alférez,  vai a Toledo á Academia de Infantería. Se en Zaragoza facía de gaiteiro afeccionado entre os estudos a equitación e as formacións, en Toledo ademais da formación militar, dedícase á pintura. Fai retratos e copias do Greco que vende por prezos xenerosos e lee, e non só el, a Unamuno, Ortega, Marañón, Machado, Juan Ramón, Salinas, Neruda, ...¿Que clase de militares eran estes que lían o que moitos non lían nas universidades?. Non eran todos os cadetes por suposto, nin tampouco os mandos, era un círculo de amigos pero no relato de Fortes, aquilo asemellábase máis a unha facultade de artes e letras que a un cuartel ....Licenciado como tenente, casa con Maricarmen e sucédense os destinos militares: Pontevedra, Tui, Parga, a Policía Nacional en Pontevedra, Parga outra vez, Recuperación, Figueirido... Cada destino ten o seu espazo no libro, compoñendo todo un tratado de socioloxía cuartelaria, que nos informa de como era aquel exército cheo de oficiais provisionais que viñan da guerra civil e que impoñían normas, ideoloxías  e faceres. Remata  a carreira de filosofía por libre que comezara cando estaba de tenente da policía nacional en Pontevedra, algo que  decidira despois dunhas caídas do cabalo e a lesión  do calcáneo que o meteu catro meses no hospital e que case lle custa a baixa do exército. Nun incerto momento da súa vida militar, co latín presente, hai un alea iacta est, (que tampouco sería un mal título para este libro tratándose dun latinista), que o leva a idea de que cómpre facer algo e ese algo que cumpría  facer tiña nome: democracia, un exército moderno baixo mando civil, e tiña, ía ter,  unha organización: UMD. Fortes recibe en Pontevedra poucos meses despois da revoluçâo de Abril en Portugal, agosto de 1974, a visita de dous compañeiros que leran o seu estudo sobre o poder militar en España publicado pouco antes. Despois das reticencias dos primeiros contactos recoñécense entre si e deciden organizarse. Fortes propón UMD  nome que será aceptado nas xuntanzas de estado que seguen a eses primeiros contactos.      
A historia da UMD, dos seus programas, do proceso e das cárceres nas que estiveron, abonda en nomes, datas, acontecementos, personaxes, avogados, viaxes a eito, xuntanzas onde se podía, manifestos, mandos castrenses, anécdotas, momentos calmos, desacougos, incertezas, relacións cos portugueses, con Otelo, con Rosa Coutinho,  análise das diferenzas entre os exércitos francés ou portugués e o español, cheo este último de provisionais e xurdido dunha guerra e polo tanto non un exército nacional senón político,  razóns que levaron aos da UMD a pensar que non era posible en España un golpe á portuguesa nin era imaxinable en España unha escena como a que María de Medeiros filmou en Capitâes de Abril, na que Salgueiro Maia, que en paz descanse, se enfronta ao brigadeiro que mandaba unha acoirazada na Baixa de Lisboa e arranxa a situación sen disparar un tiro. Aquí, pensaban os da UMD, habería sangue. De certo, aínda que amolecida e esvaecida, a situación facía lembrar a frase de Churchill na Segunda Guerra Mundial: Toda Europa está ocupada polo exército alemán, agás España, que se encontra ocupada polo seu propio exército.  
 A Fortes detivérono ás cinco da mañá do 29 xullo de 1975  na súa casa. Non era o leiteiro, aínda que en Galicia de ser, sería “a leiteira”, senón un comandante e un capitán na compaña dalgúns guardias civís. Fortes aplica o “protocolo inglés”. Dille á Maricarmen, a súa muller que prepare un almorzo de fartura e devagar, despois de facer un convite de cortesía, van debullando as tostadas o café e as laranxas. Ao rematar algo cambiara. As caras de ferreiro dos civís esvaeceran, volvía  ser capitán es os guardias civís presentes se cadran cando deixa a mesa. De alí levárono a Madrid onde xa estaban os oito compañeiros da UMD tamén detidos e aí empeza outra historia que ninguén mellor ca el para contar que seguirá na cadea de El Hacho en Ceuta, en Hoyo de Manzanares, historia chea de desacougos, de interrogatorios, incomunicacións, algunha folga de fame, de momentos incertos, tamén de valor e de humor. Despois do xuízo, sentenciado a catro anos e expulsado do exército.vai para o Castelo da Palma en Ferrol onde pasará un ano ata a súa liberación. Como esquecer ao comandante Sardina que os acolle no castelo dicíndolles;  aquí esta o regulamento e aquí a caixa forte. Se me dades a vosa palabra de honor de que non vades facer declaracións á prensa meto o regulamento na caixa forte e podedes vivir ao voso xeito. Se non, aplico o regulamento. Este comandante levounos un día a xantar a Vilalba e a pasear polas rúas de Mugardos estando presos. Cumprida a condena, rebaixada pola amnistía, volve a Pontevedra. Fóra xa do exército, dirixe Vagalume, da clases en  colexios, consigue a praza de PNN no instituto de Pontevedra, milita no PSOE moi pouco tempo, é concelleiro independente en Pontevedra por Unidade Galega, dirixe o Instituto da Xunqueira, despois faise cargo da subdirección da Universidade de Verán, escribe libros sobre a Ría de Pontevedra, sobre a cidade, sobre Caroi, sobre Galicia e o mar, sobre o exército, sobre a UMD, sobre o noso instituto...
  Nas súas desventuras tivo sorte. Atopou onde non o agardaba, xentes alleas a súa maneira de pensar que coma el, tiñan principios e sabían recoñecer as inxustizas onde se producían. O policía que ao se cruzar con el na rúa, sen nin sequera volver a cara que avisa: Fortes ten coidado...estás vixiado... Os obreiros que lle facían a casa, que renuncian a cobrar mentres non saíra da cadea; o director do Instituto de Pontevedra, Marcelino Jiménez, que foi tamén profesor meu, falanxista confeso de camisa azul nas clases, que o aceptou como PNN e defendeuno fronte ao Gobernador Civil cando este quixo que o votasen; a compañeira PNN que renuncia á praza pois Fortes a necesita máis que ela; a monxa teresiana que dirixiu a súa tese e coñecía o seu agnosticismo e as súas ideas que se ofreceu para o que fose preciso, os amigos que como César Portela ofreceron  diñeiro do seu peto, os mandos que o respectaron...E que dicir dese vello policía nacional que estivera baixo as súas ordes en Pontevedra, que cando xa de civil  foi pasar a censura da revista Vagalume na delegación do goberno,  onde agora traballaba o ex-policía de bedel, foi correndo ao banco, tirou un feixe de billetes de mil pesetas e sen dicir palabra entregoullos ao Fortes clandestinamente...Fortes non os aceptou pero o detalle,  conta e moito...   
             Tamén houbo decepcións, e ás veces viñeron de onde menos as agardaba. Fortes escribe:
Lo que no fui capaz de comprender fue la ausencia entre las visitas solidarias que recibió mi mujer de algunos compañeros de armas con los que mantenía una buena amistad...ninguno de los oficiales de mi unidad, con los que me unían viejos lazos de amistad se había atrevido a visitarla...falta de agallas....
Para moitos destes compañeiros foron os da UMD “invisibles” durante moitos anos, aínda hoxe o son. Mesmo houbo tamén algunhas arroutadas que só os que coñeceron a vida militar daqueles tempos poden comprender. Un capitán leva a compañía ata o edificio de La Voz de Galicia. Déixaos formados no exterior , entra e dille ao director que se volve a publicar outra noticia insidiosa sobre o exército volve cos soldados e queima o xornal.
Todas esas historias non poden ser resumidas. O índice onomástico do libro acolle máis de 700 nomes onde non falta case ninguén,  así  que calquera resume que se intente é imposible. Hai que ler o libro e hai que o ler de vagar tanto nas páxinas dedicadas á UMD, ao xuízo, ao exército, ao seu papel como asesores de Suárez, que tivo que recorrer a eles xa fóra do exército, para saber o que pasaba nos cuarteis, ao papel de Narcís Serra, como as dedicadas a vida civil  e podo asegurar que será unha lectura tan amena como de  proveito, aínda que espero que Pepe poida resumir aquí, el si pode, e para todos nós, algo desta historia, desta importante historia que lle tocou vivir
Nos tempos da UMD de Fortes a militancia democrática era algo no que había moito que perder, (os militares moito máis que os demais) e nada que ganar, xusto ao contrario do que hoxe acontece onde na política hai moito que ganar e pouco que perder. Había pois unha sorte de peneira ética pola que non pasaron todos aqueles que despois en tempos máis calmos e menos perigosos, fixéronse antifranquistas retrospectivos. Non foi o caso de Fortes e os seus compañeiros. Con eles a xustiza foi serodia e se cadra cativa aínda que polo que eu sei, eles non se queixaron. Sempre souberon o que se xogaban. O país, coido eu ten unha deuda con estes militares que foi pagada serodiamente e sen os intereses que lles correspondían. Ben estivo a súa rehabilitación, a medalla ao mérito militar que recibiron el os seus compañeiros hai dous anos no Parlamento español. Ao cabo, sen a fachenda de Xulio César, e de derrota en derrota ata a victoria final,  os da UMD puideron dicir: Veni, vidi, vici.