martes, 29 de mayo de 2012

VIDA DE LACAN. Escrita para la opinión ilustrada. J.A. Miller. Gredos. 2011.



É sen dúbida unha curiosa Vida de Lacan esta que escribe J.A.Miller onde case nada se fala da súa vida, do seu presente, do seu pasado, da súa familia, dos seus amigos, das súas mulleres, das súas amantes, dos seus fillos, do seu lecer, dos seus costumes…[1]. Nada diso agroma neste texto haxiográfico que J.A.Miller escribe de quen foi o seu sogro no 30º cabo de ano do seu pasamento. Sí, sen dúbida é esta unha curiosa Vida. Invócase a oceánica biografía que lle dedicou Boswell ao dr Johnson,(a mellor biografía xamais escrita, din), para avisar, (non era preciso), que a Vida non é unha biografía como a de Boswell. Con certa presunción, di Miller, que aínda se le a biografía de Boswell pero que ao dr Johnson xa ninguén o le. Eu debo ser un ninguén. Acabo de reler dúas obras de Johnson, Viaxe ás illas occidentais de Escocia e Vida dos poetas ingleses [2], obra esta  última, que ten un certo “aquel” coa Vida de Lacan. Miller afirma que el non é para Lacan o que Boswell foi para Johnson, cousa que o seu texto, de menos de 50 páxinas, deixa claro. É outra a relación que vincula a Miller con Lacan, aínda que non é doado precisar que clase de relación é, e cal foi a pretensión de Miller ao escribir este curioso texto. A autobiografía, di Miller, (e a Vida tampouco é obviamente unha autobiografía), ten unha certa semellanza co “pase”, ese curioso procedemento lacaniano de difícil xustificación teórica, no que o candidato a psicanalista relata a dous “pasadores”, (que aínda non decidiron anticipar pola súa conta o seu fin da análise e están na modalidade do “aínda non”), non se sabe moi ben o que. Estes dous pasadores transmitirán o relato que escoitaron do pasante a un “areópago”selecto de “xuíces” que só coñeceran do pasante ese relato dos pasadores que serán ás veces procuradores, ás veces avogados ou ás veces, outra cousa. Recoñezo a miña incapacidade para entender este procedemento manierista e a xerga que intenta xustificalo que no texto de Miller é aínda moito máis entrambilicada do que aquí se resume, como o mesmo Miller recoñece. Tampouco atopo parentesco ningún coa autobiografía, pero, quen sabe...
Se a Vida ten para MIller, semellanza con algo é con ese xénero literario da antigüidade que se coñece baixo o nome de “vidas dos homes ilustres”. Nas "vidas", o relato trata un período esencial da vida dun personaxe do que non se da dato ningún, biográfico ou psicolóxico. As "Vidas" non pertencen ao xénero biográfico senón á aretoloxía (aretos virtude, logos, discurso) que se podería traducir como "discurso edificante" que na antigüedade servía para mostrar, seguindo regras precisas de composición literaria un modelo ideal de comportamento.  Para Miller, Lacan sen dúbida é un home ilustre para quen, é  acaído un xénero como este da vida dos ilustres xa que se trata dun xénero moi diferente á historia pois pertence ao rexistro da ética e non aos dos acontecementos pero, ao contrario do que acontece nas Vidas, tampouco se pode facer de Lacan un exemplo ou un contraexemplo pois é un caso singular, unha excepción. Si se trata de ética, é unha ética curiosa, unha ética da rebelión. Lacan, di Miller, desafiaba a lei mesmo nas cousas máis pequenas. Non se consideraba un home de ben. Non  é preciso dicir que para Miller, ese “home de ben” non hai que entendelo do xeito que é costume xa que unha vez máis, é outra cousa, pois nesta Vida todo é sempre outra cousa. Lacan non aturaba os semáforos en vermello, os pasos a nivel, ou os camareiros que non  atendían axiña o seu pedido así que non respectaba os semáforos, aturaba os pasos a nivel porque non tiña outra e berraba cos camareiros desleixados que non se decataban da súa fachendosa presenza: Había nel como unha intolerancia pura e simple á sinal de stop....resultáballe absolutamente intolerable... ter que se deter nos semáforos en vermello... Para que Lacan se volvese cara a ti con esa expresión na faciana abondaba con que, nun momento ou outro, cumpriras a función daquel semáforo vermello ou ese paso a nivel que detén ao suxeito no impulso do seu desexo, ou tamén esa ollada baleira que ignora o seu pedido.
 Calquera podería pensar que estamos diante dun comportamento asocial, mesmo perigoso e merecente de sanción ou de retirada de carnet. Non é así para Miller, e tampouco para Guy Briole que, na presentación que deste libro fixo en Granada di: Nada podía paralo; iso non é forzar as leis; é ir máis alá desa decisión mortífera que comporta o feito de pararse como se un puidese satisfacerse nun momento da súa vida, só agardando...
 As anécdotas nas que Lacan se alporiza, berra, contra calquera obstáculo, hainas de abondo e segundo Miller, mesmo as falsas son verdadeiras. Guy Briole engade: é como se ningún discurso puidese cinguir a Lacan e só unha anécdota puidese atrapar un instante, un algo de Lacan.... Miller entende que aqueles que non teñen afecto por Lacan considerarán estas cousas que evidenciaban un desexo fóra das normas, como propias dun badoco, dun túzaro, dunha especie de tirano doméstico e político, mesmo dun tolo. Pois si, esa é a conclusión que tiraría calquera pero non se trata diso para Miller.  Lacan sabia moi ben o que quería aínda que Miller non explica o que quería a non ser que aceptemos que o que quería era levar unha vida dedicada a querer ser Outro malia a lei....Frase sensacional, di Miller, que o fai lembrar outras frases dirixidas a el por Lacan poucos anos despois do 68 nas que o invita a facer algo coa súa rebelión, algo que non fose loitar contra muíños de vento ou correr detrás dun pano roxo como o touro sacrificado no albero. Lacan que acolleu na súa casa algúns resistentes nos tempos da ocupación nunca militou na Resistencia xa que vía no seu diván que abondaba cunha cara bonita que pasara por aí para que perderan a cabeza (?¿). Tampouco era violento pero sempre levaba no seu peto esa ferramenta de matóns chamada puño americano, aínda que é Guy Briole, unha vez máis quen o explica: era unha mensaxe...só conto comigo mesmo. Lacan, segue Miller, e pode que alguén poida explicar o que quere dicir, é pola súa rebelión contra todo o que vale para todo x, a súa rebelión contra un universal nugallán.... Para Miller esta posición dun home rebelado contra el universal non deixa de ter afinidade coa das mulleres. Aquí Miller introduce un dos acostumados xogos de palabras nos que polo visto se agocha unha verdade que non pode ser revelada doutro xeito. Á muller, on la diffame; (on la dit femme). Trátase segundo Miller, de estructura, e de feito, para que alguén se interesase por unha muller cumpría que houbese perdido máis ou menos a súa reputación. Hai anos nunha cidade galega, un personaxe de sona presentouse con dúas mulleres da vida no baile do Casino local. O porteiro, que coñecía ao personaxe, procurou convencelo de que non entrase acompañado por esas dúas mulleres de reputación “dubidosa” dixo. A réplica do personaxe pasou á historia mítica local: reputación dubidosa a das mulleres que están dentro; estas dúas son p… Coido que Miller ten neste incidente local, material de abondo para ilustrar as súas ideas sobre a reputación das mulleres.
O texto de Miller ten unha historia e un contexto, mais para atopalos, non hai que ir procuralos nos salóns lacanianos nin nas afervoadas presentacións deste texto que inzan en Internet. Son os xornais e os semanarios franceses os que relatan este contexto. É no Nouvelle Observateur do mes de setembro do ano pasado onde se poden ler as leas que atinxiron aos lacanianos parisinos co gallo do 30º aniversario da morte de Lacan que están na orixe deste libro. Nesas datas, Miller acusou ao editor dos Seminarios, Olivier Bétourné, (Ed.du Seuil), de afastalo das publicacións, conferencias, presentacións e publicidade relacionadas con ese aniversario afirmando ademais, que ils sont en train de m’enterrer vivant e tamén de tecer ao seu redor un muro de silencio xa que lle apoñía a Bétourné que invitase a quelqu’un d’autre a ocupar o seu lugar. Ese “alguén” do que falaba Miller, era Elisabeth Roudinesco que publicara nos anos 90 unha biografía, - que non era unha biografía senón unha Esquisse de Lacan (apunte, esbozo) que a familia considerou faux et sale e viña de publicar un novo libro co gallo do aniversario, Lacan envers e contre tout[3], no que entre outras cousas dicía que Lacan morreu baixo un nome falso o 9 de setembro 1981 e que il eût souhaité des funérailles catholiques cousa á que, segundo Roudinesco, se negou a súa familia que o soterrou sen cerimonia e na intimidade no cemiterio de Guitrancourt onde tiña a súa casa de campo. Para enxergar as cousas, cómpre dicir que Roudinesco é a esposa de Olivier Betourné. Miller anunciou a Bétourné que deixaría de publicar os Seminarios de Lacan na súa editorial e chegou a un primeiro acordo con outra editorial, ubicada dous pisos máis abaixo da sede de Seuil pero que era tamén propiedade da editorial Seuil. A esposa de Miller e filla de Lacan, Judith, presentou unha denuncia xudicial contra Roudinesco por difamación que gañou (xaneiro do 2012) aínda que foi apelada, mentres que ao tempo, o filme Le Mur, de Sophie Robert, sobre os autistas, foi denunciado polos lacanianos que conseguiron que os xuíces prohibisen a súa exhibición e  condenaran á directora do filme a pagar unha cantidade importante aos psicanalistas denunciantes que se sentían ridiculizados no documental pola deturpación e manipulación das súas ideas feitas de maneira tendenciosa[4].
Bétourné negou que non contara con Miller para o aniversario afirmando que intentou poñerse en contacto con el varias veces sen conseguilo, cousa que, segundo el mesmo afirmaba, era cousa moi habitual en Miller. Estas liortas son case unha tradición psicanalítica e tamén francesa e os díxome-díxome que van con elas inzaron nos medios intelectuais que tomaron partido de acordo coas súas ideas. En París houbo chistes sobre estes sucesos. Fernando Uribarri en Página 12 menciona algúns deles:  ¿quen  está máis morto: Lacan ou o lacanismo?... O lacanismo é un zombie: que alguén lle diga que aínda que camiña está morto… Elisabeth Roudinesco pola súa banda, respondeu no seu momento ás acusacións de Miller, referíndose ao carácter paranoico e adolescente do líder do lacanismo dogmático.
A Vida é unha resposta ao libro de Roudinesco que recoñecía que o seu libro, e tamén o anterior, non era unha biografía de Lacan, xa que sen arquivos para consultar, (si existían, Lacan e os herdeiros non os tiñan abertos ao público), sen poder acceder á súa biblioteca, cos seminarios sen notas bibliográficas, unha biografía era un traballo imposible de facer. Lacan nacido na Francia profunda, fillo dun representante de comercio e dunha nai fanática relixiosa, cun irmán frade, neto dun comerciante en vinagre, tivo se cadra por esta orixe, e sempre na opinión de Roudinesco, unha fascinación polas elites intelectuais parisinas, polos movementos de vangarda, polas excentricidades vestimentarias ou polas mulleres que non se pareceran á súa nai.    
Pode que, si Miller non quixo escribir unha biografía foi porque Lacan non acreditaba nelas e consideraba a obra como o determinante, mais tamén porque unha posible biografía, polo menos o gromo de biografía que Roudinesco puido tirar da súa investigación, podería amosar un Lacan “humano”, “demasiado humano”: impoli, drôle, odieux, insatiable, théâtral, ludique, semblable aux hystériques de Charcot, ou un enfant capricieux que no aturaba que a realidade non se afixese aos seus desexos e demandaba dos seus hospedeiros, tal marca de cigarro, tal whisky, un chocolate especial que se non o tiñan na casa, pedía que o trouxesen por un mensaxeiro. Libertino na súa vida privada, nunca foi quen de permanecer fiel a unha muller mais tampouco de abandonala, agachando a unhas o que facía coas outras. Snob, gorentaba de mencionar nas conversas nomes famosos, se cadra, para se vingar da súa orixe rural e humilde...
 Todos estes epítetos cos que Roudinesco enche o seu libro, non son os únicos. O seu xeito de vestir ten tamén un apartado: roupa extravagante confeccionada segundo as súas ordes, abrigos de pel, traxes en tecidos raros, zapatos feitos á medida en pel... Describe tamén a súa sá de espera, sempre ateigada, fose a hora que fose, cunha ducia de pacientes agardando por unha sesión de poucos minutos polas que debería pagar 150 francos, mais, é de novo Guy Briole quen fala, era un analista que sempre dicía !venez! cando alguén tiña un malestar, alguén que sempre estaba dispoñible para os seus analizantes a calquera hora, calquera día.
Lendo o libro de Roudinesco, calquera se decata de que había moitas máis razóns que a non celebración duns funerais católicos para que a familia de Lacan demandase a Roudinesco, e Miller, sen citar nomes, responde dende o seu libro: Algúns...apoñíanlle baixas paixóns que, podería xuralo, son as súas...: fortuna, notoriedade, poder. Mais todo iso cae polo seu propio peso para o home de desexo, son medios do seu desexo, non é o seu desexo...(Lacan) segue sendo aínda hoxe en día, deshonrado por todos os que o arrastran para facer carreira, os furiosos do conformismo, identificados deica os ósos coas súas insignias, medallas  de chocolate, funcións sociais ou simulacros”cool” para non falar de aqueles que se travisten de voceiros da humanidade...para vituperar os supostos vicios de Lacan....A resposta non chegou só polo libro de Miller. Segundo le Nouvel Observateur do 17 de novembro do 2011, o boletín publicado por Miller, Lacan Quotidien, chamaba a Roudinesco “dèmone”, ao tempo que varios e-mail se recibían na universidade onde traballaba Roudinesco dubidando dos seus diplomas e a súa páxina web era atacada ata volverse ilexible.
Supoñer que tratándose de Francia e da Psicanálise a liorta ía rematar cedo e moito supoñer. Roudinesco, con Alain Badoiu, co gallo desta lea que non pousa, veñen de publicar no Nouvel Observateur do 19 de abril deste ano (2012), un appel  aos psicanalistas que foi seguido, ao xeito dun tremor de terra, de réplicas e máis replicas a favor e en contra. Badiou afirma nesta entrevista que, a psicanálise, co marxismo e o darwinismo, é unha das maiores revolucións do noso tempo e as tres disciplinas, di, non son nin ciencias exactas, nin crenzas relixiosas ou filosóficas, senón ”pensamentos” materialistas vinculados a prácticas que cambiaron a nosa visión do mundo. Do mesmo xeito que o capitalismo non esta interesado no “suxeito” senón no individuo, a neuroloxía reduce o individuo a unha dimensión neuronal e os psicanalistas enleados nas súas rifas internas teñen que atopar un modo de responder á nova demanda sen se render a este neopositivismo. Badiou, sen dúbida, descoñece o que hoxe está acontecendo no campo das neurociencias e cumpriría que polo menos lera a neurocientíficos que son tamén divulgadores dos seus achados como Ramachandran, Gazzaniga, Sacks, Le Doux ou Damasio, para falar de xeito máis informado.  Roudinesco, que xa meses antes publicara un texto contra o libro de Michel Onfray sobre Freud, onde defendía a psicanálise e se preguntaba retoricamente de onde viña o odio esaxerado que Onfray mostraba contra Freud, di que a psicoloxía dominada polas ciencias médicas obedece a evaluacións que nada teñen que ver coas ciencias humanas e que cómpre, para ser psicanalista, ter unha sólida cultura clínica, filosófica, histórica e literaria termando como Badiou, que hoxe os psiquiatras teñen unha concepción do home como un feixe de neuronas  e que mesmo no caso de doenzas orgánicas, cómpre ter en conta a dimensión subxetiva do paciente. Vale para Roudinesco, como para Badiou, como para os lacanianos, a necesidade de poñerse ao día no que as neurociencias están a descubrir. O libro do psiquiatra, Erik R. Kandel, premio Nóbel  polos seus traballos sobre a memoria, The Age of Insight, é unha proba de como a neurociencia e as ciencias humanas que Roudinesco propuña como necesarias, teñen aquí o seu niño e a súa síntese de maneira brillante pero tamén aberta ás críticas pois non hai no libro de Kandel nada "teolóxico"[5].      
J.F. Revel no seu libro O coñecemento inútil, dicía de Lacan que, substituía as dificultades reais da investigación científica polas dificultades artificiais dun estilo escuro, precioso, e pedante que procura aos seus lectores e aos seus auditores ao mesmo tempo, a ilusión de facer un esforzo e a satisfacción de crerse iniciados nun pensamento particularmente arduo. Lendo este libro escrito polo “establecedor” dos textos dos Seminarios de Lacan, ten un a sensación que a observación de Revel vale para Lacan e para moitos dos seus discípulos (hai tamén moitas excepcións) que de costas viradas a todo o que se fai e se sabe hoxe na neurociencia, psicoloxía cognitiva, evolucionista, neuroloxía, etc. seguen a escribir os seus textos apoiados nunha bibliografía ensimismada (o termo de bibliografía é excesivo), na que só hai citas e máis citas de Lacan ou dos seus albaceas e constantes repeticións e recursos aos innumerables neoloxismos, xogos de palabras, e conceptos saídos de Lacan cos que moitas veces, bautizan  os seus grupos e asociacións. Os lacanianos non queren achegarse á ciencia tal como se entende polo mundo adiante. Procuran criticar o concepto “ciencia” para achegalo ao que eles fan ou reivindicar que hai saberes que son verdade aínda que non se acollan ao método científico o que ten sen dúbida, o seu anaco de verdade. Sophie Robert vai máis alá. Nunha entrevista onde comenta a sentencia contra Le Mur di que, je n´aurais pas imaginé des propos aussi haineux à l´egard de la science...[6]
Antes de ter que deixar o seu traballo en The Independent polas acusacións de plaxiarismo[7], Johann Hari publicou no ano 2007 un artigo (este non  plaxiado) onde consideraba as ideas expresadas nos seus libros e documentais por Slavoj Zizek, un peculiar, histriónico e afervoado filósofo esloveno seguidor de Lacan, como hazy clouds of gaseous theory (bretemosas nubes de teoría gaseosa) afirmación que vale para os textos lacanianos e que compartirían non poucos profesionais dedicados a disciplinas veciñas que teñen os seus atrancos para refutar esas nubes xa que como coñecemos, segundo Miller, cando un condena a Lacan é a si mesmo a quen se xulga.
Nos paratextos do libro Vida de Lacan na súa versión española, hai algunhas cousas que chaman a atención e veñen ao caso. Por exemplo: ¿Dous traductores e catro colaboradores para menos de 50 páxinas de texto?. Moito parece. ¿ É que dicir do párrafo que pecha o libro:  Lacan facendo de Harpócrates, espido como Eros, o índice sobre os beizos,..olla para min. Obedezo ao Deus e calo... [8]
Un ten a sensación lendo este texto, non outros traballos de Miller, que polo seu interese son outra cousa, que Miller, polo Deus ao que obedece, polo título de “pescador de homes” que lle apón ao seu sogro, pola distancia infinita que hai entre a túa enclenque persoa e o mastodonte de Lacan, non rexeitaría publicar os seminarios do seu sogro co formato de versículos numerados propios dos textos bíblicos e coránicos,  tal é a submisión e adoración que mostra por Lacan neste texto escrito de xeonllos, porque como acontece cos textos sagrados, eu nunca escoitei a calquera dos seguidores de Lacan mencionar un erro, un só erro de Lacan [9]. Cioran dicía en algures que, pensar é deixar de venerar, e aquí, veneración hai de abondo pero, pensamento…non sei.




[1] Iso foi algo que fixo E.Roudinesco na súa “non” biografía de Lacan recibida con moitas reticencias polos seus seguidores.
[2] Johnson.S. Vida de los poetas ingleses. Cátedra.1988.
[3] Roudinesco. E. Lacan, envers et contre tout. Seuil. 2011.
[4] Anacos do documental pódense ver en Youtube. O que alí din os psicanalistas indica unha ignorancia ou unha ocultación de todo o que se vai sabendo do autismo pola vía das neurociencias, que non é pouco, pero na sentencia se poñen exemplos literais  de cómo o que aparece no filme non  reproduce con exactitude o que dixeron os psicanalistas que, como caso de Eric Laurent, si mencionan os aportes do eido das neurociencias e hai que ter en conta ademais, que das seis horas de filmación cos tres psicanalistas, pasan ao documental moi poucos minutos. A idea básica que Robert tira no seu documental, é que os psicanalistas teñen unha premisa básica sobre o autismo:.. un schéma fondateur unique de toxicité maternelle, avec l’idée que le langage et la conscience de soi se créent en séparant l’enfant de sa mère, que l’enfant est un substitut du phallus...
[5] Kandel.E.K. The age of insight.The quest to understand the unconscious in art, mind and brain. From Viena 1990 to the present.Random House. 2011. Damasio publicou dous libros nos que se enfrontaba ás ideas de Descartes e Spinoza; Ramachandran leva tempo na procura dos alicerces biolóxicos da arte; a Oliver Sacks, ninguén lle pode negar os seus coñecementos humanísticos e así... 

[7] .http://johannhari.com/2007/04/27/slavoj-zizek-s-intellectual-suicide/. O texto é do ano 2007, antes de que Hari fose acusado de plaxiario por empregar nas súas entrevistas citas tiradas de outros autores
[8] Harpócrates. Fillo de Isis e Osiris que do mesmo xeito que o débil sol do amencer se transforma no podente sol do mediodía, así Harpócrates, un neno débil que debeu ser protexido pola súa nai Isis, transformase no poderoso Horus. Se representa coma un neno espido  cun dedo nos beizos. Era o Deus do silencio, e tamén o do amencer. Hai eruditos que pensan que Harpócrates e Horus son deuses diferentes.
[9] No vídeo de Zizek, este responde a unha “derridiana” que o acusa de criticar aos derridianos polo seu dogmatismo, que lle diga un só erro na obra de Derrida. O mesmo vale para a obra os seguidores de Lacan.
Sobre aretoloxía, e "Vidas", ver J,Lacarriére, Los hombres ebrios de Dios, (pax. 67 e seguintes).Aymá editora, 1964.