lunes, 27 de mayo de 2013

TSUTOMU YAMAGUCHI

Tsutomu Yamaguchi, di Steven Pinker , non se sabe se foi o home más afortunado ou o máis infortunado do mundo. Este inxenieiro da Mitsubishi que vivía en Nagasaki, estaba en Hiroshima o día en que caeu a primeira das dúas bombas atómicas . Puido ver o lóstrego que alumeaba o ceo e axiña foi soterrado de socato polas casas que se derrubaban sen que por sorte resultara ferido mortalmente. Pasou a noite entre os entullos pero puido saír e sobrevivir con poucas feridas polo que pola mañá colleu un tren ateigado de xente que fuxía para volver á súa cidade de Nagasaki. Alí, dous días despois, volveu ver o lóstrego no ceo e, por segunda e milagreira vez, puido sobrevivir de novo con poucas mancaduras. Yamaguchi padeceu nos  primeiros tempos unha baixada de leucocitos, unha leucopenia producida pola radiación e algunhas queimaduras das que se recuperou e viviu até os 93 anos (faleceu no 2010). Nunha entrevista que lle fixeron pouco antes de morrer afirmou que, os países con armas atómicas tiñan que ser gobernados por mulleres que aínda estivesen dándolle o peito aos seus nenos. Yamaguchi pensaba que si se facía así, non habería máis bombas atómicas sobre as cidades. O que non contou Yamaguchi contouno o dr Michihiko Hachiya, outro sobrevivente, no seu Diario. Foi médico e paciente ao mesmo tempo, atendeu aos que sobreviviron sen ter coñecementos desas novas feridas producidas pola radiación que non curaban, que volvían unha e outra vez e que o atinxían tamén a el. Elías Canetti publicou un artigo sobre este Diario, onde, di, non hai ningunha nota de falsidade.

Non se coñece o número exacto de vítimas provocadas polas dúas bombas nucleares. Entre Hiroshima e Nagasaki se fala de duascentas mil pero pode que fosen moitas máis si se contan as que morreron nos meses e anos que seguiron polos efectos das radiacións. A cifra é esmagadora sen dúbida, pero non foron menos as vítimas que hai que lle apoñer aos xaponeses no masacre de Nanking durante a guerra entre China e Xapón. En 1937, 340.000 habitantes de Nanking, foron asasinados polo exército do Xapón dun xeito tan cruel que hoxe é pouco doado de imaxinar. Campesiños atados a postes de madeira eran utilizados como sacos de area para que os soldados aprenderan a matar coas baionetas; houbo concursos de decapitacións, mulleres violadas a eito ás que ademais os soldados cortábanlle os peitos ou esgazaban os seus ventres, (unhas 70.000). E a cousa non quedou aí. Nos anos que seguiron o Xapón fixo a guerra con China segundo o principio dos tres todos: saqueade todo, queimade todo, matade todo...

Iris Chang, unha chinesa-americana nacida en 1968, filla de dous profesores fuxidos de Nanking no tempo do masacre, publicou un libro, The Rape of Nanking, onde recollía os informes de testemuñas que sobreviviron. O libro provocou unha lea política entre Xapón, China e os Estados Unidos. Xapón negou ou minimizou os feitos mentres China e Estados Unidos esixían desculpas e reparacións. Iris Chang tivo nese tempo conversas con Hilary Clinton, participou en ducias de entrevistas de televisión e conferencias mentres escribía outro libro sobre os chinos en América, libro que non chegou a ramo. Foi nese tempo cando comezaron os primeiros síntomas do que ía a ser unha depresión con ideas persecutorias que ao cabo, a levaron ao suicidio no ano 2004.

Os xenocidios modernos teñen o seu probable berce en 1914. Foi a Primeira Guerra Mundial, a que converteu en banal a morte de millóns de homes. Nun só día, o 16 de xullo de 1916, morreron na batalla do Somme 20.000 británicos e 40.000 foron feridos. Os historiadores calculan que 300.000 homes quedaron sen enterrar na batalla de Verdun e seguiron sen ser enterrados todo o tempo que se prolongou a guerra. Georges Steiner, fixo de Antígona, que desafía a lei de Creonte que lle prohibe enterrar o corpo de seu irmán e segue a lei dos deuses que esixe enterrar os corpos, un tema recorrente na literatura de entreguerras, aínda horrorizada polas carnicerías da Gran Guerra. Os mortos amoreados nos arames de espiño da fronte eran un aldraxe contra a humanidade e agora só as mulleres, como fixera Antígona, podían enterrar aos seus pais, irmáns, e fillos para restablecer a orde cósmica e humana .

Pouco máis de vinte anos despois, os aliados lanzaron milleiros de bombas incendiarias sobre as cidades alemás. En Hamburgo, en xullo de 1942, o bombardeo foi de tal intensidade que a calor producida polas lapas provocou un furacán que aviveceu aínda máis o lume que abrasou a gran parte dos seus habitantes. Curzio Malaparte contou escenas arrepiantes dese bombardeo o mesmo que W.G.Sebald que, moitos anos despois, recolleu algunhas testemuñas: nalgunhas canles a auga ardía, os cristais dos tranvías fundiron…os que fuxían quedaban atrapados no asfalto case líquido…por todas partes xacían cadáveres deformados…dalgúns deles saían lapas azuis de fósforo…de outros só quedaban cinzas polos case 1.000 graos que acadou a calor… O mesmo aconteceu en Dresde que foi incendiado nunha data tan serodia como !1945!, coa guerra xa ganada, en Colonia, en Darmstadt, en Nuremberg…. Os días que seguiron aos bombardeos e incendios foron tan terribles como os de Hiroshima. Un fedor a corpos mortos, abafaba aos sobreviventes entre as ratas e moscas que inzaban nas cidades. Para chegar aos cadáveres trouxeron presos que baixaban aos sotos con lanzachamas para ir amatando os milleiros de ratas que os enchían …

Pode que máis de 600.000 persoas morreran nas 131 cidades arrasadas. A cifra e case de certo, maior, xa que moitas das cidades bombardeadas acollían miles de refuxiados non censados dos que ninguén sabía nada. Foron bombardeos feitos sen ningunha razón estratéxica que non fose a de abaixar a moral da poboación civil ou, aínda peor, como afirma Zigmunt Bauman, pola necesidade de xustificar un gasto inmenso e baleirar os milleiros de bombas que ateigaban os arsenais británicos que xa non tiñan obxectivos militares. Despois da vitoria aliada ninguén quixo falar dese xenocidio, nin os aliados, e cousa máis curiosa, nin os alemás occidentais, se cadra avergoñados polos seus crimes de guerra, o holocausto xudeu ou por lembrar que foran eles os que encetaran ese xeito de queimar cidades enteiras como fixeran en Guernica, ou en Stalingrado onde 1.200 avións mataron nun só raíd 40.000 persoas. Si lembraron os bombardeos os da República Democrática da Alemaña do leste que mergullados agora na guerra fría apuxénrolle as masacres aos seus antigos inimigos capitalistas. Tampouco protestaron moito os xaponeses despois das bombas de Nagasaki e Hisroshima, se cadra polas mesmas razóns que os alemás. Tiñan moitos mortos asasinados en masacres na súa conta e como pensa  Tony Judt, enfatizar o sufrimento alemá e comparalo implícitamente co sufrimento de outras persoas a mans alemás, habería esbarado perigosamente na dirección de relativizar os crimes nazis...

Para facer un xenocidio non cómpren tecnoloxías moi avanzadas. Os seis millóns de xudeus asasinados polos nazis precisaron dunha tecnoloxía de baixo nivel, (fornos, gas e tiros na caluga) mais, iso si, dunha organización de moi alto nivel de eficiencia. Os hutus mataron a machetazos un millón de tutsis mentres as tropas da ONU miraban sen facer nada e os kemeres de Pol Pot asasinaron o 20% da poboación de Camboxa con fames, marchas da morte e disparos.

As vítimas de Hiroshima e Nagasaki foron moitas menos que as de Ruanda pero as condenas non apousaron dende entón mentres que outros xenocidios non convocaron, agás dos países onde foron cometidas ou naqueles que as cometeran, tantas lembranzas nin tantas culpas. Os críticos, que son moitos, aseguran que os americanos non tiñan dereito a lanzar unha bomba nuclear sobre poboación civil capaz de matar a milleiros de persoas nun instante, coa coartada de que de non facelo así, a invasión do Xapón custaría ducias de miles de vidas americanas e moitas máis xaponesas o que se queira ou non, era certo, aínda que estes críticos afirman que o Xapón xa estaba a piques de se render sen que fose preciso lanzar esas bombas, cousa incerta sabendo o que significaba a rendición no código militar xaponés.

¿Por qué entón xenocidios crueis sobre poboación civil indefensa como os de Nanking ou o de Ruanda entre outros moitos, non son lembrados como o Holocausto ou o de Hiroshima e Nagasaki a pesar de que o número de vítimas e a crueldade con elas foi máis alá do imaxinable?. Non hai moitas lembranzas conmemorativas da masacre de Nanking, nin dos mortos no Gulag soviético (aínda que hai hoxe en Moscú un museo), nin da de Ruanda nas que a poboación civil indefensa foi asasinada cruelmente, e iso si, manualmente e de vagar, porque se falamos de crueldade, hai que ser psicoloxicamente moito máis malvado para cravar unha baioneta nun home indefenso atado nun pau, e facelo unha e outra vez, que para lanzar unha bomba sobre unha cidade onde non se sabe quen está alí abaixo. Os aliados nunca se responsabilizaron de Hiroshima e Nagasaki nin dos bombardeos das cidades alemás que consideraron sempre estratéxicos aínda que as súas razóns son ben cativas e os turcos aínda hoxe negan a súa responsabilidade no xenocidio armenio. Si houbo remorsos entre os científicos. Oppenheimer, que fora o coordinador da fabricación da primeira bomba atómica, confesoulle despois de Hiroshima ao Presidente Truman; sinto que temos as mans cheas de sangue; Tanto ten, respondeu Truman: quítase con auga. Os remorsos dos políticos, se os teñen, non son os dos científicos. Se Truman lera o Macbeth de Shakespeare, sabería o que Lady Macbeth soubo: que a sangue non se vai lavando as mans,

Unha posible resposta á relevancia das bombas sobre o Xapón sobre as máis esquecidas matanzas “artesanais”, é a de Gunther Anders que pensou ata a súa morte en 1992, que a bomba atómica ademais do enorme número de vítimas que podía provocar nun instante, abría a posibilidade dun mundo sen homes pois ameazaba á especie humana na súa totalidade e subvertía, engadía, a relación medios/fins xa que neste caso, os medios destruían os fins. Pode que por motivos como eses leve razón Edward Hollis cando no seu libro, La vida secreta de los edificios, di que, despois de Hiroshima, a maneira de crear ruínas xa nunca volveu ser a mesma…


Bourke.J. Sed de sangre. Crítica.2008.
Bruneteau.B. El siglo de los genocidios. Alianza.2004.
.Hollis.E. La vida secreta de los edificios. Siruela. 2012.
Judt.T. Pensar el siglo XX. Taurus.2012.
Pinker.S. The better angels of our nature.Penguin Books. 2012.
Sebald.W.G. Sobre la historia naural de la destrucción. Anagrama.2003.