sábado, 2 de noviembre de 2013

AVES MIGRATORIAS

1.- Chegan onda nós en maio ou xuño e marchan cando o verán entra no seu luscofusco pero non son moitos os que se decatan da súa presenza malia que os vencellos, dende moi cedo, rechouchían sobre os tellados da cidade apañando insectos en vos a máis de 150 quilómetros por hora que envexaría calquera piloto acrobático. Son aves extraordinarias que apenas coñecen a terra pois  viven sempre voando agás cando pousan para aniñar e criar. Un vencello anelado de 21 anos que puido ser controlado, pasou só seis meses da súa longa vida na terra e o resto, sempre no aire. 

Unha andoriña non fai verán; un vencello si. As andoriñas avisan da primavera pero non hai mellor sinal do comezo do verán que a chegada dos vencellos nin mellor sinal da chegada do outono que a súa marcha. Nos meses de xullo e agosto, hai centos de vencellos voando sobre Ourense. Teñen preferencias arquitectónicas moi precisas dende que en tempos antigos  se fixeron urbanitas. Pola mañá gorentan da igrexa de San Francisco e do Parque de San Lázaro, despois das rúas do centro histórico e da catedral, polo serán voan polas ribeiras do río ou en calquera outra parte. Foxen dos edificios modernos e procuran os da idade media ou os barrocos que lles permiten aniñar nos seus buratos. Veñen dende África cando os insectos no ar chegan a unha masa crítica o que só acontece na primavera serodia e no verán. Algúns ornitólogos falan de plancton aéreo por semellanza co xeito de se alimentar das baleas co plancton oceánico. Ás tres semanas de nacer os novos vencellos deixan o niño para non volver pousar na terra durante anos. Tres semanas despois marchan  ás terras de máis alá do Sahara sen se confundir no rumbo e sen pousar. Hai máis de 100 especies de vencellos espallados polo mundo pero nunca se atopan máis alá dos 70º de latitude norte ou dos 35º de latitude sur. Algunhas especies de swiftlets, de vencellos asiáticos, aniñan en covas de xeito masivo, ás veces a máis de 400 metros da entrada, e voan dentro delas como os morcegos empregando o eco das  sinais sonoras que emiten. Estes vencellos que non pesan máis alá dos 30 gramos, forman parte da cociña do sur de Asia o mesmo que os seus niños que teñen sona polo seu cuspe, de teren propiedades estimulantes do sexo.
Máis silandeiros pero tamén cantores, bubelas e cucos, entre outros, chegan con eles, as veces adiantados, e voan tamén polo ceo de vilas e campos e aniñan en catedrais, cantís, árbores ou matogueiras. Cunqueiro dicía hai anos que, xa hai primaveras sen paxaros en algunhas partes do globo e que pode que nas cidades, xa non haxa ollos para velos. Coido que ten razón. Se cadra, nun país como o noso  afeito á emigración, uns emigrantes voadores como estes que son cousa familiar e que forman parte dende sempre da paisaxe cotiá, non chaman moito a atención pero malia a esta antiga veciñanza e familiaridade, hai algo que sempre abraia ou debería abraiar, no ir e vir destas aves que percorren distancias milagreiras sen se perder no camiño e ás veces, como os vencellos, sen se pousar nunca na terra.
Dende tempos moi antigos a chegada e a marcha destes paxaros foi un misterio que demorou séculos en ter unha explicación axeitada. Heródoto, en Euterpe, segundo libro da súa Historia, no que fala de Exipto, xa sabía que os falcóns ratoneiros e as andoriñas emigraban a climas máis acolledores  pois ao tratar das supostas fontes do Nilo, para desbotar a idea de que tiñan a súa orixe nas neves do sur, di que, esas aves non emigran cando cumpría como fan as grou, as grullas, cousa que si farían se nevase neses territorios.  Plinio falaba das andoriñas como aves semestrais pero malia o informe de  Heródoto,  o saber de Plinio ou mesmo de Aristóteles, que tamén coñecía o costume migratorio destas aves, os primeiros ornitólogos tiveron as súas leas con estas aves e propuxeron hipóteses ás veces moi pouco aqueladas. Algúns pensaban que as andoriñas que desaparecían ao achegarse o outono, invernaban nun sono longo, como facían os morcegos, pero baixo as augas, soterradas na lama do fondo de lagoas i estanques. Outros con máis acerto, defendían a emigración estacional aínda que non soubesen a onde ían cando marchaban nin como volvían. Xa daquela, séculos XVI e XVII, había observadores que viran cruzar o estreito de Xibraltar a moitas destas aves mais iso non foi de abondo para que homes de ciencia como Newton ou o mesmo Linneo, deixaran de acreditar na idea do invernar baixo as augas.
A mediados do século XVII, un home con curiosidade científica, Frisch, atou uns fíos de cores ás patas dunhas andoriñas que aniñaban a carón da súa casa en Alemaña e ceibounas. Algunhas delas volveron aos seus niños o ano seguinte polo que quedou demostrado o que sempre souberon os criadores de pombas mensaxeiras: que algúns paxaros eran quen de atopar o camiño ao fogar dende lonxe. Non foi ata 1899 que Mortensen  mellorou a técnica ao poñer aneis de aluminio con datos gravados de orixe e identificación nestas aves.  Dende entón puideron os ornitólogos dispoñer de datos certos destas viaxes e eses datos, revelaban fazañas nada doadas de crer.
Os aneis mostraron que os paxaros sabían como ir e vir aos seus fogares de cría e invernada pero cumpría agora saber como o facían. Nos derradeiros anos do século XVIII, Nauman, un ornitólogo alemán, observou que os ouriolos (oropéndola, ouriolus ouriolus) que mantiña pechados en  gaiolas e aviarios, ao chegar o mes de xullo, coincidindo co que sería o seu tempo de emigrar, movíanse inquedos polas noites  aseteando e brincando  e non acougaban ata o mes de novembro. No mes de marzo, tempo de chegada da invernada, repetíase de novo o proceso. Nauman chamou a este comportamento, zugunruhe, e propuxo que a duración deste tempo de inquedanza migratoria era maior ou menor segundo a distancia que tiñan que percorrer os paxaros na súa viaxe migratoria. En 1960 outro ornitólogo alemán, Gwuinner, fixo un experimento para probar que estas aves tiñan un reloxo interno instintivo que sinalaba o momento de partir. Escolleu dúas especies de paxaros, unha de emigración corta, o picafollas europeo, (philloscopus collybita), e outra de emigración longa, o picafollas cantor, (phylloscopus trochilus) e puido comprobar que o zugunruhe era máis longo no que viaxaba máis lonxe. Gwinner ademais, meteu algúns picafollas cantores nun avión e levounos ata os territorios de África onde invernaban e puido comprobar que a inquedanza non cesaba polo que tirou a conclusión de que o reloxo era interno e non dependía das condicións locais.  Outro alemán, e xa van.., decatouse por azar que, non só os paxaros migratorios non tiñan paría no zugunruhe senón que os movementos de ir e vir nas gaiolas tiñan un eixo que se correspondía coa dirección que seguirían na emigración se non estiveran pechados. A observación foi replicada varias veces nos anos seguintes con maior certeza ao empregar un papel con tinta no chan das gaiolas con teito transparente nas que o paxaro deixaba as súas pegadas. Os ornitólogos tiraron a conclusión de que os paxaros estaban xeneticamente programados para emigrar nunha determinada dirección e durante un tempo fixo mais para facer iso cumpría un compás e ninguén sabía que clase de compás podía acoller o corpo dun paxaro nin a súa suposta localización. Algúns paxaros emigraban de día, outros de noite, velaí que as primeiras hipóteses pensaran que era o sol ou as estrelas combinadas co reloxo interno  as que servían de guía na viaxe.
Un novo experimento fixo as cousas aínda máis complicadas. Perdeck, desta volta un ornitólogo holandés, empregando as antigas trapelas coas que os seus veciños capturaban paxaros para xantar, puido entre 1940 e 1950, capturar 11.000 estorniños que marchaban cara o sur e que foron clasificados por idade, plumas, sexo, peso etc, e anelados. Perdeck levou moitos destes paxaros, uns novos, outros adultos, nun avión a Suíza, 600 quilómetros ao surleste de Holanda e ceibounos. Puido recuperar 354. Os paxaros novos remataron a súa viaxe 600 quilómetros máis ao sur do seu acostumado territorio de invernada mentres que os adultos chegaron sen problemas ao territorio de sempre. Cando chegou o tempo de volver a Holanda, tanto os paxaros novos como os adultos volveron ao territorio onde se criaran, (Holanda) pero os novos seguiron invernando 600 quilómetros ao sur. A conclusión que se tirou deste experimento foi que, os paxaros adultos eran quen de corrixir o seu rumbo de volta e atopar o seu territorio de nacenza  porque tiñan unha “impronta” dese territorio adquirida nas viaxes anteriores. Os novos tiñan a impronta do lugar de nacenza mais non a de chegada. Cumpría algo máis pois as pardelas capturadas nos cantís da costa inglesa e levadas a diferentes puntos xeográficos volvían sen problemas o lugar de partida cando se ceibaban e o mesmo facían as pombas mensaxeiras. Como no caso dos humanos, para iso era preciso saber onde se atopa un, (dispoñer dun mapa ou XPS) e ter un compás para poder trazar o rumbo. Hai varios tipos de compás: o sol e as estrelas poden servir pero os experimentos feitos en caixas como as empregadas nos estudos de zugunruhe confirmaron que os paxaros que emigraban de noite determinaban o rumbo segundo a posición das estrelas pero o problema era que o seguían facendo en total obscuridade. Recuperouse entón unha vella teoría que afirmaba que os campos magnéticos terían algo que ver coas capacidades de navegación destas aves. Creando campos magnéticos artificiais no tempo do  zugunruhe con electroimáns, os investigadores puideron comprobar que o rumbo  cambiaba cando se invertía o campo magnético así que os paxaros, si navegaban seguindo os campos magnéticos. O problema era que non se coñecía ningún material ferroso no corpo das aves que puidera verse influído por eses campos magnéticos.  En 1970 descubriron que algunhas bacterias tiñan magnetita o que lles permitía aliñarse seguindo os campos magnéticos. O mesmo mineral atopouse despois en peixes, abellas, e microscópicos anacos no peteiro e na cavidade nasal dalgúns  paxaros polo que a teoría comezou a ter algún fundamento. Outra posibilidade era que os campos magnéticos induciran cambios nas reaccións químicas dos paxaros e que estas fosen mediadas pola luz. Despois de varios experimentos se puido demostrar que o ollo dereito destas aves era o determinante na percepción do campo magnético e que non era a luz a responsable senón a claridade da imaxe. A magnetita sería a responsable do mapa,(onde estou) e os mecanismos químicos, do compás,(que dirección tomar) serían mediados polos cryptocromos, unhas proteínas atopadas na retina de certos paxaros. As investigacións neste campo son complicadas e esixen técnicas moi sofisticadas[1] mais seica os cryptocromos responden quimicamente aos campos magnéticos permitindo que as aves vexan estes campos magnéticos como un patrón de cores ou de luces que as guía ata o seu destino. Algo semellante acontece nas baleas que parecen moverse seguindo vales xeomagnéticos que ás veces, ben polos sonar ou sondas dos buques ou por outras causas que alteran a dirección dos mesmos, poden varar nas praias cando os vales apuntan cara a terra[2]             





2.- Hai 12.000 anos, cando as capas de xeo que ata entón cubriran moitas terras do hemisferio norte íanse retirándose mainamente cara o norte, o mar, que estaba nese tempo máis de 100 metros por debaixo do seu nivel actual, foi asolagando o que ata entón fora Berinxia, unha chaira-tundra pero sen xeo, de 1500 quilómetros de ancho que unía o que hoxe son Alaska e a Siberia do leste. Por Berinxia chegaron, é unha hipótese que ten algúns críticos, os primeiros homes a América. Hoxe, o estreito de Bering,  formado polo  abalo das augas, afasta o que antes foi unha mesma terra. Os mares formados, o de Bering ao sur, o de  Chukchi ao norte, son de augas pouco profundas como as do estreito, que van dos 30 aos 60 metros e onde milleiros, mellor millóns de aves aniñan nas súas ribeiras, marismas e penedos rochosos. A antiga Berinxia, sen a grande chaira-tundra hoxe asolagada, segue a ser Berinxia, iso si, máis pequena e repartida entre Alaska e a Siberia rusa do leste, afastadas polos pouco máis de 80 quilómetros que ten o  Estreito de Bering  e unha vez máis unidas cando xelan no inverno nas augas porque o mar de Bering, e o de Chukchi, quedan xeados no inverno e libres de xeo no verán, tempo no que é posible a pesca e o paso de baleas, morsas, focas e de salmóns na procura dos seus ríos de desove, que se foron concentrando no borde da banquisa agardando polo fundido do xeo.
O Mar de Bering na primavera esta cheo de vida. As dúas masas continentais de Asia e América vanse achegando entre si dende o sur ao norte para confluír no estreito de Bering. Peixes e mamíferos mariños que proceden de diferentes augas do Pacífico ateigan en marzo os bordes da banquisa de xeo do Mar de Bering que enceta o seu fundido. Barry López, no seu libro Artic Dreams, calculou que 600.000 focas de diversas subespecies, 250.000 morsas do Pacífico, 4.400 baleas xorobadas e 15.000 baleas belugas estaban, cando o visitou, nese borde ademais do millón de focas aneladas  que ocupaban as costas. Cando o xeo vai rachando coa primavera todos estes animais seguen o seu camiño cara o norte arriscándose a quedar atrapados como pasou moitas veces cando de socato volve o xeo ao mar. No Mar de Bering inzan tamén nese tempo bancos de arenques, abadexos, fletáns e ducias de miles de salmóns de diferentes especies que de maneira secuencial van subindo os ríos para o desove. Os caribús tamén encetan a súa emigración ao norte por terra mentres que millóns de aves preparan a súa  viaxe migratoria nas marismas e lagoas da boca dos ríos como o Yukon.
Nesa nova Berinxia, cando chegan as primeiras sinais do inverno, millóns de aves migratorias deixan os seus territorios de cría ou de invernada e voan cara ao sur. Moitas delas fan viaxes de “pequeno” percorrido, apenas uns centos de millas. Outras viaxan medio mundo. O carrán ártico, (Sterna Paradisaea), é un viaxeiro polar. Voa do polo norte ao polo sur no inverno boreal e volve ao polo norte cando comeza o inverno austral. Son 30.000 quilómetros de ida e outros tantos de volta pero fai pousos na viaxe. Os que viaxan polo Atlántico, pasan un mes no medio do océano preto das Azores para despois seguir viaxe baixando pola costa africana e cruzando despois á

sudamericana. É o paxaro que vive case de xeito permanente baixo a luz do día. A Pardela de Tasmania (Puffinus tenuirostris), seguindo os ventos, voa 15.000 quilómetros, de Tasmania e Australia onde cría, ata as illas Aleutianas, seguindo a costa de China, Xapón e Rusia, para fuxir do inverno austral. Volve a Tasmania, non pola ruta asiática pola que chegou, senón pola costa oeste norteamericana, aproveitando tamén os ventos do norte,  para logo atravesar o Pacífico completando un círculo que abrangue o Pacífico do leste e do oeste.
Sen dúbida o carrán e a pardela son os que máis distancia percorren mais para Scott Weindensaul, hai dúas aves que non teñen rival como viaxeiras. O mazarico ou zarapito do Pacífico (Numeius Tahitiensis),  é a Agulla de cola barrada (Limosa Lapponica), levan anos abraiando os naturalistas que os estudan que aínda non son quen de comprender moi ben como fan o que fan porque, ao contrario do carrán ártico, non fan pouso ningún na súa viaxe sobre o océano xa que afogarían por non ter plumas axeitadas para podelo facer como ten o carrán.

O mazarico ou zarapito do Pacífico foi “descuberto” na viaxe do capitán Cook en Tahití en 1768 e durante máis dun século, os científicos pensaron que era un ave residente na Polinesia. Non é doado distinguilo dos outros zarapitos, tamén grandes viaxeiros. Só unhas plumas de función descoñecida que como cabelos medran na parte superior das súas patas permiten diferencialos dos seus irmáns. Até hai pouco, este zarapito era un enigma. En 1948 foi atopado o primeiro niño, debaixo de salgueiros ananos, na tundra da desembocadura do río Yukon en Alaska. Pon uns catro ovos que incuba durante catro semanas. Unha semana ou dúas despois de saír a niñada os pais levan os pitos camiñando varios quilómetros ata unha especie de gardería onde se xuntan con outros pitos, ás veces de especies diferentes, que son coidados por uns cantos adultos mentres os pais dedícanse a alimentarse para recuperar o peso perdido no tempo de cría e preparar a inminente emigración. Ás catro semanas de nacer, as nais marchan a unha rexión do delta do Yukon, a centos de millas, para seguir alimentándose na compaña de milleiros de outros zarapitos. Os pais marchan pouco despois e os pitos que nesa altura xa son quen de voar quedan sós. A finais de setembro ou primeiros de outubro, toda a especie, primeiro os adultos, dúas semanas despois, os novos, (estes sen ninguén que os guíe), emigran. Voan por riba das illas Aleutianas e entran no Pacífico. Algúns pousarán en Hawai despois de percorrer 3.000 millas; outros moitos, seguiran, sen facer ningún pouso, ata Tahití, Tonga, Fidji ou as Carolinas nunha viaxe de máis de 5.000 millas.
A Agulla de cola barrada abraia aínda máis. Aniña no leste de Siberia e no oeste de Alaska. En xullo, ducias de miles de agullas van ás marismas da península de Alaska e comen de tal xeito que a graxa forma unha especie de tubaxes mestos que rodean os seus corpos. Cando xa no poden comer máis, di Weindensaul, as agullas sofren un extraordinario cambio corporal interno. Os seus órganos internos, riles, fígado, intestino, reducen o seu tamaño de maneira importante, alixeirando o seu peso visceral substituído pola graxa que queimarán como combustible na longa viaxe que as agarda porque as agullas de cola barrada unha vez que comezan a súa viaxe, non pousarán ata chegar a Nova Zelanda, a 6.800 millas de distancia voando a 45 millas por hora. É a viaxe transpacífica máis longa do mundo feita sen pousar no mar onde como os zarapitos afogarían por non ter as plumas axeitadas      



        Migracións no Pacífico de algunhas aves de Beringia (Tomado de Living on
         The  Wind  de Scott Weindensaul


A emigración non ten que ver co frío senón coa comida. As aves que teñan posibilidades de alimentarse no frío ártico non marchan e sobreviven. Os insectívoros, os que viven nas marismas que no inverno quedan seladas polo xeo, non teñen outra que emigrar, algúns non moi lonxe, (estados do norte de USA ou do Caribe), outros moito máis alá.  Ademais da comida cómpre ter en conta outro factor xa que se así fose, as andoriñas por exemplo, non terían ningún motivo para marchar das rexións subsaharianas pois alí teñen insectos para a súa mantenza todo o ano. Este outro motivo é a crianza. No tempo da cría as necesidades de alimento medran e a posibilidade de predadores tamén. Moitas aves migratorias procuran terras onde haxa menos competidores polo alimento  e menos predadores. Iso as leva por exemplo, ás tundras siberianas onde no verán hai milleiros de mosquitos e moi poucos predadores.
 O máis “parecido” a estas aves migratorias son, se cadra, os galegos, unha especie afeita a longos viaxes case polas mesmas razóns que as aves migratorias: alimento e depredadores (impostos e recortes).

Birkhead.T. The wisdom of birds. Bloomsbury.2008.
Birkhead.T.Bird Sense. Bloombsbury.2012.
Cocker.Mark. Birds and people.Rspb. 2013.
Penas,Pedreira y Silvar. Guia das aves de Galicia. Baía.2004.
Van den Brink. H. Migratory Birds of Europa. Rebo.1996.
Varios. Atlas ilustrado de las aves de España y Europa. Susaeta.
  2011.
Varios.  Guía de campo de las aves de España y Europa.
 Omega.1973.
Weidensau.S. Living on the wind across the hemisphere with
migratory birds. North Point Press.1999.




[1] Pódese consultar por quen estea interesadoVisual Pathway Links Brain Structures Active during Magnetic Compass Orientation in Migratory Birds”. Dominik Heyers,Martina Manns,Harald Luksch,Onur Güntürkün,Henrik Mouritsenanns,Harald Luksch,,nur Güntürkün Henrik Mouritsen en http://www.plosone.org/article/info%3Adoi%2F10.1371%2Fjournal.pone.0000937



[2] Outras hipóteses poñen en relación os varamentos coas manchas solares e apóñenlle ademais aos cetáceos a capacidade de predicir os tremores de terra. De feito, o tremor de Xapón e o de Nova Zelanda de hai pouco foron precedidos de varamentos masivos nas praias destes países. ou coa capacidade de Hoare.Ph. The sea inside.Fourth state. 2013.

lunes, 26 de agosto de 2013

ANTONIO LOBO ANTUNES

  
1.- Sempre tiven moitos atrancos coa prosa novelística dalgunhas das novelas de Antonio Lobo Antunes[1], mesmo co seu xeito de arredar os parágrafos, a puntuación e a sintaxe aínda que recoñezo o esforzo e a fondura da súa obra. Non son o único. Mesmo Maria Alzira Seixo que fixo un estudo polo miúdo da súa obra narrativa, escribe: sentimo-nos muitas vezes perdidos nos labirintos de tempos e vozes em que os textos de Antonio Lobo Antunes nos enredam…[2] o que non quere dicir que o traballo de lectura non pague a pena. As primeiras novelas son de lectura doada mais, devagar, na súa longa serie novelística van aparecendo mainamente esas labirintos e voces dos que fala Alzira Seixo.  Outra cousa son os seus contos, ensaios e crónicas xornalísticas e outra máis, o home que se debruza nas páxinas do libro de conversas que mantivo hai anos con María Luisa Blanco que daquela dirixía o suplemento cultural de El País[3] .

2.- Non é a de Antunes, unha lectura divertida - ás veces si - e moito menos, de xeito ningún, aburrida. É fonda, ás veces desacougante e sempre, lúcida. Para Antunes, cada novela ten a súa propia chave e cómpre abrila, non coa chave do lector, senón coa do propio libro e mesmo chega a dicir, que, o xeito de abordar os seus romances é apañalos como se apaña unha doenza porque, se os chama romances, é por comodidade pois puido chamalos poemas, visións ou calquera outra cousa. Nunha das súas Crónicas publica un roteiro para lectores pouco avisados:  “Receita para me lerem”:

Quem não entender isto aperceber-se-á apenas dos aspectos mais parcelares e menos importantes dos livros: o país, a relação homem-mulher, o problema da identidade e da procura dela, África e a brutalidade da exploração colonial, etc. temas se calhar, muito importantes do ponto de vista político, ou social, ou antropológico, mas que nada têm a ver com o meu trabalho…por isso não existem nas minhas obras sentidos exclusivos nem conclusões definidas… É preciso que se abandonem ao seu aparente desleixo, às suspensões, às longas elipsis, ao asombrado vaivén de ondas que, pouco a pouco, os levarão ao encontro da treva fatal, indispensável ao renascimento e à renovação do espírito…caminhen pelas minhas paginas como num sonho…[4].

3.- Antunes é (foi) un médico psiquiatra, hoxe xubilado, nacido en Lisboa en 1942 que sempre quixo ser escritor. Demorou tres anos no primeiro curso da carreira porque o estudio non lle deixaba tempo para escribir e tivo unha vida atafegada e perigosa. Pasou máis de dous anos na guerra de Angola, cousa da que, aínda que fala, non quere falar, pero da que ten escrito de abondo nas súas novelas e ás veces, cando lle ven de socato o noxo espertado por algunha lembranza, tamén nas Crónicas. Nnha delas, a 078902630RH+ , o seu número de oficial do exército en Angola, escribe:  un prisioneiro angolano sen pernas, atado no gardabarros do coche barreminas que non deixaba de berrar; o policía da PIDE que patea a unha prisioneira embarazada no ventre e a quen o seu capitán Melo Antunes, ponlle a pistola nas tempas e o manda marchar senón quere que o mate; a muller do inspector, (unha española franquista), que lle aplicaba correntes aos prisioneiros nos testículos; a escolleita dos propios cadaleitos que transportaban nun camión cando saían de patrulla; a envexa que case sentían dos amputados…[5].  Non é a única Crónica na que Antunes lembra o que acontecía en Angola onde os batallóns gañaban puntos segundo matasen máis ou menos inimigos. Cando os puntos chegaban a un certo nivel o batallón era trasladado a un lugar máis calmo, sen guerra e aí, nese lugar máis calmo, era onde se suicidaban os soldados[6].
Ninguén sae indemne dunha vida como esa. Antunes tampouco.  Antunes debe ser un dos poucos, senón o único, escritor europeo vivo que, fixo a guerra como combatente, e a guerra, a de Angola, (tamén a de Mozambique), ten presenza en varias das súas novelas do mesmo xeito que a ten a psiquiatría que foi para el máis inferno que a guerra, polo menos o universo infernal  manicomial do hospital Miguel Bombarda no que traballou cando volveu da guerra despois de seren invitado a ir-se embora do Hospital Santa Maria  por ter dito ao chefe da equipa, que ele cruzaba as pernas como si não tivese nada entre elas (continuo a achar que não tinha)[7].

4.- Nunha das súas crónicas, Epístola de San Antonio Lobo Antunes aos seus lectores[8], afirma que non vai a presentacións, festas, nin bares, que case non concede entrevistas, que non fala, que non sae de noite, que non vai aos concertos nin ao teatro e pouco ao cine, (en parte pola xordeira, unha herdanza familiar aínda que corrixida cun audífono) que non ten ningunha distracción, que vive para a escritura e que cando escribe, non pode deixar de pensar na escrita e ten que tomar valium para poder durmir pois nin durmindo fai un pouso o remuíño de ideas que cómpre levar ao papel. Tampouco bebe e gorenta das comidas dos avións e dos MacDonalds, cousa que alporizaba ao seu amigo Cardoso Pires que non podía entender eses gustos tan pouco requintados. Aínda vai engadir no Cuarto Livro de Crónicas, como se non abondase, unha riola máis de  cousas das que gorenta e de cousas das que non gorenta :

Nunca  coleccionei nada, nunca juntei papéis, nunca guardei manuscritos: vivo do vento. Não tenho cartão multibanco, nin cartão dourado,nin cartão de visita. Trago o dinheiro no bolso como os negociantes de porcos e os intermediarios da droga. Não me importa o que visto…nâo vou a jantares…Não faço parte de nenhuma associaçâo…de nenhum partido. Quase não falo, e, en regra, quase não oiço…[9]. 
 Ás veces cando lle preguntan, ¿ por qué non se divirte?, a resposta é sempre a mesma: porque non se aburre. Non hai nada máis aburrido para os demais, di,  que un home que non se aburre. As persoas que se aburren precisan distraerse, por iso, o viño, as ceas, as viaxes, os cafés, os fins de semana. Antunes odia distraerse, afastarse do que lle interesa e que lle ocupa o día enteiro: a escritura. Son os supostos aburridos os que enchen coas súas obras os andeis das librerías, as paredes dos museos, os que fan a música que van escoitar aos concertos os que si se aburren[10]. Sempre escribe co televisor prendido e aínda pode enumerar de memoria os gañadores do Tour ou os xogadores dos equipos de fútbol de cando era neno, (foi na mocidade un futbolista de moito porvir que cortou o seu pai), un home que fala español perfectamente, ademais de inglés, francés e alemán, que coñece a literatura española de onte e de hoxe mais que confesa que non entendeu Pedro Páramo de Rulfo ata que un día atopou unha edición cun prólogo moi bo no que se explicaba que na Comala á que chega Pedro Páramo, estaban todos mortos. Antunes semella seren uns deses escritores dos que W.G.Sebald recoñecía sentirse abraiado diante da teimosa devoción pola escritura:

Non parece haber xeito ningún de arranxar o vicio da literatura; aqueles atinxidos por el persisten no hábito malia o feito de que xa non hai pracer que se poida tirar dele e mesmo nunha idade crítica …onde …se corre  o risco cotiá de volverse parvo e onde un  arela nada máis que facer un pouso ás rosas que dan voltas na nosa cabeza[11]
Teño a sospeita de que a Antunes, aínda que si concede entrevistas de cando en vez, gustaríalle facer como Nabokov, un escritor por certo que non lle interesa nada, que, só concedía entrevistas cando facía el mesmo as preguntas e daba as respostas.
5.- Este home de poucas falas, tiña dous grandes amigos: o seu antigo capitán na guerra de Angola, Melo Antunes, co que, como facían Beckett e Joyce, podía pasar horas sen falar, (pero falando), e Cardoso Pires, que era dos poucos cos que falaba a eito. Cando Antunes gañaba un premio, Cardoso, todo bonhomía, chamaba a un amigo común e dicíalle: !Gañamos!. Cardoso morreu hai uns anos dunha recidiva dun ACV (accidente cerebro-vascular) e o  irmán de Antunes, Joâo, fíxolle un prólogo ao pequeno e fermoso libro, De Profundis, que Cardoso publicou contando os seus problemas despois de se recuperar do primeiro ACV.

6.- Moi tímido aínda que non o pareza. Non acredita na Psiquiatría. Non cree que sirva para comprender mellor a natureza humana e lembra o que o seu amigo e tamén psiquiatra, David Sampaio, díxolle unha vez: Os psiquiatras somos luxos tristes. En algures, nunha arroutada, o psiquiatra Antunes di dos seus colegas: !que os parta un raio!.! Coñecinos ben, sei do que falo!... A arroutada tiña  fonte coñecida e alicerces máis antigos. Un día foi recoller uns libros a Correos. Agardando pola súa quenda foi ollando para os que se aliñaban na ringleira que lle pareceron baleiros, cansos, luídos pola desilusión dos días:

A mansa desesperación das funcionarias detrás do mostrador, os seus sorrisos sen luz: fóra, o sol nas árbores. Aquí, lámpadas. Envellecen entre lámpadas acesas co sol fóra. Os psiquiatras engordan a costa das lámpadas acesas, eles, que non viven mellor. Venden resignación en lugar de alegría. Adáptese ao mundo non lle pida o mundo que se adapte a vostede…existe a depresión…e un can negro. Se non se lle teme, marcha
Tampouco cría nas psicoterapias: na época na que (aínda) cría nas psicoterapias…Deus..a chea de parvadas nas que crin… Xa na súa primeira novela, Memoria de Elefante, (1979), autobiográfica case toda ela, conta un día na vida do psiquiatra protagonista que coma el mesmo, traballa no Hospital Miguel Bombarda, coma el mesmo ven de se divorciar e pensa a cotío na muller e as fillas que deixou, e que coma el vive en Estoril e vai todas as noites ao Casino, ceiba unha ladaíña de aldraxes cando o porteiro lle entrega para o seu cobro o recibo da Sociedade de Neurología e Psiquiatría:

Puta que pariu os psiquiatras organizados em esquadras da policía…puta que pariu o Grande Oriente da Psichiatria, dos etiquetadores pomposos do sofrimento…puta que  pariu a Arte da Catalogação Da Angustia  …
¿Etiquetadores?. Aínda non estaba no prelo o DSM III, nin o DSM IV, nin o DSM V; ¿Qué pensará hoxe, se pensa algo, desta psiquiatría desemetrista na que inzan cancerosamente as etiquetas?...
Supoño que compartiría a observación de Roland Barthes, para quen a literatura contén todos os saberes aínda que de forma non científica e confía máis nela que no saber do seu oficio.  De feito, non escolleu a psiquiatría de pé feito senón cirurxía que desbotou porque non lle deixaría tempo para escribir. O seu pai, que era neuropatólogo, cando soubo da súa escolla díxolle:

¿A psiquiatría?...iso non é medicina…é uma treta…não tem bases científicas, o diagnóstico não interessa e o tratamento é sempre o mesmo [12].
A crítica da psiquiatría é unha teima recorrente que con abalos e devalos vaise manter ao longo da obra e da vida:

…eu fun moito máis tolo ao crer nos psiquiatras (como non aprendo dos erros tempo despois acreditei nos críticos literarios), nos antipsiquiatras, nos psicanalistas, nese enxame de parvos enfáticos construíndo a partir de cabezas alleas requintados castelos de naipes e teorías sen humor...[13].
En Conhecimento do Inferno, terceira novela “autobiográfica” que publica no ano 1980, unha viaxe dun médico psiquiatra que dura unha tarde e media noite, as críticas abranguen non só ao manicomio Miguel Bombarda senón aos psicanalistas, a psiquiatría de sector e demais alternativas do tempo. O capítulo 8º, escrito con cinismo, sarcasmo e ironía, é unha enxurrada de críticas contra os psicanalistas e os hoxe chamados bioloxistas:

De todos os médicos que conheci os psicanalistas, congregação de padres laicos con biblia, oficios e fieis, forman a mais sinistra, a mais ridícula, a mais doentia das especies. Enquanto os psiquiatras de pilula, são pessoas simples, sem veredas, meros carrascos ingénuos reduzidos à guilhotina esquemática do electrochoque...
Ás veces o protagonista ten arroutadas nas que fai un contrapunto escatolóxico ao que din os colegas psicanalistas. Un deles, comenta que onte pola tarde estivo unhas horas na mar, na praia de Carcavelos, pois quería sentirse en contacto “coa nai”, e alí na praia, espido, entrou no seno materno das ondas que o inundaron de leite. Outro, un pallaso rico vestido como para un baile de provincias, di o protagonista, engade que os banhos de mar devolvem-nos á pre-genitalidade. O protagonista non pode evitar a caricatura e o sarcasmo e deixamos a frase sen traducir xa que para un galego non ten problema entendela:

Um leite cheo de alcatrão... um leite de merda. Vocês já repararam na quantidade de cagalhões  que a mãe traz a boiar? .
Na mesma conversa engade:
¿ Se desaparece o escándalo do manicomio..?...¿ pasa entón a ocuparse co leite da nai do mar de Carcavelos?.   
 No mesmo capítulo e despois de contar o seu traballo no panóptico, Pavilhão de Seguranza, do Miguel Bombarda, segue coas críticas que atinxen agora a todos os que, malia estar repetindo sempre que cómpre rematar coa indigna situación asistencial, non fan nada e esquecen as promesas feitas para continuarmos a discutir generosas e hábeis teorias importadas de França, e Inglaterra, de Itália, dos Estados Unidos acerca da Psiquiatría Social, das intervenções na comunidade, das oficinas protegidas, dos lares pós-cura e das sinistras maravilhas concentracionárias que os clínicos inventan para prolongar a loucura...
 Son os anos de vixencia da antipsiquiatría de Cooper e Laing, da psiquiatría de sector, da loita antimanicomial de Basaglia, do espallamento das ideas de Szasz, da reforma en España, pero Antunes, supoñamos que é el quen fala no libro, non parece acreditar en nada diso e semella situarse, por facer unha comparanza, preto da antipsiquiatría na versión Cooper ou Laing e das ideas de Thomas Szasz aínda que tamén as desbota[14]:

(Os psiquiatras) classificam, rotulam, vasculham, remexem, não entendem, assustam-se por não entender e soltan…sentenças definitivas e ridículas…o inferno, pensou, são os tratados de Psiquiatria, o inferno é a invenção da loucura pelos médicos ( a Psiquiatría é)… uma Medicina persecutoria da fantasia e do sonho, repressiva, judicial[15].
No capítulo 4º describe unha xuntanza clínica da que quixera fuxir pola estupidez da xuntanza, do asilo e do que alí se di. Un dos psiquiatras informa do tratamento con espellos: os médicos havian decidido que os espelhos reconduzian as doentes a um necessário contacto com a realidade exterior, de modo que as cercavan de uma abracadabrante galería de reflexos, de cintilções, de metálicos brilhos verticais…Outro colega propón, (e hai que supoñer que se trata dunha hipérbole sarcástica, ou se cadra non), que, se comezaran poñendo espellos na fachada do hospital, talvez não fosse necessário internar os doentes: as pessoas descobriam-se a si mesmas à entrada do portão e curavam-se automaticamente. Outros recomendan cautela e mencionan algúns artigos sobre tratamento con espellos. Unha psicanalista formada na Suíza, informa que, o profesor Heinemann emprega espellos de plástico. O narrador, Antunes, sen dubida, escribe sobre a psicanalista:

 Uma criatura indefinida que, en Genéve, durante sete anos, confidenciara en francês as mágoas da primeira infância a um psicanalista silencioso e impenetrável, que provavelmente se achava já falecido desde a quinta ou sexta sessão, e cheirava docemente mal na sua poltrona de orelhas
Unha metáfora, claro, do que Antunes pensaba sobre o papel terapéutico do psicanalista, o dun mudo, o dun  “morto”,
Agás Daniel Sampaio, a quen dedicou Os cus de Judas, non debeu facer Antunes moitos amigos entre os psiquiatras no tempo no que traballou no Miguel Bombarda. Non sei o que pensa hoxe  Antunes do oficio de psiquiatra. Nalgures conta que vai (ou ía) de cando en vez ao Hospital Miguel Bombarda a escribir e a entrevistar algúns dos antigos pacientes, relación que non sei moi ben como entender e da que il non da moitos datos. Nos anos que Antunes publica estes libros, Alot, Seoane e outros psiquiatras do manicomio de Conxo, o Miguel Bombarda galego, escribiron Conxo: manicomio e morte. O que alí se conta non estaba moi lonxe do que se podía contar do Bombarda e non estaría demais que os novos colegas leran este libro sobre Conxo se o poden atopar, que ese é outro asunto. 
7.- Pouco despois de volver de Angola participou no 25 de abril co seu capitán Melo Antunes e presentouse unha vez como candidato polo partido comunista aínda que  agora confesa que hai moitos anos que non vota e que o PC é unha igrexa que perde militantes a eito pois ninguén comparte o programa máximo de nacionalizacións e de non facelo as diferenzas cos socialistas son mínimas.
Antunes, separouse da súa primeira muller sen que tivera ningunha razón para facelo, algo que aínda hoxe non entende  e para o que non ten outra explicación que a enxurrada libertaria que o arrastrou despois do 25 abril ou se cadra os “danos colaterais” do seu tempo en Angola. Pasou dous anos traballando e gañando moitos cartos que perdía no casino de Estoril. Puido saír dese período da súa vida e moitos anos despois cando a su muller enfermou foi vivir con ela para coidala ata que faleceu. Foi un tempo felíz, malia as circunstancias, no que Antunes puido unha vez máis - como xa fixera en Memoira de Elefante -  reflexionar sobre o que o afastara daquela muller á que sempre quixo e que sempre esperou a que el volvese. Dende entón quedou a vivir na casa da muller coas súas dúas fillas.
Antunes, di, mesmo hoxe, que non sabe porqué deixou a Zé, súa primeira muller. Cando fala dese tempo di, coido que sen acreditar moito no que di, que eran os tempos da postrevolución e a xente facía esas cousas. Cando se len as tres primeiras novelas, tres infernos, Memoria de Elefante, Os Cus de Judas e Conhecemento do Inferno,  as máis autobiográficas e todas elas cun médico como protagonista, onde están presentes Angola e os primeiros tempos do traballo no manicomio[16], agroma, e escribo con moitas cautelas, unha posibilidade, o que poderíamos chamar sen ningunha pretensión nosolóxica, a síndrome de Ben Hur ou do gafo (leproso). No filme, Ben Hur, Charlton Heston acude ao Val dos Leprosos na busca da súa irmá e da súa nai que procuraran abeiro nas covas e pedras daquel rochedo. Cando nai e filla ven achegarse a Ben Hur, pídenlle desesperadamente que marche para que non enferme il tamén. Podemos chamar a este comportamento, no que alguén que se sente atinxido por unha “doenza” do corpo ou do espírito, afástase daqueles aos que se ama para non contaminalos co seu mal, síndrome de Ben Hur ou do Gafo . Os atinxidos por este mal non consenten a proximidade dos seres queridos cando se senten posuídos por un mal ou un desacougo íntimo e ese mal pode ser un inferno vivido ou unha ferida no amor propio, unha desfeita económica, unha culpa ou calquera outro avatar máis ou menos intranscendente para quen o albisca dende fóra  pero fundamental para eles mesmos. Os así afastados que quixeran compartir ese mal, ese desacougo, non entenden o que ocorre. Adoitan interpretalo erroneamente como desprezo ou apóñenlle ese comportamento, no caso das relacións amorosas, á existencia doutra relación, que ás veces existe, mais que non é determinante. Antunes trouxo con el un inferno interior cando volveu de Angola, de feito, é il mesmo quen o afirma en Conhecimento do Inferno, (pax 81): (pensou)…que talvez a guerra continue, de uma outra forma, dentro de nós… Cando estaba na guerra en Gago Coutinho, (o cu de Judas, e dicir un lugar lonxe de todo), un posto avanzado preto de Zambia, foron atacados pola guerrilla angolana do MPLA e dende o posto de socorro ao ver correr os soldados cara ao “arame farpado” entre berros e disparos, sente o inacreditável absurdo da guerra que (me) fazia sentir na atomosfera irreal, flutuante e insólita, que encontrei mais tarde nos hospitais psiquiátricos, ilhas de desesperada miséria de que Lisboa se defendía cercando-as de muros e de grades, como os tecidos se previnem contra os corpos estranhos envolvendo-os em cápsulas de fibrose….[17] Tamén no Segundo Livro de Crónicas: 1976, um outono duro. Vinham-me constantemente episódios da guerra talvez porque vivía nessa época uma guerra pior… Hoxe os psiquiatras falarían dun TEP, trastorno por stress postraumático cousa que de certo, Antunes, non aceptaría.  Ao volver do inferno da guerra (exterior) entrou case de socato, noutro inferno, o manicomial do Miguel Bombarda. O de Angola era físico e moral: mortes, corpos mutilados, vilezas, maldade pero había un inimigo que respondía coas mesmas armas.  O do Bombarda era mental, moral e físico pero o “inimigo” estaba indefenso.. Se cadra, Antunes marchou da casa e - sei lá porqué me atrevo a propoñer unha idea como esta -  para afastar deses infernos interiores aquilo que máis quería: a muller e as fillas. Volveu cando as lapas xa non queimaban a ninguén que estivera ao seu carón.
8.- Nas cartas que escribe á ´súa muller dende Angola hai un cambio salientable  entre as cartas dos primeiros tempos e as escritas despois do mes que pasa en Lisboa de permiso: 

Nenhuma carta sua esta semana... se ainda V. Excª se interessar por mim, como no tempo em que me escrevia todos os dias e manifestava algum interesse pela minha modesta pessoa. O que se passa? (18-02-72)...
Tres semanas despois as queixas medran :

O tom das tuas cartas é cada vez mais desesperador para mim. Eu não tenho a culpa de aqui estar... na tua última carta vinha inclusivamente uma frase que considero insultuosa para mim: “não sei por que aqui estou sozinha e abandonada...e dizem-me até que não sou feia..”... não me atires frases à cara como a que acima transcrebo...se não o quiseres não te consideres presa a mim. Começo a pensar que erraste na escolha que fizeste casando-te comigo... Falamdo-me como me falas estás longe de me ajudar e de te ajudares. E isso não te perdoo. Não te admito que me destruas...realmente eu pouco valho. E com tua beleza fácil te será levares uma vida agradável (10-03-72).
 Ainda que na carta do día seguinte pide disculpas pola carta de ontem e recoñece que a súa muller sofre tanto coma il, o ton segue a ser máis apagado no afectivo e máis centrado en cousas cotiás.
As tres primeiras novelas, Memoria de Elefante, Os Cus e Conhecemento…, son tres relatos de tres infernos, mesturados pero con énfase diverso. En Memoria, e o manicomio o que conta e a guerra de Angola e o divorcio e a soidade están no fondo. Nos Cus é ao revés: a guerra no primeiro plano e o manicomio e a soidade no fondo. En Conhecemento a decepción atinxe non só ao manicomio senón a psiquiatría e a psicanálise con trazos dos outros dous infernos. Dende estas primeiras novelas Antunes seguirá novelando o que vai acontecendo no país ou nel  mesmo: o 25 de abril, (antes, no tempo e despois), as descubertas, o retorno colonial, a descolonización, a morte e a doenza, etc. e as súas novelas van devagar enchéndose desas voces e labirintos dos que falaba María Alzira Seixo. Os infernos vanse convertendo en Purgatorios 
9.- É unha cita recorrente avisar da natureza temperán destas primeiras novelas ás que ás veces se lle apón estar ateigadas de citas, convocadas, din, para dar seguridade a un narrador que semella non tela e que ten medo de escribir sen esas axudas. É unha observación retrospectiva que non comparto. É certo que nestas primeiras obras son outros os xeitos de escritura, lonxe da mestura de voces, tempos e lugares das que virán despois, e son menos esixentes co traballo do lector pero supoñer que iso é unha eiva e moito supoñer aínda que sexa o mesmo Antunes quen afirma que Memoria de Elefante é unha novela chea de defectos como todas as primeiras novelas, frase, que alguén tan esixente coma il, podería repetir de todas as demais, agás, a derradeira. O Pedro Páramo de Rulfo é unha primeira e última novela; as historias de Borges, mesmo as serodias, están cheas de citas e referencias. Nin por primeiras nin por citas hai que minusvaloralas e que dicir das novelas de Otero Pedrayo que camiñan dende a sinxeleza e a case total ausencia de citas literarias das primeiras (Pantelas home libre) ao inzar de referencias culturais das serodias (Fra Vernero, La fiesta del conde Bernstein, O señorito da Reboraina...)  onde cómpre ter unha cultura como a de Otero ou o recurso a citas no pe´da páxina para manterse no rego da narración.
10.- Non é vaidoso pero sabe que ninguén escribe coma il e non sería quen de responder a un entrevistador, (aínda que lembra na conversa a anécdota), o que Oscar Wilde respondeu a un xornalista que lle preguntaba polos dez mellores libros do século: Ponme vostede nunha situación embarazosa pois só teño escritos catro. Para Antunes a escritura é un traballo escravo do que nunca está satisfeito e vivir, é como escribir sen corrixir. Tom Colchie, o seu editor, chamábao dende Los Ángeles todas as semanas para preguntar pola novela en marcha. Antunes  respondía: Moi mal; unha merda. E Colchie: !Ah ben, entón xa quedo tranquilo!. Escribir para il, non é contar historias, non é dicir, e o exemplo e doadamente recoñecible:  Muchos años después frente al pelotón de fusilamiento el coronel Aureliano Buendía… O que lle interesa é meter o mundo entre as cubertas dun libro. A historia tanto lle ten.
Na conversa que aconteceu hai pouco en Alhóndiga Bilbao (con María Luisa Blanco) da que hai un vídeo en Youtube, da dous exemplos do que é escribir segundo il o entende.[18] Nunha historia de Dickens, un fillo vai visitar á súa nai, vella e doente e pregúntalle: ¿Tes algunha dor querida nai?. A nai responde: teño a impresión de que hai unha dor na habitación e non sei se son eu quen a ten…Isto é describir di Antunes. Outra…Herman Hesse, un escritor que non lle gusta moito, vai paseando: é raro camiñar pola néboa; as árbores non se coñecen entre elas. Iso e describir…
Non gorenta nada ou case nada da literatura que hoxe se fai en Portugal, novelas deshonestas que procuran un lucro rápido. Recoñece que foron os cómics da súa nenez, (Flash Gordon, Salgari) os que determinaron o seu desexo de escribir e que cando tiña 18 anos mercou todos os libros de Miguel Torga de quen fixo unha loanza no Cuarto Livro de Crónicas, non só da súa obra senón da súa altura ética, da súa dignidade e do seu orgullo de seren portugués. Coma Torga, Antunes quere vivir e morrer no seu país e facelo con orgullo e dignidade.
Nunha das súas crónicas, fai Antunes unha loanza do escritor Augusto Abelaira que en 1965 era presidente do xurado que lle concedeu o Grande Premio da Sociedade Portuguesa de Escritores ao escritor angolano Luandino Vieira que daquela estaba preso na cadea de Tarrafal. A PIDE interrogou a Abelaira e aínda que non votara a Luandino para o premio, afirmou perante a policía que si o fixera salvando así a un amigo de Antunes que sendo o responsable da concesión do premio negouno cando foi interrogado pola policía. Non censuro a quen tivo medo- di Antunes- mais non podo deixar de sentir un grande respecto pola valentía e dignidade de Abelaira. Este episodio permanece aínda en min como un exemplo único da materia da que debe estar feito un home… A loanza di tanto de Abelaira como de Antunes

11.-  Antunes non é un deses escritores portugueses que descoñecen ou non queren saber que existe Galiza e que non sen entende sen ela Portugal. O galego e os galegos aparecen nalgunha das súas novelas como Exortação aos crocodilos ou O esplendor de Portugal. No ano 2.000, conta nas conversas con María Luisa Blanco, unha das súas fillas, Joana,  estudaba en Compostela polo que viña moito a Galicia:
Creo que Galicia me gusta tanto porque é a mesma xente e a mesma lingua, porque cando eu era neno ouvía falar galego e me encantaba e agora cando os escoito  falar é como si lera aos poetas dos cancioneiros…Camôes era galego, fillo de galegos e escribía nas dúas linguas…vou a Galicia e síntome como na casa… Rosalía, esa muller maravillosa…
            A min, este antigo colega co que comparto hoxe moitas das súas opinións, pola súa ética, pola súa valentía, e pola súa literatura, meréceme un respecto que case non teño por ninguén.

PD: Cando remate de ler as outras novelas, (vou paseniño) , volveremos falar de Antonio Lobo Antunes.    












[1] É una obra ampla: Memoria de elefante, Exortação aos crocodilos, Fado Alexandrino, O esplendor de Portugal, son algunas das máis coñecidas
[2] Alzira Seixo.M. Os romances de Antonio Lobo Antunes. Dom Quixote.2002. Antunes entendeu o Pedro Paramo de Juan Rulfo cando atopou un libro que explicaba no prólogo que en Comala estaban todos mortos. Eu entendin moitas novelas de Antonio Lobo Antunes dende que atopei este libro de Alzira Seixo. Fico muito obrigado con ela.
[3][3] Blanco.M.L. Conversaciones con António Lobo Antunes. Siruela.2001. Varios dos datos que aquí aparecen están tirados deste libro de conversas con María Luisa Blanco.
[4] “Receita para me lerem” en Segundo Libro de Crónicas. Dom Quixote.2002.
[5] Son escenas recollidas na súa segunda novela, Os cus de Judas ás que volve una e outra vez en crónicas en conversas.
[6]Esta maneira de chorar dentro de uma palabra”. En Segundo Livro de Crónicas. Don Quixote.2002.
[7] En Libro de Crónicas.
[8] En Tercer Libro de Crónicas. Mondadori.2013.
[9]O grande Borges” en, Cuarto Livro de Crónicas. D. Quixote.2011.
[10] En Tercer libro de crónicas. Mondadori. 2013.
[11] Sebald.W.G. A place in the Country. Penguin Books. 2013.
[12] En Conhecimento do inferno, pax 54.
[13] Crónica escrita en voz alta como quien pasea al azar. En Libro de Crónicas (en español). Versión en galego nosa.
[14] Os libros de Laing, Cooper, Szasz, son de finais dos anos 60 e dos anos 70 e de certo, Antunes sabía deles.
[15] Conhecimento do inferno. Ibídem.
[16] Memoria de Elefante, Os Cus de Judas, Conhecimento do INferno.
[17] Os cus de Judas. Pax 53-54