XOSÉ
DÍAZ FUENTES: QUEIXOS. Escultor. (Sarria
1940- París. 2010)
Eran aínda grises aqueles primeiros anos dos sesenta do pasado século mais tamén éramos novos e poucos. Aquela Compostela non tiña mais de 3000 estudantes e a vida íase facendo no que despois se chamou, o casco histórico. A cidade nova aínda estaba a medrar sen xeito e ninguén gorentaba dela. Vivíamos en pensións, íamos facer a mili no verán a Montelarreina, en Zamora, bebíamos un viño póla mañá, outro no serán e íamos xantar ao Vila Pataca (19 pesetas o xantar e a cea) aturando os berros cós que Nicanor pastoreaba aquelas greas de estudantes: !Pon o segundo para estes famentos!. No Kremlin, a pensión da rúa do Franco 32, vivía xente curiosa. L.C., que daquela procuraba ir organizando o Partido Comunista, B, que sería despois maxistrado no supremo e xulgaría a Oubiña entre tantos outros, o Super, o Cro, Barbita Linda, fillo de Torrente Ballester, o único que coas súas maneiras finiquiteiras e requintadas foi quen de lle meter un calote á padroa e que roubaba libros para os amigos sempre repartindo as perdas equitativamente nas librarías. Por ese rodopío apareceu un día, Pepiño Díaz Fuentes, o Queixos, un mozo vedrairo de Sarria que coñecía un abastado cantigueiro popular galego que ía dende unha ópera pornográfica con recitativo e coros ao xeito do Cazador Furtivo,[1] até Alalás e romances de cego. Daquela cantábase nos bares e o Queixos cantaba no 42 da rúa do Franco facéndolle a competencia ao Fandiño e aos da Peña Madridista que se xuntaba nunha gran mesa a carón da nosa que tiña un curioso rito de obrigado cumprimento. Cada membro tiña o seu lugar pero debido ao espazo moi estreito, cando alguén chegaba tarde o Presidente petaba na mesa e mentres cantaban un alalá levantaban a enorme mesa polas patas para que o membro retrasado pasando por debaixo puidera ocupar o seu sitio.
O Queixos era un alcume ben ganado nunha vella rifa coa súa
aboa que testán como era, queríalle meter ao Pepiño mais queixo do que podía
aturar e o Pepiño, daquela un cativo,
contestou cousas que aquí non se poden poñer. O Queixos, estaba daquela
na Escola de Artes e Oficios e traballaba ao tempo nun obradoiro de
acibeche pero tiña arelas artísticas de mais porte. Un día, trouxo un bo mangado
de barro á pensión e alí comezou a me facer un busto que axiña foi bautizado
como, o Tiberio, xa que se achegaba mais á estatuaria romana que ao modelo que
tiña diante (puido bautizalo como Adriano pero iso é outro asunto). O Queixos,
xustificaba a obra dicindo que dalgún
xeito eu tiña portén cós antigos emperadores romanos pero, nin por esas. Foron
semanas de posado mentres eu debullaba nos textos das médicas sen que o busto
quixera se achegar moito ao modelo que quedaba ás veces, semanas debaixo dun
pano mollado agardando a nova visita do artista. Ao cabo, o Tiberio volveu por causas
descoñecidas ao seu estado de materia orixinal cando xa ía collendo o feitío do
“emperador”. Cousas que pasan.
Queixos, de pelo enguedellado,
ollos con faíscas e unha navalla sempre no peto coa que lle daba forma ao que
fose, foi dende entón un deses amigos que resisten o paso dos anos sen saber deles e cos que un, un día calquera,
se volve atopar como si se viran onte
pola noitiña.
Un día, non sei onde nin cando,
coñeceu a unha rapariga francesa que viaxaba pólo país e marchou con ela para
Francia onde casaron e tiveron unha filla. Antes, andou por Barcelona e Madrid
en escolas e academias. Pasou tempo sen que soubéramos del até que apareceu un
día como escultor instalado na ville
lumiere con encargos oficiais. Se facemos un pequeno percorrido pola
Internet atoparemos moitas cousas do Queixos. Unha exposición en Conflans, na banlieu parisina, medalla do Mérito da Escultura, entregada no Senado
francés e o Premio Europeo de Escultura concedido polo xurado do Salón de Caen.
Era o novo Queixos que agora facía tamén esculturas para concellos galegos e franceses,
expoñía en galerías importantes e era quen de traer á súa Sarria natal o Salón
Europeo de Escultura. Era un novo
Queixos, enxoito e circio, que deixara atrás os seus anos excesivos nos que
fumar e beber formaban parte da súa vida cotiá pero o pasado, esquecido ou
durmido, veu esixir o seu tributo cando ninguén o agardaba e un cancro de
pulmón levounos a este amigo cando ninguén o esperaba[2].
Estiven no seu enterro en Sarria cando trouxeron as súas
cinzas de Francia. Non falei con ninguén. Non sei porqué.
[1] * A Ópera. Fragmento.
Tenor -
E vos téndelo...e vos téndelo mexar torto (recitativo). .. (A tempo) -
Coñecínvolo polo andare e vinde acó polo río abaixo que volo hei de endereitar.
Coro:
!Con qué!.. !Con qué!.
Tenor:
Co pau de mexar.
[2] En Internet, José Díaz fuentes” pódese ler o longo catálogo de obras, exposición,
premios e intervención do Queixos.