martes, 4 de octubre de 2011

AS ILLAS DESCOÑECIDAS DE RAUL BRANDÃO 1 ª Parte

AS  ILLAS  DESCOÑECIDAS de Raul Brandão (Oporto1867-Lisboa 1930)[1]

No mes de san Xoán do ano do señor de 1924,  Raul Brandão embarca en Lisboa no vapor San Miguel rumbo ás illas Azores, as terras portuguesas máis afastadas do continente e non só xeograficamente. Durante case tres meses percorrerá as illas anotando as súas impresións nun pequeno caderno que publicará ao ano seguinte como libro: As ilhas desconhecidas. Malia ao título, non era unha viaxe cara ao descoñecido como a que fixera o seu mítico devanceiro irlandés do mesmo nome, san Brandán, na procura da illa dos benditos, e non deixa de ser curioso que, un dos seus mestres máis apreciado a quen cita no texto, se chamara como outro monxe irlandés tamén viaxeiro: Columbano. Se cadra foron os ecos deses nomes o que o levaron a esas illas afastadas ou pode que fose algunha incerta inquedanza. Brandão non era o primeiro que escribía sobre as Azores. En 1867 un nativo das illas que vivía en Boston, como tantos outros azorianos, M.Borges de F. Henriques, volveu aos eidos nativos (illa de Flores)  e escribiu Trip to Azores. Anos antes, en 1841, dous británicos, os irmáns Bullar, pasaron un inverno nas illas e deron ao prelo A winter in the Azores e cun título semellante, pero noutra estación do ano, Charlotte Alice Baker publicou, A summer in the Azores en 1882. Brandão non cita a estes devanceiros viaxeiros no seu libro, non sei se por descoñecelos ou por non contaminar a súa ollada cos relatos dos viaxeiros que o precederon.
 Anos antes, en 1907,  Synge escribira un libro sobre unhas illas un pouco menos remotas: as illas Aran, na badía de Galway, no occidente irlandés. Tanto Synge como Brandão morrerán pouco despois da publicación dos seus libros, que quedarán como as derradeiras testemuñas de vidas dedicadas á escritura. Son libros fondos, que Vicente Risco, sempre atento ao que se publica sobre Portugal e Irlanda, lembrará en Pelerinaxes  (1929) cando escribe sobre San Andrés de Teixido:
  
Mais o misterio de Teixido ficara sen esparexer, e pra ben dalo á xente, cumpría un libro como o que o irlandés Synge adicou ás illas Aran ou o que o portugués Raul Brandâo adicou ás illas Azores...

Non temos aínda ese libro agoirado por Risco e Teixido segue agardando polo seu cronista aínda que Federico Maciñeira en 1921 publicou un estudo de moito interese sobre Teixido, hai que supoñer que non era o libro máis literario que agardaba Risco.  
A 1.200 millas da costa portuguesa e a dúas mil da americana, as Azores son como as Canarias, illas de berces volcánicos no medio do Atlántico: Santa María, San Miguel, Terceira, Graciosa, Pico, São Jorge, Faial, Flores e Corvo. Cada unha delas ten o seu propio feitío, a súa historia. Todas teñen algo en común.Tres das illas están sobre a placa euroasiática, tres sobre a africana e as demais sobre a americana. As illas máis occidentais vanse achegando aos poucos a América. A máis antiga, a illa de Pico, ten 250.000 anos.
A ruta do barco que leva a Brandão vai saltando de illa a illa. Primeiro Madeira, onde Brandão non desembarca. Despois dunha noite na mar, esperta no amencer polo arrecendo a xestas que lle chega ao camarote: é Santa María, a primeira das Azores segundo se ven do continente, illa de oleiros mais un ermo onde ás veces hai que traer auga en barcos da illa veciña de São Miguel, cousa que  a Brandão non o desacouga pois confesa que sempre lembrará o púcaro de barro poroso que torna a água fresquíssima, e o cheiro a xesta que a embalsama. Despois, São Miguel e Terceira, Graciosa, Faial e Pico, apenas albiscadas mentres o barco segue o seu rumbo polos canais que as afastan.
En Corvo, primeira illa na que desembarca “de verdade”, a máis pequena, pobre e afastada das nove illas Azores, xorden os interrogantes durmidos e os laios retóricos espertados por unha illa tan descarnada e batida polos ventos fortes que no inverno  o sino tange sozinho... Sinto-me como nunca me senti, isolado no mundo:  ¿Que vim eu aqui fazer?.¿ Foi esta pedra isolada no mar com alguns seres agarrados às leiras que me levou à viagem?. ¿Foi este resto de vulcão, sem paisagem nem beleza, que me trouxe?...  .Da illa de Corvo, xa esvaecida a primeira impresión, escribe Brandão:

Non hai portas... não há ricos nem há pobres, e neste mundo isolado tanto faz ser rico como pobre... o homem mais rico do Corvo anda descalço como os outros e lavra a terra com os filhos. O pedreiro, é pedreiro e lavrador, o ferreiro é ferreiro e lavrador, e morre à fome quem não fabrica os currais por suas próprias mãos. Ninguém se sujeita a servir – mas todos os vizinhos se ajudam: quando toca o sino a rebate, o povo acode a destelhar a casa, a construir a corte ou a levantar o socalco.





Illa do Corvo

Nunca houbo un asasinato en Corvo, segue Brandão, e até hai pouco non se usaba o diñeiro, todo se cambiaba. Xabón, tabaco e lenzo azul, chegaban traidos polos rapaces novos embarcados nos buques que ían ás baleas. Os da illa daban cebolas, patacas e leite. As vacas en Corvo son pequenas, acaídas coa illa, e são mungidas nos pastos, e produzem este leite perfumado, que não me canso de beber e que sabe a todas as ervas rasteiras que cobrem o chão como um tapete. As xentes de Corvo pasaban meses sen saber do mundo e comunicábanse coa veciña illa de Flores prendendo fogueiras nos cumios que se ven dende as 15 millas do perigoso estreito que as separa. Foi Corvo a illa que espertou en Brandão preguntas, desacougos e remuíños de ideas filosóficas e relixiosas. Cando segue a viaxe pólas outras illas o seu relato xa está espido desas ideas e desacougos. É un relato máis de viaxeiro e turista que de “antropólogo”. En Corvo atopou unha maneira de vivir primixenia, a rentes da natureza. Nas outras illas, aínda na súa pobreza daqueles anos, síntese no xa coñecido, na civilización, cos seus acertos e as súas eivas. Pouco que ver coas xentes de Corvo onde os homens são estátuas por concluir, as frases rudimentares...duas dúzias de velhos descalços, figuras de outro século, falando uma língua desenterrada. Esa metáfora, “língua desenterrada” como outras moitas do texto, mostra a fondura da prosa de Brandão.

         O estreito entre Corvo e Flores nos tempos de Brandão, era para mariñeiros afoutos. A viaxe a vela, podía levar de tres a once horas segundo os ventos e non sempre remataba ben. Os naufraxios foron moitos neses anos e aínda que había unha pequena estación telegráfica en Corvo, non funcionaba porque non tiña unha batería que a alimentase. Hoxe, Corvo, como as demais illas, ten un pequeno aeroporto pero os case trescentos quilómetros que a separan de Faial e Pico, seguen facendo da illa un lugar afastado do mundo[.2]. Un exemplo: non foi até o ano 1986 que se puído ver a televisión en Flores e Corvo 
En Flores, o cambio, escribe Brandão, é notable. Entre Corvo e Flores hai 15 millas pero a distancia que as afasta vai moito máis alá da xeografía. En Flores hai administración, servizos públicos, estradas e moitos prados e vacas.  Nin os escribanos nin os servizos públicos convencen a Brandão que ve esta illa ateigada de preguiceiros e onde tanto ten estar vivo como morto e onde as xentes aínda agardan por don Sebastião que virá cando na illa haxa tres invernos e un verán[3].                                     
                   A vida non me interesa chega a dicir nunha frase arroutada, e por vida, hai que entender as xentes de Flores que se non están como as de Corvo a rentes da natureza  non merecen a súa atención. Non pasa o mesmo coa fauna, coa flora que describe polo miúdo con coñecementos de botánico, de ornitólogo e a paisaxe coas súas cores cambiantes que describe como o probable sinestésico que foi. Aquí todo son loanzas: loa as hortensias, os camelios, os paxaros terrestres e mariños, os muíños dos flamengos, as lagoas, todo, menos as xentes.                           
                                                                                                            




Illa de Flores

           Para Brandão, Flores é a illa do leite, das vacas e dos mortos vivos. Toda a illa é un inmenso pasteiro onde dan leite os montes e os vales e mesmo dan leite os cráteres dos pacíficos volcáns que ás veces acollen unha aldea no seu colo.Todo ese leite transfórmase en manteiga que vai para o mundo. Brandão escribe que entende Corvo, pero non os intereses mesquiños dunha vila lonxe do mundo como Flores, onde tanto ten estar morto como vivo. Mesmo parece inmune a evidente fermosura da illa cos seus tres cráteres extintos. O Borges  de Trip to Azores, como nativo de Flores, fai un relato moito máis agasalleiro da illa aínda que tamén informa de erupcións, terremotos e mesmo tsunamis. No verán de 1847, conta Borges, un anaco de terra da illa de Flores dunha milla de longo e trescentos metros de altura quebrou e caeu ao mar provocando un tsunami que afogou a varios mariñeiros, dous en Corvo, sete en Flores,  nunha sorte de agoiro do gran tsunami que se agarda que aconteza na illa canaria de A Palma cando media illa se afunda no mar ao se abrir a falla que a esgaza. Non era a primeira vez que pasaba tal cousa nas Azores e non será de certo a derradeira
Faial
 

 O que as illas teñen de máis fermoso e o que as completa, di Brandão, é a illa que teñen enfrente. A illa de Pico hai que vela dende Faial ; a de Faial dende Pico. Faial, a illa azul, polas hortensias que medran por toda a illa abeirando estradas e camiños, até o punto de que Brandão despois de percorrer  illa e recollerse na pousada, confesa que: a noite não posso durmir; estou encharcado de azul. 
Os 2.300 metros de altura do volcán que lle da nome a illa de Pico fascinaron a Brandão. O estreito que a separa de Faial ten pouco máis de sete quilómetros a distancia precisa para que a montaña máis alta de Portugal, como o Teide en España, pareza un milagre no medio do océano. Se eu vivise aquí, di Brandão, gustaríame unha casa e unha cama  dende as que só se vise o pico...  E o Pico, enchería a miña vida. O home de Faial é máis labrego que gandeiro e colleita algo de trigo, millo, viño, laranxas, piñas, patacas e plátanos. No percorrido pola illa atopa os muíños holandeses ergueitos polos flamencos que colonizaron a illa no século XVI e deixaron en Faial e a veciña Pico, pegadas importantes na toponimia, na arquitectura, nos muíños, e nos costumes. Faial ten temén o  malpocado mérito de ter arrequecido a terra portuguesa. O volcán dos Capelinhos  fixo medrar dous quilómetros a illa pero 4.000 habitantes tiveron que emigrar, case todos eles, aos Estados Unidos. Na fotografía pódese ver o  faro que antes da erupción do volcán que durou 13 meses (1957-58) estaba a pé do mar.   

           Nos tempos da viaxe de Brandão, as mulleres de Faial levaban o "monstruoso" capote, unha especie de capa feita de pano groso que as cubría dos pés á cabeza e que pasaba de nais a fillas. Os ollos afeitos dos homes da illa sabían se a muller que pasaba era moza ou vella, guapa ou fea polos pés e medias que levaban o que xa é moito adiviñar.





Illa de Pico

O capote era para Brandão un trazo de carácter de Faial; o outro, era a vista da illa de Pico.Cada illa para Brandão ten unha unha cor e unha nube propia. Se Faial é a illa azul,  Pico é a illa negra, negra na terra, nas praias, na poeira das estradas, nas casas nos campos divididos e subdivididos por muros de lava, nas igrexiñas das aldeas requeimadas e tristes, mais de cando en vez, agroma no medio da negrura da paisaxe mineral un souto verde de castiñeiros, un campo de millo, figueiras, algún drago  ou un anaco do mar nos lonxes que aquí é máis azul que nas outras illas. Tamén algunhas vides que medran como en As Canarias en buratos feitos na lava e que lle deron a este viño do Pico sona mundial. A paisaxe, mesmo cando pretende ser alegre, abeira  sempre un agoiro de destrucción e morte que só se atopa tamén en Nápoles co Vesubio fumegando ao fondo.Mais foi esta illa, despois da  primeira impresión. a que o seduce:  Esta ilha negra e disforme apoderou-se dos meus sentidos. Tudo o que a princípio me repelia, o negrume, o fogo que a devora… tudo me seduz agora. O Pico é a mais bela, a mais extraordinária ilha dos Açores, duma beleza que só a ela lhe pertence, duma cor admirável e com um estranho poder de atracção. É mais que uma ilha – é uma estátua erguida até ao céu e moldada pelo fogo…

As nubes en Azores  teñen vida e feitío propio, unha vida de seu que Brandão asegura non entender ben. Cada illa ten a súa, independente das outras nubes e do ceo e con vida aparte. Xa poden asubiar os ventos do nacente ou do poñente e desfacer as outras nubes en farrapos esfíañados que a nube de seu de cada illa seguirá alí, e a nube de Pico ten unha cor pola mañá, outra no luscofusco seguindo os cambios do volcán. É un máis dos misterios das Azores.
En Pico os flamencos que colonizaron a illa no século XVI deixaron pegadas importantes na arquitectura, nos muíños, e nos costumes.  A Festa de San Marcos onde os homes casados percorren a illa en cofradía de cornudos chamando aos homes de todas as casas para que se incorporen como membros de pleno dereito aos demais cofrades, é de orixe flamenca e celébrase en Pico, Faial, Corvo e Flores, cousa curiosa, o 25 de abril. Ese día todos os casados da illa sofren de socato unha arroutada. Bebendo sen pouso, cun corno no cumio dun pau que levan  baixo unha especie de palio, os homes andan casa por casa na procura de quen se poña por diante e piden a berros que o home da casa veña bicar o corno pois o saiba ou non, é un dos cofrades. As veces a muller do interpelado berra tamén contra as inxurias sobre a súa infidelidade sen que ninguén lle faga caso: !Malandros!..!O meu homem..eu nunca lhe pregue desfeitas!....!voçes que são!  . Pola mañá todo volveu ao rego. Até o 25 de abril do seguinte ano...
No tempo de Brandão, Pico e Faial eran as ilhas máis baleeiras polo que o cheiro das factorías sentíase en toda a illa sen que ninguén se queixase: cheira a diñeiro. Máis de douscentos homes dedicábanse daquela á caza da balea e as páxinas que Brandão dedica á esta caza son como as mellores de Melville que Brandão non sei se chegou a ler. A caza das baleas ao xeito tradicional, a remo e arpón, como en Moby Dyck, mantívose nas Azores até os anos 80 do pasado século cando Portugal decidiu cinco anos antes da prohibición internacional, rematar coa caza aínda que podería seguir con ela polo seu xeito artesanal de facela. Nos tempos de Brandão todas as illas cazaban baleas sobre todo Faial e Pico. Un vixía dende o cumio dun monte avisaba cando divisaba baleas na mar. Todos deixaban entón o que estaban a facer, mesmo, acompañar un defunto ao cemiterio, corrían á ribeira, embarcaban nos botes e seguindo as sinais do vixía remaban ata achegarse ás baleas, sempre por detrás, ou en menos casos por diante, xa que a balea non ten visión pola fronte . O trancador arponeaba á balea e soltaba corda . Se había sorte a balea que se mergullaba volvía á superficie de novo e alí era alanceada. Logo había que remar arrastrando o animal ata a costa o que podía levar máis dun día. Alí comezaba o inferno. Esgazaban a balea en anacos de graxa que metían en caldeiros para fundila, abrían a enorme cabeza do cachalote e recollían o aceite, o espermaceti que vendían para lubricante de mecánicas delicadas. Se había sorte, podían atopar algo moito máis valioso, o ámbar gris, os refugallos non dixeridos dos picos dos calamares xigantes que comen os cachalotes, materia que procuraban nos  intestinos do animal e que venderían a prezos moi altos.

Melville conta no capítulo XXVII de Moby Dick como os baleeiros americanos de Nantucket que facían singraduras de un ou dous anos, facían un pouso nas Azores, (tamén en Cabo Verde), para recoller tripulantes para os seus barcos : Non son poucos os mariñeiros baleeiros que son das Azores onde fan unha escala os barcos de Nantucket para incrementar as súas tripulacións cos enxoitos campesiños daquelas terras rochosas...os homes das illas semellan ser os mellores baleeiros. No Pequod eran todos isleños... Moitos dos que se embarcaban tardaban anos en volver ou non volvían nunca. Quedábanse en Nova Inglaterra e para alá levaban emigrados a parentes e mulleres coas que casar. Aínda hoxe, en Massachussets viven milleiros de portugueses e caboverdianos que manteñen xornais, emisoras de radio, centros de ensino en Portugués e tamén en crioulo de Cabo Verde e van e veñen das Azores para América como quen vai de Vigo a Ourense. Se puidesen, escribe Brandão, en 1924, todos os azorianos emigrarían para América e as illas ficarían despoboadas.Esa emigración non  se detivo nunca e segue hoxe.Quen non ía ás baleas ía ao bacalão, unha pesca non menos dura en barcos  que  levan capitão e cozinheiro, cinco botes e dois homens para cada bote, tudo gente do diabo, pretos e chineses, portugueses e sei lá –- o mundo!... Só o capitão é americano…. São seis dias, com vento escasso, de viagem da América ao mar de nevoeiro. E não se vê mais nada senão nevoeiro, nevoeiro, nevoeiro... Levantamo-nos às três horas da manhã (lá tanto faz ser dia como noite, é tudo um) e depois de comer armam-se os botes para a pesca, dois homens em cada um… trabalhando sempre. Trabalha-se até à meia-noite, e os que regressam da pesca caem logo num sono profundo até às três da madrugada.
Poucos son os homes novos que fican nas illas. Os que non van ás baleas ou ao bacalao andan espallados polo mundo adiante en lugares que ninguén pensaría, (as illas Fidji) moitas veces por se librar do servizo militar.
Segundo  Valdés Hansen.no seu libro, Los balleneros en Galicia ( Siglos XIII al XX) as baleas cazáronse en Galicia do mesmo xeito artesanal e de baixura que nas Azores dende o século XIII polo menos en Prioiro, San Cibrao e Bares espallándose despois nos séculos seguintes a Camelle, Malpica. Cangas e moitos outros portos. Eran baleas francas, cabrotes, xibartes e trompas (cachalotes), caza esta máis serodia. Era unha caza que se facía dende a costa e con vixías dende atalaias como en Azores. Nas praias recollíase ámbar gris en cantidades ás veces importantes e había xente que viña de lonxe a mercalo como en 1586 que viñeron boticarios de Compostela e Coruña na procura do  ámbar recollido en Caión para vendelo despois en Madrid.





[1] En español hai una excelente traducción e notas de María Tecla Portela, Las islas desconocidas, na non menos excelente editorial galega, Ediciones del Viento. É inexplicable que esta sexa a primeira tradución ao español deste libro. En portugués está disponible o texto en Internet en Projecto Vercial. É moi recomendable explorar no Google Earth as illas antes ou no momento da lectura.
[2].- Corvo: 425 habitantes en 2001.
[3] .- Flores:4.300 habitantes en 2001; Faial:15.000 hbs 2001; Pico; 15.000 hbs 2001.

1 comentario:

  1. Oceano Nox

    Junto do mar, que erguia gravemente
    A trágica voz rouca, enquanto o vento
    Passava como o vôo do pensamento
    Que busca e hesita, inquieto e intermitente,

    Junto do mar sentei-me tristemente,
    Olhando o céu pesado e nevoento,
    E interroguei, cismando, esse lamento
    Que saía das coisas, vagamente...

    Que inquieto desejo vos tortura,
    Seres elementares, força obscura?
    Em volta de que idéia gravitais?

    Mas na imensa extensão, onde se esconde
    O Inconsciente imortal, só me responde
    Um bramido, um queixume, e nada mais...

    Antero de Quental,poeta morto en Ponta Delgada tras dispararse dous tiros nun xardín dun convento ante un letreiro que pon "Esperanza"
    Antístenes Oé

    ResponderEliminar