lunes, 2 de mayo de 2016

PALCO DA LOUCURA. Os demonios em Picasso, Hemingway, Marilyn… Adrián Gramary. Idioteque. 2015[1].





Reading makes a full man, conversation a ready man and writing, an exact man…
                                                       Francis Bacon

 Os artigos recollidos neste libro de Adrián Gramary, posúen unha infrecuente virtude. Poderían ser publicados tanto nunha revista psiquiátrica como nunha revista literaria e non das menos importantes. No prefacio, Gramary avisa de que o seu libro, quer ser, antes de mais, uma reivindicação da leitura e do bon leitor... leitura como prazer, como investigação, como fonte de reflexão e como tentativa de conhecemento do outro... Non sei se o seu aviso chegará a moitos dos seus colegas pois hai anos, creo, que os psiquiatras deixaron de ler polo menos no sentido que Gramary pretende. A prosa científica psiquiátrica é hoxe un ermo no que, con algunhas excepcións, nin existe unha mínima vontade de estilo na súa redacción, nin atoparemos exemplos nin citas de Shakespeare, Virxilio, Proust, Platón, Hemingway ou Primo-Levy para ilustrar casos clínicos ou entidades diagnósticas. Non hai moito, revistas de primeira liña da especialidade como o American Journal of Psychiatry ou L´Evolution acollían nas súas páxinas reseñas literarias que tiveran relevancia ou interese para o eido psiquiátrico seguindo, non sei se por coñecemento ou por decisión de seu, o dictum de Roland Barthes que escribía en algures que, a literatura abrangue todos os saberes aínda que de forma non científica.  Hai tempo que non as leo polo que non podo acreditar si manteñen o mesmo costume pero sospeito que as cousas mudaron e van agora por outro rego máis acaído cos tempos dunha psiquiatría que, de seguir polo camiño que hoxe leva, arríscase a esmorecer ou desaparecer apreixada entre unha psicoloxía e unha neuroloxía cognitiva que non deixan de medrar e renunciando ao tempo, ao amplo e abastado repertorio de coñecemento dos comportamentos humanos que acollen a literatura, as artes ou a filosofía[2], cousa por certo, esta do recurso a filosofía ou a literatura que non desbotan agora neurólogos como Antonio Damasio ou Ramachandran. Se cadra, por esa renuncia, alguén bautizou como Síndrome de Dióxenes a xentes que de costas á sociedade, se pechaban nas súas casas que ateigaban de lixo e obxectos inuteis e ían se deteriorando cando o certo é, que Dióxenes, vivía ensinando e predicando na rúa, non tiña deterioro cognitivo ningún, nin ateigaba o seu tonel  e ao ver un neno bebendo coas mans, guindou a súa cunca no chan  para quedar de mans lavadas, sen ningunha posesión de seu.
Gramary é unha desas excepcións que se move con habelencia e coñecemento nos eidos da psiquiatría e con non menos habelencia nos da literatura, pintura ou a danza. Cunha prosa limpa e peneirada, as vidas e mortes de Hemingway, Stefan Zweig  ou Primo-Levy, a cegueira histérica de Hitler, os dilemas éticos que naceron con Hiroshima e a vítima inesperada de Claude Eatherly, que deu ao Enola Gay dende o seu avión avanzado de recoñecemento, o permiso atmósférico que precisaba e nunca se perdonou a si mesmo facelo, as leas éticas Gunther Anders-Eichman- Hannah Arendt- Harry Truman que seguiron, (tamén Oppenheimer aquí esquecido), a eivada vida de Marilyn e a súa peculiar relación cos seus psicanalistas (en especial Greenson), o asasinato de Miguel Bombarda e o seu labor psiquiátrico e republicano, Van Gogh, Nijinsky, Charcot e a Salpetriére, Picasso e como sobrevivir á súa morte... De xentes e vidas coma estas escribe Gramary o seu Palco da Loucura e calquera que non estea atinxido por esa especie de psiquiatría “twitter” tan enxoita nas súas notas clínicas como allea a todo o que non sexa o avatar dun neurotransmisor, tirará proveito e coñecemento do que aquí se escribe e desfrutará facéndoo.
Por certo; fermosa dedicatoria a do libro: Aos meus pais que vão conmigo...


[1] Adrián Gramary, naceu en 1967 en Vigo. Estudou medicina en Compostela. Psiquiatría no Hospital Magalhães Lemos de Porto.Hoxe, exerce de psiquiatra en Vila do Conde. Vai e ven entre Vigo e Porto todas as semanas.  

[2] O libro do antigo psiquiatra e premio Nobel Eric Kandel, The Age of Insight, é unha mostra de ciencia e humanidades.

No hay comentarios:

Publicar un comentario