miércoles, 24 de febrero de 2010

APARECIDOS e DESAPARECIDOS


Hai anos, se cadra moitos anos, en Galicia as benditas ánimas e os aparecidos non eran cousa que estrañara a ninguén. Era cousa sabida que calquera que camiñase de noite por unha corredoira ou volvese de mocear de a cabalo pola fraga, podía atoparse con algún destes viaxeiros do alén na procura de alguén a quen lle dar recado da súa derradeira e esquecida vontade ou albiscar unha estadea silandeira cumprindo o seu peregrinaxe.
Xa non hai aparecidos e ninguén sabe que foi deles. Agora o que acolle a Galicia rural, son desaparecidos. Cada poucos días, un home ou unha muller atinxidos por ese mal que rouba a memoria, ou por razóns mais incertas, desaparece da súa casa. Veciños, policías, cans de rastrexo, ás veces helicópteros, comezan unha busca sen pouso que non sempre remata ben. Algunhas veces atopan o desaparecido xa morto e cousa curiosa, case sempre preto da súa casa nun lugar por onde din que xa pasara a xente que o buscaba. Outras veces, non aparece nunca ou algún cazador atopa os seus restos anos despois nun recanto afastado dunha bouza. Hoxe é cousa doada desaparecer nunha campía na que inzan toxos, xestas é unha matogueira mesta onde se agocha o porco bravo. Xa ninguén vai rozar o toxo, apañar piñas para o lume, decotar os carballos, traballar as leiras, levar o gando a pacer... En tempos pasados había sempre xente nos campos ou no monte, e eran eses ollos os que vixiaban o incerto camiñar dos vellos desnortados. Agora os campos están ermos e baleiros. Abonda con afastarse algúns metros da casa, para mergullarse nun mato no que xa non hai referentes coñecidos. Aí desaparecen e con eles, van desaparecendo as aldeas que devagar, tamén son devoltas ao reino da natureza virxe... É como se estes desaparecidos, nun derradeiro pulo, quixeran fundirse coa terra na que viviron como aquel gran xefe indio, Cabalo Tolo, que acoitelado por un sentinela, non quixo agonizar no leito senón deitado sobre a terra a que pertencía e sobre a que escoaba o seu sangue.
Nas cidades os desaparecidos teñen outro feitío. Só no mes de xaneiro, en Ourense, foron atopadas mortas nas súas casas seis persoas de idade avanzada que vivían soas. Algún veciño, algún familiar, avisou de que desapareceran dos acostumados ritmos da vida diaria. Hai dous ou tres anos, en Francia, un home que vivía só, foi atopado dous anos despois da súa morte, sentado nun sofá ollando un televisor aínda prendido. Casos como este, fan lembrar o verso ermo e de soidade absoluta de Paul Celan: en ningures preguntan por ti.
PD: No ano 2009 houbo en Galicia 400 denuncias por desaparicións.Houbo semanas nas que veciños, protección civil e policías, buscaban en Galicia a tres desaparecidos ao mesmo tempo. Moitos volveron ás súas casas. Outros moitos, non.En España viven solas 2.500.000 persoas, delas, 1.250.000 teñen mais de 65 anos.