Leo a Novoneyra dende hai moitos anos. Sei moitos versos de memoria. Se tivera que citar un poeta galego, un único poeta galego, eu diría Novoneyra. Non é que sexa un experto na poesía galega, pero leo o que vai saíndo, e moitas veces o que leo, teño que confesalo, non esperta moito interese en min. Teño a impresión de que algunha, senón moita, desta poesía de hoxe, non só galega, pertence a ese xénero musical de significantes na procura de harmonía mais sen significado, que Alfonso Reyes chamou jitanjáforas e Juan Ramón Jiménez arremedaba dicindo: lata,lata,lata, hojalata..... Se cadra, é unha eiva miña de lector conservador mais nesta altura un xa ten a idade precisa para non ter que dar explicacións nin xustificar os seus gustos. Novoneyra é outra cousa, resiste, e este é un criterio definitivo, a relectura, e coma el, hai tamén na poesía galega nomes de abondo que non seguen o rego das jitanjáforas. Ou sexa: que son un lector hedónico de Novoneyra que nunca andou pescudando os trazos e as esencias que definían esa poesía porque nin sabía facelo nin o precisaba. Que houbese influencias do haikú, de Pondal, dos cancioneiros ou de Valente, que a carón da súa poesía telúrica fose tamén un poeta experimental, social ou político, e cousa que cómpre estudar e que me interesa pero non é o que a min me achega como lector a este poeta, a este para min, inmenso poeta.
Hai catro citas afastadas entre si en tempo e espazo, nas que eu pensei descubrir unha certa veciñanza de espírito con Novoneyra .
1.- Alá polos anos 20 do século pasado publicou Borges nunha revista arxentina para “modistillas” unha reseña de Mark Twain. Nela dicía Borges:
Mark Twain compuso “Huckleberry Finn en colaboración con el Mississippi, río americano y borroso... Pensaba en Novoneyra?...Sen dúbida non, pero hoxe podemos escribir algo semellante e con igual certeza:
Uxío Novoneyra compuso “Os Eidos” en colaboración coa Serra do Courel, “SERRA aberta, inmensa antiga herencia”... ou, Uxío Novoneira compuxo a Letanía de Galicia en colaboración coas Galicias mariñeira, labrega,obreira, irmandiña, viva...
2.- Nos anos 50 do século XX, unha profesora inglesa de xeoloxía, Jacquetta Hawkes, deu ao prelo un libro que sen deixar de ser de xeoloxía era moito máis. A Land, Unha Terra, falaba de pregamentos, de estratos, de costas e penedías, de vales, outeiros e cavorcos, mais era o seu xeito de enxergaren a terra o que facía o seu libro único: eu vexo unha terra, dicía, tan modelada polas creacións dos seus poetas e pintores como polos cambios de clima e vexetación... Pensaba en Novoneyra?.. En Octubre de 1967 os pintores Xaime Quessada e Virxilio foron visitar a Novoneyra ao Courel. Pasaron alí unha semana na pousada das tías de Uxío. Polo serán, de a cabalo, viña visitalos Uxío e alí quedaban latricando do que fose, amigo ou inimigo, ata que a noite ía ben adiantada. Aquela xuntanza naqueles afastados cumios chamou a atención da Garda Civil e mesmo do Gobernador que alí se presentou para identificar aquel fato de presuntos roxos nunha data na que chegou a nova da morte do Che. Uxío, de socato, compuxo o seu Pranto polo Che que mandou a un xornal cun debuxo de Quessada.
O da Garda Civil foi unha anécdota resolta sen maiores problemas, pero neses días, Quessada e Virixilio, pintaron o Courel, pintaron durante unha semana e pintaron moito, óleos e pasteis sobre papel. A terra que Jacquetta Hawkes vía modelada polas forzas telúricas e por poetas e pintores, estaba alí enteira tal coma ela a vía, pero enteira xa non está. Temos os poemas pero non os cadros. Algúns dos cadros de Virxilio penduraban até non hai moito nas oficinas de Caixa Ourense, despois Caixagalicia, hoxe, nin se sabe. Os do Quessada, ninguén sabe onde están.Coñecendo a pintura destes dous artistas....Que fermosa exposición podería facerse hoxe cos poemas de Os Eidos e os cadros de Virxilio e Quessada. Non puido ser. Un novo Voltaire (Bar Tucho), outro xa foi.
O da Garda Civil foi unha anécdota resolta sen maiores problemas, pero neses días, Quessada e Virixilio, pintaron o Courel, pintaron durante unha semana e pintaron moito, óleos e pasteis sobre papel. A terra que Jacquetta Hawkes vía modelada polas forzas telúricas e por poetas e pintores, estaba alí enteira tal coma ela a vía, pero enteira xa non está. Temos os poemas pero non os cadros. Algúns dos cadros de Virxilio penduraban até non hai moito nas oficinas de Caixa Ourense, despois Caixagalicia, hoxe, nin se sabe. Os do Quessada, ninguén sabe onde están.Coñecendo a pintura destes dous artistas....Que fermosa exposición podería facerse hoxe cos poemas de Os Eidos e os cadros de Virxilio e Quessada. Non puido ser. Un novo Voltaire (Bar Tucho), outro xa foi.
3.- Paul Shepard é un descoñecido entre nós. Non ten que eu saiba, ningún libro traducido ao español e tampouco ao galego. Teño a certeza de que Novoneyra gorentaría do seu libro Man and Landscape, unha visión histórica da estética de natureza, porque do que nel se fala, tiraríase moito proveito para achegarse á poesía de Novoneyra... A lingua rompe a natureza en palabras e as reconstrúe como frases... un entorno sen nomes de lugar, pon medo. Velaí as razóns de que cando botaron os Masai das súas terras levaron con eles os vellos nomes e con eles bautizaron as novas terras. Velaí porqué os irlandeses teñen un xénero especial de poesía, as Dinnseanchas, para contar a vida e historia dos topónimos do seu país. Son dalgún xeito, romances da terra e a ese xénero poético non é alleo Novoneyra que pensa que nomear, dicir os nomes da terra é como un esconxuro, pois eses nomes están cargados de todo o que neses sitios se deu ou se soñou. Non sei cal e o porvir que nos agarda agora que o rural galego vai quedando ermo e baleiro, con moitos lugares onde apenas queda alguén pra aguantar dos nomes, nin Novoneyras para invocalos.
4.- De tudo o que fomos restan apenas dúas coisas, a paisagem e a lingua, o châo e o verbo, escribe en algures no seu inmenso Diario Miguel Torga. Pensaba en Novoneyra?... Non sei se sabía del, mais ninguén como Novoneyra foi quen de recoller estes “restos”, chao e verbo, lingua e paisaxe, e facelos revivir. Residimos tanto na terra como na lingua dicía Novoneyra e que mellor lugar que os topónimos, espazos onde lingua e terra, chan e verbo se xuntan e invocan a memoria dos devanceiros como el dicía. Novoneyra conservou a lingua, único sitio onde seguen vivos os antepasados. Mais que conservala, estaba dentro da lingua como el dicía, e cómpre que alguén conserve o chan, e para iso, aínda non temos Novoneyras.
Di Novoneyra en Os soños teimosos, que o poeta descobre, garda e doa...Pois iso...