PSICOPATOLOXIA DO RETORNO. A.Garcia Caballero. Ramón Area. Galaxia. 2007. Premio Ramón Piñeiro de Ensaio.
Hai un santo, san Ulises, con ermida no peirao de Itaca, que segundo don Álvaro Cunqueiro, foi o inventor do remo e do desexo de volver ó fogar. Se cadra, aínda que a súa nacionalidade é descoñecida, deberiámolo poñer a carón do Santiago no santoral galego como patrón de Galicia e dos retornos, porque hai sospeitas fundadas de nacenza no país e descendencia numerosa. Pode que por iso, no limiar deste libro, se conte a historia arquetípica dun dos novos Ulises galegos de parentesco achegado co santo dos retornos. Pouco importa que as viaxes longas e demoradas xa non se fagan en barcos con aparello de goleta, as Circes e as Calypsos sexan meigas-camareiras de barras americanas, os Polifemos teñan facianas de narcos, e as Penelopes, esas viúvas de vivos, tezan e destezan versos rosalianos de adeuses que nunca rematan ... Pouco importa...os galegos teñen que poñer no seu santoral a este santo viaxeiro cunqueiriano que arela o retorno para abeiro de emigrantes e saudades.
Deses retornos fala este libro que recolle os relatos, as pequenas odiseas dos que foron polo mundo adiante e o que atoparon ó volver. Convocada neste libro, e non por azar, na literatura de Cunqueiro chea de viaxeiros e de terras alongadas, hai outros emigrantes. Certos peixes, polo menos en Bretaña, escribe Cunqueiro, falan dúas linguas: unha celta que entenden os nativos e outra, a occidental sen parentesco con ningunha das linguas da terra. Hai que supoñer que houbo un tempo en que os antigos galegos de fala celta tiñan a habelencia de falar con estes peixes e que foron eles os que lles aprenderon os rumbos das terras do alén. O salmón, un peixe anádromo, nace aquí; marcha canda novo a mares descoñecidos e retorna para deixar a súa semente e morrer. Este foi o modelo emigratorio clásico. As anguías, peixes catádromos, fan a viaxe inversa; marchan as américas do mar dos sargazos cando xa son grandeiras, deixan alí a semente e morren; alí nacen os seus descendentes as angulas, que dende aló, volven a unhas augas que non coñecen pero onde viviron os seus ancestros[1]. É o novo modelo de retorno que acolle agora ós fillos e netos de aqueles que hai anos marcharon e naceron alá. Para estes, o país ao que veñen, está cheo de memorias de outros, e de imaxes propias ensoñadas.
Hai trinta ou corenta anos asistimos a unha masiva partida de Ulises. Non era algo novo. Como as xentes dos outros fisterres atlánticos, Irlanda, Escocia, Bretaña, para non falar doutros pobos da Europa profunda, levábamos séculos despedindo Ulises dende peiraos tristeiros, primeiro ás Américas, despois ás Europas. Afeitos polo costume a este vaise e aquel vaise, e todos se van, non nos decatamos que agora a historia era outra: este volve, aquel volve, este chega, aquel chega...
Neste libro faise a crónica deste decatarse. Os autores tiñan un observatorio privilexiado. Traballan nun lugar onde os que volveron ou viñeron por vez primeira, van na procura de alivio para os malestares que lles provoca o afacerse a este novo niño social que xa non é como o que deixaron ou como imaxinaron. E hai moitos retornos, moitas historias, moitos relatos as veces eivados, tolleitos... Poderíamos dicir, como no caso de salmóns e anguías, que hai os que veñen morrer e hai os que veñen, vivir pero estas dúas amplas tipoloxías abranguen moitos e distintos relatos. Fronte as viúvas de vivos, símbolo dos tempos pasados, a orfandade identitaria dos novos retornados coas súas dúas patrias adoptivas. No modelo antigo, o galego que marchaba tiña que se afacer os costumes dunha nova terra e repetir o proceso cando retornaba á súa terra de orixe. Agora hai retornados que non son verdadeiros retornados senón re-emigrantes pois veñen a unha terra, a dos pais ou avós, da que eles nunca se foron e na que non viviron. É o mesmo proceso que o do seus pais ou avós, pero inverso. É un retorno familiar, non persoal. Por que volveron ou viñeron?... Como se foron afacendo ao modo de vida nos lonxes e á vida de retornado despois?. Neste libro procúrase responder a algúns destes interrogantes. Empréganse conceptos como transmigración, modo-de-vida-retornado, familismo amoral, choque cultural inverso ou perda ambigua. Propóñense hipóteses para explicar poño por caso, a dedicación de moitos dos retornados aos pequenos negocios ou a hostalería, que se fai no texto equivalente estrutural dun minifundio rural pero limpo, sen mans enzoufadas; estúdanse os conflitos familiares, os fillos de ningures, a disonancia entre o paraíso perdido de nenez ou o imaxinado nos lonxes e o seu encontro cunha realidade que non acae con estas lembranzas ou con estas arelas, e sobre todo, e coido que é algo que se fai por vez primeira entre nós, estúdanse as narrativas destes retornados recorrendo a narratoloxía, a Propp, ao estudo das metáforas, á lingüística cognitiva...
Non é un libro de alivio, de encargo. É un traballo longo e demorado que levou anos de escoitas e pescudas babélicas en bibliografías non sempre doadas de atopar e onde os procedementos estatísticos conviven cos materiais que a literatura galega ou non, e a filmografía aportan. Os bos libros non son impacientes dicía Borges, e este non tivo presa.
Din os autores no remate do libro, que cómpre escoitar con atención a estas xentes retornadas que con acentos de Zurich ou de Bos Aires aprenderon moitas cousas que nos poden ensinar. Desaproveitaría alguén o saber recollido por Ulises na súa longa viaxe de retorno?.
Hai anos que Cabaleiro Goás, un deses psiquiatras lidos que daquela se chamaban humanistas, foi quen de recoñecer que a emigración era un fenómeno social que polas súas consecuencias psicolóxicas a psiquiatría non podía esquecer. Anos mais tarde o ciclo péchase con este traballo que con ferramentas de análises modernas, estuda o retorno daquelas xentes que Cabaleiro estudou cando marchaban.
Como os autores son amigos, é axeitado un certo pudor nas loanzas. Non se entende Galicia, como non se entende Irlanda, sen comprender o que de bo e de malo tivo a emigración e si Galicia non se entende sen a emigración, a emigración, non se entende sen este libro.
PD: Tal como van as cousas, co medre da crise, é posible que os autores teñan que escribir un novo libro sobre a nova fuxida das xentes do país a outras terras. O problema é que xa non quedan terras ás que marchar...
.
[1] Un peixe anádromo, vive principalmente en auga salgada e aparéase en doce. Un peixe catádromo, vive en auga doce e aparéase en auga salgada..