viernes, 7 de mayo de 2010

BERROS, ARROTOS E ATURUXOS

Cada verán, dende hai anos, unha enxurrada de festas, históricas, gastronómicas ou etnográficas, asolaga a vella Galicia. Cada concello aproveita os seus pratos máis ou menos enxebres ou tradicionais, os seus vellos traballos agrícolas ou os refugallos arqueolóxicos ou históricos, para faceren as súas festas. Nas  históricas, sobrancean os disfraces, case sempre moi sincréticos e imaxinativos. Se hai castros, a festa vai de celtas, con, ou sen romanos, que non teñen moi boa sona por estas terras malia que nos deixaron a lingua que hoxe falamos. Cos suevos hai problemas: poucos restos, algo de historia e moita imaxinación. A Idade Media convertese en feiras francas ou mercados medievais. Os vikingos, devanceiros festeiros, seica gorentan dos desembarcos abouxantes, mentres que os coruñeses, sempre máis anglófilos, lembran o día no que o xeneral Moore, escocés, non inglés, morreu cando fuxía das tropas dos mariscais franceses. Se hai mámoas, a cousa ten o seu aquel porque pouco se sabe destes pobos megalíticos e até agora, que eu saiba, aínda non houbo alcalde ou concelleiro de cultura que fose quen de “representar”  un enterro ou unha  festa megalítica. Das xentes dos megalitos, dicía o profesor Alonso del Real, que temos tumbas mais non sabemos onde vivían e dos castrexos que temos vilas mais non mortos. Cousas de Galicia...
As festas “históricas” de castrexos e vikingos, son troulas de aturuxos, berros e arrotos. A mocidade que nela participa, aplica o modelo botellón-queimada-aturuxo a estas relembranzas. Seica os castrexos berraban, aturuxaban e arrotaban, mentres deixaban escoar o viño por riba das cabezas e os vikingos amosan ademais nas testas uns cornos que nunca levaron. Marxinando os vikingos, a cousa medieval, máis repousada, enche prazas e rúas de malabaristas, botafogos, ou torneos walterescotianos onde os Ivanhoe andan a lanzadas cos outros cabaleiros no medio do balbordo da trompetería que os anuncia. Un entroido...
As etnográficas adoitan seren aínda mais calmas. Trátase de ceifar o centeo ou o millo, facer a malla, ripar, mazar, deluvar ou espadelar o liño, ou poñer os rodicios dos vellos muíños a moer. Son case sempre xente vella a que as protagoniza. Sobrancea a lembranza dos vellos tempos e da mocidade que se foi. Nas gastronómicas manda a xente de mediana idade e vellos aínda que tamén hai xente nova. Son sen dúbidas as mais numerosas: do polbo, do pemento, da sardiña, da carne ao caldeiro, do percebe, da empanada, da bica, do lacón con grelos, do berberecho, do cocido, da raia, do marisco, da lamprea, do meixón...Ao seu carón, músicos folk, rockeiros, orquestras, bandas de gaitas, cantautores, enchen Galicia coas súas actuacións, noite si, día tamén e "botellonizan" as romarías relixiosas que hoxe teñen dúas partes ben arredadas: a relixiosa, (vellos e veciños) e o botellón (rapaces e xente de fóra).
Os xornais informan, ás veces con suplementos, dos lugares onde teñen lugar estas festas. Non hai porén, ningún xornal, ningún, que informe de onde NON hai ningunha destas festas, un día calquera do ano co risco de que alguén que de xeito imprudente e inocente, se achegue un día de agosto a un destes lugares, pode atopar cinco, dez ou 30.000 persoas espidas semi-espidas ou disfrazadas, segundo o canon Hollywood, berrando, bebendo e arrotando no peor dos casos, ou apiñotados nunha ringleira que agarda s súa ración no mellor dos casos, sen posibilidade ningunha de fuxida polo amoreamento dos coches.
O dito. Un servizo público obrigado: informar de onde NON hai festas no verán