miércoles, 20 de abril de 2011

PARASITOS OU ALIEN


Unha formiga galga por unha folla de herba nun prado ata chegar ao cumio de folla. Entón déixase caer e de novo volve subir unha e outra vez como se fose un Sísifo do mundo dos insectos. O anómalo comportamento da formiga débese a que ten un pequeno parasito dentro do seu sistema nervioso, o Dicrocelium dendriticum. Este pequeno trematodo precisa completar o seu ciclo vital dentro do estómago dunha ovella ou dunha vaca, velaí que faga que a formiga comece unha e outra vez o seu camiño ao cumio da folla para que así poida ser devorada polo gando cando veña pastar. Esta historia cóntaa Daniel Dennett na primeira páxina do seu libro Breaking the spell[1], onde ademais lembra que este é un feito que abrangue a outras especies como peixes e ratos, que como as formigas son obrigados a se comportar de xeito suicida para beneficio dos seus “inquilinos”.
O ciclo é na realidade máis longo e complicado do que o relato de Dennett conta. Comeza no fígado dunha vaca ou ovella onde vive o parasito ata que se emparella. Os ovos saen entón coas feces e poden ser comidas polos caracois que se infestan deste xeito coas larvas do parasito. Sen case facer un pouso, as larvas furan o intestino do caracol e fan alí os seus niños onde medran ata chegar a unha nova fase. Mentres, o caracol, para se defender, envolve as larvas en cystos, unha especie de saco, e así envurullados, saen de novo do seu corpo coas feces quedando estradas pola herba. As formigas adoitan aproveitar o cuspe do caracol pola súa lentura, e co cuspe morno van as larvas para o interior das formigas. A maioría das larvas van colonizar o intestino das formigas, mais unha delas, unha soa delas, emigra ata o ganglio nervioso situado debaixo do esófago e toma o control da formiga manipulando as células nerviosas do ganglio dun xeito que polo de agora se descoñece. O parasito “obriga” entón a formiga parasitada a se afastar das demais cada serán, cando baixa a temperatura, camiñar ata unha folla de herba, galgar ata o cumio e permanecer alí toda a noite ata o amencer. Se non é comida, a formiga volve cos seus para repetir unha e outra vez cada serán o mesmo camiño ata que unha ovella ou unha vaca a leve ao interior do seu corpo. Se non o fixera así, ao se expoñer á quentura do sol polo día, a formiga podería morrer e con ela o parasito que a infesta.
O feixe de operacións abraiantes que realiza este pequeno trematodo van máis alá do que calquera neurocientífico, deseñador de GPS, informático, anatomista, neuroquímico, ou mesmo filósofo cognitivo ou escritor de ciencia ficción podería imaxinar. E non é nin de lonxe o único bichiño capaz destas abraiantes manipulacións... Hai un amplo catálogo...
A Sacculina, que ten portén co percebe, cando aínda é unha larva femia (nauplius), fíxase nun dos pelos da cuncha dun cangrexo e aí transformase en kentrogon que aproveitando a muda do caparazón fura a tona cunha especie de coitelo orgánico e mete unhas cantas células dentro do corpo do cangrexo. Estas células medran e votan raiceiras que van tirando do corpo do cangrexo o alimento que lle cómpre. Os ovos, (os da Sacculina), que teñen que ser fertilizados por unha larva macho, envurúllaos nun saco que sitúa xustamente onde a femia do cangrexo levaría os seus. A Sacculina engana á femia do cangrexo ao facela crer que eses son os seus propios ovos, polo que os coida e chegado o momento vainos ceibar pola mar adiante. Se o cangrexo é macho, a Sacculina feminízao para que se comporte igual ca femia. Carl Zimmer, no seu libro Parasite Rex, di que a Sacculina fai vudú cos cangrexos e lembra que o filme Alien non era tan ciencia ficción como un puidera pensar[2].
No mundo animal inzan os parasitos e os ecólogos saben dende hai tempo que cómpre estudar os parasitos de cada especie, non só como manipuladores dos hóspedes, senón tamén en termos ecolóxicos, se queremos entender o abalo e devalo das poboacións consideradas. O Galactosomun, por exemplo, é un verme que parasita a aves mariñas. Para chegar a elas, métese no corpo dalgúns peixes aos que obriga a nadar moi preto da superficie onde son pescados polas aves mariñas completando así o seu ciclo vital. Os gordiaceos son uns vermes que na fase adulta chegan a medir mais de 50 cm de longo e 2 ou 3 milímetros de diámetro. Viven na terra na fase de larva e nos ríos, pozas ou mesmo en piscinas, na fase adulta. Cando son larvas métense no corpo dos grilos, aos que parasitan, e viven alí certo tempo. Ao medrar fanse moi grandes para seguir pechados no interior dos grilos, e ademais, chegados agora á fase adulta, teñen que vivir na auga. Como queira que os grilos non teñen disposición algunha pola auga e procuran non achegarse a ela, os gordiaceos inducen o suicidio dos grilos aos que obrigan dun xeito aínda non ben comprendido a se afogar en pozas, ríos ou piscinas, aproveitando a súa agonía por afogamento para saír do corpo dos grilos e seguir vivindo xa na auga. A véspera esmeralda ten un xeito moi especial de se reproducir. Vive nas rexións tropicais do sur de Asia, África e as illas do Pacífico. As femias desta especie aguilloan dúas veces a unha cascuda (Periplaneta americana, Periplaneta australiasae ou Nauphoeta rhombifolia), inxectándolles unha pequena cantidade de veleno xustamente nun dos seus ganglios torácicos que paraliza as súas patas dianteiras. Isto non é mais que o primeiro paso, que vai seguido dunha segunda aguilloada no anaco do ganglio da cabeza que controla o reflexo de fuxida, polo que a cascuda só pode camiñar moi paseniño e non pode fuxir. Sábese dende o ano 2007, que o que fai o veleno é bloquear os receptores do neurotransmisor octopamine aínda que iso explica pouco. Coa cascuda indefensa, a véspera cómelle a metade das dúas antenas e vaina levando entón, como se fose tanguendo unha vaca, ata ao seu tobo turrando das antenas. No tobo pon un pequeno ovo no bandullo da cascuda e atúa a entrada con pequenas pedras. A larva que sae do ovo, vai devorando os órganos internos da cascuda respectando os vitais. Na seguinte fase do seu desenvolvemento, fai un novelo onde segue a medrar xa coa cascuda morta ata que sae ao exterior ao completar o seu ciclo.
Outra véspera de Costa Rica, a Hymenoepimecis argyraphaga, parasita a unha araña, a Plesiometa argyra, e fai que teza unha rede moito mais forte para que poida soster o casulo da súa larva sen que os fíos rachen coa chuvia. Hai tamén un crustáceo chamado Gamarus lacustris que se alimenta nas ribeiras dos ríos. Cando aparece un parrulo foxe lixeiro, mais cando está infectado por unha larva do gamarus, que só se reproduce no corpo das aves, fai todo o contrario: sae do tobo onde está agachado e deixase comer polos parrulos.
O toxoplasma gondii é un protozo que ten no gato a principal fonte de contaxio xa que é un chanzo obrigado no seu ciclo vital de dous pasos. O primeiro acontece no rato, onde se abeira no sistema nervioso ao que afecta. Aínda que pode infectar a moitos animais diferentes, o segundo paso do seu ciclo ten que se producir no gato, onde se reproduce de xeito exclusivo. Seica este gondii é quen de alterar o comportamento dos ratos para facelos mais arroutados e polo tanto máis doados de ser cazados polos gatos, hóspedes definitivos do parasito. A resposta de evitación dos gatos polos ratos é innata. O cheiro a gato espertado por ferormonas induce a fuxida do rato. O T. gondii suprime esa resposta de xeito específico, non xeral. O rato infectado mantén o seu comportamento acostumado en todo o demais e segue percebendo todos os cheiros que non teñan que ver cos gatos. Manuel Berdoy, da Universidade de Oxford, fixo un experimento moi sinxelo para demostrar esta hipótese. Puxo mexo de gato nun recuncho. Os ratos normais fuxían lixeiros ao achegarse a ese lugar. En cambio, os infectados pasaban por alí sen medo ningún. Hai anos que Fulley Torrey, un psiquiatra americano, publicou un artigo advertindo da posibilidade de que este protozoo e a esquizofrenia estiveran relacionados xa que o T. gondii pode provocar infeccións crónicas ao se establecer no cerebro humano, mentres que a infección aguda induce síntomas semellantes aos esquizofrénicos. Ademais, algúns dos fármacos empregados no tratamento da esquizofrenia son tamén eficaces para impedir a replicación do toxoplasma[3]. A prevaleza de anticorpos de T. gondii en esquizofrénicos e dúas veces mais alta que en controles sans.
O virus da rabia ten unha estratexia para se espallar que esixe a manipulación do cerebro do animal afectado, facendo deste un animal agresivo que morde a todo aquel que se achegue a el, transmitindo co cuspe o virus. Os esbirros de alguén atinxido por unha catarreira común espallan tamén o virus a todos os que estean preto do doente, mais sen manipular o cerebro como o virus da rabia. Son intelixentes e eficaces estratexias de supervivencia que os psicólogos e neurocientíficos evolutivos estudan dende hai anos.
Estamos, pois, perante bichos, di Robert Sapolsky[4], que poden manipular o noso cerebro moito mellor cós neurocientíficos e que o Gran Irmán. Cómpre, segue Sapolsky, que teñamos humildade filoxenética, e ten razón. Ningún neurocientífico de hoxe é quen de achegarse á manipulación do Dicrocelium ou do Gondii e aínda estamos moi lonxe de comprender como estes pequenos bichos levan adiante as súas manipulacións.
No libro xa citado, pregúntase retoricamente Daniel Dennett, se hai algo semellante a estes parasitos manipuladores cerebrais, indutores de suicidio no seu propio beneficio, entre os seres humanos. Neste caso habería dous tipos de parasitos. Os primeiros serían biolóxicos, como os xa comentados e que pasaron ao cine, sen que se poida dicir que en filmes como Alien houbera moita ciencia ficción. Sabendo do que son capaces estes parasitos non é ningunha ficción que algún día un parasito escolla o ser humano para facer o mesmo que fai con outras especies animais. O terror que espertan estes filmes ten que ver coa posibilidade de que poidamos ser zombies manipulados por algo dende o noso interior, algo como o que senten moitos esquizofrénicos, que afirman que os seus pensamentos e accións están dirixidos por “alguén” alleo a eles.
Os outros parasitos serían “culturais”. Atopamos seres humanos, di Dennett, que marxinan os seus intereses persoais, a súa saúde, a súa posibilidade de ter fillos, para dedicar as súas vidas a unha idea “parasita” aloxada no seu cerebro, a un meme diría Dawkins. Un meme segundo Dawkins, é a unidade de herdanza cultural, calquera cousa que se replica a si mesma dun cerebro a outro ao través de calquera proceso de copia. Unha frase escoitada ao paso que se repite sen pousos, unha cantiga que non quere saír do noso caletre, mais tamén as ideoloxías, as ideas relixiosas, os costumes e condutas son memes. Os memes espállanse pola imitación. Sen esa innata capacidade dos humanos non sería posible a transmisión dos memes. Mesmo hai algún zoólogo que pensa que algunhas das habelencias dos nosos devanceiros foron aprendidas arremedando aos animais. Se cadra, o invento das redes veu da observación das arañeiras, como as cordas e os niños dos paxaros puideron ser a fonte das choupanas. Islam, engade Dennett, quere dicir submisión e os fieis desa relixión, como moitos xudeus, cristiáns ou humanistas laicos, poden dedicar a súa vida a espallar a palabra de Deus ou establecer a democracia ou a xustiza sen ter en conta a súa propia vida. Hai, segue Dennett, moitas ideas polas que morrer e se cadra, para moitas delas, cumpriría ter “anticorpos” culturais. Para Denett, do mesmo xeito que hai xermes para os que certos pobos non teñen aínda unha inmunidade adquirida, hai tamén memes, virus culturais, para os que certas culturas tampouco teñen inmunidade cultural. A nosa capacidade para aturar os excesos tóxicos da liberdade, di, non pode ser asumida por certas culturas. A cultura popular de Occidente chega hoxe aos recunchos máis afastados do mundo, cos seus acertos e os seus lixos, cos seus memes tónicos e tóxicos, e cómpre inocular culturalmente as defensas precisas para se defender dos efectos destes memes que poden tanto ser progresivos como devastadores e inducir respostas defensivas moi perigosas.
No seu libro Guns, germs and steel, Jared Diamond propón que foron as bacterias e virus que os europeos levaron con eles ao Novo Mundo os que estiveron a piques de exterminar as poboacións indíxenas, mais os europeos non foron atinxidos polos xermes americanos que puideran provocar entre eles andazos semellantes aos que eles levaron a América. A razón, segundo Diamond, é que os que despois serían chamados americanos non tiñan a penas animais domésticos como cabalos, vacas, ou porcos. Para Diamond, moitos dos xermes que os europeos levaron alá pasaran destes animais aos humanos ao longo de séculos de convivencia e provocaran no seu tempo andazos mortais, mais tamén unha certa inmunidade nos superviventes. Os indíxenas americanos non tiveran esta historia de mortes e inmunidade, de xeito tal que a chegada dos europeos encetou os andazos que case os fixeron desaparecer sen que houbera un intercambio de xermes xa que o único que eles mandaron para Europa seica foi a sífilis. Só nas terras tropicais morrían os europeos atinxidos pola malaria, a mosca Tse Tse, a filariasis e outras doenzas, provocadas por xermes para os que non tiñan defensas, e foi esa a razón de que non conquistaran as rexións ecuatoriais de África ata moi tarde e non sen moitas vítimas.
Hoxe xa se sabe, que cando se atopa ou se contacta algunha tribo illada na Amazonia ou en Nova Guinea, cómpre ter en conta o risco de que poidamos levar connosco os parasitos mortais... Os biolóxicos e os culturais...


PD: En Internet hai moitas imaxes e vídeos destes parasitos

[1] DENNETT, D. Breaking the spell. Penguin Books, 2006.
[2] ZIMMER, Carl. Parasite Rex. Arrow Books, 2000.
[3] The manipulation of rat behaviour by Toxoplasma gondii. Berdoy, M. et al. Department of Zoology. Oxford University, 1995.
[4] SAPOLSKY, R. en Scientific American, 97 (2003) < http://www.sciam.com/article.cfm?/id=bugs-in-the-brain >

No hay comentarios:

Publicar un comentario