miércoles, 6 de abril de 2011

CREACIONISTAS EVOLUCIÓN

  O bispo irlandés James Usher, despois de cálculos bíblicos feitos moi polo miúdo, chegou a conclusión a mediados do século XVII que, o mundo fora creado o 23 de outubro do ano 4004 a.C, ás nove da mañá. Anos máis tarde, John Lightfoot, profesor en Cambridge, adiou a data e dixo que o mundo fora creado no ano 3.929 a.C pero aceptou o día, a hora e o mes, que por “azar” hai que supoñer, coincidía co día de apertura de curso da Universidade de Cambridge. Houbo que agardar a que a xeoloxía e o rexistro fósil foran poñendo as cousas no seu rego e houbo que agardar tamén a que Darwin aportara o xeito en que ese mundo evolucionaba. As reticencias como é sabido foron moitas. Unha dama vitoriana informada das ideas de Darwin tivo unha resposta moi acaída coa época: !Que descendemos dos simios!. !Deus do ceo!. Espero que non sexa verdade pero si é certo, roguemos para que non se divulgue...

Darwin non tiña por costume acudir ás leas socias ou científicas onde se discutían as súas teorías. Tiña para iso defensores espelidos como o biólogo Thomas Henry Huxley, que pola súa afervoada e nalgunhas ocasión alporizadas defensas da evolución, era considerado o bull-dog de Darwin. A liorta de máis sona na que Huxley participou, tivo como contrincante ao bispo Wilberforce. Este, empoleirado no seu maxisterio, preguntou a Huxley : Os seus devanceiros simios son por parte de nai ou de pai?. A demorada resposta de Huxley non foi tan espelida. Alporizado e ao tempo calmo, dixo que preferiría ser familia dun simio que dun home como o bispo, que utilizaba tan vilmente as súas habelencias oratorias para tratar de destruír mediante unha mostra de autoridade, unha discusión libre sobre o que era ou non verdade e rematou dicindo que, nestas leas, a autoridade é a que xurde da investigación e dos feitos. Unha lea máis longa e máis científica foi a que durante anos mantivo Huxley con Richard Owen, fundador da ciencia da anatomía comparada. Owen pensaba que os seres humanos eran únicos e salientaba, máis que as semellanzas, as diferenzas existentes entre as especies animais. Para Owen a non existencia de especies de morfoloxía intermedia como xirafas de colo a metade de longo que as coñecidas, (o Okapi foi descuberto máis tarde) eran probas que ían en contra dunha evolución gradual. Como anatomista comparativo afirmou que, había nos humanos unha estrutura anatómica, o hipocampo menor, que non existía en ningunha outra especie. Huxley fixo as súas propias diseccións e non atopou o hipocampo menor o que non fixo amolecer a lea que se mantivo vinte anos até que Owen morreu ao caer do cabalo e golpear a cabeza no chan. Cando chegou a nova a Huxley este non foi moi agasalleiro con Owen. Dixo: ao cabo, o cerebro do bispo entrou en contacto coa realidade e o resultado foi fatal. Agás os creacionistas, mesmo na versión espelida do deseño intelixente, ninguén nega hoxe a teoría da evolución o que non sei é, se Huxley despois de pasar unhas horas lendo xornais, ollando o telelixo, e escoitando os discursos de moitos dos nosos políticos repostaría tan alporizadamente á pregunta do bispo Wilberforce: Que descendemos dos simios?... Algúns polo menos semella que non o fixeron . Quedaron simios...

No hay comentarios:

Publicar un comentario