sábado, 30 de abril de 2011

IDIOMAS

Nunha coñecida escena de A Vida de Brian dos Monty Phyton, os rebeldes xudeus están reunidos preparando un golpe contra os romanos. O xefe, para quentar os ánimos, despois de afirmar que os romanos os asoballaron a eles e aos pais e avós, pregunta retoricamente: Que fixeron os romanos por nós?. Despois duns segundo de silencio un deles di: - O acueducto…- Que’...Ah....iso si que nolo deron…- a rede de sumidoiros…- Ah si..lembras como cheiraba a cidade antes….- Ben de acordo, recoñezo que nos deron o acueduto e os sumidoiros pero ademais diso que nos deron?...- As estradas…- Claro que as estradas home iso non hai nin que dicilo, mais deixando o acueduto, os sumidoiros e as estradas que nos deron os romanos- ….- A irrigación, a sanidade, a ensinanza….- Si, si, de acordo… - E o viño…iso si que o imos botar de menos... - os baños públicos e agora se pode saír de noite sen perigo….- Ben, pero ademais do acueduto, as estradas, os sumidoiros, os baños públicos, a ensinanza que fixeron por nós os romanos….- A paz-…-.A paz?... vai rañala por aí...
Imaxinemos que nunha xuntanza de nacionalistas galegos que queren que o galego sexa o idioma obrigatorio en toda a vida social dende a ensinanza até o deporte, alguén fai unha pregunta semellante á que fai o militante de A vida de Brian: que fixo o español por nós?... Sen moito esforzo poderíase dicir: en español limos a Kafka, a Proust, a Joyce, a Dickens, a Melville, a Poe, soubemos de Marx, de Lenin, de Mao, de Fidel Castro, de Althusser, de Fanon, de Albert Memmi, dos que tiramos as ideas que nos permitiron loitar contra o asoballamento de Galicia e do galego; en español aprendimos filoloxía, economía, sociolingüística, psicoloxía, física, bioloxía, matemáticas e a facer a nosa propia historia; en español chegounos a Escola de Frankfurt, Kant, Nietzsche, Hume, Voltaire, Rousseau, Einstein, Darwin, Newton, Freud, Artaud, Brecht, Holderlin, Kavafis, Rilke, Ezra Pound, Elliot ou Rimbaud para non falar dos “nosos”, Valle-Inclán, Torrente, Pardo Bazán ou Cela e tantas outras xentes da ciencia ou a literatura. Sen dúbida houbo xente que leu estes autores en inglés, francés, ou alemán, pero nin foi, agás excepcións moi minoritarias o caso máis habitual, nin o é agora.
É certo que non e o mesmo “os romanos” que “o español” pero a analoxía resiste sen moitos problemas. O español foi tan liberador como asoballador. Deunos as ferramentas teóricas para decatármonos que o dominio do español afogaba o noso idioma mais non foi o idioma español "en si" o responsable da situación senón xentes alleas que falaban ese idioma o que é cousa ben distinta. Os que aprenderon esas cousas en inglés, en francés ou en alemán, sen pasar polo español, son unha minoría e ademais de certo, que esaxeran cando afirman esa vía de coñecemento. Nunca poderemos contar en galego por razóns de mercado, mesmo incluíndo o mundo da lusofonía, co inmenso feixe de traducións literarias filosóficas ou científicas que acolle o español. Eu mesmo que dende que existe Amazon uso o inglés máis ou menos no 50 % das miñas lecturas e tamén o francés, e que tiro agora do español un 30 % e do galego-portugués un 20% , débolle ao español as ¾ partes do que sei.
Matinando nestas cousas lembro a frase que Schömberg lle dedicou a Karl Krauss: Aprendín de vostede máis do que calquera debería aprender de outro, se pretende seguir sendo independente. Non sei se algo semellante pasa co español entre moitos militantes nacionalistas que procuran afastar o español para ser “independentes”. Coido que é un erro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario